Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

27 abril, 2014

PORTOMARÍN


Por
Lidia Aurora López
Socia da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde

Localidade situada no Sur da provincia de Lugo. Está integrada na comarca de Lugo que comprende tamén os concellos de Guntín, O Corgo, Castroverde, Rábade, Outeiro de Rei , Friol e Lugo.

O vello Seixón, onde naceu a nosa socia Lidia Aurora López,
autora da reportaxe.
Autor da fografía: José López López (Pepe Pereira) 

A Vila de Portomarín está mirando ao  Miño na  marxe dereita da súa conca media, limita ó norte con Guntín, polo oeste queda Monterroso, ó sur Taboada e polo leste Páramo e Paradela. A superficie do concello son 114,6 quilómetros cadrados que se dividen en 20 parroquias. A capital municipal dista 26 Km. de Lugo e 103 Km. de Santiago de Compostela.

Praza da Vila e Igrexa de S. Xoán

Portomarín, antiga Pons Minea do itinerario do Códice Calixtino ten unha curiosa e longa historia vinculada a súa localización no Camiño Francés da ruta Xacobea e a Encomenda de San Xoán alí instalada. De época romana parece ser a primeira ponte de Portomarín (S. II), que sería aproveitada na idade media polos peregrinos no seu camiño a Santiago. Esta primitiva construción foi destruída por Dona Urraca sobre o ano 1112  nas súas  loitas co seu home Afonso o Batallador. A súa reconstrución figura citada no Códice Calixtino como obra  de Pedro Peregrino no ano 1120. Esta ponte  segue prestando servizo a peregrinos e habitantes da vila ata que  o 8 de febreiro de 1895 derrúbase o arco central e posteriormente outros, de maneira que no momento do asolagamento só queda  un arco no medio do río e o arco de estribo no barrio de San Xoán. Portomarín eran dous barrios, San Xoán e San Pedro, separados polo Miño e unidos ata este momento pola ponte medieval. Unha vez inutilizada esta e, pese ó uso de barcas  para pasar a xente e outros usos agrícolas e de paso de mercadorías, o desenvolvemento da vila freouse e, non foi ata 1930 que se construíu unha nova ponte. Por estas mesmas datas construíuse cerca de Lugo, en Ombreiro, a ponte sobre o Miño nesa parroquia do concello de Lugo.

O vello Portomarín situado a carón do Miño foi durante todo o medievo un lugar moi destacado da ruta xacobea é por tanto un pobo que naceu ó abeiro do Camiño de Santiago coa clara linearidade dos pobos medievais  imposta pola función de tránsito cara Santiago. Vilas deste tipo son frecuentes ao logo do camiño, como Sarria na provincia de Lugo e Castrogeriz en terras de Castela.A encomenda militar de San Xoán de Xerusalén exerceu o seu señorío velando pola seguridade dos peregrinos. O 8 de febreiro de 1946 a Vila foi declarada Conxunto Histórico Artístico.

O val do Miño ocupa o extremo oriental e cunha dirección xeral norte-sur ofrece unha paisaxe lixeiramente ondulada salpicado por relevos residuais como o monte  Castrillón ou o monte Gándaras de Cebres. Estes relevos descenden lixeiramente cara o extremo occidental onde se encontra coas estribacións orientais da serra de Ligonde e os montes da Vacaloura, que constitúen a divisoria entre o Miño e o Ulla. Aquí nacen uns pequenos ríos e regatos que forman a rede hidrográfica do municipio que discorren cara o leste aportando o seu caudal ó Miño.

Este segundo tramo do Miño na provincia de Lugo que vai desde a súa unión co Neira ata o seu límite con Ourense ofrécenos unhas paisaxes fluviais singulares creadas pola natureza e a man do home. Resulta abraiante ver os socalcos e terrazas, ou muras como se chaman  por estas terras, flanqueando as empinadas ladeiras  do río embalsado onde se cultivan as viñas que producen os famosos caldos da zona que posteriormente e, por destilación tamén, nos regalan a súa coñecida augardente. Parece ser que debido ao encoro  dáse  nesta zona un microclima  similar ao Mediterráneo. Como dicía Otero Pedrayo, estas son as primeiras viñas das ribeiras do Miño, que continuarán deica Goián e Vila Nova de Cerveira pasando por Ourense e morren así perfumadas polas marusías atlánticas e son tamén as  de Portomarín as viñas máis próximas a Lugo.

Arco da escalinata e Capela da Dona Nosa das Nieves (sXII).Autor: Carlos Sieiro del Nido

O vello Portomarín entrou tamén  na lenda  das cidades asolagadas, que son entre outras Valverde en Cospeito e Antioquia na Limia.

A política hidráulica de finais da década de 1950 proxectou a construción dun gran encoro nas terras de Chantada. O Miño represado ía anegar viñedos, terras de cultivo e monte ao longo de máis de 50 quilómetros cara o norte. Portomarín  ía tamén desaparecer baixo das augas do Pai Miño e decidiuse crear un novo núcleo cun deseño firmado polos  arquitectos  Pons-Sorolla e  Manuel Moreno Lacasa que se situou no monte do Cristo, lugar próximo ao anterior.

Nos primeiros anos da década dos anos 50 Fenosa tiña unha concesión para o aproveitamento hidráulico das augas do Miño , construíndo dúas presas de 100 m. cada unha . As presas eran Peares e Belesar con esta planificación as  augas do Miño chegaban na súa “cola” ata o pobo de Portomarín sen asolagalo. Augas arriba do pobo estaba proxectada outra pequena presa de 35 m.. Todo isto figuraba no proxecto inicial, pero este modificouse eliminando a presa de 35 m e facendo a de Belesar de 135 m. Este feito cambiou para sempre a historia de Portomarín. En 1955 inaugurase a presa de   Peares, situada en Chantada. É nese momento cando se presenta  o novo plantexamento.

Por todo o municipio proliferan castros e medorras,  Castromaior, Castro da Virxe, Castrolázaro,Castro de Soengas,  que dan clara testemuña da súa importancia desde tempos moi antigos, pero o momento de maior esplendor coincide cos séculos X  ó XII, sendo Portomarín un dos lugares máis importantes do camiño unha vez  pasados os montes do Cebreiro. A partir deste momento a historia da vila  parece  estar ligada ó  Conde Gutierre e a Condesa  Ilduara, pais de San Rosendo.

A célebre torta de Portomarín

En 1126 construíuse o hospital chamado Domus Dei para atender os peregrinos  confiado a  Orden de Santiago e que en ausencia de esta pasou a Encomenda de San Xoán, a que tamén correspondía o burgo de Portomarín, o coidado da ponte  e o Camiño de Santiago. Esta  Orden estaba composta por laicos o que explicaría o aspecto de fortaleza que caracteriza a Igrexa de San Xoán construída  entre os sécalos XII e XIII.. Encomendadores e priores sucederanse ata mediados do século XIX.

A importancia histórica de Portomarín non encontrou continuidade nestes tempos, que o igual que noutros municipios da provincia a súa evolución demográfica foi decaendo dende 1910 fecha na que alcanzou unha poboación de  5.022 habitantes. Esta tendencia acentuouse especialmente desde a década  dos 50 que debido os fluxos migratorios que se produciron de forma xeral e de forma particular coa chegada do encoro, que si ben na capitalidade igual non afectou dunha maneira moi importante, no resto do concello que está nas ribeiras do Miño foron moitas as familias que se foron a outros lugares.

Como xa se dixo a antiga  Vila  estaba formada por dous barrios, San Xoán na marxe dereita do río e San Pedro na esquerda, de ambos barrios foron trasladados os edificios máis significativos da súa historia como son a  igrexa de San Xoán, hoxe San Nicolás,e a fachada da igrexa de San Pedro (data  do século X), románicas as dúas. Trasladouse tamén  o Pazo de Berbetoros, o Pazo do Marques de Paredes, do Conde da Maza entre outros. A igrexa de San Xoán é un dos monumentos románicos máis significativos do Camiño por ser unha igrexa –fortaleza con torres almenadas e cunha especial decoración na fachada na que destaca a fermosa portada e un rosetón delicadamente traballado e de grandes proporcións.  A planta da igrexa de San Xoán ten a clásica orientación  das igrexas románicas a cabeceira cara a saída do sol e a súa fachada principal cara a posta  do mesmo  (leste cabeceira, oeste fachada principal). O tipo de canzorro reticulado da a igrexa de San Xoán unha singularidade dentro do románico galego e español, é de tal importancia artística que ten presenza actual na vida galega (o citado deseño) a través da súa representación na cerámica. No ano 1967 e como froito da investigación do Laboratorio de Formas de Galicia de Cerámicas do Castro, xorde o modelo reticulado como forma decorativa dunha vaixela que pola súa orixe se chamou Portomarínica, tentando demostrar que o fenómeno da abstracción non é privativo do noso tempo e que toda arte de calquera época contén elementos abstractos.

En Castromaior, ademais do castro, hai unha pequena igrexa románica. Tamén é románica a de Cortapezas, onde  había unha fragua e posiblemente un posto para ferrar as cabalerías dos peregrinos..

As obras de desmontado, traslado e montaxe do conxunto de monumentos de Portomarín leváronse a cabo en solo 4 anos de 1960 a 1964.Chamaron a atención pola súa complexidade. Como anécdota contaremos que a operación de traslado contou coa primeira grúa-torre que se acababa de construír en España, baixo patente francesa, marca Pingon, de 17 m. de pluma con traslación; comprada na Feira Internacional de Maquinaria de Zaragoza. A empresa que  realizou o traballo foi Construcións Varela Villamor.

Outro dato curioso é que constituíu un fito na construción de presas a nivel mundial, sendo no seu momento a presa máis alta de Europa, para ela miraron Suíza, Alemania e incluso a Unión Soviética. A nivel mundial supón un avance similar o que deu paso do románico ó gótico. Con técnicas construtivas anteriores, para unha altura de 135 m., requiriría unha base de 110 m de grosor; cas novas técnicas construtivas o grosor da base é tan só de 29 m. Que foi un símbolo refléxase non solo na súa monumentalidade si non incluso no estilo, que garda parecido coa Casa del Fascio deseñada por Terragni para Mussolini, no lago Como.

“Un rumor de carros e de cascos de cabalos, de armas e de voces a posfazar e xurar nun complexo mogollón de lenguas foi impregnando durante séculos o granito de San Xoán de Portomarín, dotándoo dunha vibración de ecos fantásticos” X.L. Méndez Ferrín.

No ano 2013 cumpríronse 50 anos do asolagamento do vello Portomarín.

Neste ano 2014 cumpriuse un desexo do concello: contar cun escudo e unha bandeira; para elo,  decidiron encargar a comisión de heráldica a tarefa. Contábase cun escudo que parece que procedía do ano 1963 e que se atribuía a Fenosa, pero non con bandeira. Agora xa se dispón  de ambos elementos heráldicos. O escudo susténtase nunha base de olas azules e brancas, sobre as que se encontra unha ponte dourada, todo elo presidido pola Cruz de Malta baixo a coroa real. Na  bandeira predomina a cor vermella cunha gran Cruz de Malta á esquerda. A parte dereita son dúas bandas en zigzag vermellas e marelas.

BIBLIOGRAFÍA:

- Francisco Xavier Ocaña Eiroa, “San Xoán de Portomarín”. Monografías do Patrimonio Monumental Galego. Xunta de Galicia. 1987.
- “Galicia en Comarcas. Lugo”. Ir Indo Edicións. 2005.
- Jesús Varela Villamor, “Iglesia de San Juan Puertomarín”. Proyecto de traslado y restauración. Servicio Publicaciones Diputación Provincial de Lugo.
- “Guía  Turística de Lugo”. El Progreso. (Años 2007, 2008, 2009).
- Alfonso Eiré, “Belesar. O orgullo de España”. Hércules de Ediciones. 2013.
- “Guía de los Ríos de Lugo”. El Progreso – Xunta de Galicia.
- “Galicia pueblo a pueblo”. La Voz de Galicia. 1993.

Xornais consultados: El Progreso, La Voz de Galicia.

Lugo, 26 de Abril de 2014

ROTEIRO POR TERRAS DE PORTOMARÍN, SABADO, 26 DE ABRIL DE 2014


Os participantes diante de Igrexa de San Xoán de Portomarín
 

Neste sábado que, en principio, non animaba moito, fóronse abrindo claros e quedando un día agradable. A xornada transcorreu como estaba planificada, chegando a Portomarín arredor das 10:00 h., seguidamente achegámonos ata o Concello onde fomos recibidos polo Sr. Alcalde, Juan Serrano e Exalcalde, D. Eloi Rodríguez, que nos agasallaron coa parva e intercambiamos de agasallos, libros e outros detalles, grazas aos dous polos obsequios.
De Portomarín achegámonos ata o Castro de Castromaior que está a uns oito quilómetros en dirección a terras de Monterroso que, segundo iamos subindo puidemos ver a cantidade de peregrinos que ían para Santiago. Disto, da importancia e cantidade de peregrinos e do vello Portomarín xa nos falara D. Eloi Rodríguez antes de saír. Este impresionante castro que, a  maioría descoñeciamos que fora tan grande e importante. É un castro que presenta polo menos dous momentos de ocupación nos que se concentran as mostras, un entre o século VI - II a. C. e outro entre os séculos II a. C.  e o cambio de era. Unha etapa da ocupación coincide coa idade de ferro e a máis recente testemuña unha ocupación do poboado castrexo nos primeiros anos do século I d.C., en contacto co mundo romano.

Na intervención arqueolóxica de 2006 pretendíase ter unha aproximación das características xerais do castro, localización e relación coa súa paisaxe, achegamento ao seu encadre cronolóxico e histórico.

O castro foi obxecto dunha nova campaña en 2007 e en 2008 procedéndose nesta última data, a unha limpeza de vexetación e novas catas e excavacións.

Acompañáronnos na visita D. Xesús Mato e D. Eloi Rodriguez a quen agradecemos a súa amabilidade nas explicacións ao  longo do día sobre varios aspectos, non só do castro, senón de toda esta zona de Portomarín.


Desde o castro baixamos ata  Santa María Castromaior lugar, próximo ao castro onde visitamos a igrexa, e que está tamén no Camiño de Santiago, desde aquí achegámonos a Ferreiroá e desde aquí uns subimos ao Castro da Virxe, e outros seguiron camiñando ata Seixón. Baixando para Seixón hai unhas fermosas vistas sobre o encoro e onde supoñemos que estaba o vello lugar de Seixón.
Na aldea visitamos a adega da familia da nosa socia Lidia, que foi a que preparou e documentou  esta viaxe, agradecemos o seu traballo e amabilidade desde aquí, a ela e a toda a súa familia.

Dende Seixón achegámonos a Portomarín para xantar.
Despois de xantar covidounos a café, D. Eloi Rodríguez, unha vez máis temos que agradecer a súa amabilidade e familiaridade, polas súas explicacións e anécdotas sobre o vello e o novo Portomarín.
Un pouco máis tarde, os que non viran a exposición de fotos do vello Portomarín, tiveron a oportunidade de facelo grazas á amabilidade do Sr. Pereira, a quen agradecemos a súa amabilidade. Un pouco máis tarde achegámonos á fermosa casa rural de Santa Mariña e, neste lugar rematou a xornada.

Achegaremos algunha foto e poderedes ver máis aspectos da historia de Portomarín no blog.
http://amigosdopatrimoniodecastroverde.blogspot.com/

Saúde, Terra e Lingua.
Manolo
VER FOTOGRAFÍAS:
https://picasaweb.google.com/amigosdopatrimoniodecastroverd/ROTEIROPORTOMARIN26042014?authuser=0&feat=directlink

20 abril, 2014

Presentación do libro «Un crego atípico na Fonsagrada. 1967-69»



D. Antonio Veiga Outeiro,
Vicepresidente da Deputación de Lugo, e no seu nome

D. Mario Outeiro Iglesias,
Deputado Delegado da Área de Cultura e Turismo,

teñen o pracer de invitalo/a á presentación do libro
«Un crego atípico na Fonsagrada. 1967-69»
de 
Xosé Estévez
que terá lugar o vindeiro domingo, 20 de abril de 2014,
ás 12 horas na Casa Museo Manuel María (Outeiro de Rei).

Intervirán:
Xosé Estévez
Autor
Luís Villares Naveira
Prologuista
María Xosefa Ortiz de Galisteo
Museo Comarcal da Fonsagrada
Alberte Ansede Estraviz
Fundación Manuel María
Mario Outeiro Iglesias
Deputado Delegado de Cultura e Turismo

Museo Comarcal da Fonsagrada Casa Museo Manuel María
Teléfono 982 34 05 07 Teléfono 698 177 621
museodafonsagrada.org manuelmaría.com

18 abril, 2014

Arrinca a nova tempada de actividades gratuítas do Centro de Interpretación Terras do Miño

Actividades na natureza para todas as idades: obradoiros de elaboración de conservas artesanais; cursos de fotografía; actividades ó aire libre para nenos; conferencias e moito máis. Ducias de plans ó aire libre a un paso da túa casa, no Centro de Interpretación Terras do Miño do paseo do río Rato.

Consulta o calendario de actividades para os próximos meses e inscríbete gratis enwww.deputacionlugo.org


- Nova convocatoria de cursos gratuítos de novas tecnoloxías para persoas maiores da Fundación TIC no Centro de Innovación Social InLugo

Aberto o prazo de inscrición
 
Máis información sobre cursos programados, lugares, datas e horarios enwww.deputacionlugo.org


Saúdos,

Gabinete de Comunicación

14 abril, 2014

Talan un carballo de 300 anos no Camiño de Santiago por unha poda dunha compañía eléctrica

Denuncia da nosa Asociación
O famoso carballo de Ponte da Chanca, un dos principais referentes naturais da ruta xacobea, secou tras unha poda "excesiva" por parte dunha subcontrata que facía o mantemento dunha liña eléctrica. A Policía Autonómica investiga o sucedido.

VER MÁIS:
http://www.galiciaconfidencial.com/nova/18546.html

08 abril, 2014

ROTEIRO POR DIVERSOS LUGARES DO CONCELLO DE PORTOMARÍN, sábado, 26 de abril de 2014

Ás 8:45 h.: En  Castroverde ao lado do Pereira.
Ás 9:00 h. Ronda da Muralla, en sindicatos.
Ás 9:15 h. Final Avda. da Coruña.
Ás 10:00 h. En Portomarín.
Ás 10:30 h. Visita ao Castro de Castromaior e igrexa de Santa María.

 Percorrido: por lugares de Portomarín (Dificultade baixa)

Ás 11:30 h. Camiñada desde Ferreiroá – Castro da Virxe - Seixón – Ferreiroá – San Roque – Portomarín.

Ás 14:00 h.-14:30 h.  Xantar

Comunicalo antes do día 20 de abril,  no teléfono: 659523960 ou no correo electrónico, por motivos de organización e xantar.

Prezo: da viaxe  + xantar (20 €)

Saúdos.   Manolo Muñiz

A crise demográfica, analizada polos expertos nun novo debate aberto do ciclo Galicia en clave económica

Debate “A crise demográfica; a crise silenciosa”
Día: Xoves, 10 de abril
Hora: 19:30 horas
Lugar: Salón de Actos da Deputación de Lugo
Acceso libre e gratuíto

Deputación e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, organizan unha nova xornada gratuíta do ciclo Galicia en clave económica, que se celebrará ás 19:30 horas o vindeiro 10 de abril no Salón de Actos do Pazo de San Marcos

Justo Beramendi, Xosé Gabriel Vázquez e Carlos Ferrás abordarán en “Crise demográfica, a crise silenciosa” aspectos como as causas e consecuencias do despoboamento demográfico, así como as medidas máis axeitadas para poñerlle freo

A Deputación de Lugo e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, celebrarán o vindeiro xoves, 10 de abril, ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, unha nova xornada do ciclo Galicia en clave económica, unha serie de debates abertos e gratuítos nos que, dende o pasado mes de xuño, ós máis destacados expertos en ámbitos como a economía, o emprego, a empresa ou as finanzas, analizaron a situación socioeconómica na que se atopa Galicia na actualidade.

Nesta ocasión, o tema abordado será a crise demográfica, un dos problemas máis graves ós que se enfronta o país. Datos como que a taxa de mortandade de Galicia sexa a máis alta de todas as Comunidades -11,3 persoas por cada 1.000 habitantes-, e a segunda taxa de natalidade máis baixa do país -1,07 nacementos por muller só superados polos 1,05 de Asturias-, e a terceira poboación máis envellecida de España, son certamente preocupantes.

Para analizar esta situación, así como as súas perspectivas de futuro e tratar de atopar as claves para modificar esta tendencia negativa o debate “Crise demográfica, a crise silenciosa” contará coa presenza dos seguintes expertos:

- Justo Beramendi: doutor en Historia e Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, este especialista en historia das ideoloxías e dos movementos políticos estivo á fronte do grupo de investigación redactor de Dinámicas sociopolíticas en la Galicia urbana.

- Xosé Gabriel Vázquez: doutor en Socioloxía pola Universidade da Coruña, onde actualmente exerce labores docentes que compaxina cunha intensa labor investigadora no ámbito social dirixindo ou coordinando estudos demoscópicos de ámbito rexional, nacional e internacional.

- Carlos Ferrás: doutor en Xeografía e Historia e profesor de Xeografía Humana na Universidade de Santiago de Compostela, é director do Grupo de Investigación Socio-Territorial e do Centro de Estudos Eurorrexionais.

Coma en anteriores ocasións, o debate estará aberto ó público e a asistencia e gratuíta e libre ata completar aforo. Máis información sobre esta xornada, así como de datas e horarios de vindeiras xornadas en
- See more at: http://www.deputacionlugo.org/portal_localweb_ag/p_20_contenedor1.jsp?seccion=s_fnot_d4_v1.jsp&contenido=23867&tipo=8&nivel=1400&layout=p_20_contenedor1.jsp&codResi=1&language=gl&level=1#sthash.1WOO4jiC.dpuf

"A ultima viaxe do afiador"... Proxección e coloquio co equipo do documental Mércores 9 de abril as 20 h




CONVITE:

Proxección e coloquio co equipo do documental

Mércores 9 de abril as 20 h

Sala Emilia Pardo Bazán / Soto Edificio de Ferro / Campus Universiatario (OURENSE)

"A ultima viaxe do afiador" está nominada aos premios Mestre mateo 2014

PROXECTO “ACHEGA”
A través da longametraxe documental “A última viaxe do afiador” presentamos o proxecto ACHEGA dirixido a universidades, institutos , colexios, concellos, centros culturais…
Este proxecto consta dunha serie de unidades didácticas que pretenden a través da linguaxe cinematográfica achegar ao público o noso patrimonio cultural e etnográfico.
As actividades incluen a proxección do documental, coloquio co director e equipo da película, mostra de rodas de afiar do museo “Florencio de Arboiro”…
 
 O filme:
Sinopse:
“Queicoa”, significa en Barallete, a lingua dos afiadores; Deus, heroe, loitador, ser grande, mítico. Dende hai máis de tres séculos ata os nosos días, aos vellos afiadores de moita sona, moitos camiños e milleiros de quilómetros as suas costas, chámanlles“Queicoas”.
Eran homes bravos, duros, curtidos de traballar nos campos dunha das zonas máis probes de Europa. Por iso as montañas galaicas cuspíanos ao mundo en viaxe a ningunha parte e coa única compaña do xirar dunha roda.
Se camiñaban, soñaban.
Se afiaban, vivían.
Se paraban, perecían.
Esta é a súa historia e estos son os seus rostros…

Ver Trailer

 
Ficha Técnica / Specification Sheet
Productora / Production Company:  BONECA LARETA
Director / Director:  AITOR REI
Guión / Screenplay:  AITOR REI
Fotografía / Cinematography:  MIGHELE DE CURRÁS
Dirección Artística / Art Director:  MIGHELE DE CURRÁS, AITOR REI & MARIA FANDIÑO
Música / Music:  ANXO GRAÑA
Son / Sound:  PABLO VIÑA
Montaxe / Editing:  AITOR REI, MIGHELE DE CURRÁS & OMAR RABUÑAL
 

03 abril, 2014

O FORO DO CAMIÑO PRIMITIVO RECORRE NOS TRIBUNAIS A DELIMITACIÓN DESTA VÍA HISTÓRICA A SANTIAGO

NOTA DE PRENSA

Lugo, a 1 de abril de 2014.- 
O Foro do Camiño Primitivo, agrupación constituída por diversas entidades, colectivos e investigadores vinculados con esta vía histórica a Compostela, impugnou o decreto de delimitación oficial do Camiño Primitivo de Santiago (267/2012, de 5 de decembro), mediante recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).
  O Foro do Camiño solicita o amparo dos Tribunais por entender que a delimitación oficial da vía xacobea máis antiga atenta contra os criterios de autenticidade e integridade na identificación da calzada histórica e a súa contorna cultural, principios elementais atinxidos na lei de Protección dos Camiños de Santiago (1996) e nos itinerarios contemplados pola UNESCO como patrimonio mundial para delimitación dos camiños a Santiago.
O Foro tamén constata un claro abandono por parte da Consellaría de Cultura do mandado legal de recuperación da traza orixinaria dos camiños de peregrinación, adulterando de xeito drástico a definición do seu territorio histórico e deixando sen a debida protección xurídica gran parte dos seus valores culturais e ambientais. A través deste documento, a Consellaría de Cultura verifica a súa renuncia a investigar, recoñecer e recuperar as calzadas presuntamente apropiadas ou invadidas.
A delimitación oficial do Camiño Primitivo aprobada en decembro de 2012 constitúe unha estafa a máis de 1.200 anos de historia retidos na nosa memoria colectiva e traiciona o sentido simbólico, identitario e conceptual do propio Camiño.

CONSECUENCIAS DUNHA DELIMITACIÓN FRAUDULENTA
A Consellaría de Cultura está a situar torpemente o centro das súas políticas públicas en relación coa peregrinaxe tradicional a Santiago unicamente nas perspectivas turísticas e comerciais, relegando a protección patrimonial a un nivel anecdótico. As consecuencias deste desenfoque de obxectivo estanse a ver, non só na maltreita delimitación do Camiño Primitivo, senón na falla de protección de todas as vías históricas con destino a Compostela.
Baste consultar os medios de comunicación para decatarse que a falta de tutela que está a exercer a Xunta sobre valores históricos dos Camiños a Santiago está a crear conflitos na sociedade e confusión na comunidade de peregrinos. Póñanse como exemplos, a indefensión coa que se atopa á veciñanza de Sarria que, nunha loita exemplar, reivindica a preservación dos valores propios do Camiño Francés; ou o deseño dun “Camiño á Carta” no proceso de delimitación histórica do Camiño Norte, supeditando o seu trazado a interese espúreos e especulativos favorecidos polo oportunismo político na procura de votos.
A Xunta está a favorecer descaradamente o esquecemento das rutas históricas e do seu territorio. Premia os neotrazados apócrifos desenvoltos a partir dos anos noventa e mantidos até hoxe por presións políticas e intereses privados, desviando o itinerario por lugares que evitan conflitos co planeamento urbanístico, con infraestruturas ou fincas particulares, mais que nada teñen a ver co rigor científico que se reclama e cos principios da Carta de Itinerarios Culturais de ICOMOS.
No caso da Vía Primitiva, as irregularidades son abondosas en todo o percorrido: falsificación da vía na entrada e saída da cidade de Lugo, ao paso polo burgo medieval de Castro Verde, a omisión do acceso á vila de Melide polo camiño prerromano da Martagona, apropiacións da vía histórica en Paradavella, A Matanza, Vilalle, camiño real de Vilabade, Mesón de Fraiás, Carballido, A Viña, O Alto,  San Vicente do Burgo, A Retorta, etc., ou o non recoñecemento da conexión coa trama de vías transversais e o seu patrimonio histórico, incluído o intanxíbel.  
Ao mesmo tempo, ponse en risco a proclamación do Camiño Primitivo como Patrimonio Mundial da Humanidade. Esta proclamación, tramitada en 2007 e presentada a finais de 2012 polo Consello de Patrimonio Histórico do Reino de España, agardábase para o vindeiro ano. Pero este proceso vese agora atrancado pola propia Xunta ao delimitar un trazado físico-lineal pouco coherente coa  existencia dunha paisaxe cultural conforme coa aplicación da Convención do Patrimonio Mundial.

A XUDICIALIZACIÓN DOS CAMIÑOS HISTÓRICOS
O recurso-contencioso presentado por este Foro contra a actual delimitación oficial desta vía histórica xa é o segundo recurso xudicial que a sociedade civil promove na defensa dos camiños de Santiago. Actualmente as únicas dúas delimitacións camiñeiras aprobadas pola Consellaría de Cultura, as do Francés e do Primitivo, están sendo cuestionadas nos tribunais.
Os colectivos e entidades que levamos máis de 20 anos traballando pola defensa e preservación dos camiños históricos e do patrimonio cultural e ambiental galego vémonos na obriga de xudicializar aqueles procesos de delimitación que non cumpren co requerido pola Lei e que non foron concebidos con diálogo nin participación pública, como é o caso.
Cabe resaltar que o Foro está asumindo custes, esforzos e tarefas de investigación que lle corresponden á Xunta; mentres, a Administración responde con constantes manobras dilatorias e de confusionismo para encubrir a falta de rigor no proceso de delimitación oficial. Baste lembrar que os traballos técnicos foron licitados en 2007, permanecendo paralizada a incoación do expediente até agosto de 2012, demora que ten permitido realizar toda caste de atentados.
A táctica dilatoria tamén se está a aplicar neste procedemento xudicial, iniciado por varios membros do Foro xa hai máis de un ano. Neste momento, o Foro aínda está a agardar a que a Xunta remita a documentación completa referida ao expediente de delimitación da vía histórica para poder formalizar no xulgado as fundamentacións do recurso.
  Finalmente, o Foro do Camiño Primitivo denuncia a ignominiosa actuación de órganos como o Comité Asesor do Camiño de Santiago creados por lei para a protección dos camiños históricos de peregrinación. Coa súa parcialidade, anuencia ou pasividade veñen avalando actuacións  bochornosas que destrúen os nosos elementos identitarios máis prestixiosos e desprotexen a camiñeiría histórica do noso país mediante a promoción de itinerarios alternativos desligados da tradición.

DATOS COMPLEMENTARIOS:
-O Camiño Primitivo é o segundo, logo do Francés, en obter unha delimitación oficial.
-O Camiño Primitivo ten unha antigüidade de XII séculos e está considerado como a máis antiga vía de peregrinaxe cara a Compostela.
-O Foro do Camiño Primitivo naceu en xullo de 2010 e está conformado por preto de 30 colectivos e personalidades.
-A Xunta rexeitou máis de 90 alegacións presentadas polo Foro no período de consulta pública.
-A delimitación oficial deixa sen recuperar uns 50 quilómetros do trazado orixinal do Camiño Primitivo e  deixa fóra do seu territorio histórico máis dun cento de elementos patrimoniais asociados.
 Para máis información: Ricardo Polín: 616764447

MEMBROS DO FORO DO CAMIÑO:

Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago, Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación de Amigos del Camino de Santiago Astur-Galaico del Interior, Asociación do Camiño Primitivo da Fonsagrada, Viandantes polo Camiño Primitivo, LugoPatrimonio, Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, Museo Comarcal da Fonsagrada, ADEGA, delegación en Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia, Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas “Os Lobos”, Asociación de Hosteleiros de As Fontiñas, GDR4 Terras de Lugo, Plataforma en Defensa do Alto Ulla, Metátese Teatro, Asociación na Defensa do Parque Rosalía de Castro, Asociación de Veciños da Piringalla, Asociación Cultural Terras de Melide, Club Cultural Valle-Inclán, Asociación Cultural Espalladoira, Museo Terra de Melide, Asociación Cova da Serpe de Friol, Asociación Cultural “A Toca” de Toques, Asociación de Veciños de San Romao da Retorta, Asociación de Veciños “Porta de Lugo”, Parroquia de Santiago de Castelo,Asociación de Veciños “Fonte do Udreiro” de Romeán.


REFERENCIAS:

Premios EmprendedorXXI

Aberta a convocatoria para a oitava edición dos 
Premios EmprendedorXXI, unha iniciativa 
impulsada por "la Caixa" e na que o Igape colabora 
na edición Galicia

É o premio mellor dotado económicamente de España grazas á
colaboración público-privada, e incorpora un programa de acompañamento
dirixido a acelerar o crecemento
 poñendo aos ganadores en contacto con mercados,
persoas e sectores clave para os seus negocios.

Premio na categoría Emprendes
Este premio está dirixido a empresas innovadoras que iniciasen a súa actividade
a partir do 1 de xaneiro de 2012. O gañador na fase autonómica recibirá un premio 
en metálico de 5.000 €, a realización dun curso de aceleración na Universidad de 
Cambridge  Ignite Fast Track e terá acceso preferente ao financiamento da 
entidade financeira.

O proxecto gañador competirá ademais na fase estatal, onde poderá optar a un 
premio de 20.000 €.

Inscríbete nos Premios EmprendedorXXI

Máis información: www.emprendedorXXI.es

Data límite de inscrición: 10 de abril de 2014


cid:image001.jpg@01CF4DE9.42755C20

 
http://www.igape.es/images/stories/Logotipos/firma_logo_igape.jpg    http://www.igape.es/images/stories/Logotipos/firma_logo_eyf.gif    http://www.igape.es/images/stories/Logotipos/lrg_galicia_v2.jpg