Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

24 febrero, 2008

Historias Intra da Bisbarra -VIII-


MIRANDO ATRÁS SEN IRA, SEN AUTOODIO

Parte I

Achegas de

.chegas de

ntra da

Xosé María Gómez Vilabella



A idea de ter aquela xuntanza - merendola de intelectuais, particularmente de xubilados, e por tanto, xubilosos, da bisbarra de Castroverde, Pol e maila Valeira, foi de don Manuel Reigosa, e teño testemuñas de que mo propuxo, concretamente na Coruña, tomando café na miña casa, ¡que é a vosa!, o día de San Xosé do ano de graza 1.991, que ademais de ser de graza foi capicúa, séxase, de boa lembranza.

Precisamente saíu a cousa falando de recordos da xente que nos ensinou a vivir, fosen mestres (que tamén é un sacerdocio), curas, ou segrares, como é o meu caso. (A min gústame presumir de que fun un mestre daqueles do "m" minúsculo, séxase ensinante “de a ferrado”, digo, dos de a vinte pesos, mensuais; e maila comida, por suposto). O plan inicial era celebrar, e instituír, esta xuntanza, cunha comida anual, con humor, meigas e penas fóra; de troula, en definitiva; nun punto céntrico da nosa bisbarra de orixe. O propio don Manuel suxeriu que fose en San Cibrao, o día do Santo, 14/15 de setembro.

Fieis a ese compromiso, para min, ineludible, que é público e notorio que don Manuel é, (¡érao, meu pobre, que agora descansa en paz!), un deses Curas curapenas, rara avis, que estaba chegando a centenario e aínda daba corda aos novos, así que non se podía menosprezar ningunha das súas suxestións, plantámonos en Lugo para concordar e falarlle dos preparativos, precisamente un domingo, 25 de agosto. ¡Pero, oh lares, oh manes, oh penates! ¡Don Manuel ía no seu Montecubeiro, invitado por outro amigo seu, que non só adiantaran a festa parroquial, senón que a estaban amenizando con Ana Kiro, a todo ritmo, a todo volume! ¿Que facemos agora? ¡Pois o mellor que se pode facer en Lugo: tomar café nunha desas terrazas dos Soportais, cousa da que só gozan os sibaritas!


Tras da mala coincidencia veu a boa coincidencia, substitutiva, que se deu o casual de que alí, nun velador próximo estaba un Mestre que nacera en Pol, coa dona. Propúxenlle á miña que os invitase a comparti-la nosa mesa, mellor situada para ver pasa-la xente, así que, en minutos, xa estabamos falando de que o home propón e Deus dispón. (A outra versión é que o home propón, e a muller descompón, pero iso é da Lei Sálica)

-¡Esa idea, gústame, e pola nosa parte organizámo-la troula para o ano próximo, con máis tempo! -Ofreceuse aquel Mestre; e de seguido abundamos nesa moda de cambia-las festas parroquiais así coma así, sen máis.

-O malo é que, como estes rapaces de agora nin respecto lles teñen aos santos, que os quitan, e os poñen, cámbianos de data, e todo iso, vai ser mellor acordar un día de verán calquera... ¡Mellor aínda un independente, que podemos ir coas merendas a un río, ou a un monte, dos agradables, que sitios así témolos a barullo, a centos, na nosa bisbarra!

Aquelas ideas gustáronnos, así que nos puxemos a planificar, daquela mesmo, ipso facto:

-Xa estamos aquí, nesta mesa constituínte, unha representación de Pol, e outra de Castroverde, ¡pero fáltanos a Valeira, a terra dos vales, que como non está baleira de talentos, senón todo o contrario, non se pode desprezar! -Comentei eu, pero a miña dona tiña outros plans.

-¡Non tal, que acaba de pasar por aquí, cara á Catedral, unha Mestra do Cádavo! Nun cuarto de hora estará de volta... ¿Que apostades?

Daquela díxenlle á miña consorte:

-¡Canto sabes, qué precisión, que nin o home do tempo; qué ben vos ensinaron naquela Normal...!

Pero o Agregado, o de Pol, que o deixaremos así, que non teño o seu permiso para consigna-lo seu nome, -tódolos vellos con humor somos "rapaces", pero a recíproca non é certa, -apoiouna:

-Non vos é coña, nin ten mérito este vaticinio da colega, pois esa Mestra do Cádavo vai tódolos días ao rosario, e logo que é máis metódica do que era aquel Carrero Blanco, ¡que xa é dicir!

Así foi, coa mesma puntualidade dun tren alemán. Despois dos saúdos e demais cumpridos, entramos na orde do día, no temario que nós mesmos nos propuxéramos. Dixo a señora da Valeira:

-Xuntanzas de intelectuais, en particular de ensinantes, deberámolas ter máis a miúdo, sequera fose para cambiar impresións e consellos, que se nos foron das mans os fillos, e tras dos fillos, os netos.


Rebateulle o de Pol, en vea de humor:

-Ti non tes queixa, que os teus ben de xeito saíron!

-Mellor saíron os vosos, que non os tivestes!

Así, entre bromas e veras, a cousa púxose dramática pois os cinco chegamos a estas conclusións, que se ben non levantamos acta, eu recólloas aquí, tal e como foron:

Que a nosa xeración fixo milagres para elevar á seguinte; e todo iso partindo daquela indixencia, material e cultural, da nosa posguerra.

Que o segundo paso, ou estadio, entre pais e avós, foi enchérlle-lo peto de cartos á terceira xeración, financiándolles tódolos vicios e tódolos desvíos, de tal xeito, e con tal acerto, que mal se poden respectar a si mesmos os que non respectan a tan esforzados protectores. Non acatan nin aprecian, en definitiva, nin aos pais nin aos avós, nin..., ¡nin a Deus bendito!

Á miña muller pareceulle esaxerado aquel parecer dos Colegas, así que terzou:

-Eu teño unha gran esperanza na salvación destes rapaces, neste da xeración finisecular. Lembrádevos daqueles melenudos, aqueles ácratas do 68...; ¡pois agora, moitos e deles, son executivos de gravata, ben esixentes por certo, que se non usan látegos é porque descubriron, eles mesmos, outras técnicas de estimulación e de presión laboral e política aínda máis eficaces!

Como aquela tertulia se nos ía das mans por momentos con elucubracións apocalípticas, e na miña teima por escolmar relatos e lendas definidoras de cada época, pasada ou presente, propúxenlles gravar, de cada un, súa anécdota; un suceso, unha experiencia, que demostrase que aínda podiamos mirar atrás..., ¡sen ira! Fun ao coche pola gravadora, que o tiña nesas catacumbas de Santo Domingo, e aquí están os resultados:

A Mestra do Cádavo contounos os fenómenos daquela noite tan especial na que subiu ao Ceo a señora Emilia de Brañas:


-Lo menos nunha legua á redonda, e por espazo de horas, nin se moveron as follas dos loureiros, que son as máis sensibles ás auras nocturnas. Máis aínda: Naquela paz do Val de Fonteo, naquela quietude da natureza, medraron as flores, e cantaron os paxaros, ¡de noite! O recendo foi xeral en toda a súa bisbarra, mesmo, mesmo, coma se os anxos da Santa andasen por alí, salpicándoo todo cun hisopo de perfume floral.

Os únicos que se decataron á perfección, que de aí nos veu a noticia, a nova, foron aqueles dous nenos, precisamente de Millares, que ata entón ninguén os tivera por mentireiros; pero, se cadra, como eran fillos dun caseiro, por iso a xente do lugar lles fixo pouco caso, que ao fin e ao cabo eles acababan de chegar, e descoñecían os cheiros propios da bisbarra. Tampouco lles crin eu, -confesounos a Mestra, toda contrita, -e iso que mo contaron eles mesmos, anxelicalmente.

Aqueles nenos, fose por culpa dos dentes do Manueliño, fose porque os nenos cando se poñen a falar é que non paran, o caso foi que estiveron toda a noite, ou boa parte dela, dándolle ao pico. Ao outro día, na escola, viñeron os dous, correndo, para xunto de min, da súa Mestra, para contarme aquelas aventuras. Dixéronme que tiña que crerlles, que na súa casa non lles creran, e que os outros nenos se riran deles, precisamente por todo aquilo que contaban.

-Aos nenos sempre hai que escoitalos, aínda que digan infantilismos, pois do contrario éntranlles traumas e complexos. -Sentenciou a miña muller, que para estas cousas ten unha sensibilidade exquisita.

-¡A min tamén me ensinaron iso! Ben, pois o caso foi que os puxen na escola, a redactar un conto, pero a todos. Aos xemelgos díxenlles que contasen aquilo que me querían dicir en secreto, pero con todo detalle, que a clase estaba empezando, e había tempo para todo. Pódovos repetir de memoria aquelas redaccións, que as conservei nunha carpeta, nin sei por qué; e tempo despois daquela desgraza, que xa vola contarei, lembreime dos seus papeis, e relinos, polo menos cen veces. Un daqueles rapaces puxo:

"... desde que apagámo-lo candil, que onte fóisenos a luz en Millares, aínda se vía mellor pola ventá, que todo o ceo era azuliño. Toño e mais eu, que non podiamos durmir por culpa dos dentes, saímos á ventá, a ver qué pasaba, e non vimos nadiña, que tódalas cousas estaban durmindo, alí, no horto, pero tamén nos arredores, que ata os cans estiveron caladiños.


Así de pronto pareceunos que o vento asubiaba mainiño, máis baixo que de costume, pero non vos era o vento senón os paxaros, que deron en piar, a un tempo, e de todas partes, que de calquera lado que mirásemos viñan asubíos. Tamén oímos frautas, pero o das frautas viña de máis lonxe. Entón díxome o Toño: Debe haber festa, e ben grande, por aí cerca. Eu contesteille que non, que era imposible, que estivera aquela noite na nosa casa o Pepiño da Casanova, e ese, desde que ten coche novo, vainas todas. ¡Logo non sei qué estará pasando!, foi o comentario do Toño.

Estábase tan ben na nosa fiestra, que de alí nos saímos, en toda a noite. Incluso oímos ouvear un lobo, aló da parte de Rairos. A música non se ía, que xa dixen que viña de todas partes, coma se houbese festa na Braña, e tamén en Fonteo, asemade, todo a un tempo e todo ao redor. Tamén me dixo o Toño que cheirase, así, forte, cara ao horto, e contesteille que xa levaba tempo ulindo iso, iso mesmo, e que aquelas verzas recendían do mellor, moitísimo mellor do que a colonia que se pon a nosa mamá cando vai á feira do Cádavo. Tamén lle dixen, "Mañá temos que dicirlle que non compre máis colonia desa, e que leve no bolso unha presada destas verzas, ¡co que recenden!”

O máis bonito foi cando empezaron os foguetes, arriba, no ceo, que subían e baixaban, e daban voltas ao noso redor, enchéndoo todo dunhas muxicas preciosas, que parecían estreliñas de moitas cores, pero o caso é que aqueles fogos estalaban sen facer ruxido, ningún, cousa que nos pasmou. O máis guapo aínda foi cando vimos, arrodeada daqueles fogos de luces, que unha señora refulxente, moi velliña pero moi guapa, subía e subía, polo ar, sen parar pero engorde. Ao primeiro parecía levar unha roupa moura, que por iso nin case a viamos, pero deu en resplandecer, e a roupa volvéuselle branca, máis branca cá propia lúa, que daquela apartouse, púxose a un lado, mesmo para que pasase dona Emilia, a dos Nacementos; ¡a mesma, que ben a coñecemos!

Desde que subiu a señora Emilia de Brañas, aló arriba, ben arriba, a música das frautas fíxose fortísima, que ata nos tapamos as orellas coas mans, pero despois veu unha nube moura, correndo, correndo, que o tapou todo, e daquela calaron as frautas, e tamén os paxariños. O que durou ata o día foi aquel cheiro do noso horto, así que, tan pronto como empezou a amencer, fomos ao cuarto dos nosos pais para dicirlles que mirasen pola ventá para ve-las flores que naceran aquela noite, pero xa chegamos tarde, que cando deron saído, as flores engurráranse, todas, de vez, ¡zas!, e xa non as vimos, mesmo coma se volvesen para dentro das nosas roseiras.


Todo isto é verdade, que a señora Mestra ben sabe que eu non minto, nunca xamais”.

-O rapaz, Manuel, asinou o exercicio, como de costume, sen mostrar nerviosismo nin alteración, todo con naturalidade. ¿Que vos parece? ¿Impresionante, non si?

Todos puxemos cara de bobos, ou, polo menos, de abobados. A Mestra do Cádavo seguiu co seu relato:

-Pois o máis grande é que a outra redacción, a do Toño, só cambia lixeiramente na forma de dicilo, pero os feitos relatados son os mesmos, perfectamente sinópticos, ¡igualiño que pasa cos Evanxeos!

-¿Pero, ti estás segura de que os tiveches separados, na escola? ¿Non copiarían un do outro? -Inquiriu a miña dona, que naceu para periodista pero quedouse en Mestra.

-¡Tan certo como que hei morrer; cada un deles en cadansúa esquina, pero na mesma aula, iso si!

A miña remachou aquel cravo:

-Coido que será ocioso, e incluso inxenuo, preguntarche se houbo coincidencia temporal entre a noite desas visións e maila do óbito...

-¡¡Total!! Coa particularidade de que na veciñanza, pola discreción da familia, non se soubo ata avanzado o día seguinte, posiblemente con posterioridade á hora en que lles propuxen aquela redacción...

Aquí pareinas eu, aproveitando que había que cambia-la cinta:

-Ben, todo iso é asombroso, pero, ¿a onde nos conduce esta historia; Santa Emilia de Brañas, aquela señora de Millares…, foi recoñecida pola Igrexa? ¡Coido que, diso, ao de hoxe, nin trazas!

-Así, de entrada, conduce a un remordemento meu, que non o saco da alma por non crerlles aos nenos, e por non darlles o respecto que merecían; ¡en definitiva, pola grandeza do seu corazón!

Os pais, -proseguiu, -de caseiros pouco adiantaban, e aos xemelgos, desde aquela data, tódolos rapaces da bisbarra tivéronos por troleiros, así que, de pobres e de amargados, pais e fillos fóronse para Francia, para traballar nunha granxa, que outro oficio non tiñan.


Tempo despois... ¿Lembrádesvos daquel accidente que houbo nas pontes do Neira? ¿Que non? ¡Natural; hai tantos! Pois o caso foi que un Peugeot, no que viñan dous rapaces a toda velocidade, febrís por volver a Millares, á terra onde se criaran, para desquitarse con aquel auto impresionante das humillacións que recibiran de nenos, chocou cun Patrol dun granxeiro da Esperela; e daquela..., ¡daquela os xemelgos, ámbolos dous, fóronse coa señora Emilia de Brañas, coa nosa santa, seguramente para montar, man a man, un Nadal de estrelas!

...

Hai un prolongado silencio na cinta, e por último óese a voz da Mestra, que foi elevando o seu murmurio ata que lle oímos claramente "... así como nosoutros perdoamos..." Volveu a baixa-la voz; e daquela apaguei, que me pareceu impío gravar un Paternóster tan íntimo e tan sentido.

A señora do Mestre de Pol, pola súa parte, díxonos que aquel xateiro rematara no Asilo de Lugo; pero que ela estaba segura de que polo aludido nin medraron as flores nin piaron os paxaros. ¡Estaría boa!

O susodito fora seminarista en Mondoñedo, un catecúmeno tan listo e tan prometedor que facía as redaccións, o exames, por encarga, de tres ou de catro compañeiros, á vez..., ¡a cinco pesos, naqueles tempos en que os responsos andaban a tres ou catro reais, segundo o repenico! O Reitor tivo medo de semellante eminencia, ¡que igual saía outro reformador, outro Lutero, outro! Niso non foi precavido pois aquel seminarista podía ser capaz de salva-la Igrexa de tódalas súas penurias económicas, con bulas ou sen elas..., ¡con tal de que lle puxesen nas mans as chaves do Banco Ambrosiano! Aguantárono tres cursos, pero ao seguinte deron aviso ao Cura da Parroquia para que o evacuase..., ¡ou do que non, que se lle acababan os aprobados, por listo que fose!

O paso seguinte do futuro xateiro foi arruinar a un madeireiro de Riotorto, ¡para casarse coa filla! ¡Tal cal! Como non lle daban de boas aquela rapaza, o maquiaveliño deu en falar cos provedores do exportador para encirralos que os estaba enganando aquel empresario, e por conseguinte alzouse con todo o mercado da bisbarra. ¡Co mercado, pero non coa rapaza, que non se soubo de certo quén deixara a quen!


Despois veu aquela racha das vacas, e o señor X, que nin merece ser recordado polo seu nome, dedicouse a traer reses tuberculosas, das que saldaban en Torrelavega. O seu dicir era: -¡Miúda con esta vaca; como que é xenuína, de Santander! ¡Eu véndocha ad glóriam tuam, que do que non, nin no dobre! Daquilo lle quedou o alcuño de "Santander", que era o único que lle entendían os compradores, e naquela actividade pasou a maior parte da súa vida, entre cartos, vacas e latixos.

Fará agora..., ¡tres ou catro anos!, vímolo nun enterro, na Frairía:

-¿Ese non é..., o "Santander"?

Contestounos afirmativamente un amigo co que estabamos a tal momento, que casualmente tivera un serradoiro, pero honrado.

-¡Si, é o "Santander"! Como non hai deus que o aguante, coa vellez ninguén da familia o quixo, pero el, que é un aproveitado, acordouse de que tivera outra noiva, tamén do Riotorto, que pasara a mellor vida, quere dicirse, que estaba de monxa, no Asilo de Lugo..., ¡e este tío, nin curto nin preguiceiro, fíxolle a escena do sofá!

-¿Que dis? ¿Don Juan, aos seus anos, cunha monxa...?

-¡Tal cal! A monxiña igual se puxo nostálxica, e daquela doeuse do seu "Santander". Seica chegou a ter tal predicamento, aí, no Asilo, que agás cando sae aos enterros, no resto é algo así como Emperador dos vellos de Lugo, do remangue que ten; ¡que ten e que aplica, un Führer!

-¿E déixano saír, só, aos enterros, tan vello e tan chepudo como está? Calquera día morre nun deles, e daquela os dese enterro terán que habilitar dous nichos, ¡un de par do outro!

-¡A este nin Xudas o quere, nin aquí nin acolá! Se me gardades un secreto, cóntovolo, de vagar: A cousa é que cánta droga e cántas pistolas circulan por esta rodeada, onde el coñece e o coñecen, pasan pola súa man pecadora. A cousa é doada, doada e rendible, que como adoitan poñer autobuses, desde Lugo, encima fai gratis estas viaxes..., ¡mercantís, que non fúnebres! A viaxe á conta do morto, e a "mercadoría" por conta dos...; ¡ía dicir, por conta dos vivos, pero o vivo é el!

-¿Estando no Asilo? ¡Vaia coartada, rotunda!

-¡Pois precisamente, que á súa taquilla non van rexistrar; nin a policía desconfía dun vello derreado!


...

De volta para Lugo díxenlle aquí ao meu consorte:

-¡A ese corruptor de menores, se ti non o denuncias, fágoo eu, eu mesma!

-¿Ti? ¡Non te tentará o diaño! Tal e como están as cousas da Xustiza, agora, coa democracia, se non denuncias con probas fidedignas, cun acta notarial ou cousa así, que nin testemuñas valen, que se poden volver atrás por un vaso de viño, ou declarar contra ti mesma; daquela pérde-lo tempo, o tempo e mailo papel, que ata poder ser que che presenten unha querela criminal...; ¡lo menos, lo menos, por difamación!

Ben, pois, por fin, morreu o "Santander" gozando dese amparo do segredo da confesión..., ¡se é que a monxa do Riotorto fixo boa del, nos derradeiros momentos, cousa que dubido! Aquí, a que non se cansa de confesarse son eu, que me parece ter un pecado eterno..., ¡por non haber perseguido xudicialmente a quen tanta xente enterraba, en vida!

Tranquilizamos naquela amiga, como puidemos, pero esa parte tampouco a gravei xa que corresponde ao secreto daquel sumario.


(Continúa na Parte II)


4 comentarios:

filomeno2006 dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Yolar dijo...

This comment has been removed because it linked to malicious content. Learn more.

Duran dijo...

See HERE

Doum dijo...

Attention please!
->> Remove Viruses! <<-