Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

18 septiembre, 2011

COMUNICADO DE ADEGA






16 de setembro de 2011. ADEGA vén de denunciar a existencia de determinadas "instrucións técnicas" no servizo de Conservación da Natureza da Coruña con criterios e procedementos para autorizar actividades que comprometen a conservación de hábitats e especies protexidas. Rozas de matogueiras, talas de bosques de ribeira, avaliación de parques eólicos ou actividades deportivas sobre hábitats prioritarios despáchanse mediante estas instrucións, moitas veces con criterios contrarios á conservación, mesmo aos recolidos no Plano de Director da Rede Natura 2000. Ademáis, as "instrucións" non figuran publicadas en ningún boletín oficial, carecendo portanto de validez legal. Aplicando estas normas "alegais" a Xunta está a autorizar talas de bosque de ribeira, rozas e queimas de breixais protexidos, circulación de quads e todoterreos sobre dunas e turbeiras, sendo ademáis a excusa perfecta para eludir a tramitación ambiental de ducias de parques eólicos.
Cada instrución técnica da Xunta, nun pulcro español, establece criterios de avaliación e de xestión que serían máis acaídos dun Regulamento ou Orde, pero non dunha instrución. Modificar através deste instrumento o alcance dunha Directiva (de Hábitats, de Aves...), Lei (de Conservación da Natureza, da Biodiversidade) ou Decreto (de especies ameazadas, por exemplo) é unha acción fraudulenta que podrería beirar a prevaricación. Atendendo ao artigo 21 da Lei 30/1992 do 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, estas as instrucións deberían estar cando menos publicadas nun boletín oficial.  En consecuencia, todas elas carecen de validez legal. Quen as aplique podería estar cometendo unha ilegalidade, sendo igualmente ilegais e nulas todas as autorizacións e intervencións realizadas baseándose nestas instrucións.
O realmente preocupante é que maioría dos criterios establecidos nestas "instrucións" son contrarios ás normas básicas de conservación, de xestión de hábitats e especies e de avaliación impacto ambiental, e mesmo os establecidos no Plano Director da Rede Natura 2000 recentemente aprobado pola Xunta. Están deseñadas para eludir a "afección significativa" de determinadas actividades sobre o patrimonio natrural; sexan talas en bosques de ribeira (1.16 Mb) (centos de cortas autorizadas nos ríos da Coruña), rozas de matogueiras, probas deportivas, e competicións sobre hábitats protexidos, alén de parques eólicos.
Precisamente, no tocante aos parques eólicos (312 Kb) os criterios formulados na instrución en ningún momento aseguran o mantemento dos hábitats, das especies ou da paisaxe. Estan formulados para eludir a necesidade de realizar estudos de impacto e permitir a construción de parques en calquera parte, mesmo na Rede Natura ou nun Parque Natural ou Nacional. .
A instrución sobre as matogueiras (285 Kb) semella destinada a eludir a protección que estes tipos de hábitats (moitos deles prioritarios) teñen na Directiva 92/43 CEE. Mesmo pódense autorizar desbroces sobre hábitats con presenza de flora  vulnerábel ou en perigo de extinción como os endemismos Santolina melidensis, Armeria merinoi, Iris boissieri, Eryngium viviparum ou Leucanthemum gallaecicum. Trátase de dar prioridade á explotación destes recursos fronte á súa conservación. A consecuencia: unha importante perda de superficie destes hábitats en moitos LICs da Coruña, como a Serra do Careón, O Forgoselo, a Costa Artabra ou a Costa da Morte.
E a instrución referida ao uso público (221 Kb) quizáis a máis sangrante, nin siquera avalía a capacidade de carga das áreas afectadas. Establece unha serie de criterios arbitrarios que non garanten un estado de conservación favorábel dos compoñentes da biodiversidade. Moi ao contrario: da súa aplicación pódense desprender afeccións moi significativas. Por exemplo, hai excepcións que permiten actividades con veículos a motor fóra das pistas (4x4, "quads") dentro de hábitats protexidos "sempre que non afecten á canle do río". No entanto, é posíbel autorizar estas prácticas sobre humidais (turbeiras, xunqueiras) ou dunas que non estén dentro da Rede Galega de Espazos Protexidos.
ADEGA descoñece se estas "instrucións" estanse a aplicar tamén fóra da Coruña. En todo caso, os responsábeis de conservación da Xunta deberían clarexar os seguintes estremos: Cantas "instrucións técnicas" destas hai, sobre que aspectos e en que provincias? Quen é o autor/es, con que autoridade actuaron e que organismos científicos foron consultados? Foron autorizadas polos responsábeis da Dirección Xeral de Conservación da Natureza? Comunicouse á Unión Europea que se están a aplicar?. Por que non se recolleron no Plano Director da Rede Natura? Os redactores deste Plano Director coñecían estas instrucións?.
ADEGA esixe á Dirección Xeral de Conservación que de entrada, anule a aplicación destas "instrucións técnicas" e incoe os oportunos expedientes para depurar responsabilidades. Non é de recibo que a Xunta, con actuacións coma esta, estese a convertir no principal axente de degradación do noso patrimonio natural.

No hay comentarios: