Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

27 mayo, 2012

V ENCONTRO DE ASOCIACIÓNS CULTURAIS. Castro Verde, 26 de maio de 2012

Diante do Pousadoiro e Cruceiro de Furís

Organizado pola Asoc. Amigos do Patrimonio de Castro Verde coa participación das Asociacións: Arcas de Sárria, Agrupación Instrutiva Redes e Caamouco, Arumes do Corgo, Roteiros de Pol e Asoc. Penitenciaria Concepción Arenal de Lugo.
 

Neste sábado 26 de maio, logo dun breve saúdo e palabras de Benvida diante da  Casa do Concello e agradecendo a participación de todas as Asociacións e Institucións, Deputación Provincial e Concello, marchamos camiño da Abelleira para facermos parte do roteiro de Furís-Páramo. Desde a Abelleira subimos camiño de  Cabanela e do Carballal de Furís desde onde puidemos observar á nosa dereita Terras de Lugo e á nosa esquerda todas as terras de Baleira-Fonsagrada cos Ancares ao fondo. Pasamos Augalevada, ( que por certo destrozaron o panel de información), baixamos ata Arrubial para visitarmos a igrexa de San Miguel de Páramo de orixe, probablemente, prerrománcia ou románica, levantada sobre o castro. Situada no lugar de Eirexe, topónimo ben significativo, ten nave rectangular cuberta a dúas augas. Posúe un rexo contraforte no lateral norte que serve de soporte ás escaleiras que levan á campá. Conta con dous retablos e restos de pintura mural. Comentar que esta igexa foi obxecto dunha rehabilitación profunda e acertada. Parabéns á comunidade de San Miguel de Páramo polo traballo ben feito. 
 

Desde Eirexe, algúns continuaron polo Molar e Porcín e voltar a Páramo e outros cruzamos  a Páramo para baixar a Furís de Abaixo, deixando Laurentín á nosa esquerda e de frente puidemos ver Furís de Arriba e Pereira. En Furís de Abaixo breve visita á casa de Cantiz; comentar que nesta aldea hai, polo menos, cinco muíños ou relos, podendo visitar o de Cabanela e vermos ao pé da Croa de Furís os muíños do Castelo. Desde aquí subimos a Furís de Arriba onde concluímos a camiñata. Salientar que a comunidade desta parroquia tamén realizou o fermoso traballo de rehabilitación da súa igrexa parroquial. Parabéns tamén para esta comunidade veciñal polo traballo realizado. Á parte da súa igrexa dos séculos XVI-XVII con dúas naves separadas por tres arcos, con espadana de dous corpos e tres vans con decoración barroca.Ten un interesante pórtico ou cabido diante da fachada. O retablo principal é neoclásico.
Cruceiro con base de planta cadrada con varios chanzos que soportan un fuste octaédrico con capitel troncocónico  sobre o que vai a cruz, sen imaxes.
Pousadoiro en forma de púlpito (un dos poucos que quedan).
Dar as grazas á Fundación Tic e, especialmente, a Chema, que nos acompañou en parte do percorrido, facendo gravacións en Castro Verde, ao comenzo do Roteiro na Abelleira, na igrexa de Páramo e Furís.
 

Pola tarde, visita e participación no acto previsto en Vilabade, onde interviu Ricardo Polín, logo da presentación que fixo Ánxela Gracián sobre este investigador onde reivindicou, entre outras moitas cousas a Celebración do cincuentenario do descubrimento da Cova da Valiña e a recuperación do topónimo de Castro Verde.
 

Seguidamente tivo lugar a intevención do Cantautor Guardés Tino Baz que interpretou pezas coas letras de autores das Nosas Letras, desde Manuel María, Marica Campo ata a referencia aos incendios recentes das Fragas do Eume. Actuación que fixo vibrar a todos os presentes. Agradecer a amabilidade que tivo Tino Baz en acompañarnos neste remate deste V Encontro de Asociacións Culturais.
 

Grazas tamén á Comunidade de Vilabade pola amabilidade e disponibilidade que tivo para celebrarmos este acto e, especialmente, a D. Manuel Varela Gorgoso, Sr. Cura párroco desta parroquia.
 

Saúde, Terra e Lingua
Maio de 2012


Ver fotografías

No hay comentarios: