Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

29 octubre, 2008

Convocatoria de HOMES GALEGOS POLA IGUALDADE

NOVAS MASCULINIDADES CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Roteiro do día 8 / 11 / 2008

Vº ROTEIRO: Camiño Primitivo A Lastra – A Vacariza



Percorrido:

arredor de 11 quilómetros

Ás 09:30 h. Na praza de Castroverde.
Ás 10:00 h – 10:45 h. En A Lastra
Ás 14:00 h. (Arredor desa hora). Xantar.

Para facilitar a organización: Avisar antes do xoves, día 6 de novembro.

Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo.
Asdo.: Manolo Muñiz
Castroverde, a finais do mes de outono, comenzo do mes de Santos, de 2008

NOTA: 1.- Trataremos de que haxa un autobús ao longo do percorrido. 2.- Tempo impredicible.

27 octubre, 2008

Miscelánea

>

Miscelánea


Iso do botellón



Unha pinga de licor e outra de humor, xa que logo, pois estou farto de escribir con seriedade sobre cousas serias, maiormente en vista de que a xente de hoxe en día, de tan filósofos que son, a feito, están fartos de filosofía, que lles basta e lles sobra cos pensamentos light, cos seus, cos propios, sen ter que ler e aguantar os do próximo. ¿Para qué se vai ler tendo estupideces abondas na tele, e logo que se poden gozar coas mans libres, sen ter que suxeitar un simple papel, co pesado que é o papel?

De postos neste plan, hoxe vouvos falar do botellón, da súa invención e do seu cultivo. ¿Qué non é un asunto patrimonial de Castroverde? ¡De momento, parece que non, pero como as modas son contaxiosas…! En todo caso, e xa que din que estamos en crise, cousa que non debe ser certa, senón, e máis ben, alarmas periodísticas, acaso para poñerlle un contrapunto aos amores da condesa de Lemos, pois veño da rúa e todo eran autos botando, rebotando e votando fume, tanto, que ata me fixeron lembrar aqueles tempos da queima dos terróns nas cavadas do meu Montecubeiro, comezarei por evocar un castroverdense de raiceiras; nada máis e nada menos que D. Celestino Fernández de la Vega… ¿Que quén era, quén foi? Preguntádelle á señora Vicepresidenta do Goberno, pois esa sabeotodo de seguro que vos saberá contestar. Don Celestino deixou constancia desta sentenza: “O humorismo que non quere entregarse á traxedia, á dor, á tristura, á lamentación dramática e xesticulante, non ten máis remedio que escarnecelos, mofarse deles, ata chegar ao ludibrio e ao sarcasmo nos casos extremos”.

Se non fose polas circunstancias anteditas seguramente vos falase das teorías de Keynes, de Taylor, de Samuelson, e por aí adiante, pero…, ía ofender a vosa sensibilidade! ¿Deus, cándo chegarei a ser consciente de que os opositores actuais, -¡neste país todo deus é opositor, do que sexa, pero opositor!-, o que queren, o que queredes, son chuletas abreviadas, memorizables, deixando a cultura xeral para os curas, que como hai poucos xa teñen de sobra?

O importante, o popular, hoxe en día, é o botellón; pois ben, ¿de onde vén, quén e cómo se inventou este aquelarre noctívago…, agora que non temos bruxas? Eu, modestamente, na miña condición de investigador impenitente, fun ao Rexistro Xeral de Patentes y Marcas, e…, ¡nada, nada de nada! Tan só me dixeron que repasase a Biblia, que nela fálase de que Noé, despois do diluvio, e farto de auga, plantou unha viña para facer mosto, con intención de fermentalo… Á Biblia fun, precisamente á da Editorial Sept, pero a miña decepción estivo en que os fillos do patriarca, ao velo borracho, ríronse de seu pai, que de aí vén iso de que, no sucesivo, os borrachos foron os fillos!

Nestas dúbidas andei, anos e anos, ata que un bo día descubrín nun libro do meu admirado Martínez de Pisón esta fotografía…, ¡dun alterne africano! A deducir polos uniformes, ese pucho, ese “ros”, un invento do Xeneral Ros de Olano, empezaron a levarse daquela do Desastre de Annual (o 21/22 de xullo do ano 1921). ¡Vai lonxe; e precisamente na terra da austeridade, da prohibición coránica! O capitán ofrécelle un trago á cantineira, á cabareteira, quedándolle outra botella na mesa, non se sabe se chea ou baleira; mentres, o soldadiño, con pinta de galego pobre pois non ten nin sequera unha Solinger para afeitarse, á vez que lle dá unha chupada ao mataquintos, visiblemente covizoso da moza, agarda polo vasete común, único, que outro non hai! Detrás deles, o mouro parece renegar da súa fe, se cadra maldicindo a Mahoma (Muhammad) por privalo daquel pracer tan elitista, tan…, español!

Xa me parecía a min que esa invención, iso do botellón, tiña que ter algunha relación directa co Magreb. Caín nesa sospeita daquela da Guerra de Ifni (1.957/58), ao observar que lles daban a cada dous, diariamente, fosen Paracaidistas ou Lexionarios, unha botella de coñac “Tres Cepas”, ¡espora infalible!, amén de permitirlles fumar haxix, antes, en e despois das operacións de campaña. Con esa dieta, ¿quén non se namora da Morte, esa deusa que tanto engurra aos simples mortais? Bébedos no país da sede, e fronte a un inimigo abstemio, a vitoria, o arroxo dos nosos, eran previsibles.

A dúbida que me queda agora é, ¿cómo se apañarán os esquimós, na súa noite polar, para resistir tantísimas horas de troula? Prégolle a quen o saiba, que mo diga, así sexa por e-mail, ao e_mail da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde que atópase no blog.


Xosé María Gómez Vilabella



22 octubre, 2008

Plan para recuperar 18 muíños no concello de Castroverde (Lugo)

Unha asociación de Castroverde rehabilitará 18 muíños fluviais
GALICIAE
AGN.

A Asociación de Muiñeiros Santa Lucía de Castroverde ultima a primeira fase dun ambicioso plan para recuperar 18 muíños, coa intención de crear unha ruta etnográfica, grazas ao apoio económico da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), con cargo á liña de axudas para Proxectos Dinamizadores dás Áreas Rurais de Galicia 2007-2008.

A primeira parte deste plan contempla a recuperación integral de catro muíños nese municipio lucense, para o que a citada asociación, que está formada por 18 propietarios, dispuxo un orzamento de 138.332 euros, dos que Agader achegará 80.000 euros, segundo informou o subdirector de Relacións cos Grupos de Acción Local, Fernando Veiga.

O presidente da asociación, Jesús Miguel Lamela Escobar, confirmou que a rehabilitación destes catro primeiros muíños estará finalizada antes do día 31 de decembro, para que Agader poida certificar as obras e realizar xa os primeiros pagos.

Recuperación do patrimonio
En concreto, esa primeira fase de rehabilitación afecta a catro infraestruturas fluviais situadas no arroio de Rodinso e nos ríos Chamoso, Ferradal e Tórdea. De feito, a rehabilitación dun dos muíños, o de Cabaleiros, xa está terminada, mentres que as obras xa comezaron nos outros tres. Lamela Escobar recoñeceu que a execución do proxecto atrasouse porque os permisos para executar os traballos de recuperación demorouse máis do que os promotores desta iniciativa esperaban.

As obras que está a executar esta asociación nestes muíños contemplan a rehabilitación integral das paredes e o teito dos inmobles, con pedra e madeiras nobres, para conservar o seu aspecto orixinal, así como a recuperación de todos os elementos que fan posible o funcionamento destas infraestruturas fluviais, para que poidan moer gran.

Lamela Escobar explicou que este proxecto non ''pretende que os muíños volvan producir, porque non sería rendible'', senón ''conservar un importante patrimonio do municipio de Castroverde para as próximas xeracións, porque antes eran unha parte importante do medio de vida da súa poboación''.

Ampliar o proxecto
Aínda que ao principio algúns propietarios eran remisos a realizar este investimento, as obras de recuperación dos catro primeiros muíños ''animaron moito á xente'', explicou Lamela Escobar, polo que a maioría está disposta agora a iniciar o proceso de rehabilitación deses inmobles. Por iso, avanzou que na próxima convocatoria de axudas, a asociación intentará conseguir o financiamento necesario para iniciar os traballos noutros seis, co obxectivo de que dentro de poucos anos todos estean outra vez en funcionamento.

Algúns socios barallan ata a posibilidade de pedir axuda á Xunta de Galicia para crear neste municipio un auténtico museo dos muíños, debido á proliferación destas construcións no concello de Castroverde.

Pola súa banda, Fernando Varela recoñeceu que este proxecto conta co apoio Agader porque se trata dunha iniciativa ''moi ambiciosa'' e practicamente única en toda Galicia. Aínda que noutras zonas da rexión solicitáronse axudas para restaurar muíños, en moi poucos sitios expúxose ''a rehabilitación integral'' de tal cantidade de infraestruturas fluviais para crear unha ruta etnográfica.

22/10/2008


Nova convocatoria na Galería Sargadelos de Lugo

II Certame Literario TERRAS DE CHAMOSO



Na Galería Sargadelos de Lugo


A Galería Sargadelos de Lugo comprácese en invitar a vostede á presentación do monográfico A VOZ DAS VÍTIMAS DO 36, número 13 de Unión libre. Cadernos de vida e culturas, que terá lugar o luns, 27 de outubro, ás 8 da tarde.

Intervirán os escritores Carmen Blanco, María Lopo e Claudio Rodríguez Fer, coordinadores deste volume, que está dedicado á memoria de Manuel Sarille Lanceiro, presidente da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo.

Outubro, 2008



Desde o AGER de A Abelleira ata Tórdea. (18-10-2008)

Breve resume do roteiro pola Vía romana XIX.

Como tiñamos previsto arredor das dez da mañá fomos visitar, o AGER da Abelleira, unha elevación que hai nun prado da Abelleira que, nalgún momento, sería iso, un ager, un campo de cultivo, unhas leiras de patacas, millo..., a carón da Vía XIX que, segundo os expertos, por alí iría a vía romana. Dicir que esta vía, vese, máis clara, ao lado do campo da festa das Virtudes de Adai ( O Corgo).

Desde o Ager, volvemos á aldea da Abelleira, para baixar ata Pereira. Nestas dúas aldeas hai dúas fermosas capelas, a da Abelleira ben recuperada e a de Pereira algo descuidada, e que conta cun curuceiro e imaxinería que merecerían ser coidados. Desde Pereira baixamos ata os muíños do Castelo ao lado da Croíña en Furís de Abaixo. Lugar que garda, aínda un grande encanto. Seguimos desde aquí camiño de Lourentín. Antes da aldea de Lourentín, dicir que o camiño encóntrase mal sinalizado atravesando por medio dun fental, que o día de mañá será piñeiral ou eucaliptal. Pedimos que se sinalice e subsane esta sinalización. Seguindo, por lugares fermosos, chegamos á aldea de Lourentín, con cinco casas, en bo estado, mais a aldea parece case que deshabitada.

Aquí deixamos a parroquia de Furís, que debe ser a segunda en extensión do noso concello. A continuación a parroquia de Miradela, encontramos dúas casas que se deixa ver que tiveron importancia, relacionadas coa familia dos Montenegro e, ao lado do río un fermoso lugar, cun muíño de dúas pedras. Pasando esta parroquia chegamos a Miranda, terra de familias con certa resonancia entre elas; unha lembraza para Dona Enriqueta Otero. Desde Miranda a Tórdea, encontramos anacos de camiño realmente fermosos, con carballeiras. Dicir que antes de Tórdea o camiño merecía un certo coidado, a auga dos prados ben polo camiño e vímonos obrigados a pasar por un prado ao pe da mesma vía Xa en Tórdea, salientar a súa igrexa, non imos comentar nada dela, porque xa o temos feito noutras ocasións, mais temos que lamentar que continúen esas lápidas pegadas a ese monumento, tan importante que é a igrexa. Os miliarios, pensamos que deben estar ao lado da Vía XIX, mais no mesmo camiño, ao lado da mesma Vía romana, alí en Tórdea. Seguindo ata o fondo da parroquia, encontrámonos con dúas columnas que, non miliarios, no medio do camiño, algo inconcebible a estas alturas.

Pedimos desde aquí que tanto nun caso coma noutro interveñán as autoridades competentes. Deixando estas cuestión, que teñen a súa importancia, salientar que en xeral este roteiro, esta vía XIX, é ben fermosa e merecía un coidado especial por parte do noso Concello e, ou de quen teña as competencias.

Saúde e Terra.
Manolo Muñiz

Ver imaxes

Breve resume dos Actos do 17 de Outubro de 2008

Conferencia de D. Xesús Alonso Montero polo Centenario da morte do poeta Curros Enríquez.


A Asociación Amigos do Patrimonio, abriu con esta conferencia os Actos no CPI de Castroverde deste curso (2008-2009) e pecha os do ano en curso.

Non sendo capaz de resumir a confrencia en toda a súa amplitude, paso simplemente a expoñer algunhas ideas da mesma.

En primeiro lugar, D. Xesús, fixo un percorrido pola infancia de Curros, onde deberemos salientar unha primeira idea que, nunca os pais deben execer a violencia física contra os seus fillos.

Estando en Madrid, logo de fuxir de Celanova e Ourense, cursando a carreira de Dereito, como sabemos, compón o poema: “Cátinga”, logo de escoitarlla tocar na guitarra, ao seu amigo Alonso. O verso inicial, “unha noite no xardín, pasa a “unha noite na eira do trigo”. Dando toda unha lección arredor deste poema.

Mais outra das ideas que, pensamos que é fundamental, é a de Curros poeta Civil, Curros “Civis ”-Cidadán- (con maiúscula). Antes de ser poeta, varrendeiro, futbolista, temos que ser persoas. Curros cidadán, poeta, honrado.

Curros podía ter falado do amor, da paisaxe, mais non, falou, denunciou, fustigou: a inxustiza, a opresión. Falou da inxustiza eclesiástica e da civil. Curros era relixioso, mais fala mal da igrexa. Curros era cristián primitivo, mais non era católico. Non ía á misa, mais era crente. Falar mal da igrexa non quere dicir ateo. Temos o exemplo en; De -Mirando ao Chau-: “Se eu fixen este mundo, que o demo me leve”

Logo virían; a denuncia do Bispo e a condena do Xuíz. Emigración á Habana. Mais sente morriña, señardá, e volve a Celanova a amañar as súas cousas e, sobre todo volve escoitar o cantar dos merlos.

E en 1904, o pobo coruñes Homenaxéao, coróao, ao estilo doutros poetas loureados; Petrarca, Zorrilla etc. , mais non cunha coroa de loureiro, senón de bronce, mais coa forma de loureiro. Curros humilde, cidadán, pregunta: Que fixen eu por Vós? Que fixen eu pola Coruña? Non vos fixen unha ponte, nin unha estrada, nin inaugurei unha fonte.

E dirixíndose ao pobo coruñes di:

E...¿quen son eu? Un poeta,

ou, como quen di, un paxaro

a quen tallaron o bico

cando empezaba o seu canto;

...

“Ó pobo cruñés”, 1904.


Nomeamento de D. Xesús Socio de Honor.

Logo da conferencia, subimos ata a rúa Curros Enríquez, onde recitamos o poema “Cántiga” acompañado por dúas violinistas.

Seguidamente, na Casa do Concello houbo unhas palabras de Benvida a D. Xesús, por parte do Sr. Alcalde, acompañado por todos os representantes da corporación.

A seguir, a Asociación dirixiulle as seguintes palabaras:

D. Xesús, unha vez máis moitas gracias por ter aceptado ser Socio de Honor, sendo unha satisfación poder contar con Vostede como Socio, Socio de Honor e, que nos tivera acompañado no acto da Conferencia e nestes momentos entrañables. Seguidamente lemos as palabras que nos fixo chegar unha socia, e nós, a Asociación, fainas súas:

D. Jesús foi profesor meu e gardo del un moi bo recordo. Con el aprendín máis alá da materia impartida. Penso que foi o primeiro que me axudou a relacionar a aprendizaxe coa vida e a espertar o meu espírito crítico. Xa ves que o recordo máis polo que influíu no desenvolvemento da miña persoa que pola gramática que aprendín, que, seguro, foi moi importante.

Ese día non poderei estar pero alédome de que outras persoas poidan gozar da súa sapiencia.

Unha aperta”.

A seguir, intervención de Paco Pestana, que non temos aquí o texto, mais algún día reproducirémolo. Resposta e agradecementode D. Xesús, comparación con Curros cando foi loureado, mais que a Curros, avisánrono 24 horas antes, e a el non o avisaron, aínda que dixo, “un non é parvo e algo sospeitaba”, intentaremos recuperar todo ou parte do que nos dixo D. Xesús. Logo entrega dalgún agasallo por parte do Concello e da Asociación; un cadro, (da autoria de Paco Pestana), e libros das Feiras e de Vilabade.

Para rematar o acto interpretamos, cantamos, todos os presentes, o poema: “Cántiga”, acompañados das violinistas, (Creo que as dúas se chamaban, Carme), a quen dámos as gracias desde aquí.

Apropiándome das palabra de D. Xesús Alonso Montero, cando asinou no libro do Concello, logo de facelo Socio de Honor.

Saudiña e cante o merlo.

Manolo Muñiz


Ver imaxes




Sinalización no Camiño Primitivo

Asunto: Visita a Soutomerille–Castroverde



Como sabedes, a Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde pretende sinalizar un Roteiro polos arredores de Soutomerille.

Para ver a mellor maneira de sinalizalo, convocamos a que acudan a este lugar, (Areeira da Pallota, a uns 800 metros da rotonda de Paderne, estrada de Lugo-Fonsagrada, Km 13, aproximadamente; logo dirección Gondar), o vindeiro mércores, día 22, ás 10:00 h., ás persoas e representantes de Administracións seguintes:

- Concello de Castroverde

- Delegación de Cultura.

- Plan Xacobeo.

- Estudoso(s) no Camiño Primitivo.

- Unha persoa dunha empresa de rotulación.

- Membros da Xunta Directiva da Asociación.

Reciban un cordial saúdo, da Xunta Directiva da Asociación e, no seu nome, do seu presidente.


Manuel Muñiz Besteiro


NOTA:

Achegamos as dúas posibilidades de trazado do roteiro e, a sinalización do mesmo cos posibles puntos a sinalizar.


08 octubre, 2008

O día 17 de Outubro de 2008

ACTIVIDADE ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE EN COLABORACIÓN CO CPI DE CASTROVERDE


CONFERENCIA de:

D. Xesús Alonso Montero,


TÍTULO: “No centenario da morte de CURROS ENRÍQUEZ”


DÍA: 17/10/2008


HORA: ÁS 12:35 h. no salón de actos do CPI de Castroverde. (Entrada libre)


Entre as 13:30h. - 14:00 h. Logo da Conferencia, recibimento do Académico, na Casa do Concello de Castroverde, e a seguir, a Asociación fará oficial o acto de nomear, Socio de Honor, a D. Xesús Alonso Montero.


Alonso Montero, Xesús
Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), catedrático de Literatura na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega, é filólogo, tradutor, conferenciante e autor de numerosos libros, estudos e traballos entre os que cabe destacar: “Cen anos de literatura galega” (1964), “Informe –dramático– sobre la lengua gallega” (1973), “Celso Emilio Ferreiro” (1982), “Luís Pimentel: biografía da súa poesía” (1990), “Decálogo da lingua galega” (1990), “Informe(s) sobre a lingua galega (presente e pasado)” (1991), “As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane” (Xerais 1994, 2002), “Ensaios breves de literatura e política” (1996), “Curros Enríquez no Franquismo (1936-1971)” (2003) e “A Batalla de Montevideo. Os agravios lingüísticos denunciados na Unesco en 1954” (Xerais 2003) e “Páxinas sobre Rosalía de Castro (1954-2004)” (Xerais 2004)e “Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia (1926-2006)” (Xerais 2007).
Como poeta ten publicado, entre outras: “Versos satíricos ó xeito medieval” (2002), “Versos republicanos” (2002). Unha escolma da súa obra xornalística foi recollida en “Beatus qui legit: artigos periodísticos (1998-1999)” (2000), publicación con motivo da concesión do Premio Roberto Blanco Torres 2000. Preparou diversas compilacións poéticas de homenaxe a autores da literatura galega: “Coroa poética para Rosalía de Castro” (Xerais 1985), “Coroa poética para Castelao” (Xerais 1988), “Coroa poética para un mártir” (Xerais 1996), Coroa literaria para Roberto Blanco Torres contra a súa morte (1999) e “47 poetas de hoxe cantan a Curros Enríquez” (Xerais 2001).
(Reproducido das Fichas de Autor de Edicións XERAIS)


Ver X. Alonso Montero na Wikipedia


Roteiro de outono

ROTEIRO POLA VÍA ROMANA XIX ( A Abelleira – Tórdea )
SÁBADO, DÍA 18 DE OUTUBRO


Ás 09:15 h. Na praza do Concello de Castroverde.

Ás 10:00 h. Na Abelleira.


Percorrido:

A Abelleira - Furís de Abaixo – Lourentín- Mirandela – Miranda –Tórdea.

(Percorrido, aproximado, de 10 Km. Dificultade baixa)

Paradas técnicas en: Furís de Abaixo, visita aos muíños do Castelo. En Miranda, aperetivo. En Tórdea, visita á igrexa.


Ás 14:00 h.
(Arredor desa hora). Xantar nun restaurante de Castroverde.


Para facilitar a organización: Avisar antes do xoves, día 16 de outubro.

Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo.

Asdo.: Manolo Muñiz

Castroverde -Lugo-, 12 de outono de 2008


07 octubre, 2008

Actos e actividades deste mes

A ASOCIACIÓN DE AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE

Comunica:


Convite desde a Área de Cultura da Deputación Provincial:


I.-Inauguración da exposición

JOAQUÍN GARCÍA-GESTO

Out side

Acto que terá lugar o vindeiro

martes, 7 de outubro de 2008

Ás 20:00h,

na Sala número 25 do Museo Provincial de Lugo

–Praza da Soidade-Lugo


II.-Inauguración da exposición

LIBROS DO DEMO: GRIMOIROS E CIPRIANILLOS

Acto que terá lugar o vindeiro

xoves, 9 de outubro de 2008

Ás 20:00h, na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo

na rúa de San Marcos.


III.- CONFERENCIA DE D. XESÚS ALONSO MONTERO, no CPI de Castroverde

Acto que terá lugar

o venres, 17 de outubro de 2008.

máis información nos próximos días.


IV.- Cambio de lugar de Roteiro. Pola Vía Romana XIX. Desde a Abelleira a Tórdea, o sábado, 18 de outubro de 2008. Máis información nos próximos días.