Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

31 marzo, 2008

Miscelánea


Hoxe empeza Abril…



Xosé María Gómez Vilabella



Non, non é igual resucitar en Castroverde que facelo, poño por caso, no Sáhara. ¡Ese é outro dos favores que lle debo a Deus, que me salvase, que me dese unha prórroga naquelas liortas da entón chamada África Occidental Española!


Abril, flores mil; e sendo en Castroverde, ¡dez mil! Por algo teño encargado que as miñas cinsas se depositen ao pé do meu cercis siliquastron, na propia finca das “Andoriñas”. Se me vou no verán, polo menos as pegas acudirán ao meu transplante; e de acaecer no outono, as follas dos carballos baixarán para darme abeiro por debaixo da saba branca desas neves invernías que adoitan baixar do Pradairo. Así, cando chegue a primavera, o que de min quede será flor, herba, cheiro vexetal.

Estes luxos, para min, valerán máis que tódalas necrolóxicas que alguén me poda dedicar. Avanzada esta longa vida de traballo e de traballos, de amigos e de inimigos, ¿onde mellor se pode estar, que outra aspiración se pode ter, que supere o pracer de situarme cerca dos meus entregos, e con eles, aqueles veciños, aqueles mestres, aqueles compañeiros da escola, todos aqueles que me axudaron a formarme, particularmente os supostamente inimigos pois, ¿quen fai por ti, pola túa madurez, pola túa purificación, máis que os inimigos? ¡Sen o estímulo dos inimigos aínda estaríamos nas cavernas, tal que na Cova da Valiña!

O que lea isto que non se equivoque, que non estou fúnebre, senón todo o contrario: ¡Estoume anticipando á miña resurrección primaveral! Daquela, isto é poesía, por máis que así non o vexan os mentalmente cegos! As coroas que adoitan aportar nas funerarias están rotas, arrincadas, partidas…; pero aquel que se durma en Castroverde, ou que para alí o leven, terá, teremos, un xardín perpetuo, o que queda do Paraíso Terreal!

Iso de situar o Día dos Defuntos á entrada do inverno, é un erro litúrxico. ¡Abril é o tempo dos defuntos! En Abril todo renace, todo florea…, ¡todo resucita, particularmente en Castroverde!



Seriais Literarios

¿Pódese pasar?

-VI-

Novela satírica

de

Gómez Vilabella

A Casa Grande de Churiz e mailo seu circundo

Para cúmulo de circunstancias, sobre aqueles fumes, feudais, herdados, atávicos, estaban os propios do cargo, naquela conxuntura histórica, do Salmonte, don Manuel desde o berce; e por se isto fose pouco, sobre esta acumulación, un amencer fortuíto, prometedor:

-Querida Mabel, moi ledo che estou co novo Secretario: ¡Vaia tipo levando os asuntos legais! Mesmo se me anticipa aos desexos; e logo que é tan discreto, tan humilde, que tódolos méritos mos apunta; a min, ¿sabes? ¡Mandáronmo que nin feito de encarga! Parece nado aquí mesmo, aquí en Churiz, ¡tal que fillo dun caseiro!

-Manuel, xa coñeciches outros Secretarios, e todos te levaron ao horto; lémbrate que tiveches que buscarlles recomenda para que os ascendesen, que desa maneira sacáchelos de encima; ¡o que se di de encima! ¿Non será máis certo que esconde o rabo, que o esconde por telo máis longo cós outros?

Pero o Alcalde, fidalgo de cuna, Señor da Casa Grande, de remontado non se apeaba facilmente:

-¡Ca, muller; este é un cabaleiro! Mira como é, que incluso me dixo que non ten inconveniente en atende-las consultas dos meus compromisos, e que, para non facérlle-lo feo de cobrarlles na Capital, no seu bufete, que llos pase á propia Secretaría, que os despachará de contado, como unha atención cara a min; ¡de balde nos casos miúdos, ou nos de forte compromiso! ¿Que máis queres? ¡É o que se di, un alter ego!

-¡Sendo así, pero...! ¿Manuel, daquela poderíalle consultar esas liortas que teño cos irmáns, iso da miña herdanza do tío Clodio?


-¡Muller, entendo que si! Pero vai cedo, antes de que o mareen estes cazurros do arado, para que anote con tranquilidade esa empanada do casamento de teu tío, aló en México, que seica non é válido aos efectos sucesorios... ¿Non che dixeron iso? ¡Oes, que non o saiba teu irmán!

Salmonte aforrou de recomendarlle á súa dona que fose cedo á Secretaría, que xa ela, co seu acreditado instinto, ventara aquel sex-appeal do tal Aurelio; en consecuencia, pracíalle unha entrevista vis-à-vis; ¡o que se di, de aproximación animal!

-...

-¡Ditosos os ollos...! ¡Pero se está aquí, por ante min, toda a donosura deste Churiz tan churrío! Se eu fose Manuel, daquela poñíache, de escolta, abrindo paso, ao Cabo ese, ese que ten para resgardar o cobro dos Arbitrios, e para acompañalo nas súas cazadas. ¡Estou encantado de verte, afellas que si! -Bicoulle a man efusivamente, máis teatreiro que un mono acariciando unha noz para proceder á súa subseguinte e indefectible apertura.

Mabel pavonouse, ¡como é natural nunha pava en celo!

-Non che notei, daquela que nos presentou o meu Manuel, que foses tan galante; ¡nin tan xentil, nin tan romántico! ¡Chacho, vai ser un pracer alternar contigo!

-¡Pois si, muller; é que así, en privado, o Secretario non ten secretos! Pero vouche dicir outro: Se non atopo unha real femia, unha femia da túa categoría, ou que se che aproxime, xúroche que chegarei solteiro ao meu retiro. Solteiro e desesperado..., ¡coa envexa que lle teño ao teu Manuel!

A pava seguía de pavón:

-Non será preciso que te sacrifiques, que xa che farei presentacións..., ¡axeitadas! Boas amigas teño, boas, de familias olé, desas que seguen esperando para casar con altura, ao seu igual... ¿Enténde-la cousa, querido Secretario?

-¡Muller, graciñas pola túa vontade, pero, de momento, non! Por agora permíteme que me quede un intre contemplando esta Caetana, esta maja, unha maja vestida, que aínda que o cadro non é meu, vale a pena admiralo. ¡Que se vale; espléndido! Si, si, teño que sincerarme contigo: Se é certo que hai amores platónicos, eu estou nesa situación. -Bicoulle a man, outra vez, cun cerimonial anacrónico, pegañento, ¡de lagarto ao sol!

Aquela prima dona dos termos de Churiz é que mesmo se derreteu, a tal intre, con tales afagos:


-¿Sabes que che digo, Secretario? ¡Que ese Manuel nunca me gabou desta maneira tan..., engaiolante! -Mabel, talmente acelerada, seguía chorreando saín polas súas gorduras: un batido de saín con desodorizante; e de colonia, un cuartillo, con media caixa deMaderas de Oriente”. De todo, e todo con desmesura, que lle sentou perfectamente á pituitaria do Aurelio, acostumado como estaba aos cheiros dos bordeis.

Aquel galo soltou, disparou outra pluma, outra seta, para asegura-la súa conquista, ao enésimo asalto:

-O teu Manuel se cadra é algo miope; ¡igual tes que levalo ao oculista!

Mabel, Mabeliña, Mabelona, ¡segundo quen e segundo cando a nomeasen!, a tal momento coas hormonas aceleradas, chiscoulle un ollo, de guiño cómplice:

-Tampouco fará falla que o vexa todo, que tampouco eu lles vexo a punta a certas viaxes súas..., ¡e somos socios! ¿Si, ou non si? ¡Digo eu!

A mensaxe daquela chamada, animal por suposto, selvática, foi ben captada, obviamente, a xulgar polo acuse de recibo:

-¡Por suposto, por suposto, que en cuestión de lealdades, ou todos, ou ninguén! ¿E logo, miña Alcaldesa, a qué debo este honor, este pracer inesquecible?

-Queríache falar dunha cuestión persoal, legal, pois o Manuel, fóra das partillas comúns e correntes, pouco abarca.

Aquel Cupido, tan lascivo e tan materialista, largou outra seta; barroca, retorcida, con mala intención; ¡ou con boa, segundo se mire!

-Non tan pouco, e ademais, miúdo feixe, ¡de alta calidade! ¡Ti es unha muller de bandeira, boa e xenerosa, capaz de ofrecerlle unha esmola de amor a un mendigo solitario, tal que eu! -Mabel, a torpe de Mabel, non soubo que contestarlle, así que Aurelio, de seguido, fixo unha mutación dialéctica, un baile temático:

-El é Perito Agrícola, ¿non é?

-¿Perito? ¡Ah, si; é Périto..., para estes pailáns de Churiz, pero, o que é de perito pouco ten, ou nada! Cunha carreira tan longa coma unha restra de chourizos, e para máis almofada, durmiuse naquelas recomendacións dos Valcarce, que mo ten contado o propio Manuel que, iso si, cando se pon de sincero, dá noxo, un xan! Pero indo ao que me importa: O meu litixio abrangue moito, bastante: catro casas de cinco andares, aí na Capital; e outras en México... Por malas que sexan, son talladas, ¡boas! Trátase de que meu tío, ese Clodio, vivíndolle a muller lexítima aquí en España, foise a México, volveu para aló, para vende-las súas propiedades; mais, daquela, ben sabes, ¡lonxe da vista...! Saíulle ao paso unha crioula, unha mulata, ou como lles chamen; séxase, unha buscona, e casou con ela, polo civil!


-Muller, con eses datos…, ¡típico! Un caso de bigamia, que non transmite sucesión nas leis actuais, nas nosas. ¡Así está conceptuado no artigo 252 do Regulamento do Rexistro Civil! ¿Boa memoria, a miña, non é? Pois, con esta memoria, unha memoria tan boa que me permite facer malabarismos coas leis, avogando coas que conveñan en cada momento, ¡segundo facían aqueles sofistas...! Mira, falando da memoria: nunca esquecerei este sorriso teu...; ¡precioso, hipnótico! ¡Es un sol..., dos que derreten!

É sabido que nada cega máis aos ignorantes que a verborrea, as incoherencias dos petulantes. En canto á Mabel, pícara sen deixar de ser chosca, chosca e bastante ignara, sentíndose máis libre que unha Isabel II, estaba no bote, frechada por activa e por pasiva con aquelas prosmadas, de seu repelentes, do fantoches, do bardalleiro, tal e como cabía esperar dada a súa debilidade lasciva, cun fondo de gran astucia raposeira. Ela non quixo comprometerse demasiado, ou demasiado pronto, naqueles coqueteos bilaterais, que o Aurelio alí seguiría, captado e dispoñible, así que volveu á prosa, ao asunto mediato, ¡aos cartos! Carne e cartos, dúas eróticas, para ela complementarias; ¡dúas debilidades conxénitas!

-Aureliño, máis que de bigamia, eu diría que o de meu tío foi de burremia, que para o que precisase en México, coa golfada que aló teñen, non había que facerlle ese nó á súa gravata; e de paso fodeunos aos demais;¡pero iso xa foi! Pasaron cinco anos desde que morreu Clodio, pero, coas relacións políticas que se teñen con México, coido que este Manuel, un camisa vella, e por parte, tan coñecido, non debe arriscarse nesa viaxe, ¡coa de rojos e de fuxidos que se foron de por aquí daquela da guerra, incluso caseiros do propio Manuel! O desa viaxe díxeno nunha hora mala, que agora quen quere ir é meu irmán, o Veterinario.

Para aquel Secretario non había epidemias xa que dispoñía dun amplo receitario; e onde non sabía, sabía improvisar:

-Muller, o propio é que vaia teu irmán, e que leve poderes; como é un esquerdoso, que non faltou quen mo dixese, daquela entenderase á perfección con aqueles teixugos, cos seus cuates, ¡tan compadritos como son do noso roxerío!


-¿Que dis? ¡Non sei se serás ti ese Avogado que tanto chufa Manuel! ¿E se meu irmán atopa outra pelella? Mentres, miña cuñada, aquí en España, soa, e eu cargándolle cos fillos; á parte de que se non volve, como lle pasou ao tío, ata precisarán axuda, ¡nosa! Cartiños, ¿sabes?, que Manuel, ¡por veces, só por veces, segundo lle peta!, é tan espléndido que mesmo parece que lle caen do peto. ¡Eu teño catro, meus; catro, por culpa dese pastrán, que por non saber, nin sabe ir á farmacia, e iso que hai tres nesta Vila! Un godallo, que de repocho o que ten son as intencións, pero, de potencia..., ¡menos có galo! Chin-chin, e, ¡zas! Mira se foi cabrón comigo que ata que din en ir á farmacia, eu, eu mesma, de cada gran achantábame un salgueiro, que se chega a penetrar algo máis..., ¡daquela, xemelgos!

Aurelio triangulou os seus plans, a toda velocidade: El tiña o saco das picardías e mailo cargo axeitado, propicio; Manuel, as oportunidades, a influencia caciquil e mailos cartos, ou, polo menos, as propiedades; e aquela Mabel buscaba xogos ardentes, apaixonados, ofrecéndose de segunda cateta, con tal de que aqueles divertimentos non lle trouxesen consecuencias..., ¡que para iso estaban os profilácticos! Sentíndose hipotenuso, achegouse á Mabeliña; tanto, que lles sobraba medio sofá, ou algo máis:

-Tranquila, muller, e non te alporices, que non acabou a consulta. ¡É que me pos nervioso e non me deixas rematar! Primeira cuestión: ¿Herdeiros forzosos, quen e cantos?

-Pois, non; ata non, que meu tío morreu sen deixar fillos aquí en España, e os que tivese por aló, nese México lindo, ese dos mariachis, son froito da súa bigamia... Por outra banda, como a viúva, a de aquí, tamén se foi para o outro barrio, daquela quedamos os sobriños; ¡en definitiva, tres, e só tres!

-¿Ti, o Veterinario, e maila Mestra? ¡Tócavos unha boa tallada!

-De nacemento, catro, que teño unha irmá monxa, pero non o é a estes efectos, xa que daquela, cando se lle deu a dote conventual, que niso foi precavido, o meu Manuel fíxolle firmar unha apartación xeral renunciando a tódalas accesións que puidesen recaer na súa irmandade. ¿Enténde-la cousa?

-Así que, mentres non se demostre o contrario, ti tes, en expectativa, un terzo dese herdo, dese patrimonio xacente...

-Si, que en terzos estamos repartindo os alugueiros dos pisos; amén do produto das tendas, e incluso os traspasos...

-¿Nada, nada reclamou, ultimamente, esa viúva, a de México? -Aquel leguleio a verdade é que experiencia non tiña pero sachaba nos couceiros, ¡todo ao redor!

-¿Reclamar? ¡Pero, cómo, se esa Fulana estase quedando co produto de canto tiña por aló; do que non é seu! Mandounos unha carta dicíndonos que fagamos unha comparecencia notarial na que aceptemos quedarnos coas propiedades de España, renunciando no demais, explicitamente, en favor seu. ¡Sen preito, dicía! Quere para si tódolos dereitos que pretendemos sobre esas propiedades, ¡propiedades e pertenzas!, que puidera ter o Clodio en calquera punto de México. ¡Será lercha...! ¡Naturalmente que nin lle contestamos, que a palabras necias, oídos xordos!


O Asesor si que puxo oídos, que lle importaba gañarse a confianza daquela próxima que tan próxima e accesible lle resultaba, que para entón xa se colleran das mans nun solemne, ¡viva a usucapión!

-Ceíño, ¿tedes un inventario; desas propiedades, digo?

-¡Non, exactamente! Miña tía dixéranos que o de México era do Clodio, gañado por el, só por el, e que valía o triplo das casas de España, que estas adquiríronas de casados; ¡tamén cos cartos de meu tío, por suposto!

-¡Vale, vale! Outro dato: ¿Herdeiros desa tía; quén e cántos?

-Tamén nolos tres, que cando ese golfo se foi ao de México trouxémola nós, para aquí, para Churiz, e daquela testounos; ¡naturalmente, que nós non a repudiamos; iso, nunca!

-¡Natural, si, polo que contas! Solución inxel, que este caso é perfectamente soluble no terreo pragmático: Posto que ese capital, o de México, é tan importante, e suposto que o Veterinario prefire entenderse cos mariachis, daquela ponlle unha ponte de prata, e de paso faille cesión desa gran potencialidade, da americana, quedando libres as casas de España…; ¡dúas para ti, e as outras para esa Mestra! Lémbrate de que, ¡paxariño na man…!

Á Mabel satisfíxoa aquela solución:

-¡Sabes que dese xeito estaría ben! ¿Cómo non se lle ocorrería ao meu Manuel, todo un Alcalde; por mellor dicir, un Conde-Alcalde..., coma aquel dos Olivares, que o lin non sei onde!

Aurelio aproveitouse daquela superioridade circunstancial:

-Muller, non sei, será que valora en pouco o que ten cerca; ¡tan cerca e tan valioso! Mabeliña, canto máis te miro, máis te admiro: ¡es preciosa, unha Venus! –Bicoulle outra vez a man, con galanura apaixonada, con vehemencia, case que mordéndolla.

-Iso da Venus...; ¡ah, si, xa sei, a Venus dese Monte que témo-las mulleres! ¿Non si? ¡Ai, ho, cánto sabes, que iso tamén o di Manuel! ¡Que Deus cho pague, que hoxe mesmo llelo propoño aos irmáns!

-Prefiro que mo pagues ti, pero con fórmulas cariñosas, doces…; ¿entendes, miña prenda? Iso satisfaríame moito, meu ceíño; afellas que si!

Tan confianzudos e tan melosos estaban, ámbolos dous, naquel sofá da Secretaría, xuntiños, collidos da man, que mesmo daba a impresión de que se coñecesen e se amasen desde a máis tenra infancia. Aquela paxara arrolouse a pracer, que iso dábaselle do mellor, de seu natural; ¡metade, promesa, e a outra, coqueteo!

-¡Diso..., diso xa veremos, que ti es un picarón; e logo que, de momento, é un perigo alternar contigo, que a xente fíxase en ti, e ségueche os pasos, maiormente mentres sexas un anovado para os carcas deste lugar tan..., nocturno, que todo o fan de noite! ¿Como se di? ¡Iso, con nocturnidade, con aleivosía, coma aquel Chopin, que tamén facía as tocatas de noite, aló en Mallorca, que mo contaron alí mesmo, cando fun de lúa...!

Aurelio sentíase feliz con aquela presa tan ben apresada, ¡definitiva! Estivo tentado de dicirlle á pazguata que un “nocturno” daqueles de Chopin era unha cousa diferente, pero, fiel ao seu lema de aproveitarse da ignorancia allea, preferiu deixala a monte, así fose de Venus, ¡que por algo era a muller, a muller oficial, do Alcalde Salmonte! En vez de ilustrala, acariñouna, rizándolle un rizo de paso que a beixaba nas fazulas, aparentemente de despedida, que pasarse a maiores, a tales horas, no propio despacho, pareceulle prematuro, e incluso perigoso! Deulle as grazas, iso si, por aquelas promesas, por aquelas esperanzas; á súa maneira, manteigoso:

-¡Eu serei un picarón, e malo se non o fose, pero ti, encanto, es un sol; un sol que me derrete..., incluso na distancia! Si, muller, de veras; déixasme a punto de caramelo, que xa ves que para vence-la miña soidade estou abrindo as ventás, antes de franquearche a porta. ¡Ah, un detalle: eu serei novato, aquí, en Churiz, pero coñezo o camiño da farmacia; mellor dito, das tres, para o que faga falta, en tranquilidade túa, absoluta; sen chantar salgueiros...! ¿Enténde-las seguridades que che prometo? ¡Teño poucos anos, pero son un home, un home de pelo no peito, capaz de facerte feliz, e todo iso sen a menor complicación! ¡Garantízocho!

-¡Chato, de ti non esperaba menos! Daquela ten esperanzas…, por si se presenta unha ocasión axeitada, sexa de día ou de noite, pero aquí, neste Churiz, ao de hoxe, é perigoso pasarse; e logo que ti mesmo andas dicindo non sei qué da muller do César, que di Ramón, o noso compadre, que tes ese costume. ¡Mira que non sexa unha indirecta...!

A semántica non era discutible coa Mabel, así que aquel Don Juan - Aurelio deu por conclusa aquela reunión tan..., ¡iniciática! Envolveulle as mans coas súas, nunha auténtica toma de posesión:

-Mabeliña, quedo á espera deses goces, desas oportunidades; rendida e platonicamente namorado, que se di…, se antes non me derreto cara ao sol deste Churiz: ¡ti mesma, mon amour!

29 marzo, 2008

Devolvendo a visita dos castroverdenses en 2007

Breve resume da visita do Concello de Vedra ao Concello de Castroverde





No día de hoxe, mércore
s, 26 de marzo unha delegación, dunhas oitenta persoas, visitou o noso Concello, devolvendo a visita que, o ano pasado por estas datas, fixeran a aquel Concello a Asociación de Muiñeiros, a Asoc. Amigos do Patrimonio de Castroverde e representantes do Concello.

En Castroverde amosámoslles o conxunto histórico de Vilabade, con explicación da visita por parte de Dorotea López (Doris), e unha ampla explicación histórica de Castroverde e do conxunto histórico de Vilabade, por parte do Sr.Gómez Vilabella (socio de Honra da Asoc. Amigos do Patrimonio). A seguir visitaron a praza do rollo e a torre de homenaxe do castelo de Castroverde. Finalmente visitaron o campo e pendellos da feira e a Veiga do Olmo.













Pola tarde visitaron Lugo, facendo de guia, o historiador, Adolfo de Abel Vilela, que lles explicou a muralla e a catedral.

Dámoslles as grazas a todos desde aquí, especialmente aos de Vedra pola visita e ao Sr. Adolfo de Abel Vilela pola súa explicación.



24 marzo, 2008

Viaxe cultural de Amigos do Patrimonio de Castroverde

Breve resume da viaxe Cultural, León-Oviedo-Xixón (16-17-18 de marzo)


O d
omingo, día 16, como estaba previsto, saímos de Castroverde antes das sete da mañá, recollendo xente en Lugo. A primeira parada foi en Astorga para facer unha breve visita á Catedral e ao Pazo episcopal. En León agardábannos Pili e Suso que viven alí e, son socios a quen lles dámos as grazas, e non esqueceremos a súa cordial acollida e que, nos acopañaron ao longo de todo o día, ata a última visita nocturna á Cidade de León.

As visitas comenzaron polo museo de San Isidoro, sorprendente todo el, tanto pola arquitectura, especialmente a capela, coas pinturas da época que lembran, ou son anteriores á capela Sixtina do Vaticano; na capela están enterrados unha morea de reis, raíñas, infantas e señores. Tamén son de salientar o Claustro e especialmente a súa biblioteca con incunables e obras de importancia universal.

A seguir visitamos o Museo de León con seccións desde a prehistoria ata aos nosos días, o lugar onde se encontra o museo foi unha antiga ferretería que ten tres pisos, e desde o último hai unha boa vista de edificios emblemáticos.

Pola tarde visitamos: a Catedral, unha das máis representativas do gótico español que podemos dicir dela?, só dúas cousas; o esplendor, luminosidade, a altura , as vidrieiras e rosetóns....; a seguir, visita que quedara pendente, á igrexa de San Isidoro, cunha importante arquitectura e simboloxía e, que ten a característica de ter unha porta Santa, como a Catedral de Santiago e a exposición do Santísimo coma na Catedral de Lugo. A seguir, e sen telo previsto, asisitimos aos pasos da Semana Santa, varias cofradías ( arrdor de seis) pasaron ao pé de San Isidoro camiño, do Centro de León. Logo visitamos outra parte da zona vella, O Barrio Húmido, onde hai que salientar varios dos monumentos, Concello Vello, praza do Concello, igrexas, e praza do trigo que conserva o seu empedrado orinxinal. Finalmente visitamos o MUSAC, edificio moi ben integrado e que reprensenta a nova visión da arte.

Para rematar este intenso día; logo de cear visita nocturna a León: Hostal de San Marcos, Edificio Gaudí, Deputación, Catedral etc que, de noite coa iluminación, dá outra visión da cidade


O l
uns, día 17, baixamos de León a Oviedo. En Oviedo visita ao casco histórico e á Catedral, aquí visitamos algo especial, a Cámara Santa, onde tivemos a ocasión de disfrutar dunha explicación arredor do lugar simbólico da Cámara Santa, lembremos que este ano ten lugar o Ano Santo da Cruz e, algúns tiveron a ocasión de saudar e emocionarse co Sr. Arcebispo de Oviedo, Monseñor, Carlos Osoro, que algún do grupo lle indicou o motivo da visita da Asociación.

Logo pola tarde subimos a Santa María do Naranco, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO,.quedáronnos lugares por visitar, debido á tormenta que se levantou. Camiño da noite. Fomos visitar e pernoctar á cidade de Xixón. Pola tarde noite, breve visita ao barrio Begoña e á praia de San Lorenzo. Desde aquí dámos as grazas a outros socios, Enrique García Lorenzo e María do Carme Sal, que non nos pudieron acompañar na visita a Xixón, e ben que o sentimos, mais que nos axudaron na busca da pernocta.


Martes, día 18, Percorrido polo Musel. Sorprendeunos a cidade de Xixón por varios aspectos, a súa historia, tan antiga coma calquera das nosas cidades galegas, e o seu despegue económico a partir da época de Jovellanos. Visitamos a:seguir, a península da “ Atalaya ou cerro de Santa Catalina”onde se encontra o “Elogio del horizonte”, de Chillida, Igrexa de San Pedro, Casa Consistorial, Palacio de Revillagigedo, Casa natal de Jovellanos, Palacio de Valdés ...e, percorrido diurno polo paseo de San Lorenzo. Somos conscientes de que nos faltaron moitas cousas por ver en Xixón, mais tiñamos que volver, e dicidimos facelo por Avilés por onde pasa o Camiño Norte, desviándonos deste xeito da nosa primeira idea, mais tamén tivo o seu interese na visita a esta cidade, sendo moi interesante a súa zona vella, a rúa principal por onde pasa o Camiño Norte e, a praza do Concello e rúas adxacentes. Continuamos para visitar outros dous lugares da Costa; Cudillero e Puerto de Vega.

Diciamos que nos apartaramos da nosa primiera idea, mais temos que comentar que visitamos lugares dos tres camiños de Santiago: Astorga e León na ruta do Camiño francés a Santiago, Oviedo na ruta de onde arranca o Camiño Primitivo, e Avilés e a costa astur que nos leva ata o linde de Galicia/Galiza polo Camiño Norte.

No día de San Xosé, de 2008.Saúdos

Imaxes de OVIEDO




















Imaxes de AVILÉS




















Imaxes de XIXÓN

























Imaxes de LEÓN

23 marzo, 2008

Seriais literarios

¿Pódese pasar?


-V-


Novela satírica

de

Gómez Vilabella

En canto ao Auxiliar, en efecto, non foi recibido a despachar ata o terceiro día naquel protocolo acordado co Oficial. O que nunca chegou a saber Ramonciño, achantado na súa mesa, cravado nela, foi que don Litis, contra todo prognóstico, recibiu ao Auxiliar, ao Xaquín, cunha aperta entrañable, como si se coñecesen de toda a vida:

-¡Home, Xaquinciño! ¡Canto o sinto, que non o puiden recibir antes! Xa sabe, unha Secretaría, ben levada, desborda ao Secretario! Ademais, alédome de telo en nómina, que ía sendo hora de que houbese nestes Concellos, máis ben rurais, xente de carreira, ¡que non é igual que dicir xente con estudios! Cando isto evolucione, xa me encargarei de promocionalo. ¿Que, está satisfeito, aquí, nesta función de tanto relevo socio – político…; e cultural tamén?

Colleuno fóra de xogo, así que saíu de esguello, desconcertado:

-Pois..., verá..., mentres non amainen os ventos desta oligarquía felizmente reinante, "do Noroeste" que dixeron eses da Codorniz, mal se pode loitar á contra dos..., ¡dos elementos! ¿Don Aurelio, péscaas coa man; entende por onde vou?

O Litis, máis listo que todos eles xuntos, que lle cabía Churiz no favo máis cativo do seu cerebelo, de seguida colleu onda, pero ondulouna aínda máis, moito máis, ¡Deus sabe para qué peite cravarlle!

-Si, claro; eu son da mesma opinión. É certo que vai a modo, ¡pero xa estamos no outono! Só hai que mirar para os carballos desa chousa, esa do Alcalde, aí enfronte: as follas retórcense, están curtidas, marelean…; ¡caerán de contado! Por certo, este Gran Edil...; ¡que pena de home, qué abandono, tantísimas hectáreas, no mellor de Churiz, solares en potencia; os mellores!


Vostede e mais eu, ¡que os tempos son chegados!, con altos ideais e coa nosa preparación de índole técnica, estamos chamados a reforma-la Administración Local. Local ou non, que teño boas relacións, gromos perfectos, máis arriba, na Capital; ¡e despois de Pedrafita, tamén! Así que, entre vostede e mais eu, de consún, imos xestar…; primeiro, xestar, para despois xestionar, mudar para non cambiar, grandes empresas… ¡Do ut des, que iso é un mandamento sacro! Por exemplo, de seguro que eu lle podería conseguir, ¡a nome da súa prometida, claro!, unha Estación de Servizo, desas que proporciona CAMPSA aos enchufados do Réxime, que este Churiz, ao que acabo de chegar pero xa me sinto fillo adoptivo, é moita Vila para un só gasolineiro. ¿Que, amigo; qué lle parece a proposta deste conseguidor nato, insubstituíble? ¡E de paso, teña presente que, de gústibus et colóribus non disputándum!

Pero nun á parte, para os seus adentros:

-¡Se desta non trága-lo anzol, mal te vexo, cagallón!

Aquel Auxiliar, ¡meu pobre!, o que é capiscar non capiscou, ¡nadiña!, pero caeu, coma unha pataca, no saco dos agradecementos previos, previa e sibilinamente suxeridos:

-¡Pois, si; certamente que llo agradecería! O pai da moza, don Paco, xa tentou consegui-la estación, a gasolineira, pero..., ¡eses oligarcas déronlle no nariz cos porlóns da porta!

O Litigueiro baixou de ton, misteriosamente, enigmaticamente, abaixándose tamén ao específico daquelas confidencias tan importantes; e de paso deulle unha palmada de complicidade na ombreira a aquel Auxiliar tan auxiliado:

-¡Iso pasa, si, ás veces, e débese, case sempre, por non chamar na porta axeitada! Todo se andará, aínda que hoxe esas cousas están algo máis controladas. Foi unha pena que don Manuel non se molestase en facerlle ese favor…, se quixese e soubese facer un Informe, daquela que...; ¡pero, non, nada, en absoluto; deixémo-lo tema, que teño por norma non criticar aos ausentes!

O que é polas ganas, poríase de xeonllos, pero estaba a cousa dos principios que se abandeiran, así que Xoaquín bastante fixo con estremecerse de pracer; ¡de gusto, de agradecemento e de esperanza!

-Agradeceríallo, afellas que si, moitísimo; e don Paco, tamén, que é un home de comercio; ¡quere dicirse, un home de recompensas! Terémosllo presente..., ¡no noso afán!

Maquiavelo Bis, ou sexa, Litis, para remata-lo conto deulle á súa proposta unha boa lazada, desas de viorto:

-¡De nada, rapaz, que entre nós, as contas son recíprocas, interese recíproco, e non ese dos Bancos...! Isto será, tan só, un comezo do corno, deste corno da abundancia, se esta simbiose, confidencial, nosa, esta especie de masonería branca, funciona ás dereitas! ¿Enténdelo? ¡É importante que o entendas, que dereito non é sinónimo de dereitas, aínda que se aproxime...!

Os homes eficaces, coma os xastres, non dan puntada sen fío, así que Aurelio, despois dun respiro, enfiou de novo na súa agulla para darlle un bo pespunto ao crédulo/listete, ¡ao Auxiliar auxiliado!


-¡Ah, outra cousa, querido Xaquín! Que estiven vendo estes libros, ¡na miña función de Secretario-Interventor, claro, que nestes Concellos cativeiros tense que dá-la acumulación das tarefas!, e coido que non abonda con utiliza-los principios de Contabilidade xeralmente admitidos. ¿Non sabes aquilo da muller do César? Aquí, neste Concello, pode ser de aplicación, pero con reservas, que non me gustan, xuntos, os réptiles coas pombas. Non casan, é antinatural; ¡contra natura, que se di! ¿Entéraste? -¡Aquel imperio, aquelas flexións da súa voz, ora autoritaria e apacochante, ora melosa, sibilina, suxestiva e persuasiva, pero sempre, sempre, enfeitizante!

-Os réptiles, como vostede lles chama, levámolos así de clariños porque o propio don Manuel mo esixe, -explicouse o Auxiliar, subliñando a súa inocencia, -que di que non lle chegan nin para gastos ordinarios da súa alta representación, e que non se poden trascadear de columna…, ¡nin un céntimo! Logo está iso que cobramos a maiores, aí, na ventaíña: Licencias de Obra, xestións, ou pseudo; consellos, opinións...; ¡cousas similares! O malo é que se nos vai todo, ou case todo, niso das relacións...; ¡nas públicas, nesas do Xefe Local!

Xaquín, exhausto, calou, pero non o fixo así o seu adaíl, pois, un bo Xefe, un Xefe con mando en praza que se queira lucir, puntualiza e remacha as instrucións. Esa era a Cartilla do Aurelio, e leulla ao Auxiliar do Concello; ¡por suposto que cunha de cal e outra de area!

-Caro Xaquín, rapaz, que vou por outro lado: Ti debes leva-la Contabilidade, en efecto, pero a Oficial, que para algo es un experto, un titulado. Pola contra, os réptiles deben ser extracontables..., ¡para que non nos mordan, nin a ti nin a min! ¿Eses bechos son cousa do señor Alcalde, non si? Daquela que llos controle Ramón..., ¡xa que son compadres! ¿Non lle bautizou un fillo ao Oficial, a un Oficial de Primeira? ¡Aí o tes: o compadreo é deles, privativo deles! Pero ti, disto, chitón; non digas nada, que prefiro quedar mal, eu..., ¡que estou aquí de novato! ¿Enténdesme? Acto seguido dille que pase; pero non lle digas..., ¡non lle digas que o vou poñer a pelar un gato! ¡Gragrr!

-¡Grazas por todo, don Aurelio, e xa falarei co Paco para que o agasalle con xeito, que ben o merece; quere dicirse, moito!

O Auxiliar despediuse a toda présa, azorado, desnortado, descontrolado e desconcertado, que o puxeran nervioso aquelas posibilidades, pouco menos que se o Secretario lle ofertase participar nunha mina de ouro, que tal era por entón un surtidor de gasolina ben situado e cun bo hinterland, pero ao don Aurelio faltáballe unha puntada, outra, a enésima:


-¡Ah, unha cousa, que me quedaba na..., na recámara! Tendo, nolos dous, o Don, ¡é mellor que me digas, Señor Secretario! ¡Máis funcional! ¿Entendes?

Aquilo foi un esperpento, un barullo, unha puñalada trapeira, unha traca final, totalmente inesperada; un desconcerto mortal, unha diarrea para as neuronas do pobre Xaquín:

-¡Comprendo, don Aurelio; digo, don Secretario; digo, señor Secretario!

Aos poucos, lograda aquela división dos seus axudantes, exacta, final, sen decimais, don Aurelio escoitaba, en aberta, en nova confesión, ao Ramonciño:

-Díxome ese radical, ese comunistoide, o tal Xaquín, que pasase, agora mesmo, de parte súa; pero díxomo con pouca cortesía, case que tratándome de igual, ¡como se eu non fose o Oficial deste Axuntamento! Para outra, cáscolle; ¡como hai Deus que o fago!

-Flegma, Ramonciño, que os gatos con botas non destripan nos ratos; ¡para iso precisan das uñas, telas axeitadas, retráctiles! Xa lle ensinarei a maneira, como din os mouros. Vostede déixelle subirse ás nubes, e mentres, anote as que faga; ¡todiñas! Despois diso, cando teña abondas..., ¡un dossier, que se di! Das graves, por suposto. E daquela páseme o atestado, que xa farei que se dobre ese aprendiz de comunista; ¡que se dobre tanto, tantísimo, que acabará dando coa testa no cu, no propio traseiro!

Aurelio no mesmo ton de advertencia, pero con modulacións, con reberetes de afago, como se estivese aloumiñando, amansando, unha fera:

-Pois precisamente chameino para irlle recortando as ás ao tal Xaquín, que é outra neglixencia telo aquí, apuntando nesas partidas extrapresupuestarias, atípicas, furtadas aos paganos deste Churiz tan..., ¡tan pazguato! Ollo ao porvir, que calquera día invádenos esoutra democracia, a inorgánica; ¡esa merda dos inútiles e dos pobres! ¡Hai que abri-los ollos, estar previdos! ¿Non lle dixeron cómo foi aquilo da República, que se meteu neste país, no 31, da noite para a mañá? ¡Iso da democracia pode amosar da mesma maneira, ao furtivo, coma os ladróns, e tamén da noite para a mañá! Daquela, ¿un comunista, de portas a dentro do Concello, e con eses bechos na man...? ¡Parece mentira en don Manuel tanta inxenuidade! Mire, falando do noso Alcalde: Prepárelle un recibo polo saldo actual, polo deses fondos; e poña, de concepto, tal que..., Donativos Campaña do Nadal. Desa maneira quedarán cerrados, saldados, prescritos e proscritos, tódolos apuntes deses libros, de mal nome, oficiais; eses que está levando o Xaquín, ou, por mellor dicir, ¡traendo!


O Oficial, que seguía oco, desconcertado, trasladado a un país distinto:

-Iso pode facerse, pero..., ¿que pasará coas entradas sucesivas; quen lle pon esas cancelas ao monte do señor Salmonte? Lémbrolle que témo-la xente afeita a pagar por todo, ¡ata por saudarnos! Sen recibo nin protesta, que aquí nunca se lles ensinou a distingui-las taxas das propinas; ¡coma quen di, as churras das meiriñas!

Aurelio, visiblemente contrariado polas pexas daquel subordinado tan estúpido, redundou no seu intervencionismo:

-Para as sucesivas..., digamos, aportacións..., vostede, vostede mesmo, levará outros libros, ad hoc, que lles chamaremos..., ¡xa o teño, Extracontables! Levados por vostede, sine qua non, de propia man. ¿Entende? Vostede é aquí o meu brazo executor, o dereito, así que ten que pecha-los libros cada vez que se ausente, na propia caixa, na forte, nesa da Oficialía, onde teremos, vostede e mais eu, os documentos confidenciais. O noso lema, para que haxa afinidade, ten que ser: ¡Meu dito, teu feito! ¿Vaino absorbendo? Isto noso, a partir de agora mesmo, funcionará tal que un Ministerio; ¡si, iso, o Ministerio dos Chourizos, tal cal!

Pero o outro, ausente, ¡como se lle misasen en latín!

-¿E logo, ese Xaquín..., non seguirá coa B? -En vista do seu desconcerto quixo que llo puntualizase aquel Mandamáis tan..., ¡organizativo!

-A B, si, que esa recadación, digamos que atípica, segue sendo necesaria para o financiamento dos gastos heteróclitos; eses, os de tipo B; ¡quere dicirse, extrapresupuestarios, para simplificar! Ao final de cada día que lle entregue, a vostede...; si, a vostede, o borrador desa Caixa; ¡o borrador e mailos diñeiros borrados da circulación! ¿Estamos, meu querido Oficial; vaise lustrando?

Ramonciño sentíase acaneado con aqueles dimes e dites tan incongruentes, tan exóticos e inesperados, desconcertantes ao máximo; ¡coma quen abala un olmo, agardando polas peras!

-¡Eu, ás ordes; sempre; pero..., esa é moita responsabilidade..., para min, para min só! ¿Daquela, firmarame, vostede, digo, eses verificados da Caixa Negra, da B, ou como lle chamen? ¡Eu pídollo polas boas formas...!


-A “B”, si, que iso de negra é un adxectivo, ¡simplemente pola cor do envase! Mais, diso de firmar, ¡que lle hei firmar, santo de Deus! ¿Aínda non se decatou de que goza da miña confianza? Vostede, Ramonciño, aquí é o meu brazo, o meu brazo en alto, cara ao sol posto, ¡que nin o de Santa Teresa! Séxase, ao dereito. ¿Non llo dixen? ¡Pois si, iso, con tódalas súas connotacións! A única firma que se precisa é a das saídas, para xustificante seu…, fronte ao Alcalde, que por algo lle estou recomendando que lle firme persoalmente eses recibos, segundo retire fondos…

Aquel tío, aquel Litis, tamén era un mestre niso da efectividade do trasacordo, virtude ou defecto que seica é común a tódolos pobos de orixe celta, que os suevos eran máis bárbaros, máis directos. Remachou no cravo:

-¡Ah, outra cousa: Aquí o Asesor Legal son eu; así que..., o dito! Conte con este servidor nas dúbidas, ¡en tódalas dúbidas, en tódalas súas insuficiencias! Ítem mais: Discreción absoluta con ese Auxiliar, con ese comunistoide, que non sospeite que vostede e mais eu...; ¡vaia, que o temos en corentena! Como dicía meu avó, que tamén era Letrado, moi letrado, moitísimo: “¡Ad augusta per angusta!”

Aquela catequización do diaño, do diabólico Aurelio, comezara a dá-los seus froitos: ¡Auxiliar e Oficial, máis enfrontados entre si do que nunca o estiveran! Por outra banda, aquel Ramonciño, receoso das irregularidades do seu compadre Salmonte, e todos eles arelantes e cobizosos co novo sistema das engulidas municipais. Aurelio feito un Xúpiter, tronante e mandante; un Capitán de barco naquel mar proceloso dun Concello tan…, toxeiro, ¡tan indefenso, apixotado! Nesa alarma, ante esas aldrabas do Aurelio, Ramonciño pronunciou un "Amén" fervoroso, un "Así sexa" de catequizado fiel, definitivamente submiso:

-¡Por min, xa sabe, asunto periclitado, tumba pechada! ¿Manda algo, algunha cousiña? Só ten que ordenar por esa boca, que eu..., ¡xa sabe, outro Aladino!

-¡Non, grazas; e non perdámo-lo tempo con divagacións, que vostede, de Aladino, un carajo! A funcionar, rápido e ben, que por algo somos funcionarios, ¿non si, carísimo Moncho? Cousas verdes veredes, precisamente neste Concello, querido amigo, que servirán de pauta aos reitores territoriais...; ¡presentes e futuros, galegos ou non!

Co Aurelio non chegou ningún escándalo: ¡fabricábaos el, el mesmo, que á vista estaban as súas habelencias! Nembargante, en Churiz, aloulados, preñados do seu propio autoodio, entrara a Revolución Tecnocrática, pero máis ben ad intra, co Secretario de receptor funicular. Simplemente con dúas entrevistas, aparentemente protocolarias, ¡á que alí se montou! Aurelio, aquel eximio Secretario, subiu, afianzouse; e Ramonciño baixou, apeouse da propia peaña. De par deles, Xaquín quedou preso nun anzol invisible. A Caixa B seguiu reptando, reptando; rastreira, sempre rastreira..., pero mellor levada, con máis técnica, cunha astucia maxistral, definitivamente aureliana!