Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

09 noviembre, 2009

Miscelánea

FERREIRAS E FERREIROS NA BISBARRA
DE
CASTROVERDE, POL E BALEIRA


Un ferreiro, ¡un romántico!, na Feira de Artesanía de Castroverde.

É unha mágoa que o incansable Clodio González Pérez, que tanto rastrexou, nos arquivos e sobre o propio terreo, para documenta-la súa erudita obra “A Produción Tradicional do Ferro en Galicia: As Grandes Ferrerías da Provincia de Lugo”, non atopase máis fontes que nos eviten este baleiro historiográfico dos tres concellos que teñen por vértice xeodésico o pico do Miradoiro. Porén, ábrenos unha ventá ao citar que os Mazos de San Martiño de Neira de Rei “tamén” se fornecían das minas da parroquia de Pousada; por ende, se Pousada, que inicia a ferrosa Ferradura na súa estrema do Leste, nun punto no que aínda se lle di Serra de Puñago, unha moza orográfica, máis adiante máis vigores terá, tal e como proclaman as súas abundantes e abondosas augas férreas, análise minero-metalúrxico á parte.
Minerais férrico-ferrosos houbo, e segue habendo, por suposto; por indicios, moitos, pero o caso é que tódalas modas, tódolos experimentos, pasan, e hai industrias de forte potencial que xa morren no parto, vaia vostede a saber por qué causas. Os frades de Montecubeiro, no seu coto rico e variado das abas da Ferradura, ferrerías propias tiveron, aínda que, como feudo acoutado, independente, non desen estatísticas delas. ¿Por qué se apagaron? Tanto puido ser por dificultades crecentes de obtención da vea como por esgotamento das leñas, aínda que o máis probable fose pola competencia allea. Na parroquia quedou a lembranza das minas da Eiladrán, arriba de Santadrao, xa explotadas polos romanos, os montes da Ferreira, arriba de Berlán, o lugar do Escouredo, etcétera. A casa da Forxa, en San Cibrao.
Pese a estes baleiros documentais, quedounos a toponimia e algún que outro indicio: A citada extracción de Pousada, a Ferreira de Paderne, as casas da Ferrería en Fonteo, as parroquias do Santo André e de San Martiño de Ferreiros, os Mazos de Fraialde, a casaría do Mazo, (entre Luaces e Montecubeiro), o Mazo de Bastián en Espasande, o da Fraga de Ferreiravella… Amén do mazo que enterraron para mal facer a DP 1611, en Bascuas, hoxe coroado de silvas, cando o debera estar de laurus nobilis. ¡Algún día os do Patrimonio teremos que botarlle un responso!

Apelidos “Ferreiro”, e casas do “Ferreiro”, quédannos en case tódalas parroquias desta bisbarra. Monte do Carboeiro, en Pol; complemento indispensable para as forxas.
Curiosidades: Coa guerra incivil rexurdiron os ferreiros, sendo famoso, entre outros, o de Ver (Caraño), que nos facía arados de vertedoiro sempre e cando se lle levase chatarra. Os fouciños da sega acabaron con cantas limas se conservaban nas casas, daquela da posguerra.

Un pequeno colofón, para que non se nos esqueza definitivamente este artesanado:

Venaqueiros = mineiros, extractores do mineral.
Ferróns = os fundidores, distinto dos ferreiros.
Fundir = calcinar, cocer.
Vea = olixisto, limonita, siderita…

De cada 8 quilos de boa vea obtíñanse 1,7 / 1,8 de ferro, para o que se consumía, entre boa leña de carballo e de castiñeiro, así como carbón de uces, arriba dos 12 quilos de combustible.

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: