Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

29 enero, 2011

BREVE RESUME SESIÓN MONOGRÁFICA IRMANDAMENTOS (Boas Prácticas na Sociedade-Rede) Mércores, 26 DE XANEIRO DE 2011



Na mañá do mércores, 26  de xaneiro de 2011, tivo lugar este encontro arredor dos Irmandamentos, onde comenzou falando Xulio Ríos, Director do IGADI, sobre a necesidade de coñecernos máis e mellor sobre as prácticas dos Irmandamentos e, de valorar, poñer en valor as boas prácticas, deixando a un lado o negativo. Salientando que os concellos ao ser os axentes sociais máis próximos terían que ter unha relación máis forte con este tipo de actos.
Pola súa parte, Daniel González ofreceunos unha visión sobre os Irmandamentos en Galicia. Diferenciando sobre tres tipos de Irmandamentos, desde os simbólicos, pasando polos que funcionan esporadiacamente ata os máis comprometidos. Os Irmandamentos teñen unha percepción política moi baixa, unha percepción negativa.
Tendo que buscar aspectos positivos como poden ser:
-A cultura da paz.
-Intercambio lingüístico e social, entre outros moitos.

Na segunda parte da sesión, falou Xaime F. López Arias, da experiencia de Irmandamento entre Sarria e Guerlèdan, e mais concretamente, Mûr de Bretagne, que comenzou no ano 1998 e o que significou para as dúas comunidades de positivo. Dicir que asistiu o representante do Concello de Sarria, Xermán Arias, concelleiro de cultura.
Pola súa parte, Amigos do Patrimonio de Castroverde, expuxemos a nosa pequena experiencia na práctica dos Irmandamentos. Explicando como naceu o noso irmandamento cos Castro Verdes da P. Ibérica. Sendo frutífera ata este momento, aínda que faltan moitas experiencias, porque se en 2010, fixemos unha exposición de obras de arte no Catro Verde do Alentejo, este ano 2011, teriamos que intentar facer, como mínimo, un intercambio de familias cando teña lugar o Irmandamento.
Con estas ideas, rematou esta Sesión.
Saúdos. Manolo Muñiz

Miscelánea

 Vista da Igrexa Parroquial de Castroverde, 
no día da festa do Santo Patrón, o Señor Santiago


Conducir é arte ou ciencia?

Este caso pasoume na igrexa de Castroverde. ¡E despois hainos que din que esta vida é aburrida; pois non, non señor, que é variada e divertida! Estaba eu na porta da igrexa, na rolda dos asinantes, que como poñen tódolos datos, casa de tal, lugar, e todo iso, tarda en chegarnos a vez, cousa que a moitos lles importa pouco xa que adoitan quedarse fóra, pero no meu caso, se vou, é que vou! O señor de diante miña tomouse a cousa con filosofía, así que, nesta espera, non puiden evitar lerlle por encima do ombro o que estaba poñendo, que foi isto: “¡Fóisenos un condutor magnífico; parabéns á familia!”.

Eu puxen a miña dedicatoria habitual, “Co meu sentido pésame, fe, esperanza e resignación”, pero ao darme a volta observei que o precedente seguía alí mesmo, falando cun vello amigo meu. Saudeinos e permitinme facerlle esta pregunta:

-Desculpe: ¿Vostede coñecía ben ao defunto, pois eu, e iso que mediaba un certo parentesco, non sabía que fose taxista ou camioneiro…?

-¿Dio por iso de que afirmei que foi un bo condutor? ¡Pois, si señor, que por tal o teño: Que mellor condutor que este home que chegou a moito partindo de pouco, e todo con honradez? Pero máis lle digo: conduciuse a si mesmo, que xa é mérito; e logo que foi un bo esposo, bo pai e bo veciño. Un home mañoso, conversador, extrovertido… ¿Isto é conduta, ou non o é?

-Agora comprendo que lles dese os parabéns á familia, pois mandar ao Ceo un parente desta categoría é para celebralo. En canto ao de que foi apreciado polos veciños, tamén o sabía, pero nunca lle din maior mérito porque é o normal vindo de fóra; ¡xa sabe que ninguén é profeta na súa terra!

Seguimos co tema, pero non só iso, pois despois da Misa busquei ao filósofo pero xa se marchara. Pedinlle o seu teléfono ao amigo común, e estou pendente de volver a verme con aquel home, que me pracerá seguir escoitando os seus razoamentos. ¡Atopei un home, e iso que non levaba farol, como facía Diógenes cando os buscaba!

Xosé María Gómez Vilabella

Programa CEO DAS LETRAS. Os sábados de autor

 
 

Apuntes-Programación da Asociación Abrindo Camiño Ano 2011

IV XORNADAS DO PEREGRINO.
Programa- Homenaxe  ó 
ilustre escritor mindoniense-universal  
“Álvaro Cunqueiro” 
no100 Aniversario do seu nacemento.

 1ª Actividade).

Do 11 ó 13 de Febreiro.   
( en colaboración co Concello e outras asociacións de Mondoñedo).
 Xornadas Cunqueirianas: Literarias- Musicais-Gastronómicas.

Venres 11. no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo.
-Inauguración da Exposición Fotobiográfica sobre Alvaro Cunqueiro.
- Audicción de Poemas musicados do Ilustre escritor.
- Charla sobre “Cunqueiro e a Gastronomía” con degustación de productos autóctonos con D.O. : Viños da Ribeira Sacra e Queixos de San Simón, Tetilla, Cebreiro e Arzúa-Ulloa. Pan e Tarta de Mondoñedo.
Colaboran:
Xulio Xiz. Escritor e funcionario da Consellería de Cultura.
José Mouriño. Xefe do ICA da Consellería de Agricultura.
-Presentación das Xornada da Cociña Cunqueiriana: Participan 16 establecementos hoteleiros de Mondoñedo. Con preparación de aperitivos e pratos baseados nas receitas do ilustre escritor.
Domingo 13.
Ruta Cunqueiriana. Recorridos guiados polos lugares mais emblemáticos relacionados coa vida e a obra de Alvaro Cunqueiro.

Sábado 12 no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo.
Xornada Musical e Empresarial-Homenaxe a Suso Fernández (Cronista Oficial e Fillo Predilecto de Foz. Directivo da Aso. Abrindo Camiño).
-Inauguración Oficial . polo Presidente da Deputación Provincial del Lugo.
-Actuacións Musicais. Grupo de Gaitas e Pandereiteiras da Asociación “Pena do Golpe” de Mondoñedo.
Orfeón da Sociedade de Obreiros de Mondoñedo.
Escola Municipal de Música “O Pallarego” de Mondoñedo: Banda e Coral “Mestre Pacheco”.
- Proxección de Videos.
-Mesa Debate Empresarial.
-Xantar Homenaxe.

2ª Actividade).

28 de Febreiro e 1 de Marzo
Conmemoración do Pasamento de Alvaro Cunqueiro.
- Lectura dun Texto de Alvaro Cunqueiro no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo.
-Ofrenda Floral no Antigo Cemiterio.

3ª actividade).

11, 12 e 13 de Marzo.  
Participación no Congreso Internacional sobre O Camiño do Salvador. A celebrar en Oviedo e Avilés.

4ª actividade).

Meses de Abril, Maio e  Xuño.
Peregrinación polas Terras Cunqueirianas. Viaxes e recorridos a pé  por lugares relacionados coas obras do ilustre escritor.

Nas “Terras de Miranda”. Recorrido da Variante do Camiño Norte de Santiago do Interior desde Santiago de Abres  por A Pontenova, Riotorto, A Pastoriza e Meira ata o enlace co Camiño Primitivo en Lugo.
Domingo 10 de Abril
1ª etapa. Santiago de Abres- Meira 29 km.
Domingo 8 de Maio
2ª etapa. Meira- Lea 22 Km.
Domingo 12 de Xuño
3ª etapa. Lea- Lugo 20 km.

5ª actividade).

Domingo 10 de Xullo
XXI Romaría na Area Recreativa de “A Fervenza” de Viloalle- A Carón do Camiño Norte de Santiago.
-    Rota de Sendeirismo.
-    Misa na Capela da Ferrería na honrra da Virxe do Camiño.
-    Xantar Campestre de Irmandade e Actuacións Musicais.
-    Xogos Populares: Torneo da Chave e Xogos Acuáticos na Piscina Fluvial.

6ª actividade).

Sábado 16 de Xullo
Na Praza da Catedral de Mondoñedo en colaboración co Concello e Asociacións de Mondoñedo.

 “ A Noite de Merlín”. Edición Especial. Basada na obra do ilustre escritor Alvaro Cunqueiro.

Escenificacións:
- Procesión da Santa Compaña.
- As Meigas e Curandeiros.
- Prodixios do Mago Merlin.
- Resurreción do Espiritu Galego.
- Danzas e Rituais Máxicos.
- Iniciación na Orde de Merlín.
- Degustación do Brebaxe da Felicidade.
-  Actuacións Musicais.

7ª actividade).

Meses de Setembro e Outubro.
 Viaxes e Peregrinacións polas Terras Cunqueirianas.

-Viaxe a Bretaña Francesa. Rememoración das Crónicas do Sochantre.
Toma de contacto coa poboación irmanada de Treguier,  visitas e intercambios culturais.                                                                                                                                       
Datas previsibles do 1 o 9 de septembro. Desplazamento en Ferry desde Xixón.


-Nos lugares milagreiros do Bispo Santo “ San Gonzalo”.
Reivindicación e Recorrido da “Variante Maritima a Basilica de San Martiño de Mondoñedo (Foz)”. Desde Ribadeo  pola beiramar de Barreiros e Foz ata o enlace co Camiño Norte da Costa  en Mondoñedo.
Domingo 18 de Septembro.
1ª etapa. Ribadeo-Barreiros- Foz- San Martiño   30 km.
Domingo 2 de Octubre.
2ª etapa. San Martiño- Mondoñedo  25 km.

Organiza: Asociación “Abrindo Camiño” de Amigos do Camiño Norte de Santiago
Teléfonos: 982521075-639072769     email   elremansoes@yahoo.es

Músicas a Carón da Mosqueira


Todos os concertos ás 20:30 h
Entrada Libre

22 xaneiro
Concerto inaugural
SÓLO VOCES e a ORQUESTRA VIGO 430
Círculo das Artes

21 de febreiro
DÚO AGUIRRE E LEÓN
(acordeón e clarinete)
Sala E=mc2

21 de marzo
CUARTETO ARTIS ITER
(cuarteto de cordas)
Sala E=mc2

25 de abril
SOMBRAS DE ACORDES (Paula Rancaño y Jesús)
(piano e violonchelo)
Círculo das Artes

23 de maio
SEXTETO DE TROMPAS
Sala E=mc2

15 de xuño
SOAS: ROSA CEDRÓN e CRISTINA PATO
Praza de Santa María
(en caso de choiva Auditorio Gustavo Freire)
19 de decembro
Concerto Clausura
Círculo das Artes

21 enero, 2011

Miscelánea

 Cilistro, perdón!

Celestino Fernández de la Vega


1914-1986

Señor Cilistro, que tratarte de don é pouco, perdón! Perdón por poñerte tan alto, no estante digo, que deste xeito pasei anos sen verte, ata que hoxe se me ocorreu achegar unha escada para situarte en sitio apropiado, accesible. Boa a fixo ese que descubriu o principio da gravidade pois, en honor seu, e por molicie nosa, vimos colocando abaixo os volumes gordos, os de maior densidade celulósica, deixando os de alto contido, que adoitan ser máis lixeiros, para as táboas que rozan o teito.

Tiven remorsos, remorsos que foron eficaces pois hoxe achegueite a min, á miña man, e por ende, aos meus ollos. Ben sabes que me estou referindo ao teu “O segredo do humor”, un libro verde que non é apto para xente verde, inmatura. Nuns días, en penitencia, non penso facer outra cousa: pan, auga…, e volver a lerte! ¡Merécelo!
Na primeira das lecturas bautizáchesme, e tirei dela un espello que nos mostra aos galegos por dentro. ¡Fernández de la Vega e, Pasarín, apelidos oriúndos de Castroverde e da Fonsagrada, dous zumes familiares, dous “humores”, que tiñas incorporados, asimilados! Pero nesta segunda lograches que a miña confirmación fose episcopal, absoluta, ortodoxa ao cen por cen. ¡Ortodoxa, que non heterodoxa!
 
Sen dicilo expresamente, con só analizar o carácter e maila obra cervantina, ¡unha das mil análises que propós!, deixaches ben claro, coma ninguén, que iso de “… en las montañas de León tuvo lugar mi cuna…”, hai que traducilo por, “de León”, cando se outean os nosos cumes desde o chan dunha Mancha lisa e anódina, e por tanto, miope, sen soportes nin para os muíños de vento, mentres os mesmos mantos, eses mantos verdes que se forran de armiño nas nevaradas, ollados desde a Mar Tenebrosa, son…, Galicia, a Gallaecia Occidental!

Nunca dubidei de dúas cousas: de que a vexetación forma carácter, e de que a sublimación do carácter leva consigo unha fonda rebeldía fronte á adversidade. Se desa cor non fose a nosa alma, ¿seríamos trotamundos, tan correcamiños, como levamos demostrado? Afianzándome en que cus inquedos son aqueles que, tendo bo asento, tentan melloralo; asentados en mal asento, as pernas tóllense. Pero hai un certo paradoxo que me ten desconcertado: ¿Por qué os galegos, pero non só os galegos, cando nos vemos diante dunha cámara poñemos sorrisos de foto, así sexa cando somos interrogados, cando se nos pide información acerca dos dramas locais, traxedias incluídas? A miña mente tan aló non chega, así que, admirado Celestino, coa confianza que me dará este enraizamento común nas terras do verde castro, cando nos vexamos nas Alturas, cando ollemos desde Arriba esta terra da verdura, vouche preguntar por ese fallo, polo menos aparente, desconcertante, da nosa idiosincrasia.

  
Xosé María Gómez Vilabella
 

17 enero, 2011

Acto sobre Os Irmandamentos. 26 de Xaneiro na Delegación da Xunta. Intervirá M. Muñiz, da nosa Asociación

Trala investigación realizada dese 2009, a comezos deste 2010, apareceu en papel os resultados do traballo, onde tras unha investigación teórica aparece detalladamente o proceso de recollida de datos e as súas conclusións, onde a máxima é que máis da metade das irmandades establecidas desde Galicia son puramente simbólicas.

Aquí está o enlace á publicación, -Os Irmandamentos en Galicia (2009): Globalización, redes e goberno local. http://www.igadi.org/html/t_texturas.htm (A públicación é a primeira que aparece, o nº7). Dito isto, se desexan ter copia física da publicación mándenme un enderezo, e gustosamente lla faremos chegar, dado o impresincidble da súa colaboración para a elaboración do estudo de investigación.

O 26 de xaneiro haberá un Seminario monográfico en Lugo, en horario de mañá, na Delegación da Xunta de Galicia, ao cal está convidado para presentar as Boas Prácticas do seu irmandamento…
 O ACTO SERÁ NA DELEGACIÓN DA XUNTA. OS DE CASTROVERDE INTERVIREMOS ÁS 12:30 H. 


(ver máis neste blog)

Amigos do Patrimonio promove e organiza a Actividade nº 7 no CPI de Castroverde

SÁBADO, 15 DE XANEIRO DE 2011

 Diante do muiño de Mirandela
BREVE RESUME 
ROTEIRO VILACOTE-FURIS DE ABAIXO


Moi boa tarde noite!

Neste fermoso día primaveral, do sábado 15 de xaneiro, estrenamos este ano 2011 para rematar o roteiro dos muíños do Nacente; desde Vilacote a Furis de Abaixo, aos poucos metros de comezar o roteiro, sorpresa, puidemos visualizar e sufrir os destrozos da riada, da que xa falamos a semana de Reis e, que grazas ao veciños José Antonio e Pili que estaban tentado limpar o destrozo da riada,  no seu tractor, pasáronnos ao outro lado do río, a quen dámos as grazas desde aquí, logo desta pequena aventura,  puidemos seguir camiño. Este rego-río que baixa de Masoucos e Fogontelle, entre Vilacote e Riomol, tirou as paredes dun lado e outro do camiño, mentendo a parede ao propio camiño e prado colindante. 
Dito isto, dicir que a primeira parada, fixémola na igrexa de Riomol que xa temos visitado noutras ocasións e, non imos describir aquí. Agradecer a amabilidade do Sr. cura párroco, D. Jesús, quen amablemente nos amosou a igrexa de Riomol. Desde Riomol visita á capela de San Roque que pertence a  esta mesma parroquia e, desde aquí a Outeiro de Vellas para subirmos polo Monte de Outeiro desde onde hai unhas fermosas vistas de parte das Terras de Castroverde, seguidamente baixarmos a Mirandela pasando ao pé da súa igrexa, onde puidemos ver a simbiose dun castiñeiro e piñeiro, logo, baixamos ver o muíño de Mirandela ou Macía de Miranda, que puidemos visitar grazas á amabilidade da familia Macía de Miranda. Este é un muíño de cubo, de cantería, de dúas moas. De planta rectangular, ten os muros de cachotería de xisto con granito nos marcos dos ocos. A cuberta, de lousa, é a dúas augas, con trabes e cangos de madeira. Ao lado hai un alboio cuberto de lousa a unha soa auga.
 
Desde Mirandela a Furís de Abaixo, pasando por Lourentín, tendo que desviarnos do propio roteiro, debido tamén ao desbordamento doutro afluente do Río Tórdea, nesta ocasión o río que procede de Furís. Consideramos que este fermoso  val de Mirandela a Furís de Abaixo é un dos máis produtivos de Castroverde. En Furís de Abaixo tamén puidemos ver os muíños de Portela, Cantiz e Cabanela. Aquí tamén puidemos observar os destrozos da riada.
De volta, visitamos o muíño de Cabaleiros que pentence á familia Ferreiro de Riomol, a quen agradecemos a súa amabilidade para que puideramos visitar o muíño. Aquí tamén puidemos visualizar os destrozos que fixo a riada que houbo na semana pasada. Este é  un muíño de cubo, de cantería de granito, con dúas moas. Ten planta cadrada, con dúas alturas. A estrutura dos muros verticais é de cachotería de xisto e granito con marcos de cantería nos ocos. A cuberta, de lousa, é a catro augas, con trabes e cangos de madeira.
Con esta visita rematamos o percorrido deste fermoso día.
 
Saúde, Terra e Lingua. 
Manolo Muñiz

14 enero, 2011

Miscelánea

Responsabilidades bélicas do tabaco

Iso de que o tabaco é nocivo para a saúde déixollelo aos médicos; eu, aquí, e agora, nestes días de trafulca, vou lembrar a súa importancia bélica.

Sen ir lonxe: ¿Aquelas refregas do Rif serían posibles sen o tabaco e sen o haxix? Claro que non, que por algo lle permitiron a Juán Albert (Juán Marx) facerse rico. Do noso paisano, Manuel D. Benavides é esta afirmación: “Mientras no alcanzó la riqueza, Albert tuvo a gala declararse contrabandista. Convertido en millonario, renegó de su pasado”. Noutro apartado do seu libro, “El último pirata del Mediterráneo”. “Datos sobre la flota contrabandista que actuaba en el litoral levantino y en el balear. Unos setenta de estos buques pertenecían a Juán Albert o trabajaban para el”.

“El 10 de agosto (1932) Albert aún continuaba en la cárcel... Se desentendió de sus amigos, menos del médico: -¿Usted cree que el tabaco hace daño? –Los que fuman por primera vez tienen síntomas de envenenamiento: náuseas, dolores de cabeza, mareos, exaltación nerviosa, vómitos… -Eso nos ha pasado a todos de chicos”. ¡Vaia evasiva!

“Juan Albert se fugó, (¡ou lle abriron!), la cárcel de Alcalá de Henares a los diez y siete meses de prisión…”. Fora fiscal da súa causa Manuel Cordero Pérez, de Castroverde, do que pouca memoria quedou porque morreu no desterro, en parte por culpa daquel…, ¿pecado?

O Alzamento pillouno, ¡pero non o sorprendeu!, en Italia, onde os gaños do tabaco lle permitiron a “Albert” axudar á causa dos seus amigos mercando, ¡e pagándolle, de propio peto!, ao Duce, que deu o seu visto bo, uns cantos avionciños, que foron unha das primeiras pedras, das primeiras armas, da nosa guerra, ¡incivilizada! Daquela, ¿houbo responsabilidade bélica no tabaco?

O tabaco lévaas feito por activa e por pasiva. ¿Por pasiva? ¡Pois si, e para demostralo basta con lembrar que neste país, aquí mesmo, en Galicia, despois da incivil, co tabaco racionado, os nosos vellos valíanse das follas dos estalotes, iso si, ben sequiñas, e ben leadas en papel de “librillo” Jeán, para deleitarse, para supli-la nicotina con grandes doses de dixitalina! ¿Anticipoulles a morte, aumentou aquela cifra sinistra do millón de mortos? ¡Puidera ser!

¿Chegou a hora de botarlle un responso ao tabaco? ¡Non o sei, pois, bicho malo nunca morre, e se morre, resucita!

Xosé María Gómez Vilabella

11 enero, 2011

IV EDICIÓN DO CERTAME LITERARIO TERRAS DE CHAMOSO. GAÑADORES DE CASTROVERDE. Modalidade Poesía. 1º Premio: Ana Celeiro Sal. "O OUTONO"



O OUTONO



Xa se van os longos días
xa se van os días de Sol
xa se marcha o verán
levando os días de calor.

Pero chega o outono
e leva as follas con el
deixando as árbores espidas
de folliñas color mel.

Entre as follas caídas no chan
xoga unha meniña de louros cabelos
xoga coas folliñas que voan sen parar
xoga coas folliñas de tons amarelos.

Séntase ao pé dun carballo espido
chea de castañas sobre o seu vestido
cun peine dourado peitea os seus rizos
entre as castañas, follas e ourizos.

Xa é hora de marchar
o outono xa se vai
espile o seu vestido azul
e ponse de lazo unha cinta de tul.

Marcha para a casa
despide o outono
a bolsa chea de castañas
a cabeza chea de soños.


Ana Celeiro Sal

IV EDICIÓN DO CERTAME LITERARIO TERRAS DE CHAMOSO. GAÑADORES DE CASTROVERDE. Modalidade relato curto. 2º Premio: Silvia López López. "COUSAS DA VIDA, XA SABEDES... "

Casa de Laxe

 
COUSAS DA VIDA, XA SABES...


Abril de aquel ano, na clínica.

"Clínica Laxe. Expertos en Psicoloxía e Psiquiatría." Había montóns de tarxetas esparcidas polo chan nas que se anunciaba a clínica de meu pai. Debía de recollelas antes de que alquén se decatase daquel desorde. Quizais había unhas trescentas tarxetas ou máis. Cando rematei de apañalas senteime no cómodo sofá da sala de espera. Tiña sentado alí tantas outras veces... Desde que morreu miña nai, pasaba alí case todas as tardes, pois nin meu pai nin Violeta se afacían a idea de que quedase na casa soa despois das clases. Eu intentaba convencelos dicíndolles que non ía pasar nada malo e, que en caso de que iso ocurrira, os chamaría de inmediato. Pero eles nada. Aseguraban que o mellor era que fose á clínica. Alí estaría meu pai cerca e a oficina na que meses atrás traballara o Sr. Ramírez sería estupenda para facer os deberes. Violeta insistía en que deseguida me acostumaría.
Violeta era a miña madrasta. Logo de morrer mamá, meu pai ou o "caramelo", como o chamaba a súa nova muller, non perdeu o tempo. Empezou a quedar con rapazas que tiñan sete anos menos ca el ou máis aínda que, todo hai que dicilo, a min seguiume tratando coma unha reina. Por aqueles tempos, el diría que eu era a única persoa que o facía feliz, a ÚNICA. Mais eu sabía das súas quedadas. Mais adiante, xa cumprira eu os seis anos, parecía que xa se esquecera de todo o que me dixera. Coñeceu unha muller oito anos máis nova que, para o meu parecer, só estaba con el polo diñeiro. Presentárama un día de casualidade.

Xuño, seis anos antes, na casa dos Laxe.
Aquela dor de cabeza non me deixara pegar ollo en toda a noite. Serían as dúas e media da madrugada. Oía ruído, parecía que viña da pranta baixa. Aproveitando que non podía durmir e que tiña moita sede, decidín baixar abaixo. Puxen a bata de Minnie Mouse que me regalara a avoa a última vez que viñera e as pantuflas a xogo. Baixei as escaleiras ás escuras e o máis silenciosa posible, tratando de non espertar a ninguén. Ás palpas, atopei a porta da cociña, xa se oía o ruido máis preto. Entrei disposta a coller un vaso de auga ou algo que me matara a sede. Ó saír, vin que a luz do comedor estaba acesa. Abrín a porta, mais a miña sorpresa foi o ver a papá sentado á mesa ó lado dunha muller noviña da que tiña agarrada a man. No centro da mesa había un candelabro e un xarrón cunhas flores. Polo visto, estaban ceando, pero non parecía unha rea calquera. Aquilo semellaba unha escena dunha película romántica das que lle gustaban ver a mamá. Logo diso botaríanme do comedor e despois á luz da lúa bicaríanse. Estaba pasmada, non sabía o que facer así que rompín a chorar. Papá acercouse a min coa mirada que pon cando lle preocupa algo. A xove que estaba con el tamén parecía preocupada. El abrazoume con forza e estivemos uns minutos eternos así. Soltoume delicadamente e sentoume no seu colo. A rapaza sorriunos a min e a meu pai cunha desas sonrisas forzadas que pon a xente para quedar ben. Mirei para meu pai e pregunteille que pasaba, por que estaba aquela desconocida alí, por que a tiña agarrada da man, pregunteille se logo de botarme de alí se ían bicar e un sinfín de preguntas máis. Papá riuse nervioso e eu empecei a chorar de novo. El calmoume e con paciencia, explicoume cousas que como a vida son catro días, que había que aproveitalos, que por iso el botara moza... E máis cousas que naquel momento non entendín o que significaban. Presentoume a súa suposta noiva. Chamábase Violeta e parecía encantadora. Un pouco máis tarde, xa me calmara. Pero había unha cousa que aínda me aterraba.
-     Papi, ídesvos bicar ou non?
Quedáronse os dous calados un anaco.
-     Quizais. - ó oír iso, puxen cara de asustada - Ánxela, cariño, non pasa nada porque dúas persoas se biquen. Cando ti teñas quince anos, xa non tanto, doce anos ao mellor, daquela entenderalo.
Fiquei uns segundos queda. Logo saín correndo de alí.
-     Non te preocupes, entenderao — oínlle decir á tal Violeta a meu pai.
Metinme na cama, tapeime ata o nariz e probei a dormir, mais érame imposible. Fora un día, mellor dito, unha noite rara.

Seis anos despois disto, na clínica.
Recordando aquilo sentíame francamente mal.Violeta nunca me caera moi ben que se diga, eu tíñaa por unha "ladroa de pais". En vida de miña nai, papá dedicábase exclusivamente, ó noso coidado e benestar, mais con aquela arpía coa que casara facía pouco tempo todo cambiara. Logo de se casaren, ela mudouse á nosa casa. Era un desastre aquilo.
Non quería seguir pensando niso, pero... como evítalo?

7 de xullo, catro anos antes.
A pesar de todo o que lle suplicáramos a avoa e mais eu para que non casase con aquela bruxa comecartos, el non nos fixo moito caso.
Era venres pola noite. Ao día seguinte sería a cerimonia de matrimonio. Os avós viñeran dende Xinzo para pasar co seu filliño aquel día.
Durante a cea, ninguén pronunciou palabra que non fose para pedir que lle pasasen o sal. Todos estabamos ensimismados pensando no que podería dar de si o día seguinte. Eu desexaba con todas as miñas forzas que ocurrise algo, o que fose, que impedise celebrar a voda. Non só porque odiase á noiva, senón porque me estaba rigorosamente dito que debía levar o vestido rosa pomposo. Era horrible! A maioría das nenas da miña idade gustáballes ir con vestidos e faldas rosas a modo de princesas Disney, pero eu detestábaos. Máis aínda dende que vira aquel precioso pichi vermello na tenda da esquina, que ademais quedaba de perlas cuns zapatos coma os que tiña a miña amiga Sonia. Meu pai dicía que non, que aquilo era pouco para min, que debía ir moi guapa e elegante. Por causa disto discutimos unhas cantas veces... Menos mal que a avoa se poñía da miña parte, ela sí que me entendía! Así e todo, tiven que levar o vestido rosa.
Aquela sí que fora unha noite eterna!
Ao día seguinte espertei ás nove e media da mañá, e a esas hora xa estaba formado un bulicio xigante na casa. Había montóns de persoas de un lado para outro, con moita présa, que nin se paraban a saúdar. Fixeime que a maioría ían vestidos elegantemente. Papá dixera que eran os do equipo de "Tenga una boda perfecta", que viñeran dende León. Hai que ver! O que se fai por casar cunha moza...
No medio de tantas persoas de traxe e gravata eu sentíame ridícula coa miña bata de Minnie. Corrín ata a miña habitación e puxen, de mala gana, aquel absurdo vestido. Despois diso, viñera meu pai falar comigo e dixérame que esperase alí ata que alguén me chamase.
Estiven sentada na cama un bo pedazo e como vía que a espera se prolongaría aínda máis, saquei o meu osiño de peluche de debaixo das mantas. Abraceime a el e quedeime durmida.
O seguinte que recordo é a chegada de Violeta á igrexa, entre flores e aplausos. Logo, todo foi estúpidamente estúpido, sobre todo cando o señor cura os mandou bicarse. "Puaggh!", pensei.
Todo pasou moi rápido: o bico, o arroz, o banquete... Chegamos á casa moi tarde. Papá anunciou que se marcharía de lúa de mel pasados dous días.
Foi un dos peores días da miña vida. Recordareino sempre, pero con mal sabor de boca, iso seguro.

Cairo anos máis tarde, na clínica.
Intentaba esquecer aqueles recordos, mais non había sorte.
Chegou un señor duns 80 e poucos anos e sentou preto de min. Eu ventaba que ía empezar con historias da guerra, xa que as persoas da súa idade parecían non saber máis que de aquilo, así que entrei disimuladamente para a oficina que se me adxudicara para facer os deberes. A maior parte do tempo, estaba alí no ordenador, pero ó final da tarde acababa cansanda. Antes, cando aínda vivía mamá iso non ocurría. Eu esforzábame máis e sacaba mellores notas. Agora iso xa me daba igual, xa tiña lío abondo na casa, como para enredar a cabeza máis cos deberes. Ademais, meu pai non se preocupaba tanto coma miña nai polas notas. A el éralle igual o que sacara. "Ti aproba e punto", soía dicir dende que emparentou ca Violeta esa. Nunca chegara a suspender, por iso cando trouxen o meu primeiro 4,25 se montara aquel tremendísimo lío. E iso que meu pai non era preocupadizo...

Tres anos antes, na casa dos Laxe.
Aquel día chovía a cántaros, así que víñenme no bus para a casa. De camiño, viñera pensando a forma de explicadle a meu pai aquel suspenso. Non se me ocorrera ningunha escusa, polo que non quedaba outro remedio aparte de contarlle a verdade.
Entrei na casa coa carapucha do abrigo posta. Deixei a mochila tirada no recibidor e subín correndo ó meu cuarto, tratando de evitar ver a meu pai, pois cando minto pónseme a cara vermella coma a dun tomate e delátome deseguido. Corrín ó piso de arriba. Resulta, que con tan mala sorte, papá estaba baixando as escaleiras.
-     Que tal, filla?
-     Ben –intentaba ocultar o meu rostro, cousa imposible.
-     Pasou algo? Debes aprender a non poñerte colorada...- o tono burlón molestoume, e contesteille de mala uva.
-     Pois sí, mira. Primeiro, morre mamá, logo cásaste con esa bruxa e agora suspendo o exame de lingua. -choraba coma un bebé en pleno llanto.
Meu pai, quedouse atónito ante a miña resposta de "mala leche". Arrinquei de contado para o meu cuarto. Debía estar alomenos unha media hora tumbada boca arriba reflexionando sobre todo o que me ocurrira nos últimos meses. Moito pensei.
Ao cabo duns minutos subiu papá a consolarme e a tratar de obter algunha explicación do meu estado de ánimo. A pesar da charla que me botou, seguía sen encontrarme mellor.
-     Papá, por favor, déixame soa un cacho.
-     Filla..., - meditou o que ía dicir – medras moi rápido.
Ante esta resposta, calei. Xa cando se foi papá, empecei a deseñar un plan. A verdade é que non me convencía demasiado facer aquela artimaña, pero non podía seguir así. Por un lado, meu pai dábame pena, pero polo outro... Que viva a independencia! Canto máis lonxe daquela arpía, moito mellor.
Papel e lapis en man, comecei a redactar dúas cartas. A primeira sería para a miña avoa. Sabendo que ela a ía entender, quería pedirlle que me acollera na súa casa durante un tempo. Estaba segura de que recibiría un "por suposto" como resposta. A outra era para papá. Máis ca unha carta, era... non sei... O que se soe poñer no frigorífico cando alguén se marcha de improvisto da casa nunha desas películas americanas.
"Papá, sei que isto che vai doer por iso cho vou dicir rápida, clara e sutilmente. Non me gusta nada a nosa situación (arpía na casa, pouco tempo para nós...), así que decidín marcharme da casa. Non me busques porque non volverei ata que esto cambie. Eu non te quero forzar enténdeme.
Adeus, ou mellor, ata logo. Un bico"
Sabía que aquilo era unha tolaría, pero tiña que facelo. Agora só quedaba esperar a que a avoa recibise a carta e viñese a por min ás agachadas.

Tres anos despois, na clínica.
Cada vez que pensaba no que se me ocorrera... Ai, mamaíña querida! Éche boa verdade que a deseperación manda en ti. A pesar de todo o que e me esforzara para poder marchar da casa, a avoa decepcionoume e non me agochou. Esa é outra historia longa, pero xa vola contarei outro día. O caso é que quedei na casa martiri­zándome.
Outros dos problemas que teño con Violeta é a intimidade. É que non pode entender que unha adolescente coma min quere, debe e ten que ter privacidade? Dende logo que non, non o entende.

Un mes e pico antes, de camiño á casa dos Laxe.
Íamos Violeta e eu pola rúa de volta á casa. Fórame buscar ó instituto despois de clase. Aínda que facía bas­tante frío íamos distanciadas, sen apegarnos en ningún momento. Ela falaba todo o tempo e eu o único que facía era darlle sempre a razón, coma ós tontos.
-     Dalle a martabela, dalle, muller– pensaba para min.
-     E acórdaste do día que fumos ó zoo? Que ben o pasamos! Bla, bla, bla...
Chegamos á casa esterrecidas co frío ambiente. Eu, coma de costume, subía ó meu cuarto antes de que a miña madrasta me levase para a oficina de meu pai. Abría o peto que había agochado no coxín e saquei o meu diario. Abrino polo medio e empecei a escribir mentras escoitaba un CD que me deixara Sonia. Tiña a música tan alta que non me decatei de que Violeta entrara na habitación.
-    Ánxela, cariño, podes baixar o volume? - berrou con voz de pita, a que ten, por suposto. Obedecín de inmediato, pois non quería máis leas con ela. Seguía escribindo coma se nada, pero máis afas­tada e tapando disimuladamente a folla.
-     Filliña...
-     Non son a túa filliña, xa cho dixen! - interrompina de mala leche. Con isto contradizco o que dixen antes en canto o de que non quería leas mais era imposible calar pestes casos.
-     De acordo, de acordo, perdoa. Eu quería falarche de algo serio – isto pilloume por sorpresa – Mira, creo que te estás obsesionando con eso dos noivos. Parece que queres moito a ese tal... como se cha­maba? Manuel? Non, Rubén, si. Bueno, o caso é que non debes obsesionarte tanto porque hoxe en día...
-     Quen che dixo a ti que me gustaba Rubén? - volvina a interromper de novo.
-     Bueno..., o outro día entrei aquí e vin de casualidade que o tau coxín tiña un peto. Abrino e... - Como!? De casualidade, si, seguro... Nada é de casualidade vindo de ti, bruxa asquerosa. Líchesme os meus sagredos! As miñas confidencias! Paréceche iso casualidade? A min desde logo que non. Eres unha apestosa arpía! Non sei como papá foi tan inxenuo... -esta é outra desas ocasións nas que e imposible calar. Isto era o colmo!
Saín do cuarto cun golpe na porta (solo facer isto cando estou moi enfadada e quero que se me note). Boteime a andar pola rúa e regresei á hora de cear, xa ben tarde. Non quixen dar explicacións. "Xa a poñerei verde mañá", pensei.

Un mes e pico despois.
Case sempre intentaba evitar problemas con aquela mala persona, sobre todo dende que papá nos botara aquela charla (según el ás dúas, pero eu sigo dicindo que ía dirixida só a min), pero despois diso..., non, xa non a aturaría máis. Tíñame que desfacer dela como fora. Era insoportable! E encima semellaba que o pasaba ben facendo das súas.
Agora recordando aquilo, venme á cabeza un fragmento dun libro que lera facía uns meses e decidín seguir os mesmos pasos co protagonista e enfrontarme ós problemas cara a cara, a pesar de que meu pai dicía que "non hai vida igual á película". Ao día seguinte falaría con meu pai, reuniría a canta xente fixese falta e acabaría dunha vez por todas con aquela muller do....
Debería pensar un pouco en como "actuaría" pero non tiña tempo, tiña que ser xa. Estaba decidido!

A semana seguinte na casa dos Laxe.
-     Papá, teño que falar contigo a soas, por favor.
-     Vou, espera, déixame acabar de ler o artigo do xornal – isto matábame! - María, paréceche normal? Queren aprobar a lei esta da que falaban o nutro día. Están tolos. -estas discusións coa asistenta da limpeza eran moi habituais os domingos pola mañá.- Xa está, filla, xa está. Imos para a sala. A ver, que é iso do que me tes que falar? - falaba mentres remataba o café. Ti sabes das miñas rifas con Violeta, non si? Bueno, pois resulta.... - conteille todo seguido, só me interrompía de vez en cando para aclarar cousas e demais. Solteille absolutamente todo, todo!
Cando rematei, papá estaba perplexo. Acaso non cría que unha mociña coma min puidese levar a cabo unha investigación (eso si, coa axuda da tía Margarida, a avogada) e delatase a unha comecartos que xa fixo sufrir a máis dun honre? Anda, ho!
O tema é que meu pai convenceuse de todo o que eu lle dixera durante estes anos. Deume as grazas e todo. Si, si. Botoume outra das súas típicas engorrosas charlas dándome as grazas por facerlle abrir os ollos e que lle perdoara por non confiar en min e non sei cantas outras cousas máis.
Pasou o día coma se nada, pero habíase enterar aquela tragadiñeiro de quen son os da familia Laxe!

Dous meses máis tarde, na casa dos Laxe.
Mentres ceábamos, xa sen Violeta entre nós, comentábamos o xuízo.
-     Papá, a que a irmá de Violetarosavermellaverdeazul ou como se chame traballaba na tenda da rúa Manciñeiras?
-     Si, si que traballaba.
-     Ves, María? Tiña eu razón! - dixen burlándome de María, só en broma.
-     Tiñas, muller, tiñas, pero xa verás como che hei gañar eu despois ó axedrez?
-     Non, non te fagas ilusións... -botei unha gargallada e logo rimos todos xuntos. Calei, pensativa –Cada vez que o penso..., que ben lle estuvo, ho! Habíanlle de poñer polo menos uns trinta anos de traballos comunitarios, non só tres. Había que vela sufrir!
-     Estalle ben, si. A verdade é que a xuíza mostrouse bastante comprensiva pola nosa parte.
-     Home! Pero Sr. Laxe, así e todo non sei como se puido deixar enganar tan facilmente. Non o entendo.
-     Cousas da vida, xa sabes – volvemos rir todos, aínda que esta vez máis forzosamente – Quen se vén ó cine ver unha película?


Silvia López López

IV EDICIÓN DO CERTAME LITERARIO TERRAS DE CHAMOSO. GAÑADORES DE CASTROVERDE. Modalidade relato curto. Accésit: Andrea Varela Díaz. "O TRASNO DO MONTE PATUCO"







09 enero, 2011

Choivas torrenciais no noroeste peninsular. Castroverde un dos concellos lucenses máis afectados

Desbordamento do Chamoso ao seu paso por Bolaño, en Castroverde

"As choivas torrenciais deixan unha riada de danos cuantiosos na provincia, con catro pontes destruídas en Marei (O Corgo), A Pobra de San Xiao e dúas en Baleira, e innumerables danos en Portomarín, Castroverde e O Corgo.
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
En Castroverde a choiva torrencial afundiu a estrada entre Goi e Tórdea e causou importantes danos nas pontes de Mirandela, Furís e Miranda. "

Ver nova enteira no PROGRESO:
O temporal deixa unha riada de danos e hoxe entra outra fronte 
08/01/2011 - El Progreso (Lugo)
Reportaxe das inundacións de Castroverde, no albume do blog
:

Amigos do Patrimonio de Castroverde na Voz de Galicia

     En Castroverde seguen pola senda

Os Amigos do Patrimonio fixeron balance do ano pasado e programaron as actividades para o 2011, período no que manterán os habituais «roteiros»
Autor: B. Lázare
Localidade: lugo/a voz.
Data de publicación: 5/1/2011
A Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde conseguiu pechar o 2010 con actividades todos os meses ata totalizar varias decenas, o que constitúe un motivo de satisfacción, segundo considera o seu presidente, Manolo Muñiz. O colectivo realizou o balance do exercicio recentemente rematado á vez que estableceu as directrices xerais e a programación fixa para o actual, mantendo a mesma liña e prestando especial atención ás convocatorias que tiveron unha mellor resposta por parte dos socios e do público.
..................
 (ver máis)

"Os Irmandamentos en Galicia (2009): Globalización, redes e goberno local." O 26 de xaneiro haberá un Seminario monográfico en Lugo, en horario de mañán, na Delegación da Xunta de Galicia

Boas :

O primeiro será presentarme, son Daniel González, traballador do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).

Trala investigación realizada dese 2009, a comezos deste 2010, apareceu en papel os resultados do traballo, onde tras unha investigación teórica aparece detalladamente o proceso de recollida de datos e as súas conclusións, onde a máxima é que máis da metade das irmandades establecidas desde Galicia son puramente simbólicas.

Aquí está o enlace á publicación, -Os Irmandamentos en Galicia (2009): Globalización, redes e goberno local. http://www.igadi.org/html/t_texturas.htm (A públicación é a primeira que aparece, o nº7). Dito isto, se desexan ter copia física da publicación mándenme un enderezo, e gustosamente lla faremos chegar, dado o impresincidble da súa colaboración para a elaboración do estudo de investigación.

O 26 de xaneiro haberá un Seminario monográfico en Lugo, en horario de mañán, na Delegación da Xunta de Galicia, ao cal está convidado para presentar as Boas Prácticas do seu irmandamento…

Sen máis, saúdos e moitas gracias pola atención.
Pd: e moi feliz ano 2011 (¡¡¡)
Daniel González Palau
Área de Sensibilización.
IGADI- (Secretaría Técnica do Fondo Galego)
Avda. Joselín, 7- Portal 3- 4B, 36300
Baiona- Pontevedra
Telf./Fax.- 986-357-238
www.fondogalego.org

06 enero, 2011

APOIO A PEPE EL FERREIRO DE GRANDAS DE SALIME

Estimados amigos:

De nuevo hacemos un llamamiento a las asociaciones para que nos apoyéis con vuestra presencia el próximo día 30 de enero en la manifestación que hemos convocado en Grandas de Salime.

Ahora, cuando se cumple un año de la ignominiosa y vergonzante de la destitución de José Naveiras, saldremos de nuevo a la calle para recordarle a la casta política dirigente que , ni olvidamos, ni perdonamos, y que nuestra lucha por la dignidad sigue estando muy presente en nuestros corazones y, por ende, en nuestros actos.

Os envío el cartel para que le deis la máxima difusión posible y para que, si vuestra asociación lo desea, os paséis por Grandas el día 30 apoyando al Ferreiro y demostrando que nuestra lucha contra la injusticia sigue viva.

Recibid un fuerte abrazo
Plataforma de Apoyo a Pepe el Ferreiro

03 enero, 2011

CONTINUACIÓN ROTEIRO MUÍÑOS DO NACENTE. SÁBADO, 15 DE XANEIRO DE 2011

Muiño de Cabaleiros
VILACOTE-RIOMOL-OUTEIRO DE VELLAS-MIRANDELA-FURÍS

Por diversas circunstancias, cambiamos do segundo sábado para o terceiro.

Continuando co roteiro dos muíños do nacente, en novembro de 2010 fixeramos a metade do percorrido, así que corresponde ir desde Vilacote a Furís, é un traxecto curto (8 ou 9 quilómetros), mais poderemos visitar varios muíños; o de Cabaleiros en Riomol, o de Mirandela e os muíños de Furís.

Saída ás 10.00 h. de Castroverde.

Logo da camiñata e visita aos muíños, comeremos nun restaurante da zona.
O Xantar será cocido. Prezo 26 € (Pódese vir camiñar e non hai porque quedarse a comer) 
O roteiro penso que merece a pena, sobre todo se temos bo día.
Levar calzado axeitado, hai zonas con auga e lama.
Comunicalo antes do día 11 de xaneiro, no telefono habitual ou no correo electrónico.

Bo comenzo de ano.
Saúdos. 
Manolo Muñiz