Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

25 septiembre, 2011

BREVE RESUME V ENCONTRO DE SENDEIRISMO "RIO OURO E PRAIS DE FOZ"


   Neste fermoso e luminoso sábado, 24 de setembro, convidados un ano máis  pola asociación Os Sendeiros de Foz, realizamos esta fermosa ruta, partindo da praia da Pampillosa para irmos ata a aldea de Fouzouro e ascender río arriba ata voltarmos ao punto de saída. O traxecto do río Ouro transconrre por lugares, como diciamos, fermosos e sempre pegado ao río. Dicir que este ano notamos que arranxaron e melloraron a contorna da saída, aínda que as marxes do río deixaban ver aínda a desfeita da primavera do ano 2010.
De volta, os da asociación Os  Sendeiros, tíñanos preparado unha auga e froita, é de agradecer esta amabilidade; logo do pequeno descanso, seguimos arredor da costa con fermosas calas e múltipes paneis informativos ao longo do percorrido. Entramos en Foz pegados á Rapadoira e ao pé do porto fomos agasallados, para os que quixeron, con bonito. Alí entrgamos ao Sr. Presidente, José Luís Suárz, catro guías dos Itinerarios polo Concello de Castroverde.
Desde aquí damos as grazas á organización e, finalmente dicir que nos xuntamos asociacións desde Luarca, Navia, Lugo, As Pontes, O Valadouro... ata a pequena representación de Amigos do Patrimonio, apenas media ducia. En total, segundo a organización, arredor de 500 persoas.

Saúde. Manolo Muñiz

20 septiembre, 2011

MISCELÁNEA

A Veiga do Olmo, un bo lugar para renacer

 
 
¡Un bo lugar para renacer, tanto en cristián coma en galego, non si señores teólogos?

“Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente conforme á súa especie. E así foi. A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que daban froito, cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben. E así completouse o terceiro día”. (Xénesis 1, 11-13). Despois veu o pecado, e tras do pecado o diluvio, etc., etc., ¡pero o Castrum do Vallis Viridis salvouse, e os de Castroverde replantamos un olmo, un ulmus minor, deses que requiren un chan fresco e fondo, para mostrarlle ao Creador dúas cousas: o agradecidos que lle estamos pola súa Creación, e tamén polo feito cordial de salvarnos do diluvio universal, que así, nosoutros, por tan singular privilexio, seguimos tendo en herdo un cacho inalterable e inalterado daquel Paraíso Universal. ¡Deo grátias!

O lema da XIX Romaxe (no Rosario, Vilar de Donas, A Ulloa), foi: “Polo camiño verde”. Nisto estamos, que polo Camiño Verde seguimos, aquí chamado “Primitivo”, porque o é, porque arranca de tempos remotos. E no de verde, xa o comprobarán por si mesmos os asistentes á Romaxe do próximo setembro. ¿É ou non é Castroverde?

Iso nos propoñemos: ¡Renacer! ¡Volver a nacer! Volvernos nenos…, ¡pero co sabido, sabido! Daquela será cousa de bautizarnos de novo, outra vez, que auga temos, e cotra para lavar…, algunha! “Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará nel” (Lucas, 18, 15-17). Xa que nos puxemos de camiño aló arriba, no Pedregal de Irimia, sigamos, baixemos, acollámonos ao Primitivo, á Igrexa Primitiva, sinxela, fervorosa, valente, disposta ao martirio se preciso fose. Díxoo o propio Xesús: “Dádelle ao César o que é do César”. Daquela o boato, as presuncións, as vaidades, son do César, ¡e hai tantas e tan mal adxudicadas! Por iso, algúns, queremos renacer, tornar ao bo camiño.

Xosé María Gómez Vilabella

O DOMINGO, DÍA DOUS DE OUTUBRO

 
 
 
PARTICIPACIÓN NA MISA CANTADA DE SANTO ESTEVO DE FURÍS  

    Á Asoc. Amigos do Patrimonio de Castroverde, convida ao Orfeón Lucense a participar na misa cantada e a todos os socios a participar na misa e posterior comida.

Os / As que desexen participar na comida teñen que comunicalo antes do día 26 de setembro.
 
 

18 septiembre, 2011

COMUNICADO DE ADEGA






16 de setembro de 2011. ADEGA vén de denunciar a existencia de determinadas "instrucións técnicas" no servizo de Conservación da Natureza da Coruña con criterios e procedementos para autorizar actividades que comprometen a conservación de hábitats e especies protexidas. Rozas de matogueiras, talas de bosques de ribeira, avaliación de parques eólicos ou actividades deportivas sobre hábitats prioritarios despáchanse mediante estas instrucións, moitas veces con criterios contrarios á conservación, mesmo aos recolidos no Plano de Director da Rede Natura 2000. Ademáis, as "instrucións" non figuran publicadas en ningún boletín oficial, carecendo portanto de validez legal. Aplicando estas normas "alegais" a Xunta está a autorizar talas de bosque de ribeira, rozas e queimas de breixais protexidos, circulación de quads e todoterreos sobre dunas e turbeiras, sendo ademáis a excusa perfecta para eludir a tramitación ambiental de ducias de parques eólicos.
Cada instrución técnica da Xunta, nun pulcro español, establece criterios de avaliación e de xestión que serían máis acaídos dun Regulamento ou Orde, pero non dunha instrución. Modificar através deste instrumento o alcance dunha Directiva (de Hábitats, de Aves...), Lei (de Conservación da Natureza, da Biodiversidade) ou Decreto (de especies ameazadas, por exemplo) é unha acción fraudulenta que podrería beirar a prevaricación. Atendendo ao artigo 21 da Lei 30/1992 do 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, estas as instrucións deberían estar cando menos publicadas nun boletín oficial.  En consecuencia, todas elas carecen de validez legal. Quen as aplique podería estar cometendo unha ilegalidade, sendo igualmente ilegais e nulas todas as autorizacións e intervencións realizadas baseándose nestas instrucións.
O realmente preocupante é que maioría dos criterios establecidos nestas "instrucións" son contrarios ás normas básicas de conservación, de xestión de hábitats e especies e de avaliación impacto ambiental, e mesmo os establecidos no Plano Director da Rede Natura 2000 recentemente aprobado pola Xunta. Están deseñadas para eludir a "afección significativa" de determinadas actividades sobre o patrimonio natrural; sexan talas en bosques de ribeira (1.16 Mb) (centos de cortas autorizadas nos ríos da Coruña), rozas de matogueiras, probas deportivas, e competicións sobre hábitats protexidos, alén de parques eólicos.
Precisamente, no tocante aos parques eólicos (312 Kb) os criterios formulados na instrución en ningún momento aseguran o mantemento dos hábitats, das especies ou da paisaxe. Estan formulados para eludir a necesidade de realizar estudos de impacto e permitir a construción de parques en calquera parte, mesmo na Rede Natura ou nun Parque Natural ou Nacional. .
A instrución sobre as matogueiras (285 Kb) semella destinada a eludir a protección que estes tipos de hábitats (moitos deles prioritarios) teñen na Directiva 92/43 CEE. Mesmo pódense autorizar desbroces sobre hábitats con presenza de flora  vulnerábel ou en perigo de extinción como os endemismos Santolina melidensis, Armeria merinoi, Iris boissieri, Eryngium viviparum ou Leucanthemum gallaecicum. Trátase de dar prioridade á explotación destes recursos fronte á súa conservación. A consecuencia: unha importante perda de superficie destes hábitats en moitos LICs da Coruña, como a Serra do Careón, O Forgoselo, a Costa Artabra ou a Costa da Morte.
E a instrución referida ao uso público (221 Kb) quizáis a máis sangrante, nin siquera avalía a capacidade de carga das áreas afectadas. Establece unha serie de criterios arbitrarios que non garanten un estado de conservación favorábel dos compoñentes da biodiversidade. Moi ao contrario: da súa aplicación pódense desprender afeccións moi significativas. Por exemplo, hai excepcións que permiten actividades con veículos a motor fóra das pistas (4x4, "quads") dentro de hábitats protexidos "sempre que non afecten á canle do río". No entanto, é posíbel autorizar estas prácticas sobre humidais (turbeiras, xunqueiras) ou dunas que non estén dentro da Rede Galega de Espazos Protexidos.
ADEGA descoñece se estas "instrucións" estanse a aplicar tamén fóra da Coruña. En todo caso, os responsábeis de conservación da Xunta deberían clarexar os seguintes estremos: Cantas "instrucións técnicas" destas hai, sobre que aspectos e en que provincias? Quen é o autor/es, con que autoridade actuaron e que organismos científicos foron consultados? Foron autorizadas polos responsábeis da Dirección Xeral de Conservación da Natureza? Comunicouse á Unión Europea que se están a aplicar?. Por que non se recolleron no Plano Director da Rede Natura? Os redactores deste Plano Director coñecían estas instrucións?.
ADEGA esixe á Dirección Xeral de Conservación que de entrada, anule a aplicación destas "instrucións técnicas" e incoe os oportunos expedientes para depurar responsabilidades. Non é de recibo que a Xunta, con actuacións coma esta, estese a convertir no principal axente de degradación do noso patrimonio natural.

Amigos da Pandeireta de Monforte. Domingo, 25 de setembro 2011, no local da A.C. Amigos da Pandeireta, rúa Rosalía de Castro, Monforte de Lemos

Obradoiros e Mostra de canto e baile tradicional impartidos por profesores da Tradescola.

11:00 a 13:00 Baile tradicional e creación, impartido por Xabier Iglesias.

16:00 a 18:00 Técnica vocal para o canto tradicional galego, impartido por Begoña Lorenzo.

18:00 a 19:30 Baile tradicional agarrado, impartido por Xabier Iglesias.

Para finalizar, a Mostra, actividade lúdica que servirá para poñer en practica todo o aprendido
nos obradoiros ou simplemente para pasalo ben.
Haberá música, baile e algo para picar. Animádevos!

Podedes vir só a algúns dos obradoiros ou a todos.
 
Aínda que non é necesario inscribirse, porque xa contamos cun número de participantes suficiente
para que se celebren, gustaríanos que nos contásedes se pensades asistir.

Para calquera dúbida preguntade neste enderezo electrónico.
Na seguinte ligazón aberta do noso facebook podedes ver os currículos dos profesores pinchando nas súas fotos:

https://www.facebook.com/media/set/?set=a.189877694418619.48185.100001891682273&l=7962f9666f&type=1
 
Saúdos

--
A.C. Amigos da Pandeireta
Av. Galicia, 59, 5º
27400 Monforte de Lemos - Lugo
982403956 / 661001287

13 septiembre, 2011

MISCELÁNEA



XXXV ROMAXE IRIMEGA
¡Do Pedregal á Veiga do Olmo todo é Miño, todo é noso!


O pecado está neses eucaliptos do fondo, que por algo lles dan as costas esas beatas da fotografía. A virtude está nas rochas da morena do glaciar, do glaciar de Irimia, nacemento do Miño, nacemento das nosas Romaxes. Estas son as pedras grandes, aquelas coas que non puideron as meigas da Serra de Meira cando as tiveron que utilizar para defenderse dos cistercienses, que seica as querían pasar pola pedra..., iso, antes de pasalas polo altar! Un problema: ¡as meigas querían casar, e os frades, cos seus votos, cos seus hábitos..., o eterno dilema da carne!

Aló van TRINTA E CATRO ROMAXES, que se di pronto! Para o ano próximo a XXXV, e  tócanos esta honra aos de Castroverde: ¡a ver cómo nos portamos!
Por estas romaxes desfilou a honra e maila prez da nosa Gallaecia: sabios e santos, teólogos e discípulos, mozos e vellos..., que honraron a Deus coa sinxeleza e coa verdade, dous atributos escasos, pero non nestas celebracións, e por ende, na nosa terra! ¡Qui te de paradísi fonte manáre fecit, et in quátuor flumínibus totam terram rigáre praecépit!

Para comezar, eu xa recollín unha pedra desas da Serra de Meira para levala comigo á Veiga do Olmo e presentala nese día, como ofrenda. ¿Que por qué e para qué? ¡Moi sinxelo: Para facerlle un exvoto ao río Chamoso, ao Flammoso, que é ese fillo do Miño ao que debemos que o noso Castro sexa o máis Verde de toda a cunca! Con isto heille pedir que conserve verde o meu país, pero só o país, sen prexuízo de que madure, cal trigo flamexante, aquel que o precise, se é que quedan almas verdes!

Xosé María Gómez Vilabella
 
 

11 septiembre, 2011

O ano que ven, tócalle organizar a Castroverde a XXXV edición

A gran cantidade de asistentes á Romaxe, diante da Igrexa das MM Agustinas de Vilagarcía



XXXIV Romaxe Irimega.  
Monte Xiabre- Parroquia de Fontefría- Vilagarcía


Neste sábado, día dez de setembro, tivo lugar a tradicional Romaxe de crentes galegos, nunha mañá, en principio, desapacible que logo comezou a celebración e a medida que ía avanzando o día foi mellorando ata podermos disfrutar dun día agradable e de calor. Ao chegarmos fomos agasallados con uva albariña, que logo ía ser un dos motivos centrais da celebración na hora do brinde, que nesta ocasión foi cun grolo de viño albariño. Dito isto, teriamos que salientar as referencias á pregrinaxe, aos escritores galegos, desde Rosalía, Castelao, pasando por Cabanillas, Manuel Antonio ou Lueiro Rei, autor do que se recolleu o lema da XXXIV Romaxe: “Que ten o mar da Arousa meu ben”, mais non só houbo estas importantes referencias, senón unha dura crítica á contaminación da Ría por parte de certas empresas (depósitos Ferrazo) e sobre todo ao contrabando cos estragos que provocoron os narcos coa droga en xeracións de mozos de toda a comarca, rendindo unha homenaxe a todas as asociacións que loitaron e seguen a loitar contra da droga representadas na persoa de Carme Cacabelos. Agradeceu, Xabier Blanco, o condutor do acto, a colaboración de moitas entidades e persoas que, non imos lembrar aquí, mais salientaremos unha moi especial, o grupo a Quenlla que ano tras ano, acompaña a celebración. Rematando o acto coa transmisión do ramo aos de Castroverde, que nos tocará organizar a XXXV Romaxe. Daquela ide pensando en achegar ideas e colaborar. Finalizando a celebración coa interpretación e canto do Himno Galego.

Logo de xantar e despois da intervención da Quenlla pola tarde, baixamos a Vilagarcía, onde ás 18:30 h. na Igrexa conventual das M. M. Agustinas – Vista Alegre de Vilagarcía, tivo lugar o acto “Deus está conosco”, onde interviú a coral de Sobradelo, dirixida por Xesús Portas Ferro, que está celebrando os vintecinco anos. Rematado este acto, a nosa socia, Ermitas Fernández, convidou a todos os presentes a participar, como xa se dixo, na XXXV Romaxe a celebrar na Veiga do Olmo.

Saúde.
Manolo Muñiz

V ENCONTRO DE SENDEIRISMO. 24 de Setembro de 2011

09 septiembre, 2011

IRIMIANZA. SÁBADO, 10 DE SETEMBRO

Ás 8:0 0 h.: Saída de Castroverrde no lugar habitual

Ás 8:20 h.: Ronda da muralla diante de Sindicatos.

Ás 8:25 h. pola Avda. da Coruña. Parada no Restaurante Porto Fino – Parque
           da Frigsa e na gasolineira dos “claveles”.

Ás 11:00 h – 11:30 h.  no monte Xiabre na parroquia de Fontefría – Vilagarcía de Arousa

Participación nos actos e hora de volta sen precisar. Será tarde.

O xantar cada un leva o seu e comemos compartindo o que se leve.

Comunicalo antes do día 8 de setembro, no tefono habitual ou no correo electrónico, por motivos de organización de autobús.

Saúdos. Manolo Muñiz

01 septiembre, 2011

MISCELÁNEA


O meu Bergland


 Panorámica de Bergland, Sölden – Tirol

 
 
Teño para min, sempre o tiven, que as irmandades locais están na cúspide da cultura. No lugar oposto estiveron os castros, construídos maiormente, e coido que con todo fundamento, para defenderse, para esconderse, dos veciños; dos veciños, si, pero cos romanos, ante aquelas sintagmas cuadrangulares, de pouco lles serviron. Co tempo, e cun milleiro de guerras por medio, o home descubriu que mellor se está en compañía, tanto individual como colectivamente. No persoal hoxe en día padecemos unha certa crise matrimonial, pero xa se apearán da burra, desa burremia transitoria!

Fíxome moi feliz iso de que a irmandade dos Castroverde chegase a bo fin; ¡é un signo da nosa civilización! Pero na miña intimidade fáltame outra; esta é persoal: Descubrino cando fun ás mozas a Rois… ¡Rois = xunqueira, en lingua xermánica, que é igual a dicir, sueva! Benditos suevos, que lles coubo en sorte repoboar un terzo da nosa Gallaecia: Rois, Suegos…, Bergland! Así puiden casar cunha, probable, descendente, de igual raza, acumulando, sobrepoñendo, á cultura romana, extensa pero un tanto agresiva, a suavidade, o campesiñado, dos suevos.

Berg-land = terras, perspectivas, vistas montañosas. O que sinto é que os meus devanceiros se cansaran do que lles pareceu un sobrante de consoantes, e deixáronme en herdo un Berlán eslamiado, menos eufónico. ¡Que amor non lle terían á terra para plasmar na toponimia desta bisbarra, en particular do noso Castroverde, o retrato verbal, representativo dos seus matices e das súas particularidades! No meu caso concreto, facendo unha comparación co Bergland de Sölden: á esquerda, o monte de Cobula; á dereita, a Grandiña de Maxide; e de fondo, máis ben á esquerda, o grandioso, o histórico, Mons Ciro. O que nos falta, para que a comparación sexa completa, é acadar os seus habitantes, e logo que ten un dos mellores hoteis do mundo; se non en magnificencia interior, si en grandiosidade paisaxística. Tamén se parecen a nós no seu espírito migratorio, pois atopamos hoteis “Bergland” incluso no afastado Míchigan.

O dito: ¡Bendita sexa a civilización que nos leva a recoñecernos irmáns, aínda que só sexa polos nomes! Xa sei que Adán queda lonxe, e que máis ben somos primos en enésimo grado, pero tamén é certo que hai primos que se levan mellor cós irmáns.

Xosé María Gómez Vilabella
 

ACTOS DOS IRMANDAMENTOS DOS CASTROVERDES DA PENÍNSULA IBÉRICA

Asistentes dos Castroverdes á saída dos actos protocolarios, diante da Casa de Concello
 
 
BREVE RESUMO DO IV IRMANDAMENTO DOS CASTROVERDES DA PENÍNSULA IBÉRICA


Como estaba previsto no programa de Irmadamentos, arredor das 19:00 h. do día 26 de agosto a Asociación Amigos do Patrimonio e representantes políticos recibimos aos nosos amigos dos Castro Verdes da P. Ibérica. Logo de saudarnos, a nosa amiga Ana Carreira escenificou un casamento entre os Castros, agradecemos desde aquí a súa presenza neste acto.
Logo desta breve salutación e indicarlles onde ían pernoctar estes días, fomos cear ou xantar (para os de Castro de Potrugal) .
O día 27 de agosto tivo lugar o acto central de reafirmación dos lazos de Irmandamento por parte dos representantes políticos dos concellos presentes; Srs.: D. Francisco Duarte por parte da Câmara Municipal de Castro Verde,  D. Evelio en representación de Castroverde de Campos e D. Xosé María Arias en nome do noso concello. Logo de dar lectura e reafirmación deses lazos, interviron os representantes das Asociacións, Antonio Brito, por parte de Cortiçol, Sarvelio Villar, pola Asoc. Castrum Viride e un servidor (Manolo Muñiz) por parte de Amigos do Patrimonio, que fixen un pequeno resume destes encontros e agradecemento a diversas persoas, desde o Sr. Vilabella aos representantes políticos da anterior lexislatura. Comentar que antes do acto central visitamos a Torre Homenaxe da Fortaleza e o núcleo do Castroverde vello e salientar tamén a actuación antes e despois do acto do grupo Zuncurrundullo, a quen agradecemos a intervención neste acto.
Pola tarde visita á granxa Gaioso, dependente da Deputación Provincial de Lugo onde, Xosé María, o noso alcalde explicou o gando que había, desde as vacas cachenas, novillas da raza rubia ata o gando de produción de leite, nunha extensíón de 300 hectáreas, pasando pola construción de silos dos anos 1950 ata ensinarnos un tractor de 1928. Finalmente, Miguel, o Sr. veterinario da granxa, explicou a produción xenética. Agradecemos a ámbolos dous as explicacións.
A seguir visita a Lugo, algúns visitamos o centro de interpretación da muralla e logo demos un paseo por ela, subindo pola porta de Santiago e baixando polas escaleiras do Campo Castelo, pasando pola Praza Maior, visita á Rúa Nova ou dos viños e volta para Castroverde.  Depois da cea ou xantar, algúns achegámonos á festa de San Paio.
O domingo, visita á feira, asistencia ao concerto do Orfeón Lucense, coa interpretación de varias pezas, agradecer a súa presenza neste acto de Irmandamento e seguidamente xantar na Veiga do Olmo. E a partir das 18:30 h. visita a Soutomerille e Vilabade, lugares dos que gustaron os que os visitaron.
Despedidas.
Agradecer a presenza no noso Castrovserde a todos os que nos visitaron, especialmente aos que viñeron de máis lonxe e que disculpen os erros e fallos que houber, que sempre hai. Grazas tamén a todos os que colaboraron no servizo da comida na Veiga do Olmo e a todos os que participaron dun xeito ou doutro.

Saúde, Terra e Lingua. Agosto de 2011

OS ACTOS DO IRMANDAMENTO NA PRENSA GALEGA

AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE NA VI FEIRA ARTESÁN E GASTRONÓMICA