Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

28 noviembre, 2010

MISCELÁNEA

O agradecemento


Aínda que o escriba un de Castroverde, non vai dedicado aos nenos de Castroverde, senón ofrecido…, por se vén nestas reflexións algo que sexa útil, ou que poida aproveitarse como estimulo nestes días críticos.

-.-

Unha vantaxe que teñen as crises socio económicas, igual que pasa cos invernos, é que…, invitan a reflexionar! Pero nesta re-flexión, coido que nos paramos pouco na cousa do agradecemento.

O agradecemento é unha virtude retrógrada, xeralmente inversa, xa que a goza máis o que dá que o que recibe. Aquel que dá algo, aquel que obsequia, aquel que se desprende dunha cousa valiosa, ese tal séntese feliz con só imaxinar a felicidade que lle proporcionará ao receptor apropiarse do que non tivo que suar, nin suar nin padecer ou molestarse para crealo, para telo, para darse a conseguinte satisfacción.

Deus, cando creou o mundo, bendiciu o sétimo día e consagrouno; gustoulle a súa creación, e en vista de que era cousa boa decidiu crear un home, darlle unha compañeira, tal e como fixera cos animais, ofrecéndolles nada menos que o goce do seu edén. O Creador, o Dador, sentiuse feliz coa dádiva, pero a Humanidade, con ou sen consello da serpe, quixo máis! Presentouse insatisfeita e desagradecida.

Pois ben, se iso lle pasou ao propio Deus, ¿que non será entre nós, cos nosos iguais? Xa o entreviron os romanos, tan pragmáticos eles, co seu “Do ut des!”. ¡Douche, si, pero…, para que me deas!

Esta sede, esta secura, esta apetencia por recepcionar, por recibir, é universal; o agradecemento, algo menos.

Cando unha nai lle dá o peito á súa criatura, a pouco que nos fixemos nela resultaranos contaxiosa a súa emoción co bebé; se lle fose posible non só lle daría a mamila senón o corpo enteiro. Seguidamente upa o neno para que expulse o ar, para que se quede coa parte útil. Este sería o momento de decepcionarse pois os nenos adoitan durmirse a continuación, de inmediato, sen formular un ricto de agradecemento, pero a nai dáse por satisfeita coa propia, coa íntima satisfacción da súa entrega, do deber cumprido.

Van Gogh só vendeu un cadro en vida; de morto, só logran compralos os potentados. ¿Cabe un desagradecemento meirande? Coa maior parte dos escritores pasa o mesmo, que só lles agradecemos as ensinanzas a posteriori, ás veces cando están desfasadas, ou en transo de tal, cando corresponden a un contexto periclitado.

Os fillos teñen, ou temos, o costume de preitear pola herdanza, pero en vida dos pais coido que non son maioría aqueles que lles dan a satisfacción de dicirlles, de recoñecerlles: “Meu pai/miña nai, moito vos sacrificastes por nós, moitas privacións tivestes que pasar para chegar ao que chegastes partindo de tan pouco!”.

Limitándonos ou concretando os logros culturais, se fósemos agradecidos recoñeceríamos que desde a Cova da Valiña para acó moito leva matinado e perfeccionado o homo sapiens, pois aínda se asombran os avós cos estudos dos seus netos, para canto máis aqueles primitivos que se emocionaron co descubrimento do lume e co da roda. De postos a contemplar os avances obtidos desde a prehistoria teríannos por semideuses. ¿Agradecemos aos antepasados semellante esforzo para chegar á situación actual? Sospeito que o farán poucos, e se cadra celebrarano os menos favorecidos pois adoita ocorrer que somos máis sensibles para o pouco que para o moito, como se o moito, o grande, o importante, desbordase a nosa capacidade de coñecemento e de recoñecemento.

En definitiva, que incluso somos racas na fórmula de da-las grazas xa que se comezou dicindo, “Grazas a Deus”, para caer na abreviación dun “Grazas” a secas. Igual pasou co, “A Deus te encomendo”, que o reducimos ao simple Adeus.

Estes días está de moda exculparse e botarlle culpas ao próximo:

Aos Bancos porque, co diñeiro baixo, buscaron altos rendementos sobrevalorando os pisos para que as hipotecas fosen grandes, e por conseguinte rendibles, case ad infinitum!

Aos pais porque, cansos de ternos nas casas, a mesa e manteis, aconselláronos botar en piso propio, anticipándonos a herdanza, en lugar de gastala connosco para aguantarnos e soportarnos!

Aos promotores por non dedicarse a montar fábricas en lugar de ascensores, que así poderíamos venderlle á China en vez de comprarlle!

Aos sucesivos gobernos por deixar entra-los “caiucos”, habendo negros dabondo no país, neste país xa de vello tan recastado e tan…, inconformista!

Etcétera, etcétera.

¿Queda demostrado que o agradecemento é de natureza inversa? ¡Para min, si!

Xosé María Gómez Vilabella

Proxecto de cooperación interterritorial “Nuevos Horizontes”

O proxecto de cooperación interterritorial “Nuevos Horizontes” no que estamos a participar, abríusenos a posibilidade de colaborar noutro emprendido polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (C.I.A.M.) xunto coa empresa Calfensa Proyectos S.L..

Este novo proxecto consiste no apoio á produción de Trigo Autóctono, en concreto da variedade Callobre.

Debido ao interese mostrado polo C.I.A.M. e Calfensa en promover a produción de Trigo Callobre no territorio de actuación da Asociación Terras de Lugo, suxerímoslles que sería interesante manter unha xuntanza informativa sobre as características do proxecto cos nosos socios/as e particulares que poden estar dispostos/as a levar adiante o seu cultivo.

É por isto que nos comprace invitarvos a dita reunión, que terá lugar o mércores día 1 de decembro de 2010 ás 17:00 horas, na nosa sede administrativa de Orbazai (Lg. Torre nº1, San Miguel de Orbazai- 27297- Lugo).

Gustaríanos que comunicarades a vosa asistencia antes de este día, ben por correo electrónico (terrasdelugo@gmail.com) ou ben nos números de teléfono 982.228.922 e 626.014.105 (os que tamén podedes empregar para consultar calquer dúbida).

Agardando a vosa presenza, recibide un cordial saúdo.

(ver máis)

GDR-4 "Asociación Terras de Lugo"

Torre nº1; San Miguel de Orbazai-27297 (Lugo)
Teléfono fixo: 982.22.89.22
Teléfono móbil: 626.01.41.05

22 noviembre, 2010

CONVITE À EXPOSICIÓN E ARTIGO SOBRE "BALDO" PESTANA NO XORNAL "O PAÍS"


Mércores, 1 de Decembro
20:00 h

Sala de Exposicións do Centro Social Caixanova de Vigo
c/ Policarpo Sanz, 13, VIGO


Baldomero Pestana, na casa familiar de Bascuas (Lugo).- XOSÉ MARRA

Preme aquí para ver o artículo no diario "O País"

Páxina web do artista da imaxe, nado en Castroverde, Baldomero Pestana


21 noviembre, 2010

Limpeza duns trescentos metros do Camiño Primitivo entre as parroquias de Vilouriz e Vilamaior.



Nun día chuvioso deste sábado 20 de San Martiño, o Foro do Camiño Primitivo, no que está tamén Amigos do Patrimonio, iniciou a limpeza dese treito de Camiño entre as dúas parroquias arriba indicadas, para denunciar que nos últimos meses se veu investindo cuantiosos fondos públicos na consolidación dun longo desvío falsificado do itinerario histórico da rota xacobea mediante a apertura artificial dunha estrada e o seu afirmado con varias toneladas de grava, así como a colocación de fitos de formigón para o desprazamento dos peregrinos, no canto de se esmerar na conservación do vieiro orixinario e milenario da vía primitiva a Compostela, a variante máis antiga do Camiño Francés.
A actividade que se comezou a desenvolver neste sábado non se puido rematar, agardando que se poida realizar en vindeiras datas. A rota xacobea ía polo lugar da Pena Ferrada, emblemática rocha cargada de simboloxía na memoria oral da Terra de Melide, descendendo a media ladeira cara poñente polo monte da Pedrosa, deica a ponte medieval de Xancabo sobre o río Lagares. Dicir que este camiño está cortado, en primeiro lugar por unha cancela que pecha unha finca e continuando atrancado por un valado de pedra e terra, mais pasado ese valado a traza do camiño está perfectamente visible, volvendo quedar interrompido por outro valado ao fondo do monte da Pedrosa. É incrible, impensable como se foron usurpando treitos desta milenaria rota, comentar que isto mesmo pasa entre Báscuas e Manzoi, ou no lugar de San Xoán do Alto, ámbolos dous itinerarios no concello de Lugo. Como é posible, que ninguén faga caso destas actuacións e que teñan que ser as asociacións as que acatúen e denuncien estas casos!!!
Pola tarde visita á Aula da Natureza no concello de Toques, quen nos dera ter en Castroverde algo parecido e, pola noite magosto na Eira da Xoana, encantadora casa que ten a Asociación ADEGA, na parroquia de Ramil na Golada.

Saúde
Manolo Muñiz

POLAFÍA NA FONSAGRADA


UNHA POLAVILA NO MUSEO

Coa participación de tocadores de trompa
(Emilio do Pando, César Fernández e Daniel do Pando),
tocadores de gaita
(Manuel Fernández e Marta Álvarez),
narradores orais
(Antonio Fernández “Paradiñas”, Manuel de Candelos, Manuel de Seoane e Pacífico Pardo),
con Xía Arias, Isidro Novo,
bailadores da Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros,
e outras veciñas e veciños co seu saber contar e cantar.

Museo Comarcal da Fonsagrada
Sábado, 20 de novembro,
ás 6,30 da tarde
ENTRADA LIBRE

Organiza:
AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega)
Patrocina:
Área de Cultura da Deputación de Lugo, Vicepresidencia primeira.
Colaboran:
Museo Comarcal da Fonsagrada e Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros
_____________________________________________

Qué son as polafías?

Unha aposta da AELG a prol da literatura galega de tradición oral.

As polafías son un proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,...) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores...etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.

EN TEMPO DE MAGOSTOS: NOMES E DITOS DA CASTAÑA



Os galegos de hoxe....

A ver, por exemplo, qué rapaces con menos de vinte anos ás costas saben dicir qué son:

as castañas bolercas
(as que non se lograron),
os restrelos, bagutos ou degaros

(castañas que se desprenden do ourizo espontáneamente),

un bulló

(castaña cocida sen pel ou asada e debullada),

mamotas, mamudas, zamelos ou zonchos

(castañas cocidas coa pel)

as maiolas ou maias
(castañas secas, sen pel),
a castañeira

(tempo no que se recollen as castañas),

soutar

(apaña-las castañas que caen dos castiñeiros),
unha corripa ou ouriceira
(morea de ourizos con castañas e lugar onde se depositan estes para logo debullalos),

a puxa da castaña
(casca da castaña seca),

qué significa auga de castañas
(chuvia miúda),
darlle a un a castaña

(enganalo),

sacarlle as castañas do lume
alguén

(solucionarlle unha dificultade),

ou qué tempo lle acae á castaña para ben medrar
(en agosto arder, en setembro beber: é un refrán) .


¿E apetece unha cantiga?

A castaña no ourizo,
eu ben sei como ela fai:
des que pinta madúrece, desque madúrece cae.


COMUNICADO DE CONSUELO DE ESPASANDE

ESTAMOS FACENDO UN CURSO DE PINTURA (ACRÍLICO SOBRE LENZO) NA ESCOLA DE ESPASANDE, OS VENRES DE 4 A 6. IMPÁRTEO A TENDA DE MANUALIDADES "PEPA", POR SE A ALGUÉN LLE PODE INTERESAR.

OS DOMINGOS TEMOS BAILE DE SALÓN, DE 21:30 A 23:30 H., TAMÉN NA ESCOLA.

COMUNÍCOVOS ASÍ MESMO QUE SOLICITAMOS Á DIPUTACIÓN UNHA VISITA DAS DO "KM 0" Á OLERÍA DE BONXE E Á FONSAGRADA; CONCEDÉRONNOLA PARA O 27 DE XANEIRO, CREO QUE É UN XOVES, ASÍ QUE IMOS TER MOI POUCA CONCURRENCIA. HAI COMO MÁXIMO 48 PRAZAS, ASÍ QUE PÓDESLLO COMUNICAR A QUEN LLE INTERESE. TÉÑENNOS QUE FACILITAR NOME, APELIDOS E DNI , POLO MENOS CON 15 DÍAS DE ANTELACIÓN Á VIAXE. É GRATUITA E INCLÚE O XANTAR.

16 noviembre, 2010

Miscelánea


Vieiros pedagóxicos


Acabo de regresar de Castroverde, e vin todo o traxecto, ata a mesma Coruña, dándolle grazas a Deus polos soutos de castiros que deixei atrás. ¡Laus tibi, Chistie, pois, con castañas, as crises son máis curtas!

No resto da provincia, a transición: dos castiñeiros descendemos aos bidueiros! E os salgueiros rematan no monte deles, en Montesalgueiro, que de aí para abaixo deixa de ser Galicia… ¿Que, cómo, por qué…? ¡Cuestión de xeografía: desde Montesalgueiro ao mar é Australia, o país dos eucaliptais!

¿Do están aquelas hortas de Betanzos que, en paralelo coas castañas, tanta fame levan quitado? Houbo unha transición: primeiro dedicáronas a lúpulo, esas bendicións que lle botan á cervexa; e seguidamente, xa que España era unha, grande e libre, ¡liberdade produtiva! ¡Eucaliptol para os catarros, que non hai mellor cura cós seus bafos! O estómago é o de menos, pois o importante son esas catarreiras que se collen co trasnoite do botellón.

Pero veu esta crise socio económica, ¡e menos mal que nos colleu coa moda dos fillos únicos! Para máis alivio, separacións a embute. ¿Por onde comezamos nesta reconversión? Oínllo a unha Mestra de aquí da Coruña:

-Como escasea o traballo, e máis aínda as ganas de traballar, eu, na escola, en vez da táboa de multiplicar, en vista de que non queda outra saída que a de facerse avogados para opositar á Xunta, aos parvuliños ensínolles o Código Civil, ¡para que aprendan a preitear e a dividir! Comezo, pedagoxicamente, polo seu art. 1º, que é o das “Fuentes del derecho”: “Las fuentes del ordenamiento jurídico español son la ley, la costumbre y los principios generales del derecho…”

Doulle a razón, en case todo; en todo, non, pois tamén é costume iso de comer, e que eu saiba o eucaliptol non é comestible!

Xosé María Gómez Vilabella

15 noviembre, 2010


VOLUNTARIADO PARA A RECUPERACIÓN DO CAMIÑO PRIMITIVO EN TOQUES (A CORUÑA)


Toques, a 16 de novembro de 2010.-

Voluntarios de ADEGA e as asociacións constituíntes do Foro do Camiño Primitivo, en colaboración co Concello de Toques e veciños da comarca, promoven para o sábado día 20 de novembro unha actividade de campo consistente na recuperación e sinalización dun treito da calzada histórica do Camiño de Santiago no Concello de Toques (A Coruña).

A programación urxente de ditos traballos prodúcese como resposta á calamitosa actuación oficial do Xacobeo que nos últimos meses veu investindo cuantiosos fondos públicos na consolidación dun longo desvío falsificado do itinerario histórico da rota xacobea mediante a apertura artificial dunha estrada e o seu afirmado con varias toneladas de grava, así como a colocación de fitos de formigón para o desprazamento dos peregrinos, no canto de se esmerar na conservación do vieiro orixinario e milenario da vía primitiva a Compostela, a variante máis antiga do Camiño Francés.

A actividade desenvolverase o sábado día 20 nun treito duns 300 metros entre as parroquias de Santiago de Vilouriz e de Vilamor, coincidindo co lugar da Pena Ferrada, emblemática rocha cargada de simboloxía na memoria oral da Terra de Melide, descendendo a media ladeira cara poñente polo monte da Pedrosa, deica a ponte medieval de Xancabo sobre o río Lagares, e incluirá labores de limpeza da calzada e as súas marxes, roza, poda de árbores a carón e restauración do paso para os camiñantes seguindo as pegadas históricas e as rodeiras dos carros do país.
O grupo de voluntarios e voluntarias partirá as 11.00 horas desde a Praza do Convento do Concello de Melide cara ao lugar de actuación. Para participar é preciso chamar previamente ao 982240299 ou 638475322.

Actuación oportuna
Esta actuación “in situ” que pretende reafirmar dun xeito práctico o principio fundamental, segundo o cal, debe ser o rigor histórico quen determine legalmente a delimitación oficial das rotas con recoñecemento documental, concretándose tecnicamente a realidade xeográfica e autenticidade de cada tramo (criterio esencial na súa declaración como patrimonio mundial pola UNESCO), coincide coa exposición ao público do expediente de delimitación do Camiño Francés.

Con esta actuación, os colectivos participantes poñen de manifesto que non permitirán novas adulteracións do itinerario físico nos camiños históricos, nin a creación de vías alternativas sen o necesario aval científico ou a postergación da calzada primitiva, lembrando que estes feitos veñen precedidos polo gravísimo atentado que no seu día destruíu o camiño empedrado nas inmediacións da Pena Ferrada (pola Leira das Calzadas e O Francés), debido ás obras de apertura dunha estrada por este mesmo itinerario, aproveitando fondos europeos do Plan Leader Plus Portodemouros para destruír o patrimonio camiñeiro, iniciativa bochornosa que foi responsabilidade do anterior equipo de goberno do Concello de Toques e do seu ex-alcalde.

A todo isto súmase a satisfacción pola recente sentenza do Tribunal Supremo contra o proxecto de explotación dunha mina promovida pola empresa Cuarzos Industriales S. A. nos lugares de Merlán e Hospital do territorio histórico do Camiño Primitivo ás portas da Terra de Melide, facendo prevalecer a tutela do medio ambiente e a defensa da cultura sobre os intereses especulativos, resolución que consideramos exemplarizante.

ROTEIRO E MAGOSTO
Xa pola tarde, ADEGA e o Foro do Camiño Primitivo visitarán a Aula da Natureza de Souto e realizarán un roteiro polo Camiño Primitivo a través do “Marco do Careón”, situado no límite da Dorsal galega entre Toques e Palas de Rei.

A xornada rematará cun magosto na Eira da Xoana, centro de recuperación da cultura popular de ADEGA, situado na parroquia de Ramil (Concello de Agolada), no que ademais das castañas, se poderán degustar empadas e queixos da zona e se gozará da música tradicional Xornada etnográfica e de lecer no Alto Ulla.

-RECUPERACIÓN dun treito do Camiño Primitivo en Toques.
-ROTEIRO pola Vía Primitiva no Marco do Careón.
-MAGOSTO na Eira da Xoana.

PROGRAMA

Sábado, 20 novembro
11.00 h.
Recibimento dos participantes na “Praza do convento” de Melide e saída cara o lugar dos

traballos, na paroquia de Vilamor (Toques).
Tarefas: desbrote, limpeza da calzada, eliminación de atrancos da calzada, pequenas podas,
sinalización do itinerario clásico con frechas amarelas, colocación de rótulos informativos.
14.00 h.
Xantar: cadaquén pode levar o seu xantar ou comer na Tarberna “O Carburo” de

Vilamor, ao pé do Camiño Primitivo.
15.00 h.
Visita á “Aula da Natureza” de Souto.

15.30 h.
Roteiro polo Camiño Primitivo até o Marco do Careón, no límite da “dorsal galega”

entre Toques e Palas de Rei.
17.00 h.
Trasladámonos á Eira da Xoana (Ramil-Agolada), onde celebraremos o magosto

con castañas, empadas e queixo da zona, rematando con actuacións musicais xa pola noitiña.

NOTAS.- * Traer calzado axeitado, ganas de traballar, camiñar e farrear. Quen poida que traia

tamén unha fouce. E quen queira pode traer tamén o seu instrumento musical e... non vos
preocupedes polo bo humor: pómolo entre todas e todos.

*Aportación solidaria para o Magosto: 5 € ( socios: 3 €).


PARA PARTICIPAR EN CALQUERA DAS ACTIVIDADES CHAMAR ANTES DO XOVES

18 AO: 638475322, ou 982240299.
Organizan:
ADEGA e Foro do Camiño primitivo
.

RESUME DO ROTEIRO DO 13 DE NOVEMBRO


ROTEIRO RODINSO- MIRADOIRO OU O PRADAIRO – CRUZ DE PEDRA – MASOUCOS –
MUÍÑO DE DOURADO -VILACOTE



Nesta mañá de San Martiño, realizamos a primeira metade, aproximadamente, do roteiro dos Muíños do Nacente, como dicimos arriba desde Rodinso a Vilacote.
A subida desde Rodinso á Vacariza ao pé dos muíños de vento, merece a pena facela aínda que só sexa polas vistas sobre as terras de Castroverde, Lugo, O Pármo e Sarria... Logo achegámonos ao Miradoiro desde onde se pode contemplar grande parte da provincia de Lugo e parte de A Coruña.
Desde aquí descendemos camiño da Cruz de Pedra, onde un pequeno traxecto coincide este roteiro co Camiño Primitivo. Desde a Cruz de Pedra, por certo oculta pola maleza, ata Masoucos, onde puidemos contemplar no noso descenso, á nosa dereita as terras da Frairía, Folgueira, entre outras, e continuando ata Masoucos en dirección a Vilacote e contemplar todo este fermoso val.
Visitando a igrexa e castro de Masoucos onde o socio, Fernando Castedo e a súa famlia nos agasallaron coas súas explicacións e visita ao muíño da súa propiedade a quen agradecemos desde aquí a súa amabilidade.
Falemos un pouco da igrexa, castro e muíño desta parroquia. A Igrexa de Masoucos, dicir que está asentada no lado norte do castro de Masoucos e é de planta rectangular con nave a dúas augas sobre armadura de madeira con tres trabes tirantes. O presbiterio, máis alto cá nave, é de planta cadrada con cuberta a catro augas, e a el se por un arco de medio punto rebaixado.
A sancristía aliñada á parte posterior do presbiterio é máis baixa que este e ten cuberta a tres augas.
A fachada é de cantería con porta de lintel e cuberta por un amplo e rexo cabido soportado en seis piares e pechado por unha repisa, con acceso frontal e cuberta a tres augas. A espadana ten tres vans a dous niveis e tres pináculos superiores.
A fachada desta igrexa quedou inmortalizada nun coñecido gravado do artista lugués Manuel Castro Gil
O Castro de Masoucos está onformado por un só recinto de planta ovalada tendo unha defensa en terraplén de 4 a 6 m de altura.
Conserva un foxo no lado sur e ten dúas entradas, unha ao norte e outra polo sur. Actualmente a súa croa dedicouse ao cultivo do millo.
O Muíño de Dourado. É un muíño de cubo, de cantería, con dúas moas. É de planta rectangular e a estrutura vertical ten muros de cachotería de xisto e granito con marcos de cantería nos ocos. Ten un alboio ou alpendre lateral onde se conserva unha pequena lareira para quentarse nos días de frío e onde se resgurardaban as cabalerías. Todo o conxunto está cuberto con lousa do país, disposta a tres augas no muíño e a dúas no alpendre.
Desde Masoucos ata Vilacote, onde remtamos no día de hoxe.
Pola tarde celebrouse a Asemblea anual.

Saúde-Terra e Lingua.

A mediados de novembro de 2010

14 noviembre, 2010

CONVOCATORIAS DE EXPOSICIÓNS



MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

EXPOSICIÓNS

EXPOSICIÓN:

Un ceo de farrapos
.
Luis Moscardó

(Do 14 de outubro ao 12 de decembro de 2010)

Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos
(sede da Deputación de Lugo)


EXPOSICIÓN:

Museo do Prado. Os depósitos no Museo Provincial de Lugo

(Do 29 de outubro ao 13 de febreiro de 2011)

Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo

Este sábado, ás 12:30 h., visita guiada para grupos familiares e público xeral


EXPOSICIÓN:
I Concvrso Caetra Lvcensivum de fotografía
(Do 2 ao 14 de novembro de 2010)
Refectorio do Museo Provincial de Lugo


EXPOSICIÓNS ITINERANTES


EXPOSICIÓN ITINERANTE:

A Muralla no Museo / The wall-A Muralla

(
Peter Schneider)
(Do 5 ao 30 de novembro de 2010)

Centro de Interpretación da Mariña (CENIMA), Foz.


EXPOSICIÓN ITINERANTE:

Inquedanzas
,
de
Hixinio Flores,
en Viveiro (Do 5 de novembro ao 3 de xaneiro de 2011).

Sala de Exposicións do Centro Comarcal da Mariña Occidental,
Viveiro


MUSEO PROVINCIAL DO MAR
DE
SAN CIBRAO, CERVO

Venres, 12/11/2010, ás 20:00 horas

Presentación do libro

“O Clamor da Rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e feminismo”
,
de
Pilar García Negro

EXPOSICIÓNS


EXPOSICIÓN:

Rosalía sempre viva. Viva Rosalía!

(Do 2 ao 15 de novembro de 2010)



Saúdos
Comunicación e Xestión Cultural da Rede Museística
Tfn.. 982 24 21 12 ext. 27 /
info@museolugo.org

Museo Provincial de Lugo

Praza da Soidade s/n
27001 Lugo
http://www.museolugo.org/


07 noviembre, 2010

ANDANZAS, CHANZAS E DANZAS


Novembro: mes de Santos e de Defuntos



Aquí, no adro actual, estivo o cemiterio vello de Montecubeiro



Ditoso mes, que comeza con tódolos Santos e remata elixindo a San Andrés. De defuntos, si, pero de carnavaladas, tamén, pois, detrás da cruz sempre andou o diabro.

Meu avó tenme falado daquelas bromas, daquelas carnavaladas de antes da guerra; lémbrome de varias, pero unha das que máis me impresionaron foi a de cando el, con media ducia de veciños, anticipándose ao Día da Cinsa, concretamente no amencer do Martes de Carnaval, saltaron a parede do cemiterio vello e acenderon unhas velas daquelas de cera, que se facían nas casas ao esmelgar, chantadas na propia terra dos últimos enterros. Un dos cómplices, que era ferreiro e entendía de chaves, conseguiu abrir a porta do campanario, e deu en toca-las campás, ¡como se houbese defunto!

O avó, desde a currada do convento, petoulle ao párroco co cadeliño de ferro da porta da reitoral. O crego, entre o chamador e mailo repique das campás, asomou por unha ventá, refregando os ollos:

-¿Quen é, quén chama, quén morreu!

-Señor Cura, baixe pronto, así sexa en cirolas, para que os vexa antes de que se vaian, que están saíndo das covas!

O Cura, incrédulo:

-¿Morreu Brais?

-¡Non señor; todo o contrario, que están resucitando!

O Cura baixou a toda présa, cos calzóns de baeta colorada á vista, e nada máis abrir a porta, como meu avó deixara aberto o portalón que dá ao adro, divisou aquelas ánimas, acarapuzadas coa correspondente saba de liño, correndo polo campo. Sen dicir nin pío foise á sancristía, saíndo co caldeiro da auga bendita na esquerda e co hisopo na dereita.

-¿Señor Cura, onde vai, que esas non precisan responsos? ¿Non ve que están resucitando? Veña comigo á porta do cemiterio, por se continúan saíndo…

Como era de noite, o Cura viu as luces a ras da terra, pero non se decatou das velas que as producían. Daquela tirou de hisopo, e deu en esconxurar.

Contaba meu avó que tardou bastante en reaccionar, en decatarse de que todo aquilo era un bromazo:

-¿Como estás aquí, a estas horas?

-Madruguei para ir a Librán, axudarlles a bota-las patacas…!

-¡Para aí, non te largues, que tes que darme o nome destes sacrílegos, que así se burlan do seu Párroco!

-¡Non podo, que non o sei! Eu vin e oín o mesmo cá vostede: As campás tocando a defunto…, e sen campaneiro! Despois diso, esas ánimas, que non teñen nome… ¿Non ve que son anxos, ánimas resucitadas, e están dando voltas aí no adro, porque aínda non lles deron o emprego celestial, que veñen aparvadas, do Purgatorio, máis ou menos como fixo vostede agora mesmo, ao espertar!

¡Aqueles eran carnavais, e aquelas eran chanzas, unhas carnavaladas que facían resucita-los mortos!


Xosé María Gómez Vilabella