Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

15 febrero, 2009

Miscelánea

Xullo = Mes da Sega, ou, a Gran Crise


Houbo un ano no que esta identidade foi plena: 1936. En todo España, pero eu só podo/puiden abarcar o sucedido nunha bisbarra, na miña. ¡1936, unha sega con fouciños, pero tamén con escopetas, pistolas e fusís! A min pilloume/circundoume con só seis anos, pero como tiñamos lareira, e un avó emperrado en abrirme os ollos, algo daquela crise souben, algo vivín e algo padecín!

Memoria Histórica: Lei 52/2007, do 26 decembro, pola que se recoñecen, etc. Estiven calado en espera de que mellores plumas redondeasen a información inherente, correspondente, pero estou decepcionado pois moito falar dos enterros/desenterros, cousa que dou por ben feita xa que a Historia é un “Wad-diana” que tende á resurrección dos secretos inicialmente silenciados, particularmente estes. Pero aquela Guerra, aquel Levantamento, ¡todo con maiúsculas!, tamén tivo efectos socioeconómicos, ¡atroces!, e diso pouco se leva falado. Boto en falta testemuñas presenciais, pero os que viviron e sufriron aquela “sega” fóronse, case todos, de viaxe, levando consigo eses arcanos; e coa censura de prensa que padecemos, por décadas, ¿quen ousaba rememorar? Iso sen mencionar o complexo de Estocolmo, colectivo, xeneralizado, que seguiu á Guerra.

Para facer un esquema, igual serve este: perplexidade, retención en filas, chamamentos acelerados, pánico, pánico, pánico… E de par diso, fame, moita! Os das vilas sempre dixeron que nese tema os do rural, con iso de ter horta… ¡Xa! Esquécense de que os mozos foron “levados”, e que, tras dese baleiro, viñeron as requisas, a caída da produción, as mulleres atendendo aos nenos, aos vellos, ¡e de paso, ao arado! Vénse celebrando o “Día da muller traballadora”, e nese saco vai todo, pero entendo que aquelas mulleres que apandaron coa economía, forzada, da nosa Guerra, ¡dá deles!, que aquela si que foi crise, merecen unha mención especial: ¡Vaia por Deus…, e por elas!

En Galicia non houbo guerra… Iso din os do resto desta pel de touro bravo á que vimos chamando España. ¡Guerra, non, pero guerras, si! O seu financiamento hoxe en día está estudado e bastante ben sabido, ata os máis mínimos detalles, tanto desde aquí coma cos cartos daquela depositados no estranxeiro, (don Juán, os Luca de Tena…), pero, ¿o manducatorum? Iso sen contar os fusileiros, xa que, lexión e mouros á parte, a carne de canón, inicialmente en Asturias fronte aos seus dinamiteiros, ¡que casualmente tamén eran galegos pois os nativos mandaban, e se algún baixaba ao pozo, ás galerías, era para picar, que a TNT cedíanllela aos primos,-léase- aos galegos!, o noso führer (lider, guía) preferiu utilizar, ¡case non tiña outros!, aos que chamaba “paisanos”, ¡unha mentira, outra, pois el de galego nin o nome tiña!

A morte viña pintándose cunha gadaña ao lombo, pero polo 17/18 de Xullo do 36 a herba xa estaba no pendello; andábase na sega, concretamente na do centeo, que os trigos de daquela ata principios de agosto aínda estaban en flor; andábase…, ¡co fouciño! Uns, poucos, deixaron de lado esa ferramenta para acollerse á escopeta, que eran os que a tiñan porque só os burgueses, os señoritos, adoitaban cazar; e logo que algún deles, tal que Dom Mauro, estaban previdos. Pero o común dos labregos, por máis que lles tremesen as pernas, afeitos ao “Si, bwana”, na súa inmensa maioría cadráronse: ¡Ás súas ordes, meu Cabo! Daquela a orde foi: ¡De frente, mar!

Por Montecubeiro apareceron, deseguida, as sobriñas de certo Cura, con aqueles cestos da feira, cos de merca-lo chocolate… Estamos recollendo o “aguinaldo” do soldado, así que, se non queren que os apuntemos como “rojos”, fagan o favor de baleirar esa hucha: cartos, prata, esas leontinas que lles trouxeron os fillos, os de América; toda clase de valutas e de xoias… As malas linguas, ¡que sempre as houbo!, dixeron, pero non daquela, senón máis tarde, que esa…, ¿sega?, esa recollida, como pesaba moito, a Lugo só chegou unha mostra, pois, tempo adiante, algunha das xoias viuse…, ¡onde non debía estar!

Coa escaseza, de par súa, ¡coma fungos!, xurdiron os estraperlistas. Un nome estraño, pois nada tiñan que ver con aquel Strauss e con aquel Perlo, con aqueles do xogo da ruleta… As cartillas do racionamento, aquel “Plato único y día sin postre”, aqueles requisadores do gando, dominando e controlando as feiras, para despois, algún deles, vender en Lugo e na Coruña os filetes das xatiñas máis tenras, precisamente aquelas que deberan ser vendidas/mercadas para conservar e mellorar a, nosa, raza rubia.

Chegou Xullo e veu a sega… Pero a parca trouxo fouciños, ademais das gadañas habituais. Os homes morreron de morte matada, e algunha das mulleres, tamén. As mulleres, a maiores, tiveron outro calvario: ¡o de viúvas de vivos, e algún deles, xa non! Tiveran abondo coa emigración dos seus homes, fillos, esposos…, pero veu Marte e castrounas! A todo isto estoume decatando de que é comprensible que se falase tan pouco daqueles dramas socioeconómicos pois estas lembranzas poñen os pelos como escarpas. Incluso os dedos engarabúllanse nas teclas do ordenador, resistíndose a ordenar estas lembranzas da meirande desorde habida neste país desde a invasión romana, pois os bárbaros, aínda que así lles chamasen, ¡meus pobres!, viñeron en son de paz, cun foedus, cun pacto, cun contrato, na man; ¡en definitiva, outros emigrantes!

Vou parar, pois, como estamos en vésperas de Carnaval, igual se toman a mal estes desvelos, este quitarnos a careta… O pasado, pasado está, é certo, pero tamén serve para darnos alento, pois, se de tamaña crise saíron os nosos avós, nós, que nos temos por máis listos, ¿imos tremer? ¡Adiante toda, como din os nautas! E máxime agora, que estamos na época dos astronautas, eses xenios que son capaces de lanzar ao espazo uns vehículos que ¿nunca? chocan entre si. Iso sen contar coa opinión destes heroes do botellón, que logo din, “¡Menos batallas, avó, que vos estivo ben empregado…, por face-la guerra e non o amor!”. ¡Que se lle vai facer, agora xa foi, pero os daquela xeración seguimos sendo platónicos: Amicus Plato, sed magis amica veritas! A verdade, en Historia, por dolorosa que sexa, é o único amigo fiel, pois os outros…, ¡os outros son/eran estraperlistas!


Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: