Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

28 febrero, 2010

CONFERENCIA DE X.Mª VILABELLA NO CPI DE CASTROVERDE


Onte, venres, tivo lugar o último acto da sexta actividade no CPI de Castroverde.
En primeiro lugar interviu o Sr. Vilabella con este título e estas palabras:


Pasado, presente e futuro de Castroverde

Ilustres señores, queridos amigos/as.

Xa que a cousa vai de Historia, comezarei cun refrán periclitado, historicamente periclitado: aquel de que non poden empezarse as casas polo tellado. Pero se algún día foi certo, hoxe, non. En arquitectura, por exemplo, mal se pode planificar unha casa, un edificio, sen coñecer de antemán as alturas que queremos ou nos permiten darlle, para seguidamente obrar en consecuencia. Nos deportes de competición, cómpre coñecer de antemán a meta, o fin proposto. E xa non digamos en economía, onde pouco podemos lograr se non temos claro o cume proposto; cuestión á parte será o estudo dos medios e das circunstancias concorrentes, estean ao noso dispor ou que séxamos capaces de acadar e de formatar.


Na actualidade, e nunca falarei de presente no senso clásico xa que iso, historicamente, non existe, pois tan pronto como pronunciemos unha verba esta quedará incorporada ao pasado, instantaneamente, con tódalas súas consecuencias, nesta actualidade que estamos vivindo, cunha crise socio económica tal da que só se pode saír collendo folgos, acumulando enerxías, reestruturando, para enfrontarnos á xeira seguinte. Unha meta que están albiscando os nosos administradores é a de ir á refundición, por fusión, de tódolos concellos que se vexan en apuros económicos para soste-la súa burocracia operativa; ou iso, ou distribuí-las funcións das Deputacións. Este problema aféctanos dun xeito grave aos galegos dada a nosa multiplicidade, o noso minifundismo poboacional, agravado polas inevitables e imparables caídas do censo na maioría dos concellos.

Isto é unha hipótese de traballo, ou se o preferides, unha intuición, pero non miña xa que o veñen meditando, e incluso dicindo, a media voz, políticos de tódalas ideoloxías. Se lembramos que o noso Castroverde foi a cabeceira dun daqueles once condados suevos, concretamente o das terras de Chamoso, Flammoso para os romanos, nada tería de particular que algún destes rapaces se vexa algún día elixido Alcalde, xa que non Conde, da nova xurisdición. Lembremos que este concello non sempre tivo as mesmas parroquias, que as foi agregando e disgregando no século XIX por sucesivas disposicións; unha das últimas incorporadas foi o couto de Montecubeiro, que non resistiu a súa independencia despois da desamortización. E se alguén pensa que invento cousas, aos arquivos me remito, pois aínda que se eliminaron moitos neste Castroverde dos individualismos, algún queda, os suficientes para esta demostración.

Veña o que veña, é imprescindible ollar para atrás, olla-lo noso pasado, aínda que só sexa para ponderar os medios de que dispuxemos no século XX, onte mesmo, así como a utilización que deles se fixo, para situarnos, para adestrarnos, para non incorrer en novas molicies, en novas imprevisións, en novos desacertos.


Non é este o sitio nin o tempo para poñernos con estudos económicos minuciosos, pero si para tentar imbuír ánimos e azos, pois todo fará falta xa que a panorámica que vos deixamos aos rapaces non é precisamente un camiño de rosas. Certo é que fixemos moito, pero máis se puido facer cos medios ao noso alcance se houbésemos tido uns quilates de sentido cooperativista, se nos axudásemos recíproca e mancomunadamente a construír, se fósemos tan bos veciños no obrar, no vivir comunitario, como o vimos sendo, por poñer un exemplo, para acudir aos enterros.

-1-
Castroverde, a nosa bisbarra, tivo, e segue tendo, aínda que con outras circunstancias, un potencial económico superior á media da Galicia rural. Para comezar temos o dobre de superficie cultivable que a media dos concellos de Galicia. ¿Daquela, onde fallamos? Neste potencial hai que meter, tamén, o noso look turístico, que é singular. Permitídeme mencionar a José Ramón Onega, que na Voz de Galicia do pasado 13 de xaneiro, nunha referencia que fixo do meu último libro, afirma de Castroverde, rotundamente, que é, “el pueblo de más hermoso nombre del mundo”. Non o digo eu, que o dixo o Director da Casa de Galicia en Madrid. Pola miña parte engadiría que non só de nome, senón de terras, de paisaxe.

As terras boas, obviamente, foron as primeiras ocupadas, poboadas, e nós temos, por se quedase xente con autoodio, unha boa demostración nesa cova do paleolítico superior, aquí en Bolaño, en pleno Val Verde. De seguido, están os castros, e tras deles, a ocupación romana, o noso trigo flameante, flammoso, os topónimos suevos, os eremitas, as igrexas monumentais, os conventos, unha fortaleza inxente… Todo isto tiña por base a nosa produción, a riqueza e maila beleza do noso chan!

Os nosos entregos víronse derreados de foros e demais gavelas; ata onte mesmo, pois as últimas rendas forais redimíronse despois da guerra civil, e puidemos con todo! ¿Que os entregos terminaron de levantar cabeza cos cartos da emigración americana? ¡Si, é certo! Pero non o é menos que, tardarían algo máis, pero sen aquelas divisas da emigración tamén se houbesen upado, e iso por dous motivos concorrentes: pola produción das terras, asemade coa produtividade e mailo esforzo da nosa xente.

Aínda que non se conservasen outras fontes históricas, aí están, aí temos, esas igrexas, os pazos, e as mesmas casas de labranza, en xeral de excelente fábrica, que falan elocuentemente do poderío económico desta bisbarra, asentado, como digo, na bondade da terra e na labor da xente. Daquela teño que volver atrás: ¿onde fallamos?


En mil cousas e por mil causas, errores e sometementos que cómpre refusar, allear: .

Os señoríos foron impepinables: séculos de tiranía, de vasalaxe ante ás armas dos poderosos.
.
Pero cando veu a desamortización, catro burgueses e catro galos dos do país fixéronse coas rendas. Os cregos ameazaron, incluso, coa excomuñón, para quen acudise ás poxas, que máis ben foron clandestinas. ¿Quen acudiu? En moitos casos, os propios irmáns daqueles predicadores, os morgados, seguramente avisados e apoiados de mil maneiras polos propios anatematizantes.
.
Foise saíndo de todo iso, pero entronizamos a clase caciquil, a dos conseguidores, don Fulano de Tal y compañía: usureiros e abusóns, aos que se lles traballaba de balde porque poñían vacas de cabana, mediaban no Imposto dos Consumos, ou simplemente mandaban, abusando de quen viña afeito a poñérselles de xeonllos, a eles e á súa familia.
. Co franquismo, o medo; o medo ás camisas azuis, que por algo levaban pistola á vista; ¡iso ademais da deles, se é que a tiñan, que nunca matón houbo que non fose un dexenerado!
. ¡Por fin, volveu a democracia! Pero tan desafeitos nos colleu, que nin tiñamos azos para saber escoller; nin para escoller, nin despois diso, para esixir e controlar.


-2-
O único consolo é que, coma nós, pasoulles a moitas bisbarras, pero cada quen colleita segundo sementa.

De América veu moito diñeiro para esta zona, como poden testemuñar os vellos de cada lugar, e daquela serviu, ante todo, para devolve-las pasaxes, e despois para casa-las irmás e para estuda-los sobriños, que non había becas. Poucos reclamaron o seu herdo, e a algún incluso se lle negou, así que todo foron incrementos patrimoniais. Con ser todo isto importante, aqueles retornados aportaron ideas, un concepto novo da cultura e do asociacionismo. Por poñer un só exemplo, a sociedade agraria e maila biblioteca circulante de Montecubeiro, ¡no primeiro quinquenio dos anos 30, que foi un milagre, se ben malogrado por causas alleas! Por certo, que vai sendo hora de honrar esa memoria, da que pouco se leva dito, e escrito, menos aínda.

A emigración europea foi diametralmente oposta: Nesta participaron incluso os morgados, moitos deles deixando os nenos ao cargo dos avós. Do seu diñeiro unha parte empregouse en cuadras e maquinaria, pero moito na Bolsa e na especulación inmobiliaria. Aquí si que houbo fallos, pero a principal responsabilidade hai que atribuírllela aos mandos políticos, que non se preocuparon de fomentar un cooperativismo agrícola efectivo, axeitado, nin un sector secundario que asentase na propia bisbarra aos remesantes das divisas. Máis é, que os Bancos tiñan, tivemos, a consigna confidencial, verbal, de darlles entrada ás remesas, estatisticamente, como turismo, na falaz pretensión de fomentalo, de atribuírlle un engrandecemento de signo imperialista, e iso incluso na Transición.


Hai que subliñar, entre outras graves omisións dos nosos dirixentes, que as autoridades non se molestaron en explicar á xente do rural que saíu unha Ley de Concentración Parcelaria Privada, concretamente a núm. 14 do 28 de Decembro do ano 1992, que era, e que segue sendo, un choio para os lugares e para as casarías que a merecesen, incomparable coa oficial, pois aí temos de exemplo negativo a de Montecubeiro, que vai por vinte anos e aínda non deron as escrituras, ademais doutros atrancos e imperfeccións. Se tivésemos nestes últimos anos o espírito asociativo daqueles retornados de América, habería, entre outras imperfeccións eliminadas, menos maquinaria agrícola infrautilizada, que é igual que dicir, recursos ociosos. ¿Que hoxe en día abundan as Asociacións: só en Lugo capital unhas 350? ¡Si, pero no plano económico, non; no empresarial, non; no rendible, no sostible, non!


Aquí pode haber alguén que me oíse dicir naquelas charlas que din neste Colexio, na época de Carreira, para estimular aos rapaces de entón, para inicialos un pouco nos principios da Economía e do Dereito, que o único valor co futuro asegurado era engadirlles valor ás cousas. Ese foi o gran fallo das últimas décadas: ¡Que pasamos, colectivamente, do sector primario ao terciario, séxase, ao dos servizos, levados por esa febre especuladora, que non especulativa!

Por suposto que, individualmente, pouco se pode facer para cambia-las cousas nesta fervenza da globalización, do todo vale; pero si podemos, e debemos, concienciarnos, máxime nesta crise xeral que nos invita á reflexión, pois cómpre axeitar os nosos medios, os nosos coñecementos, cara a sistemas de seu máis pragmáticos, volvendo, como pouco, a aquela cooperación veciñal que tan de manifesto se poñía na construción das casas e nos traballos de temporada desta zona, que niso tamén fomo
s singulares.

-3-
Queixámonos, e con razón, dos intermediarios, dos oportunistas solapados, pero tampouco se vén facendo gran cousa para facelos evitables, e iso que non sería difícil perfeccionar, conservar, presentar, e poñer en xeito e forma os nosos produtos, sexan naturais ou elaborados, presentándollos ao consumidor en bandexa, por dicilo dun xeito gráfico. Castroverde, tan cerca da gran urbe provincial, logo está, dela, tan accesible coma un almacén da súa periferia industrial.

Todo isto, este propósito da emenda, esta mentalización, esta planificación, non se fai nin á présa nin con medios de carácter individual, mais será inevitable poñerse, polo menos, nese estado de ánimo, para enfronta-la competencia que nos agarda. Hoxe en día temos unha base cultural aceptable, pero afixémonos á boa vida, e desde as nosas alturas pode pasarnos desapercibido que estamos sendo invadidos por un aluvión de inmigrantes que tampouco son torpes, e que se contentan con menos. ¡Por se tiñamos pouca competencia na casa, volven os mouros, e cos mouros, os outros; de momento, a pé, pero non tardarán en desaloxarnos dos empregos a pouco que nos durmamos nos loureiros!


Isto dos recursos ociosos hai que entendelo ao dereito, quere dicirse, non meter tódolos ovos nun cesto, pois é axiomático que unha estrutura moi especializada e moi específica é tamén unha estrutura ríxida, pouco adaptable á evolución conxuntural que se vaia presentando. Xa sabemos que os monocultivos, as explotacións moi especializadas, resultan máis cómodas, e incluso, por veces, máis rendibles, pero os seus riscos nesta globalización do mercado son grandes, e por veces, definitivos. Neste aspecto, a nosa edafoloxía é un tesouro, que nos permite distintos enfoques, a medio e a longo prazo; ora ben, no campo non se pode andar con golpes de temón, ora a babor, ora a estribor, o que nos leva á inevitabilidade dunha programación un tanto diversificada, séxase, elástica.

Falando de edafoloxía: Pénsese que, entre outros factores, ese pasotismo mundial con respecto ao cambio climático, á imparable desertización, en Castroverde, pola composición da terra, microclima, etcétera, constitúenos nunha reserva produtiva, variada e de alto rendemento. Daquela estamos subidos nun carro de ouro, pero o quid estará en sabelo conducir, en sabernos conducir. Neste aspecto deteñámonos un pouco para traer ao presente unhas cantas experiencias do pasado; son infinitas as que poderiamos citar:

A firma individual máis poderosa de Galicia é, como sabedes, a cadea Zara. Pois ben, comezou fabricando en serie o que as nosas costureiras non se aviñan a facer: mantelos e batas, que eu coñecinos así; algo demandable e que requiría pouca materia prima, pero había que engadirlle o valor de facelo en serie.


Polos anos 70 comezamos a devecer polos turismos de segunda man; simultaneamente, no veciño Portugal, que sempre o tivemos por atrasado, mercaban furgonetas, que lles servían para todo, maiormente para poñer en mercado os produtos por eles elaborados en días intempestivos, particularmente ebanistería tallada artesanal, á que pronto incorporaron máquinas alemás, con programas informáticos.


Pero o caso máis notable, de sona mundial, foi Suíza, que se especializou en elaborar produtos e vender paisaxes nada mellor cós nosos, coa mínima materia prima, pero cunha presentación e cunha efectividade atractiva, excelente. Nisto tamén hai que recoñecer que os países pobres, como lles ocorre por veces ás casas, son os que máis tiran, porque a necesidade fai de esporas.

-4-
Hoxe mesmo, Marrocos, que só ten de terra boa e ben regada a comarca do Lucus, ¡o outro Lugo!, estanos vendendo froitas e produtos de horta. ¿Que é máis doado, plantar leitugas, tal que nun invernadoiro, ou ir por elas a Marrocos?

En definitiva, hai que deixar atrás a economía minifundista e xuntar forzas, discorrer e cooperar, á vez que se lles esixe aos de arriba que melloren, que actualicen, os plans educativos, formativos, pois o rural precisa documentarse algo máis en normativas da Unión Europea, en nocións de economía e de dereito, en transformación das materias primas, e un longo etcétera. Sexamos conscientes de que materia prima a secas, o que se di a secas, con isto da globalización apórtana, e barata, os países do Terceiro Mundo, que así están eles de paupérrimos, mentres os adiantados se enriquecen coa súa presentación e acondicionamento. Tamén hai que mentalizarse en que periclitou aquilo de que facer un mal Bacharelato xa daba o tratamento de “don”, e con ese título, ¡veña dar ordes para que traballasen os outros, fosen veciños ou non! De presente, e cadora máis, o estudo, a formación continuada e sostible, os másters, teñen que ser o noso pan de cada día, o noso afán indemorable, que se ti non o fas, farao o veciño da porta. Acabáronse as especulacións crúas, o éxito dos lanzados, pois está ben as claras que comezan os tempos dos preparados, dos mellor preparados, en preparacións constante, sen altibaixos.


Rematarei, como tantas veces levo feito, cunha evocación da nosa Enriqueta Otero, ¡e iso que a tiñan por chalada! É moito o que herdamos; daquela a nosa obriga está en perfeccionalo e transmitilo. Fagámoslle caso, aínda que sexa a título póstumo. Con isto, moi agradecido a todos pola vosa paciencia.

Xosé María Gómez Vilabella

Seguidamente, presentouse o Catálogo – libro: Érase unha vez Castroverde..., con fotos da obra de Nati Penado, Juan Vila, Baldomero Pestana e Paco Pestana con fotos realizadas por quen isto escribe nos percorridos, roteiros que facemos polo noso Concello. Comentando Paco Pestana cada unha das obras dos autores e un servidor aludindo a onde pertencían as fotografías dos diferentes lugares. Saúde.
Manolo Muñiz


No hay comentarios: