Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

26 febrero, 2009

Eleccións Autonómicas ao Parlamento de Galicia e ao País Vasco

Segue en directo as eleccións do domingo no noso blog

Quedan poucos días para as Eleccións Autonómicas ao Parlamento de Galicia e ao País Vasco e xa o temos todo listo para que desde o blog de AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE teñas toda a información dos resultados en tempo real. Resultados que son actualizados conforme o son oficialmente. Mesmo, pódense comparar cos das últimas eleccións de 2005.
Aquí tes todo: Por Comunidade (Galicia, País Vasco), por provincias, por comarcas, por municipios, En definitiva, todo sobre as eleccións do domingo.

21 febrero, 2009

Ciclo dos ríos ou da auga no C.P.I. de Castroverde

Breve resume da conferencia impartida por Emilio V. Carral Vilariño.
“ Qué é un río”



Hoxe, venres, día 20 de febreiro tivo lugar a segunda conferencia do ciclo dos ríos, que ten moito que ver coa anterior. Emilio volveu a preguntar: que é un río? Un río non é só unha canle de auga. É un todo Ecolóxico, cunha Estrutura e unha Función. Tendo unhas Propiedades e Beneficios. O río é todo o que hai a ambos lados do río. O hábitat e o bosque mixto de ríbeira. Se desaparecen as árbores de ribeira a temperatura da auga aumenta e varía o osíxeno e, iso é fundamental para a vida de moitas especies.

Os bosques de ribeira son filtros para que a contaminación non chegue aos ríos, á parte que se sacamos as árbores, sacamos o alimento do río, xa que son o alimento orgánico para moitas das especies. Importancia de todo iso para a vida dos salmónidos e, como consecuencia para o mixilón de río. Aos ríos non hai que tocarlles, a nos ser que poñan en perigo a vida das persoas.


Un río, valla a redundancia, é un río. É toda unha Integridade Biolóxica.

Un río como vemos é un Sistema Vivo. O río abastécenos das necesidades de auga, así foi ao longo das civilizacións. Os desenvolvementos urbanos afectaron e afectan aos ríos. Hai moita lexislación e moi importante arredor do tema medioambiental, mais logo non se cumpre. Hai un dominio público duns cinco metros a ambos lados do río, mais a súa área de influencia abrangue ata os 100 metros, todo isto ten moita importancia, mais non se respecta, non se lle dá a debida importancia.

As actuacións no río e nas costas foron moi agresivas, convertendo moitas das veces os nosos ríos en simples canles, pensemos no río Rato en Lugo, ese tipo de actuacións, onde facemos desaparecer o bosque de ribeira, provoca a morte dos peixes e produce unha grande erosión, aumentando a velocidade da corrente de auga, disminuindo o osíxeno e provocando asulagamentos en zonas máis baixas. Púxonos Emilio o exemplo de EEUU, que hai anos soterraron ríos, e hoxe están recuperándoos porque se percataron da grande importancia que os ríos teñen para o desenvolvemento dos pobos. Unha vez máis, coidemos os ríos.

Grazas Emilio. Saúde e Terra.


Ciclo dos ríos ou da auga no C.P.I. de Castroverde

"Os ríos na cultura e na economía de Galiza"
Breve resume da conferencia impartida por Daniel López Vispo



Na conferencia de hoxe, mércores, día 18 de febreiro, Daniel López Vispo comezou preguntando ao alumnado, como a mesma conferencia di, que é un río para ti? Todos responderon unha corrente continua, natural de auga, ou respostas similares. Efectivamente algo diso é un río, mais hai que dicir que é algo moito máis complexo. É un sistema de vida. Unha vida diferente, nas diferentes partes do río, nas diferentes épocas do ano, sendo un complexo sistema.

No río hai vida, non só no fondo ou dentro do río, senón nas beiras e en toda a cunca do río.

Os peixes, por exemplo, e non é un peixe, como hai mexilóns no río?, e como soben ás partes altas dos ríos?, como colonizan o río?, pois, pegados aos salmónidos. Mais non só temos peixes, temos insectos, paxaros, roedores; tan só por citar algúns, desde; cabaliños do demo, lavandeiras, pitas da auga, londras ou ratas de auga. Todos eles se foron adaptando ao medio.

Todo isto moi ben, mais de onde vén a auga? Outra pregunta que fixo Daniel e, todos saben, sabemos responder; das fontes,.... da evaporación. Si, si, mais como din os vellos: “Auga non hai máis ca que chove”, dixo Daniel. Resposta que a todos fixo pensar. Un río é toda esa cunca que verte a unha canle que é o río, pero que a auga vén de moitos lugares, e niso ten unha grande importancia a vexetación existente, a paisaxe.


As aplicacións da auga.

Importancia dos ríos na civilización, desde un dos primeiros berces da humanidade, Mesopotamia, ríos, Tigres e Eufrates, pasando polas construcións dos romanos, os acuedutos. A formación das cidades e a evacuación dos residuos nesas mesmas cidades, en todo ten que ver a auga e os ríos.

Importancia da auga na nosa cultura, desde a minería, pensemos nas Médulas, pasando polos mazos, ferrerías, muíños, as moas. Industria dos batáns, para bater (o liño, la, coiro), ou mais recentemente para a produción de electricidade.


Outra das aplicacións. Cultura material e inmaterial.

Na cultura material: pontes, muíños, pescos (os ríos foron unha grande fonte de alimentación na nosa sociedade, prácticamente ata os nosos días), presas de rego, lavadoiros...

Na cultura inmaterial: lendas, contos, literatura, (lembremos a Rosalía), topónimos que teñen que ver co río: Tarrío (Tras do río), Neira de Rei (do río), Fontaneira, (fonte do Neira)... ata a explicación de “ribal”, de ribeira, o veciño que está á beira do río, que hoxe pasou a ter o significado de rival (con /v/ ), como adversario ou contrincante.

Deixamos aquí este breve resume, desexando para os nosos ríos, moita saúde, respeto, coidado e qurencia, e ao noso confereciante, Saúde e Terra. Manolo Muñiz


18 febrero, 2009

Miscelánea


OFRENDA Á VIRXE DO CAMIÑO


Por esta porta saían de Lugo os peregrinos
para seguir Camiño despois dun merecido descanso,
atopándose nas inmediacións coa igrexa
da Vial, da Protectora, Virxe do Camiño,

(máis tarde substituída por unha imaxe da Virxe do Carme),
onde se axeonllaban para pedir forzas suficientes
que lles permitisen
concluí-la súa peregrinaxe.
-
Consérvase a tradición de que esta
IGREXA,
extra muros de Lugo,
erixírona os peregrinos sobre un templo "cleopatresco"
dedicado a Isis (Manisi)
-

Esta

O F R E N D A

lina/fíxena o día 19-12-1993 nunha Misa aquí celebrada
para honra-la

VIRXE DO CAMIÑO
-

Nota do autor:

Naquela data xa moito "camiño" levabamos percorrido,

recuperado,
pois nunca se me esquecerá que o día 28-11-1987
din unha charla en Castroverde,
a petición de "Espalladoira",
que titulei,
"As corridas do galo e os tribunais da Pascua na comarca de Castroverde".
Como fixera algunhas alusións á Vía Romana,
e tamén ao antigo Camiño de Santiago,
superposto a esta Vía,
moito me preguntaron sobre este tema os estudantes presentes,
asegurándome e evidenciando que nunca oíran falar diso,
nin nas súas casas nin nos colexios.
-

“O peregrino saía de Lugo pola Porta Miñá e inmediatamente podíalle rezar unha salve á Virxe do Camiño, que tiña a súa capela (hoxe adicada á Virxe do Carme) á beira da calzada romana, pola que se baixaba ata a ponte vella sobre o río Miño”. Micandro Ares, no nº 16 de Lucensia, do mesmo ano 1993)

-.-

A MIÑA OFRENDA

VIRXE DO CAMIÑO, do Vello, do noso, do Primitivo, pois aínda que todos levan a Compostela, que seica é onde descansan os restos do Gran Xacobo, aquel enchufado de Galilea, case parente noso, polo menos de nome xentilicio; aquel que tivo unha nai comenenciuda, ¿lémbraste, María?, este que vimos de facer, de refacer, nunha recollida peregrinaxe, entretidos en fondas meditacións, -¡temos tanto en qué pensar, tantos problemas na mente!-, esta andaina, este Camiño que vai e vén ás/das Asturias, transitado e bendito polo poberecho de Asís, é tan noso, aínda que só sexa por herdanza histórica, que ben cho podemos


OFRENDAR

Facémolo coma quen lle brinda a un amigo da alma unha reliquia íntima, de familia, sacrosanta e valiosa, que se foi modelando e puíndo coas pegadas angustiosas dos nosos ancestros, que todo por aquí, se algo sobrou, de vello, de sempre, foron as penas; penas duras, diamantíferas; e iso xa desde aqueles tempos da Roma insaciable, voraz, recadadora, mandona e mangante, que todo nolo pagou en lategazos, en lategazos e tamén en latixos, outorgándonos, tan só, e para iso cando lle conveu, unha cidadanía tarda, regateada, en prezo e pago daqueles servizos de armas que lle prestabamos nas súas lexións, por aló, nos confíns do seu Imperio, que nin os bárbaros llelos aceptaban.


Xa que estamos de Camiño, coa túa venia, Señora, falemos deste Camiño, do Antigo, do Primitivo: Por aquí mesmo, por este bosque augustiano, por esta fraga amurallada, seguro que pasou, de volta para Roma, e de paso recollía o salvoconducto pretoriano, aquel pasaporte imperial, como peregrini alicuius civitatis, aquel atronado do que che falei antes, aquel Xacobo inquedo e desmoralizado, que non estaba afeito, nin entendía, a parsimonia, a retranca, dos nosos ancestros. ¿Por onde ir, e por onde volver, camiño da Tarraco nauta, que fose suave ás quenturas daquel verán? ¿Subirse á Pedra Fita para perderse despois, para torrarse nas infindas searas da meseta? ¡Ben sei ora que non, pois ao Fillo do Trono non había calime que o derretese, nin frío que o entumecese! Ao Iago non lle importarían as inclemencias ibéricas, pero o seu cabaliño branco ía mellor polos vales, pastorís e frescos, frondosos, do Cantábrico, así que, por aquí, exactamente por esta parte do país seguro que o levou, ¡que se levaron reciprocamente!, aínda que con iso alargasen o Camiño da Tarraconense.

Deu chegado a Zaragoza, e coñecendo o seu celo apostólico seguro que o fixo predicando de porta en porta, de choza en choza, nas primeiras calendas do Outono. ¡Claro que te lembras, Virxe do Pilar! Alí, naquel templo columnado da impía Caesare Augusta, de paso que santificabas coa túa presenza aquelas aras votivas dun imperio regoldeiro e vomitón, calmaches, aproveitaches para calmar, naquel Embaixador do teu Fillo, tan inquedo que estaba disposto a devolve-las súas credenciais de Apóstolo. Ti, con agarimos de Nai alentadora destes fillos cansos da vida, fixéchelle recapacitar ao Zebedeo cunha puntual lembranza de que os méritos, os ascensos, son máis guapos sen recomendación, de propio esforzo, e por iso non era recomendable que abandonase á súa sorte, á escravitude dos mandamáis, sen os oficios, sen a mediación, dun VALEDOR DO POBO GALEGO, a tantos e tantos vencidos que deixaba trás súa, entre os que estaban aqueles labreguiños, aqueles gandeiros, que atendían polo xentilicio de albións, caporos, caranicos, célticos, cibarcos, curundas, lemavos, poemanos, zoelas, e algún outro que me quede no ápice da lingua.


Lembráchelle a Xacobo a nosa historia, tremenda, tráxica, sufrida, caladiña, castrexa, orixe e causa da nosa retranca, máis que xustificada: Aquel envelenamento do Medullius, coas teixoeiras. A requisa do ouro, fose nas propias areas ou xa traballado formando fíbulas, torques, gargantiñas, aros, e tantas e tantas argalladas amarelas que realzaban a natural beleza das nosas avoas, que seica eran coloradiñas de cara, mesmo coma as mazás espariegas. De adobiadas con aquel ouro galego, de vinte e catro quilates, ¡imaxínate! Aqueles lategazos cos que nos fixeron arrinca-la pedra, e transportala desde esas canteiras lapídeas dos montes de Labio e de Bascuas por onde pasamos onte... A construción forzada, urxente, desta cámara dos tormentos e dos tesouros rapinados, á que chamamos muralla; por certo, rechea dunha infinidade de ósos humanos daqueles escravos, ¿ou non eran humanos?, aí descompostos, ¡puro recheo!, que por iso, en parte, se producen tantos esbarrigamentos. ¿Non será que se producen segundo Deus os vai quitando do Purgatorio, nunha resurrección paulatina e previa?

Esta, miña Virxe do Camiño, que ti sábelo ben, que por algo as túas imaxes teñen os ollos grandes, espertos, nesta Cidade do culto permanente, onde nada che pasa desapercibido, é unha terra de tributos e de tributarios, ¡que sempre o foi! Quintos e quintadas, fose en mollos ou en cotas lácteas. Así que, nestas circunstancias, ¡xa daquela!, Ti, como boa Nai, como Nai previsora e precavida, coidaches que precisabamos, moito, daquel Iago tronante, un santo rexo que coñecía, que estaba afeito ás nosas circunstancias fisterrás. Un padriño cabaleiroso ao que sempre lle botasen incenso en Compostela, pois non acaban de desenganarse de que perden o tempo, que o tráfico de influenzas non leva ao Ceo, nin pola dereita nin pola esqueda. ¡Iso desde a nai dos Zebedeos! Nós temos ao noso Patrón, Santiago, por insubornable, e terémolo nese concepto polos séculos dos séculos, salvo que nos demostre o contrario; mais, ¡Deu-lo libre de tal!, pois daquela retirarémoslle os votos. ¡Como hai Deus que o faremos, pois nesta Gallaecia, de natural sómosche mansos e humildes, aguantamos bastante, moito, con ou sen paraugas, pero, de metidos en aldraxes, sómosche irmandiños, uns verdadeiros tronos, outros Iacobus!


Volvendo ao "tema" do Camiño, que é como agora se di: ¿Oes, e non sería por aquí, por este mesmísimo Lugo, por onde volveron, desde Tréveris, cos restos do outro gran padriño noso, aquel que tanto nos defendeu no século IV? Suposto que había persecución, o lóxico era traelo desde Francia polos vales cántabros, que por aquí, polo interior, ademais de que era fácil cruza-los ríos, que non tiñamos veigas pantanosas, podíanse esconder de día para viaxar de noite, ¡cos resplandores da Láctea! Xa sabes, querida Virxe, que che estou a falar de Prisciliano... ¡Que gran home, qué defensor dos nosos costumes, dos nosos valores, tivesen ou non algunha deformación, algo de panteísmo! Din que foi un tanto herexe...; non digo que non, pero, nese caso, ¿para que o fixeron bispo da Vila, bispo de Ávila? E se obraba de boa fe, errado pero de boa fe, dentro do que lles ensinaran, o do xeito en que el pensaba, ¿a qué veu aquela zuna dos romanófilos? Mira, Raíña, Raíña do Ceo, e por tanto, Universal, Ti, que tes de Santo no teu santoral ao Martiño de Tours, ¿verdade que non o defendería naquela ocasión se Prisciliano fose realmente o que se di un contista?


Encargáronme estes amigos, estes veciños, que che falase claro, e por tanto, en galego, pois, de discursos finos e baleiros hai fartura nesta cultura, na occidental. O peor é que estou esparramado, e as Misas gústanlles máis ben curtas, que incluso hai algún que as oe a partir do Ite, Missa est... ¡É tanto o que che teño que dicir, que máis lacónico non podo ser! E logo que veño de traballar nun Banco, onde se precisa labia para facer clientes... No meu oficio segue de moda aquilo dos romanos, aquilo do "Du ut des": Douche para recibir, ¿sabes?


Nai do Camiño, nesta petición tamén che pedimos que, ¡nada de crebas, nada de alzamentos para leva-lo ouro aos paraísos térreos..., agora que deixou de ir para Roma! Que non volva a emigración, que Ti disto entendes, que vos fixeron emigrar para Exipto por culpa de catro mangantes naquelas trapisondas herodianas!


A todo isto, para seguir de sincero pola vida, ¿sabes por qué me escolleron para facer esta avogación comunal? Ante todo, por vello, pois son dos maiores..., ¡case tanto coma os Camiños! Outro punto déronmo por ter sido emigrante, que lles pareceu que a Virxe de Exipto non deixaría de facerlle caso a quen viviu, tamén, nos desertos africanos. ¡Corporativismo lle chaman! Outra é que pasei moitos anos na aldea, co cesto das ferramentas ao lombo; non era carpinteiro coma Xosé, pero si zoqueiro, ¡outro especialista da madeira! E logo está iso de que me puxeron na pía Xosé e María, que algo poderá influír, ¿non si?


Nai do Camiño, ¿informoute o señor Sanct Iago que estamos declarados "Patrimonio da Humanidade"? ¡Dámosche as grazas, por iso e por todo o demais!

¡Ai, Virxe, Virxe do noso Camiño, qué pracer chegar ata aquí, e con vinte séculos de cristianismo ao lombo! De presente danos traballo, e líbranos dos traballos; dos traballos e da fame, que volve a ameazar, e xa non é tempo de escravos, de cartillas de racionamento, nin de facer decrúas neses montes do Camiño. Déixanos seguir camiñando, sen retrocesos económicos, e socioculturais tampouco. Déixanos alumarlles aos netos para que se espilen, para que atopen o bo Camiño lonxe das drogas e dos vicios salvaxes; para que casen con amor perpetuo. Dálles saúde de corpo e fortaleza de ánimo; que esta raza oestrimnia, tan caladiña sempre que nin levanta a voz para rezar, non vaia a menos; que nunca retroceda, que nunca recuemos nestes vieiros solados coa grandeza da nosa historia.

¡Amén!

Xosé María Gómez Vilabella


Os días 20, 21 de Febreiro e 4 de Marzo de 2009

O Camiño de Santiago para o século XXI. O Camiño do Norte

MONDOÑEDO (Lugo).

Centro de Desenvolvemento Comarcal da Mariña Central.

19 de febreiro de 2009

O congreso "O Camiño de Santiago para o século XXI. O Camiño do Norte" intercambiará puntos de vista, ideas e proxectos relacionados co presente e futuro desta ruta xacobea, unha das que proporcionalmente máis medrou nos últimos anos. Participarán especialistas, amigos do Camiño e representantes de distintas Administracións e celebrarase en Mondoñedo e Ribadeo, as dúas poboacións máis significativas na súa entrada en Galiza.

O Camiño do Norte percorre toda a costa cantábrica desde o suroeste de Francia, atravesando Euskadi, Cantabria e Asturias. Entra en Galiza pola ría de Ribadeo até Arzúa, onde desemboca no Camiño Francés, xa preto de Santiago. É unha ruta de gran diversidade paisaxística e humana, seguida cada vez por máis peregrinos e turistas de distintos países.

A Consellería de Innovación e Industria inicia con este congreso unha serie de encontros que teñen como obxectivo a preparación do Xacobeo 2010, un momento no que Galiza volverá ser centro da atención cultural e turística internacional.

Baixar o programa

SAN LÁZARO- SANTA CRUZ DA RETORTA

BREVE RESUME DO ROTEIRO POLO CAMIÑO PRIMITIVO (14-02-09)


Neste segundo sábado, 14 de febreiro, tivemos o segundo roteiro que, novamente contamos cun bo día, aínda que algo frío pola mañá.

Comezamos na ponte do Miño para subir ata a igrexa de Santo Matías, facendo unha visita ao sartego da fonte do mesmo nome, onde se curaban, seica, as enfermidades dos ollos, é de salientar o refuxio no adro desta igrexa; seguimos camiño de San Xoán do Alto, onde visitamos tamén a igrexa co seu fermoso pórtico. Breve parada no pazo ou casa grande de Carrigueiros. Estamos xa en San Vicente do Burgo, visita a súa igrexa e, desde alí visita á capela de San Bartolomeu.

Despois do Burgo, visita ao Carballo francés, chamado así porque das súas ponlas foron colgados os galegos, que animados pola recén nacida Xunta de Galicia, non se sometían ás ordes do exército de Napoleón, sumándose á Guerra da Independencia. Damos as grazas desde aquí aos seus donos pola súa amabilidade facilitándonos a visita. Logo, sen perda de tempo, baixamos a Bacurín, onde nos agardaba, don Xaime Delgado, que nos explicou permenorizadamente esta fermosa capela románica do S. XII, onde sobresaen a porta principal con triple arquivolta, e a porta sur e, sobre todo a súa absida cos seus canzorros, onde hai toda unha simboloxía alusiva aos actos que teñen que ver coa procreación, coa trasmisión da vida.

Logo visitamos o exterior da igrexa de San Román da Retorta e a réplica do miliario encontrado preto dalí que data do século I. Don Xaime deunos toda unha explicación destes miliarios. Alí ao lado temos Santa Cruz da Retorta, unha das primeiras igrexas románicas de Lugo ou incluso de Galicia por non dicir de España, levantada arredor de 1050-1060. Aquí volveunos D. Xaime a abrumar coa súa sapiencia dándonos toda unha explicación que sería imposible de resumirmos aquí, mais que salientamos a explicación que nos deu da porta principal, no seu tímpano, sobre o ensaio da construción do Pantocrátor que logo veremos na catedral de Lugo. A figura de Cristo con toda a simboloxía de representacións. Na porta norte salienta outro elemento moi importante, o Crismón, con toda a simboloxía que representa relacionado co principio e o fin e mesmo coa Trindade. Merece ser salientada a fiestra ou ventaíña que está ao nacente cunha reminiscencia visigótica.

Xa pola tarde, visita a Santalla de Bóveda. Onde don Xaime nos volveu ilustrar coa súa sapiencia. O templo, ou monumento de orixe pagán que posteriormente foi cristianizado, que puido ser unha especie de balneario, debido ás súas augas curativas, tendo enconta que perto de alí hai o manancial de Fontedóniga, segundo don Nicandro; tamén puidera ser un lugar de enterramento, e algúns din se Prisciliano foi inhumado neste monumento soterrado. Salientar a policromia tardoromana e o adro da súa entrada, con ese arco de ferradura que, segundo don Xaime sería romano e finalmente salientar os relevos que ten o edificio aos lados da mesma entrada. Aquí rematou este intenso día adicado a camiñar, mais tamén a ver a grande riqueza artística-monumental que posúe esta zona. Dámos as grazas a don Xaime que nos acompañou pola mañá nas explicacións de Bacurín, San Román e Santa Cruz da Retorta, e pola tarde a Santalla de Bóveda, e grazas tamén a don Nicandro que, aínda que non nos puido acompañar por motivos de saúde, estamos seguros que o faría se puidera.

Saúde e terra. Manolo M.


Ver Imaxes do roteiro


15 febrero, 2009

Xabier Blanco no C.P.I. de Castroverde

Xabier Blanco, mestre gaiteiro e mestre artesán



Xabier Blanco é natural de Moaña, terra do Morrazo. Mestre Gaiteiro e mestre artesán, constrúe e restaura todos os instrumentos tradicionais galegos. Para iso, aplica antigas técnicas de construción aprendidas da sabedoría popular. Recuperou desde un verniz ecolóxico (fabricado dun modo totalmente natural) ata técnicas de marinado de madeiras ou aproveitamento de madeiras das árbores froiteiras, todo iso aplicable no proceso de construción dos instrumentos entre os que salientan a gaita de cana , a zanfona diatónica ou a peneira. Publicou varios libros e ten no mercado actualmente dous excelentes traballos: "A gaita de caña de Moaña" e "Instrumentos pobres".


BREVE RESUME


Hoxe, día 11 de febreiro, tivemos no C.P.I. de Castroverde a Xabier Blanco, un verdadeiro mestre na recuperación dos “Instrumentos pobres”, dicir que como el di: “non fai música o que non quere”. É capaz de facer unha intepretación musical cun testo dunha pota e un fouciño, o corno dunha vaca, un caldeiro, un balde, (como dicimos en Castroverde), as tesouras de rapar as ovellas, cunha palla de herba ou de centeo, cun sabugueiro, cun martelo e un cicel, etc., mais non só fai música con eses “instrumentos pobres” que, eran os que tiñan a man os nosos devanceiros, non había outra cousa. A pobreza axilizaba o inxenio. Tamén interpreta, toca, a gaita de cana de Moaña, o birimbao, a gaita actual. Todo iso acompañado con romances, cantares de cegos, cantigas populares que, aluden ás faenas do campo, do mar, do traballo duro que facían as nosas xentes. Cantigas que se interpretaban nas esfolladas, nas mallas, na recolleita do liño ou na pesca.

Dámoslle as grazas a Xabier, por ter vido desde Moaña transmitirnos toda esa sabeduría popular.

Saúde e Terra Xabier. Manolo Muñiz


Miscelánea

Xullo = Mes da Sega, ou, a Gran Crise


Houbo un ano no que esta identidade foi plena: 1936. En todo España, pero eu só podo/puiden abarcar o sucedido nunha bisbarra, na miña. ¡1936, unha sega con fouciños, pero tamén con escopetas, pistolas e fusís! A min pilloume/circundoume con só seis anos, pero como tiñamos lareira, e un avó emperrado en abrirme os ollos, algo daquela crise souben, algo vivín e algo padecín!

Memoria Histórica: Lei 52/2007, do 26 decembro, pola que se recoñecen, etc. Estiven calado en espera de que mellores plumas redondeasen a información inherente, correspondente, pero estou decepcionado pois moito falar dos enterros/desenterros, cousa que dou por ben feita xa que a Historia é un “Wad-diana” que tende á resurrección dos secretos inicialmente silenciados, particularmente estes. Pero aquela Guerra, aquel Levantamento, ¡todo con maiúsculas!, tamén tivo efectos socioeconómicos, ¡atroces!, e diso pouco se leva falado. Boto en falta testemuñas presenciais, pero os que viviron e sufriron aquela “sega” fóronse, case todos, de viaxe, levando consigo eses arcanos; e coa censura de prensa que padecemos, por décadas, ¿quen ousaba rememorar? Iso sen mencionar o complexo de Estocolmo, colectivo, xeneralizado, que seguiu á Guerra.

Para facer un esquema, igual serve este: perplexidade, retención en filas, chamamentos acelerados, pánico, pánico, pánico… E de par diso, fame, moita! Os das vilas sempre dixeron que nese tema os do rural, con iso de ter horta… ¡Xa! Esquécense de que os mozos foron “levados”, e que, tras dese baleiro, viñeron as requisas, a caída da produción, as mulleres atendendo aos nenos, aos vellos, ¡e de paso, ao arado! Vénse celebrando o “Día da muller traballadora”, e nese saco vai todo, pero entendo que aquelas mulleres que apandaron coa economía, forzada, da nosa Guerra, ¡dá deles!, que aquela si que foi crise, merecen unha mención especial: ¡Vaia por Deus…, e por elas!

En Galicia non houbo guerra… Iso din os do resto desta pel de touro bravo á que vimos chamando España. ¡Guerra, non, pero guerras, si! O seu financiamento hoxe en día está estudado e bastante ben sabido, ata os máis mínimos detalles, tanto desde aquí coma cos cartos daquela depositados no estranxeiro, (don Juán, os Luca de Tena…), pero, ¿o manducatorum? Iso sen contar os fusileiros, xa que, lexión e mouros á parte, a carne de canón, inicialmente en Asturias fronte aos seus dinamiteiros, ¡que casualmente tamén eran galegos pois os nativos mandaban, e se algún baixaba ao pozo, ás galerías, era para picar, que a TNT cedíanllela aos primos,-léase- aos galegos!, o noso führer (lider, guía) preferiu utilizar, ¡case non tiña outros!, aos que chamaba “paisanos”, ¡unha mentira, outra, pois el de galego nin o nome tiña!

A morte viña pintándose cunha gadaña ao lombo, pero polo 17/18 de Xullo do 36 a herba xa estaba no pendello; andábase na sega, concretamente na do centeo, que os trigos de daquela ata principios de agosto aínda estaban en flor; andábase…, ¡co fouciño! Uns, poucos, deixaron de lado esa ferramenta para acollerse á escopeta, que eran os que a tiñan porque só os burgueses, os señoritos, adoitaban cazar; e logo que algún deles, tal que Dom Mauro, estaban previdos. Pero o común dos labregos, por máis que lles tremesen as pernas, afeitos ao “Si, bwana”, na súa inmensa maioría cadráronse: ¡Ás súas ordes, meu Cabo! Daquela a orde foi: ¡De frente, mar!

Por Montecubeiro apareceron, deseguida, as sobriñas de certo Cura, con aqueles cestos da feira, cos de merca-lo chocolate… Estamos recollendo o “aguinaldo” do soldado, así que, se non queren que os apuntemos como “rojos”, fagan o favor de baleirar esa hucha: cartos, prata, esas leontinas que lles trouxeron os fillos, os de América; toda clase de valutas e de xoias… As malas linguas, ¡que sempre as houbo!, dixeron, pero non daquela, senón máis tarde, que esa…, ¿sega?, esa recollida, como pesaba moito, a Lugo só chegou unha mostra, pois, tempo adiante, algunha das xoias viuse…, ¡onde non debía estar!

Coa escaseza, de par súa, ¡coma fungos!, xurdiron os estraperlistas. Un nome estraño, pois nada tiñan que ver con aquel Strauss e con aquel Perlo, con aqueles do xogo da ruleta… As cartillas do racionamento, aquel “Plato único y día sin postre”, aqueles requisadores do gando, dominando e controlando as feiras, para despois, algún deles, vender en Lugo e na Coruña os filetes das xatiñas máis tenras, precisamente aquelas que deberan ser vendidas/mercadas para conservar e mellorar a, nosa, raza rubia.

Chegou Xullo e veu a sega… Pero a parca trouxo fouciños, ademais das gadañas habituais. Os homes morreron de morte matada, e algunha das mulleres, tamén. As mulleres, a maiores, tiveron outro calvario: ¡o de viúvas de vivos, e algún deles, xa non! Tiveran abondo coa emigración dos seus homes, fillos, esposos…, pero veu Marte e castrounas! A todo isto estoume decatando de que é comprensible que se falase tan pouco daqueles dramas socioeconómicos pois estas lembranzas poñen os pelos como escarpas. Incluso os dedos engarabúllanse nas teclas do ordenador, resistíndose a ordenar estas lembranzas da meirande desorde habida neste país desde a invasión romana, pois os bárbaros, aínda que así lles chamasen, ¡meus pobres!, viñeron en son de paz, cun foedus, cun pacto, cun contrato, na man; ¡en definitiva, outros emigrantes!

Vou parar, pois, como estamos en vésperas de Carnaval, igual se toman a mal estes desvelos, este quitarnos a careta… O pasado, pasado está, é certo, pero tamén serve para darnos alento, pois, se de tamaña crise saíron os nosos avós, nós, que nos temos por máis listos, ¿imos tremer? ¡Adiante toda, como din os nautas! E máxime agora, que estamos na época dos astronautas, eses xenios que son capaces de lanzar ao espazo uns vehículos que ¿nunca? chocan entre si. Iso sen contar coa opinión destes heroes do botellón, que logo din, “¡Menos batallas, avó, que vos estivo ben empregado…, por face-la guerra e non o amor!”. ¡Que se lle vai facer, agora xa foi, pero os daquela xeración seguimos sendo platónicos: Amicus Plato, sed magis amica veritas! A verdade, en Historia, por dolorosa que sexa, é o único amigo fiel, pois os outros…, ¡os outros son/eran estraperlistas!


Xosé María Gómez Vilabella


12 febrero, 2009

A Voz de Galicia 08/02/09


8/2/2009 Os mellores séculos de Castroverde

Un ciclo da Asociación de Amigos do Patrimonio achega a historia local aos estudantes da man dun profesor da USC natural do municipio

Autor:

Data de publicación:

00da noticiaEnvíando datos... Espere, por favor.

Volver

O actual municipio de Castroverde é unha zona cunha historia chea de acontecementos e épocas de esplendor, como o testemuñan os numerosos vestixios que quedaron de todas as etapas. Para difundir o seu coñecemento entre os estudantes, a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde e o C.P.I. organizaron unha conferencia, impartida polo profesor de Historia da USC Hortensio Sobrado, natural deste concello.

Na campaña 1987-88 foron efectuadas escavacións arqueolóxicas na Cova dá Valiña, do Paleolítico superior. O profesor sinalou que alí estiveron os primeiros poboadores e apareceron os restos de animais e os materiais líticos máis antigos.

Tamén do período prerromano hai destacadas mostras da actividade humana nesta parte da provincia mediante a existencia de castros. No alto medievo, Sobrado referiuse a un acontecemento considerado case mítico. Trátase da batalla do Monte Medulio que, segundo dixo, atribúenlla en lugares moi distintos, pero segundo algúns indicios puido ser en Montecubeiro. Precisamente, nesta parroquia tamén se desenvolveu no século VIII a batalla contra o rei Silo, na que se enfrontaron este monarca asturiano e os nobres galegos.

O profesor, especialista na Idade Moderna, referiuse aos vestixios de cenobios, como a igrexa de Soutomerille, na que os especialistas non se poñen de acordo se se encadra no estilo hispanovisigótico ou no mozárabe, dadas as analogías que pode haber.

O señorío de Castroverde é un período especialmente interesante, a tenor do sinalado por Hortensio Sobrado. O castelo centrou a atención e as sucesivas familias de nobres ás que pertenceu. No século XIV pertenceu aos condes de Lemos e 200 anos máis tarde pasou a mans dos Altamira, que tivo alí o señorío e que o conservou durante dous séculos.

A Idade Moderna, desde o XVI ao XVIII, Castroverde atravesa un bo período económico, baseado na actividade agraria e gandeira; aumenta a poboación e hai algunhas actividades complementarias, entre as que destaca o tecido de liño en Montecubeiro, parroquia que, como quedou patente na disertación, mantivo un protagonismo constante ao longo dos séculos.

Sobrado, que foi presentado polo presidente de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Manolo Muñiz, referiuse igualmente aos fidalgos que ocupaban os pazos de Vilabade, Carballedo e Pena, así como á Casa de Vilariño de Rebordaos e Cellán de Mosteiro. Familias como os Osorio ou os Santiso alcanzaron gran influencia e poder.

Os alumnos do colexio de Castroverde profundaron nos seus coñecementos sobre a historia local

11 febrero, 2009

Conferencia do historiador Hortensio Sobrado, nado no Concello

Breve resume da conferencia de Hortensio Sobrado


O luns, día 2 de febreiro tivo lugar a primeira conferencia do ciclo da historia de Castroverde. Hortensio comenzou facendo referencias á prehistoria e, máis concretamente ao Paleolítico superior. Desta época temos boa mostra en Castroverde, na Cova da Valiña en Bolaño. Facendo referencia aos destrozos que tivo a Cova nos anos 1.960, onde se destruíron uns 15 ou 20 metros da cova. Logo explicou como nos anos oitenta foi excavada por un grupo de arqueólogos, entre os que se encontraba un dos nosos socios, César Llana. Na cova encontráronse restos de animais moi diversos, desde restos de hienas, cabalos, osos, xabaríns, bisontes, coellos, lebres, cervos... , todo isto está a dicirnos que a cova estivo habitada hai uns 30.000 anos. Non se acharon só restos de animais, senón tamén industria lítica, é dicir, pezas de cuarzo, caliza, etc. ata un total dunhas 130 pezas, que nos están indicando que a cova estivo habitada. Lástima que a cova non estea totalmente estudada, limpa, sinalizada e recuperada para un museo.

Se isto o tivera outro pobo, estaría totalmente recuperada.

Logo pasou a falarnos da cultura do Neolítico, que en Castroverde temos poucos restos, mais hai referencias como poden ser as covas dos mouros en Marrondo e topónimos que fan referencia a esta época, como poden ser o Xuncal en Espasande, Cellán e outros restos en parroquias como Serés, A Meda, Miranda ou lugares como Santadrao, etc.

Seguindo pasou á Idade de Bronce, onde non temos restos. Logo fíxonos referencia á época castrexa (S. VI a. de C. S. IV d. de C.) Castros témolos por todo o Concello e, onde hai unha parroquia ou lugar alí hai un castro. Citamos o Castro Peón, a Croa de Soutomerille e o Castro da Pallota (prácticamente desfeito), todos eles na parroquia de Soutomerille, a Croa de Xivil, o Castro onde está a fortaleza de Castroverde, os castros de Goi, as Croas de Pereiramá, o Castro do Vilar, a Croa de Furís, etc.

Da época romana, referencias a Montecubeiro e, a un dos posible lugares onde os nosos antepasados se inmolaron antes de ser conquistados polos romanos.

Da época medieval. Temos referencias, polo menos, na toponimia, aos Suevos: Recesende, Frontoi, Vilacote... Referencia ao condado do Flamoso. Un dos once condados de Lugo. Da época visigoda, temos a aspilleira de Soutomerille, aínda que haxa a discusión se é mozárabe ou visigoda. Temos mostras desta época alto medieval, nos sartegos de Recesende ou Goi.

Referencias a San Martiño de Bolaño, Vilabade, Soutomerille, Cellán, etc.

Finalmente fíxonos referencias á Fortaleza, desde a época dos Castro de Lemos, pasando polos Altamira. Explicando o que rodeaba o castelo, as posesións e construción do mesmo, ata o estado no que se encontra actualmente.

Xa para rematar, alusión á importancia de Castroverde e á súa Fidalguía que podemos ver nos pazos de Vilabade, Carballedo, Folgueira, Cellán, Villarino de Rebordaos ou outras casas grandes, dos Osorio, dos Llamas, etc.

Dicir que toda a exposición estivo ilustrada cunha presentación de todos os restos e monumentos. É dicir, que foi unha exposición moi ilustrativa e sintética, felicitacións e, moitas grazas, Hortensio.

Saúde e Terra. Manolo Muñiz

“Agora han poñer outros nomes ....

DA COVA DA SERPE, A PENA DA MOURA E A DEVASTACIÓN DOS SÍMBOLOS


Por

Ricardo Polín

Doutor en Filoloxía e investigador


“Agora han poñer outros nomes, que se olvidan…”, resolveu a miña vella logo de invocar o topónimo “Caxadoiro”, perdido na montaña e na memoria. Ela decatouse de que eu reparaba na palabra, que me quedaba con ela apresa e que a repetía asegundando o seu relato sobre o lugar das antigas canteiras para levantar as casas de antes, as rústicas moradas das nosas aldeas, pedra dos arredores carrexada en rastros costa abaixo, con tres parellas de bois no máis supino, esforzos que precisaban da forza comunitaria.

A Cova da Serpe, linde singular da Terra Chá, fito orográfico e emblema da comarca, cova e probábel refuxio e abrigo paleolítico, vai ser asaltada por un exército de aeroxeneradores, os deuses da posmodernidade. Por toda defensa fronte á invasión dos xigantes, a serpe que habita no oco mouro da serra, no escudo de Friol, a que un día apreixou ao infortunado amante de Benta, a filla de Lopo das Seixas, señor da fortaleza de Narla, impedindo tan ousados amores. Contra o impacto visual, o valor etnográfico, o simbolismo xeográfico e cultural no camiño do Norte que vai para Sobrado dos Monxes. Queren o corpo e arrincan a alma. Máis nada. Tampouco menos.

En Verín, o avance impenitente da autoestrada cara a querida terra portuguesa está a piques de esmagar a Pena da Moura, constante nas vidas e nos soños das xentes da bisbarra de Monterrei. Malia as protestas, ninguén preveu o desastre. Agora os promotores propoñen disimular o atentado trasladando a enorme rocha fóra do asentamento de seu, logo de amordazala con grandes enxeños mecánicos. Facerlle unha ortodoncia ao fito natural, desvitalizalo, matarlle o nervo.

Castelao diría: -Non vos riades, que o conto é triste. Concordo co prof. Mariño Ferro que neste noso país, os símbolos están a se converter en mercadorías, os valores en negocio, mudando en renovábeis as enerxías que non admiten ser anovadas ao perderen a razón de ser, avaliando fragmentariamente o que constitúe por si unha unidade. Consigo levan a penitencia. A aldraxe e o baleiro espiritual de todo un pobo vendido ao mellor licitador.

Porén, arestora unha excelente investigación recolle a talasonimia do sul da costa galega: mil trescentos nomes cos que os nosos mariñeiros identificaron cada cacho de mar, mesmo do fondo do mar, as leiras do mar, que teñen por todo protocolo a tradición, o caderno das marcas. (A felicidade consiste en coidar o espírito, os recursos internos necesarios para manter a calma. O que importa é a interpretación dos feitos).

-Agora han poñer outros nomes…