Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

29 abril, 2009

Breve resume do roteiro do 25 de Abril, sábado de 2009


ROTEIRO:
Arrubial, Puñago - O Rañadoiro, Matela, San Martiño, Barreiro, Carballedo, Val, A Barrosa, A Abelleira.


Neste encontro anual que temos establecido as Asociacións Arcas de Sarria e Amigos do Patrimonio transcorreu, nesta ocasión, polos lugares arriba sinalados.
Saimos pasadas as dez da mañá de A Arrubial, subimos camiño de Auga levada (roubada) para chegarmos ás Penas das Cabras e seguirmos polo Puñago-Rañadoiro, baixarmos a Matela, aquí diante da pequena capela adicada a San Xoán, fixemos unha pequena parada. Neste primeiro tramo de camiño, puidemos ver polo lado do oeste parte de Terras de Lugo con vistas cara o Páramo e Láncara, deixando aos nosos pés a parroquia de Guimarei, Vilachambre. Baixando para Matela xa vemos o Lugar de Munín,(Rexubil) Ríosubil, o val do Río Neira e, xa cara o este, sur-sureste, Baralla, O Pico e, ao fondo de todo Os Ancares que, aínda tiñan resto de neve. Desde aquí baixamos para San Martiño vendo a cunca do Ríosubil (río que asubía) e, o val do Río Neira. Xa en San Martiño fomos visitar a súa igrexa, a ponte e o mazo, cun fermoso percorrido, o mazo que se comezou a rehabilitar, mais non está rematado.
Despois de comer marchamos pola Vía XIX visitando o Carballo do Barreiro e a Casa Grande do mesmo lugar. Para abrazar o carballo foron precisas catro persoas. Darlle as grazas a Monse do Barreiro, polas súas explicacións sobre este lugar. Seguimos camiño de Carballedo, Papín, A Pinguela e Val. Todo o percorrido fermoso con abundantes árbores froiteiras e gando do país en moitos dos prados. Desde Val seguimos camiño da Barrosa, mais entrre o lugar de Val e A Barrosa tivemos que cruzar por un lugar tan cheo de xestas que, non nos deixaban camiñar, estando a punto de volvernos. Pedimos ás autoridades locais, provinciais que manteñan limpo este camiño, pensemos que se trata da Vía XIX. Noutros lugares, concretamente entre Val e A Barrosa, puidemos ver como se están faceno peches de fincas con aramios de pincho e, entre a Abarrosa e A Abelleira, pechando as fincas, mesmo pola cuneta, incrible!. Logo fomos subindo ata chegarmos á Abelleira, remantando aquí o percorrido deste día. Dámos as grazas aos amigos de Arcas pola súa grata compaña.

Saúde e Terra.
Manolo Muñiz

Miscelánea

¿Volvemos aos tempos do
“Plato único y día sin postre”?

(F. D. Roosevelt)

Hoxe, 24 de abril, aquí na Coruña aínda está aberta a Feira do Libro, pero non atopei ningunha monografía que se refira a esta crise socio – económica que estamos padecendo, que nos ten aterrados, así que cheguei á conclusión de que os grandes economistas prefiren escribir a touro pasado, que é a mellor forma de non equivocarse. Facer futuribles sempre foi arriscado, coa excepción de Julio Verne, e poucos máis. O Apocalipse actual está na pluma dos periodistas e nas verbas dos políticos. ¿Daquela, a quen lle botamos as culpas de tantos erros programáticos como gozamos/padecemos nos últimos anos? ¡Aos políticos do outro bando, por suposto!

O que é unha gozada, tomándoo por aí, que tamén lle podiamos botar unhas gotas, ¡unha tonelada!, de vinagre, é escoitar a voz da rúa, que non sempre é a voz da verdade, por máis que a disfracen/disfracemos de experiencia, de pragmatismo. Digo isto porque onte mesmo, Día do Libro, estiven comendo con dous centos vellos (como socio da Asociación de Xubilados de Pol, nosos veciños, e nembargante, amigos), nun comedor onde maldito un libro había, ¡que nin en falta os botaron!), PERO…! ¡Ai Deus, que areópago sapiencial, pois ata as vellas opinaban, e non precisamente de trapos!


A comida, estivo…, ¡aceptable! Viño de reserva, medio quilo de entremeses variados, outro medio de bacallau, catro ou cinco talladas de cordeiro, torta, café e copa, cunha ducia de licores; o que non houbo foron tabacos, que se lles esgotaran os de Vuelta Abajo, e os outros, ao de hoxe, non teñen aceptación, PERO, o ambiente estivo tenso, case de pánico, maiormente pola psicose emanada dese Banco de España, presidido por un tal… Do nome poucos se lembraban, pero eu díxenlle a unha señora que se sentou á miña dereita se quería referirse a Torquemada, e contestoume, ¡Ese, ese mismo, que dijo que vamos morir en la miseria! Señora, -lle respondín-, o outro, o outro Torquemada, non tiña pobres porque…, ¡porque os queimaba, vivos! A vella non me tomou en serio, ¡e menos mal! Pero no rematou aquí o incidente, porque me dixo: ¡Estos gallegos, con la crise que tenemos, y se ponen de chanza…! E logo, vostede, non é de aquí? ¡Que va, yo me crié en el Bierzo, pero casé con un gallego que me dijo que tenía mucha tierra…, y menos mal que se marchó…, de viaje…! Ahora, ni tierras ni pensión: Las tierras no hay quien las quiera, y la pensión, dentro de un año…! Pregunteille: ¿Así que tamén está doída por iso de que traen o leite de Francia? ¡Sempre opinei que os franceses tiñan mala leche, pero o que é as francesas…, as francesas son do máis cariñoso! Á ex - galega non lle gustou a miña ironía e deixou de falar comigo, así que non puiden demostrarlle que eles tamén foran galegos ata que a súa Isabel, ¿la Católica?, lle arrebatou o Bierzo ao conde de Lemos por negarse a admitir, ¡sen ADN!, que súa sobriña era/fose filla de Beltrán de la Cueva, aquel valido de seu irmán Enrique… En vista diso púxenme a falar co veciño da esquerda, que estaba abatido pola recente caída…, dos seus.


¡Isto non ten remedio…, e cos que entran agora, apoiados polos ricos, menos aínda! Señor –lle respondín-, modestia á parte que se di, eu teño a receita do caso: ¿Vostede ten terras a eucaliptos? ¡E non hei ter, como todo Deus aquí en Galicia! Máis ou menos, dez hectáreas…, que por certo, coa de árbores caídas dos últimos temporais, e logo que eses malditos franceses invadiron as nosas fábricas coa madeira deles, agora nin regalada a queren! Pois mire, señor, -dixen eu-, a receita está nas súas mans; nas súas e nas dos seus colegas: pinchen eses eucaliptos, e volvan as terras a pataqueira, a horta, a millo, a centeo…, tal e como estaban daquela da Guerra, que nós mantivemos a media España, e grazas á nosa agricultura o Estado resistiu ata a chegada das remesas dos emigrantes, de par das divisas dos turistas, por suposto!

¡Boa a fixen, que o señor tamén se amoscou, e cortou a miña conversa para discutir co socio do outro lado, que eles si que estaban conformes en que a crise a fixeran os políticos, e por tanto eran os políticos os que tiñan que resolver!


Para quen o dubide: os inventores do novo New Deal (o primeiro deles xa saben que foi ese señor da fotografía) están aquí, nas nosas aldeíñas, así que o arranxo é doado: ¡Que os visite un equipo de tradutores, e que apunten as súas receitas milagreiras! No ínterim, nós, os que nos damos de intelectuais, a contar chistes, que é o mellor que se pode facer mentres agardamos polo amencer, quere dicirse, polo maná do amencer!


Xosé María Gómez Vilabella

27 abril, 2009

Os días 24 e 25 do pasado mes de Abril


FESTAS EN REBORDAOS EN HONRA DE SAN XURXO


Os días 24, venres, e 25, sábado pasados, a parroquia de Reborda
os celebrou a súa festa patronal, baixo a advocación de San Xurxo. Rebordaos é, sen dúbida, unha das máis madrugadoras nisto de celebrar as festas patronais xa que case todas as parroquias de Castroverde, do mesmo xeito que unha maioría de localidades galegas, fanas coincidir cos meses estivais, os máis visitados polos fillos emigrados, familiares e turistas que retornan para pasar uns gratos días vacacionais.

A parroquia pu
xo este ano o listón moi alto para o resto de festas locais do concello. Nin máis nin menos que tres orquestras, "Os SATÉLITES", da Coruña; "TRÉBOL" de Ferrol e "ALCOTÁN" de Vigo, todas punteiras no ámbito de Galicia e algunha delas super-punteira amenizaron as dúas noites e a mediodía do sábado aos veciños e amigos que quixeron achegarse a compartir con eles a súa festa patronal. Tres excelentes e afamadas orquestras, complementadas coa actuación de "AS CANTAREIRAS de ARDEBULLO", que puxeron o contrapunto enxebre e humorístico ás festas.

Por suposto, non todos os actos foron profanos. Como xa é tradición centenaria en Galicia tamén se celebraron os correspondentes actos relixiosos, entre os que destacan, ás 13:30 do sábado, a tradicional e solemne Misa Maior en honra do Santo Patrón, seguida de procesión que estivo acompañado polo conxunto da imaxinaría da igrexa parroquial. Para que a meteoroloxía non arruinase as festas, programadas con gran esforzo de organización e económico, contouse coa correspondente carpa onde se degustaron todo tipo de produtos e bebidas.
Xa na intimidade de familiares e amigos, tódalas casas da parroquia sacaron ese día os mellores manteis e viandas cos que recuperaron forzas para logo queimalas ao son das cancións e bailes até ben entrada as madrugadas. Parabén, e que se repita moitos anos, con saúde para todos.
( vídeo parcial da procesión


21 abril, 2009

DENUNCIA DAS AGRESIÓNS AO CAMIÑO PRIMITIVO EN SAN XOÁN DO ALTO NO CONCELLO DE LUGO


As organizacións ADEGA, Asociación dos Amigos do Patrimonio de Castroverde e Lugo Patrimonio queren manifestar a súa repulsa fronte ao atentado que se está a dar na calzada histórica do Camiño Primitivo de Santiago na parroquia de San Xoán do Alto (concello de Lugo), vía xacobea que goza de recoñecemento e protección oficiais como itinerario de alto valor patrimonial, turístico e ambiental. Informamos de que se está a producir unha agresión de gran impacto contra a traza antiga desta rota no lugar de O Fornelo, onde se apreza a destrución dunha parte da trama camiñeira, incluíndo a caixa do camiño, os muros laterais e a práctica totalidade da vexetación autóctona que delimita este vieiro público de carácter histórico e cultural.

Así mesmo, entendemos que este atentado ao patrimonio resulta especialmente grave no que atinxe á tala da espesa carballeira que circundaba este treito do Camiño Primitivo e das árbores lindeiras á propia calzada ou incluídas na mesma, e contra as paredes do peche perimetral constituído por cercas de artística construción seguindo as pautas da arquitectura tradicional da zona, ben sexa con aliñamento de grandes chantos ou alternando muros de cachotería rústica e vargos en perfecta harmonía.

A isto hai que engadir o presunto soterramento do primeiro treito do vello camiño xusto no lugar en que se desvía da estrada provincial de Lugo a Palas de Rei, onde son visíbeis os estragos motivados por obras realizadas con maquinaria pesada, así como a desaparición total da vexetación da propia vía e mesmo a instalación de peches a xeito de cancela ou o depósito de numerosos postes de cemento coa suposta intención de atrancar ou impedir o libre tránsito por este camiño milenario propiciando a súa desaparición.

Tamén chamamos a atención sobre a presunta irrupción na área de protección do Castro de Rebordaos, recinto castrexo catalogado e situado á beira do Camiño Primitivo pola súa marxe dereita, impacto que afecta non só á unidade histórica que conforma coa vía medieval, senón tamén á masa boscosa que protexía e enriquecía o seu entorno paisaxístico.

Ás portas da celebración do Ano Santo xacobeo do 2010, esiximos a actuación decidida dos organismos públicos e nomeadamente do goberno galego, para a rexeneración do treito aproximado de 1km. de Camiño Primitivo orixinario entre os lugares de O Fornelo e a igrexa parroquial de San Xoán do Alto (ecclesia Sancti Iohannis de Mera no testamento de Odoario do ano 747, onde asentaba o vello mosteiro do mesmo nome que o Tombo de Sobrado remite ao ano 964, refuxio de peregrinos e camiñantes nesta antiga verea ao paso polo castro de Rebordaos e o casarío d’ A Seara, apelando á recuperación dos terreos presuntamente apropiados ou ocupados no itinerario histórico desta vía e que están a impedir a súa utilización como ben público de alto valor simbólico e patrimonial, instando á adopción de medidas cautelares urxentes que impidan a completa e definitiva destrución da calzada antiga desta primeira rota a Compostela e dos seus valores culturais e paisaxísticos, postos en perigo polo que coidamos que ten sido unha actuación pasiva e irresponsábel dos poderes públicos implicados na súa defensa.

En Lugo, a 18 de Abril de 2009


(ver imaxes na banda lateral)

11 abril, 2009

Por terras de Ourense os días 6 e 7 de Abril

RESUME DA VIAXE CULTURAL POR TERRAS DE OURENSE

A viaxe por terras de Ourense comezou coa visita ao Castro de San Cibrán de Las, para chegarmos alí, contamos coa axuda do profesor e investigador Sr. Colmenero, que nos estaba agardando en Cambeo e, a quen agradecemos sinceramente que nos acompañara ao longo de todo o día nas interesantes visitas realizadas.

O castro de San Cibrán de Las, é un dos máis grandes dimensións, á imaxe dos castros do sur de Galicia e norte de Portugal. O castro ten unhas impresionantes vistas, aínda que o día nubrado e chuvioso non deixaba percibir as fermosas vistas. Habitado desde o século II a.C. ata o século II d.C. Cunha superficie de máis de 95.000 metros cadrados.

Consta de varias murallas ata subir á croa, cunha ampla vía de subida. Nas excavacións realizas, podemos observar o cambio das edificacións redondas, ás cadradas.

Desde aquí baixamos a Celanova, onde visitamos, brevemente a vila, achegándonos ata a casa museo de Curros Enríquez e, seguidamente visitamos o convento de San Salvador de Celanova, onde salientamos a fachada, o claustro e a súa igrexa, co seu impresionante retábulo, coro e órgano. Sendo todo el importante e impresionante, temos que salientar a pequena capela de San Miguel, rematada no ano 942, que xunto coa de igrexa de Bande, tanto nos fai lembrar as nosas igrexas de Soutomerille ou Tórdea. Esta capela constitúe un exemplar único na Península Ibérica e un modelo indispensable para coñecermos e poder entender os tempos da repoboación cristiá, tanto en Galicia coma no norte da Península.
Logo pola tarde, despois de xantar na vila de Bande, seguimos camiño para chegar á Vía XVIII ou Vía Nova Romana e ao campamento. Se interesante foron as visitas da mañá, esta de Aquis Querquennis, a primeira visita da tarde, impresionounos especialmente, dicir que é, foi, a base militar dunha lexión romana que, durante algúns meses ao ano, queda mergullado pola suba do embalse hidroeléctrico das Conchas. Cando o volume do embalse baixa no verán, arqueólogos e turistas comezan a exploración do campamento romano máis grande de Galicia. Na actualidade, Aquis Querquennis conta cun centro de interpretación que explica o recinto e a vía romana ao carón da que naceu.

Ata hai ben poucos anos, os cimentos das estradas que comunicaban Galicia coa Meseta eran romanos. A civilización romana fíxose nos camiños: as coidadas e intelixentes vías que fixeron os conquistadores facilitaban o comercio e a extracción de recursos das zonas conquistadas. Galicia non foi allea á enxeñaría romana. Aí aparece Aquis Querquennis, un campamento romano ao carón da Vía XVIII,ou Vía Nova.


A estrutura do xacemento:

De que consta o xacemento? Antonio Rodríguez Colmenero, arqueólogo e director do grupo Larouco, que leva moitos anos investigando sobre o depósito, describe a situación: “hai un campamento militar romano e unha mansión viaria, con baños termais e unha pequena cidade ao carón”. O campamento militar estivo activo entre o 75 a.C. e o 30 d.C. e despois foi abandonado. Pero a mansión viaria, é dicir, a pousada oficial da época para viaxeiros e cambio de cabalgaduras, e a poboación que xurdiu ao seu redor sobreviviron ata a época medieval.


500 lexionarios romanos controlaban un amplo e rico territorio dende Aquis Querquennis, e posibelmente pertencían á lexión que tiña encomendado o control da Gallaecia, a Legio VII Gemina, aínda que se descoñece se era o corpo central da unidade, formada por cidadáns romanos, ou unha compañía auxiliar. Segundo Rodríguez Colmenero, “foron os enxeñeiros desta unidade os que con probabilidade deseñaron a vía romana”.


O campamento romano está moi pouco alterado e conta cunhas impresionantes dimensións de dúas hectáreas e media (máis de tres campos de fútbol). Aínda está por escavar máis da metade da superficie total do recinto, pero coñécese como será a estrutura do que aínda está baixo terra, xa que a edificación dos campamentos militares romanos era sempre moi similar e coñécese á perfección. Segundo Rodríguez Colmenero, “as estruturas son magníficas, das mellores aparecidas por aquela época. As portas do campamento eran monumentais”. O recinto militar deu de si nas escavacións importantes restos, coma o resto dunha estatua dun emperador en bronce dourado ou cerámicas de importación moi relevantes.


A 200 metros do campamento atópase un centro de interpretación.
A mansión viaria non ten veleidades subacuáticas, pola contra. Pero conta cun valor excepcional. Estas pousadas distribuíanse ao longo da vía separadas por unha distancia equivalente ao que podía ser percorrida nun día polos viaxeiros. A mansión viaria de Aquis Querquennis era de luxo: contaba con instalacións termais para lecer de soldados e viaxeiros. Nela atopáronse moitas fíbulas –prendedores de capa- e moedas.

Para finalizar este percorrido, visitamos o Centro de Interpretación “Aquae Querquernae-Via Nova”. Centro onde se pode ver, na planta baixa unha exposición sobre a Vía Nova e na superior outra integrada no Museo da Querquernia. Desde este centro podemos ver o campamento romano.


Se foi impresionante a visita a Aquis Querquinnis, a seguinte visita da tarde; foi a igrexa de Santa Comba, non sabemos dicir cal é máis importante, esta é unha das igrexas ou a máis antiga de Galicia. Século VII, época visigótica. Parece que puido formar parte dun antigo cenobio ou mosteiro. A súa planta é de cruz grega. Salientar o arco de ferradura. Na ábsida conserva pinturas da segunda metade do século XVI. No interior da igexa hai; unha ara romana reutilizada como altar e un miliario romano. Tamén podemos ver un antigo sepulcro de mármore, onde se conta que estivo o corpo de San Torcuatro, antes de ser trasladado a Celanova.


Rematamos o día en Lobios, mais antes de descansar en Lobios, subimos a Portela do Home. Dicir que por aquí pasaron as lexións romanas á conquista da tribo dos callaici, ou sexa, dos galaicos. Daquela non existía raia ningunha e tardaría moito tempo en habela. Un mesmo río con dúas variantes. Limia para os galegos que o ven nacer nas fontes de Antela e Lima para os portugueses que o ven morrer en Viana do Castelo. Toda a zona está dominada polos cursos fluviais. Unha chea de afluentes acompaña o Limia que acolle dous grandes encoros: o das Conchas e o de Lindoso. Este último con presa en territorio portugués e a auga no galego.


Porén, esta é unha raia seca pois non son os ríos senón os montes os que, conforme nos imos acercando, acoutan o horizonte co seu perfil de serra. Son inconfundibles cos seus característicos picoutos coma castelos. Por altitude, conservan os circos glaciares máis baixos da Península Ibérica. De norte a sur, a serra do Laboreiro e maila de Queguas; os montes do Quinxo; o alto de Santa Eufemia, xa veciño do Xurés que ergue o punto máis alto do cordal no pico da Nevosa (1.539 m); máis ao oeste a serra do Pisco e aínda máis afastada a serra da Pena e as terras do Couto Mixto que en tempos non pertencían nin a España nin a Portugal.


As esgrevias penedas asistiron á caza do derradeiro oso destas latitudes e hoxe testemuñan o regreso da cabuxa do Xurés a través dun plan de reintroducción en liberdade da cabra montés. Para preservar toda a diversidade púxose en marcha unha das primeiras experiencias comunitarias de colaboración transfronteiriza. Por rango, o Parque Nacional de Peneda-Gerês (Portugal) xunto co Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés forman unha soa xoia natural desta vella e nova Gallaecia. A parte lusa conserva zonas moi vizosas con árbores de gran porte polo que antigamente eran empregadas para navegaren como travesas, cadernas e mastros de sona nos sete mares.

Ao día seguinte, voltamos subir a terras un pouco máis altas de Ourense, concretamente, a terras de Allariz. Aquí na vila, acompañounos, Vanesa, a quen agradecemos a súa amabilidade.

Comenzamos a visita ao Parque Etnográfico do Río Arnoia: Museo do Coiro “Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras”, onde nos explicou a recuperación do edificio, a súa historia, e a situación actual, onde só queda como artesanía o labor que fan unhas cantas persoas, mais a pel xa a traen doutros lugares, Pontevedra ou o Levante. Seguimos coas explicacións da historia de Allariz, ao longo da marxe do río Arnoia coas súas fermosas vistas. Cruzamos o río na ponte do século XII, que nos fixo lembrar a de Navia ou outros lugares, pasando ao pé da igrexa de San Pedro, por unha fermosa rúa construída cos muros do castelo. Cruzamos o centro da vila para baixarmos ver o Muíño do Burato, o Museo do Tecido “O Fiadeiro”. Todos eles son mostras moi representativas do que nun tempo significou o modo de vida e a economía desta zona, claramente ligada ao río Arnoia.

Logo volvemos subir cara ao Campo da Barreira, mais antes visitamos a igrexa de Santiago, praza do Concello, pasando polo Museo do Xoguete. Remantando, coa visita á vila, puidemos contemplar o exterior do convento de Santa Clara. Fundado en 1268 pola raíña Violante, dona de Afonso X, o Sabio e, a igrexa de San Bieito.

Para rematar a mañá visita ao Ecoespazo do Rexo. Onde uns pudieron visitar a pegada de Ibarrola na natureza daquela área, outros puidemos ver a explotación de ovellas e a fabricación de queixos, pechando dese xeito a produción do ciclo completo.
Na segunda tarde da viaxe por terras de Ourense, breve visita ás Burgas, rematando a viaxe coa visita a outro lugar emblemático, o mosteiro de Oseira. Que dicir del? O máis atractivo do edificio, ademais do seu enorme valor histórico e artístico, é o ámbito natural no que se sitúa. Nas súas orixes o lugar foi habitado por catro monxes, hoxe dezasete. No S. XII, o rei Alfonso VI comeza a facer doazóns e a partir deste momento o edificio alcanza unha gran riqueza chegando as súas posesións ata o Couto de Marín (Pontevedra) e a Zamora. Encravado nun val profundo, é un conxunto monacal formado por varios volumes pegados e de gran monumentalidade. A súa orixe é medieval e sufriu diversas restauracións e modificacións ao longo do Renacemento e Barroco. A igrexa, de época medieval xustaponse en ángulo recto coas outras edificacións. No S. XVII pegóuselle unha fachada barroca. Teriamos que falar dos Claustros, da Escaleira de Honra, O Museo de Pedra, a Sala Capitular con esas columnas de fustes torsos que se entrelazan ao chegar á bóveda en forma de palmeira, a Biblioteca (que non se pode visitar, mais eu vina nunha ocasión, e é impresionante). A igrexa á que xa aludimos, rematouse en 1239. Unha das partes máis interesante é a xirola, con retábulos de grande valor nas entradas, e unha imaxe pétrea da Virxe do Leite do Século XIII. Simplemente, impresionante, visíteno. Visiten esta e outras comarcas e Ourense.

Saúde e Terra.
Manolo Muñiz

Ver imaxes

Conferencia no ATENEO VALLE INCLÁN



09 abril, 2009

Percorrido: Arrubial-Matela-Resubil-Fonte dos Poios – As Cernadas – O Couso – Azureira – A Abelleira (O Roteiro pode variar algo)

ROTEIRO DAS ASOCIACIÓNS ARCAS DE SARRIA E AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE POR TERRAS DE CASTROVERDE E BARALLA

25 DE ABRIL, SÁBADO, 2009

Pola mañá:
Arrubial – Rañadoiro - Matela –San Martiño (10 Km.)

Ás 9:30 h. Saída de Castroverde
Ás 10:00 h. en Arrubial (Páramo)
Ás 14:00 h. Comida

Pola tarde:
Desde San Martiño ata a Abelleira

Para facilitar a organización:
Avisar antes do xoves, día 16 de abril.

Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo.
Asdo.: Manolo Muñiz
Castroverde, a 8 de abril, de 2009

DISTANCIA TOTAL , aproximada, 20 Km. (Teñamos en conta que é para todo o día)
NOTA:
ESTADE ANTENTOS AO TEMPO. SE VOLVE CHOVER, IMOS TER LAMA.