Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

22 enero, 2008

Celebrado o 19-01-2008

Resume do roteiro

Hoxe 19 de xaneiro comezamos cos roteiros deste ano 2008, e temos que dicir, estamos de sorte, pois segue a acompañarnos o sol.

Comezamos na Vacariza polo trazado orixinario do Camiño Primitivo, directos á parroquia de Vilalle. Parroquia bastante ben conservada e co encanto dos seu camiños, pero que están sen coidar, que con pouco traballo sería fácil de recuperar. Desde Vilalle a Castroverde, unha corredoira fonda, que hoxe estaba chea de auga, pero que tamén garda a súa fermosura. Desde Castroverde algúns subiron a Naveda e desde aquí pudieron disfrutar das fermosas vistas, e logo baixar por Pereiroá e visitar a súa capela. Desde aquí baixar a Bolaño, onde outros estabamos rematando de limpar as lagas de enlagar o liño, pero pensabamos que con só rozar iamos velas, resultando que isto non foi así, porque hai máis dun metro de lodo e terra que as cobre. Logo colocouse un letreiro indicativo das Lagas de Bolaño.

Temos que dicir que o lugar garda a súa beleza, habendo poucas parroquias que teñan ese conxunto etnográfico e entorno con que conta. Instamos aos seus veciños a que sigan preservando ese fermoso lugar.

Aproveitamos desde aquí para dar as grazas aos veciños que nos axudaron, e especialmente aos que nos convidaron, a Branca da Ponte, a Manola e Marina de Fontes e a Generosa de Torres.

19 de xaneiro de 2008

Algunhas imaxes do roteiro


19 enero, 2008

Convocatoria

Evento: O PXOM de Lugo a debate


Xoves 24 de Xaneiro ás 20h
no Instituto Politécnico

Convocan:

ADEGA
Amigos do Patrimonio de Castroverde
Asociación O Carballo
Asociación pola Defensa do Parque Rosalía
Clube Cultural Valle-Inclán
Federación de Asociacións Veciñais de Lugo
Rede Galiza Non Se Vende
Unión de Asociacións Veciñais de Lugo




15 enero, 2008

Actividades da Comisión de Cultura en Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia

A Comisión de Cultura do C.O.A.G. en Lugo comprácese en convidala/lo á conferencia que darán Besada e Failde, BMJ Arquitectos, sobre a súa obra, e especialmente sobre o proxecto gañador do Concurso de Ideas para a ordenación da Unidade de Intervención UI8 e rehabilitación do Pazo de Dona Urraca.
Esta conferencia terá lugar no Salón de Actos da Delegación en Lugo do Colexio de Arquitectos (Rúa Puro Cora xornalistas nº 1) o venres 18 de xaneiro do 2008 ás 20:00 h. Saudos da Comisión de Cultura en Lugo do C.O.A.G.

culturalugo@coag.es
http://lugo.coag.es

Denuncia dunha desfeita no Camiño do roteiro do día 19

Á atención do Comité Asesor do Camiño de Santiago

Lugo, 17 de Nadal de 2007

En relación co expediente (...) e dada a imposibilidade por razóns laborais de asistir á xuntanza do Comité Asesor do día 18 como sería o noso desexo, vémonos na obriga moral de someter á súa consideración a seguinte información que coidamos de interese no que atinxe ao patrimonio do Camiño Primitivo verbo da cuestión contemplada neste punto da orde do día:

1º.- A calzada orixinaria do denominado Camiño Francés ou Camiño Vello no alto do porto da Vacariza (límite dos concellos de Baleira e Castroverde) foi destruída unha mañá de mediados do mes de xullo de 1994 pola Consellaría de Obras Públicas da que era responsábel don Xosé Cuíña Crespo.

2º.- O seu firme e toda a superficie dos arredores foron utilizados como entullo e material de recheo para o ancheado da estrada C-630 (hoxe 530), Lugo-A Fonsagrada, sendo cernada completamente a masa arbórea que daba abeiro ao itinerario xacobeo e configuraba o entorno paisaxístico da verea antiga.

3º.- Ao contrario do que puidese parecer, non se trata dunha actuación promovida pola interferencia da estrada co camiño histórico, dado que a mesma pasa a certa distancia, senón do simple desexo de botar mao de material próximo –e, por tanto, cómodo e barato- para o afirmado da estrada.

4º.- Á beira do Camiño erguíase un cruceiro de 1866 coñecido como A Cruz de Pedra, topónimo co que se identifica o lugar no que un camiñante caeu morto cando regresaba para a súa casa na aldea de Fontela da parroquia de Santiago da Fontaneira, en pleno Camiño Primitivo, tráxico acontecemento lembrado na inscrición do cruceiro e na memoria popular: “Año 1866. Aquí murió Juan Neira de Fontela”.

5º.- A Cruz de Pedra, ben cultural de mediados do XIX, foi arrincada de raíz pola escavadora e arrombada sen a menor consideración nun silveiral próximo.

6º.- Con anterioridade a esta desfeita, a Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago puxo en coñecemento das autoridades “competentes” -de forma reiterada e por escrito- a previsión de que o primeiro camiño xacobeo da historia, a Cruz de Pedra e o seu entorno poderían ser destruídos no Alto da Vacariza, cousa que finalmente aconteceu. Non se produciu ningún tipo de resposta nin de actuación sobre o particular, mellor dito, de xeito tácito adoptouse o criterio de “non intervir”.

7º.- No día de autos, quen subscribe acudiu ao lugar para deixar constancia gráfica do que alí estaba a suceder, quedando rexistrado o intre concreto en que a máquina arrincaba o cruceiro para guindalo nun vertedeiro. Ditas imaxes foron recollidas polos principais xornais galegos, coa conseguinte repercusión mediática. (A cruz sería reposta moito tempo despois polos Amigos do Camiño Primitivo galegos e asturianos, cunha pena por peana ou basamento no punto máis próximo posíbel e ante o desleixo das institucións).

8º.- Como resultado da denuncia pública, personouse no lugar o arqueólogo da Delegación de Cultura de Lugo, Sr. Ameixide, sen que se teña coñecemento de ningún tipo de resolución sobre o expediente supostamente instruído.

9º.- A consecuencia inmediata deste asalto ao patrimonio foi o corte e atrancamento da calzada virxe que ao longo de 10 kms. comunicaba os concellos de Baleira e Castroverde desde tempo inmemorial cara Compostela, así como a súa transformación nunha plataforma arrasada que veu servindo como escombreira.

10º.- Cortado o paso do Camiño e ante a inoperancia das institucións, desde entón deixou de ser utilizado o tramo orixinario da rota xacobea entre o porto de A Vacariza e a capitalidade de Santiago de Castroverde, con paso ao pé do castro de Vilalle e próximo ao dolmen de Marrondo coñecido como Cova dos Mouros. Un fermoso treito duns oito kms. de camiño tradicional laxeado coñecido como A Calzada, a través do Monte Vello, contra cuxo abandono de máis dunha década se teñen pronunciado con indignación os veciños do lugar logo de observar estupefactos o que pasamos a relatar:

11º.- Baixo o mandato de dona María Antón Vilasánchez, o Xacobeo aproba unha precaria itinerización do Camiño Primitivo que en chegando á desfeita anteriormente mencionada e no canto de manter a liña recta da calzada antiga e recuperar o tránsito, introduce un xiro de 90º ascendendo pola serra do Mirador do Monte Pradairo, para logo dunha nova viraxe radical montaña abaixo e varios quilómetros de arrodeo por pistas forestais sen a menor relevancia, descender en picado cara a ermida do Carme de Vilabade, obra pía de finais do XVII sen vinculación intrínseca coa rota xacobea.

12º.- Interrogada a mandataria do Xacobeo polos daquela alcaldes de A Fonsagrada (don Bertín Deza) e de Castroverde (don Miguel Rodríguez) sobre tamaño despropósito histórico e cartográfico que agrede a máis mínima lóxica da camiñeiría tradicional, reciben como resposta que a administración apostou por esa vía porque se consideraba que “era un camino de futuro”.

13º.- Nese desvío imprevisto do itinerario histórico do Camiño Primitivo entre Baleira e Castroverde que anula o paso antigo polo burgo de Vilalle coidamos que non estaría demais considerar o feito da implantación na parroquia de Vilabade dunha casa de turismo rural con gran aparato propagandístico canto ao seu asentamento á beira da rota xacobea primitiva, así como a presión de certos intereses agrupados en torno ao seu conxunto monumental.

14º.- Curiosamente, mentres se inventaba un acceso tortuoso a Vilabade e se deixaba inoperante a calzada orixinaria por Vilalle, chama a atención o descoñecemento oficial e mesmo oficioso sobre o chamado “camiño real de Vilabade” desde a vila de O Cádavo, vieiro directo e ancestral a dito santuario “monumento nacional desde 1979”, calzada antiga, fermosa e en bon estado que sube ao biés a serra pola traza medieval, utilizado de xeito habitual até época recente polas xentes de Tras da Serra, seguindo o val de Baleira pola que en 1236 se denominaba Costa de Férbeda, itinerario alternativo e histórico que recollemos exhaustivamente no noso volume titulado “Á Baleira de Camiño” e que desembocaba directamente na igrexa de Santa María de Vilabade, en cuxo documento fundacional de 1457 se pon de relevo o feito de ser un templo dedicado á Virxe do Camiño e de estar na vía que ía do San Salvador de Oviedo a Santiago de Galiza. (Vieiro histórico a Vilabade, completamente desprotexido e actualmente afectado polo proceso de concentración parcelaria das parroquias de A Esperela e O Cádavo).

15 º.- Como conclusión e por enriba do desastre cartográfico que vimos de relatar dun xeito sucinto e que puxo en perigo a rota na última ducia de anos, coidamos que cómpre priorizar e recuperar o paso pola senda tradicional do Camiño Primitivo arranxando a desfeita de A Vacariza, lugar emblemático a 830 m. de altura desde onde se ve por primeira vez na lonxanía a cidade do Sacramento. Un punto de inflexión entre as serras orientais e as chairas lucenses, ideal para unha información non agresiva, onde os camiñantes están a asentar de “motu propio” un ritual consistente en pendurar coroas de flores sobre a Cruz de Pedra. En todo caso, achegar terras que devolvan a suave pendente ao terreo, resituar o cruceiro de 1866 ao emprazamento orixinario e axudarlle á vexetación autóctona a se rexenerar creando unha cortina protectora entre o Camiño e a estrada comarcal. Despilfarrar fondos públicos no arranxo de cunetas e limpeza de pistas forestais sen a menor vinculación coa vía antiga a Compostela mentres aquela languidece debido a reiteradas incompetencias e pasividades, con seguranza non é o que a cultura espera de nós neste momento da historia. (Por certo, sería de interese que os departamentos da administración responsábeis dos atentados ao patrimonio, asuman por si mesmos a obriga da súa recuperación e a responsabilidade dos feitos).

Atentamente,

RICARDO POLíN


O 19/01/2008

O primeiro roteiro de 2008


Agardo, agardamos
que os bos propósitos de hoxe, no comezo do ano, incluirán algún do tipo de : Este ano non deixo un roteiro sen facer.


Ben amigas e amigos, non sei se tiñades en mente, que tocaba comenzar cos roteiros o segundo sábado de mes, pero servidor non vai poder, polo que cambiamos para o día 19 de xaneiro, sábado. Tamén falaramos de comenzar no Camiño Primitivo no alto da Fonsagrada, mais cremos que temos que seguir reivindicando o Camiño Primitivio ao paso polo noso Concello, e ao mesmo tempo reivindicar outros aspectos, polo que:

Ás 10:00 h. vémonos na praza do Concello.

Ás 10:15 h. no Alto da Vacariza

10:15 A Vacariza-Vilalle (por onde ía o antigo trazado do Camiño Primitivo)-

Vilalle-O Marquesado, Tarrío- Bolaño.

11:00 h. Mentres que uns/unhas seguen camiñando, algúns os que poidan e estean dispostos; limparemos as lagas de enlagar o liño na Parroquia de Bolaño, xunto coa Asociación de Veciños deste lugar de Bolaño, queremos reivindicar o valor etnográfico desta parroquia e un dos traballos tradicionais, o cuidado do liño.

14:00 h. Xantar

Para facilitar a organización:

Avisar antes do día 16 de xaneiro, mércores, de 2008

Castroverde -Lugo-, a 6 de xaneiro de 2008


Asdo.: Manolo Muñiz


NOTA: Hai lama nalgún dos camiños. Os que queiran participar na limpeza das lagas de enlagar o liño, é conveniente que traian botas de goma “catiuscas”.

Algunhas suxerencias para o programa 2.008 da Asociación


Por

Xosé María Gómez Vilabella


-Suscitar, promover, xestionar ante os organismos competentes, (Axuntamento, Delegacións das Consellerías, e a propia Xunta) a realización de obras mínimas, de interese turístico e cultural, tales como a recuperación e acondicionamento de cruceiros, capelas, igrexas..., e demais monumentos populares.

-Sinalización con indicadores que apunten ao Camiño Primitivo, para que os "senderistas" saiban onde atopalo; distancias ao mesmo, etcétera. Se o Camiño é a espiña dorsal, indicar as costelas, os accesos ou incorporacións.

-Microtoponimia, perguntando aos vellos de cada lugar, para perfeccionar mapas locais, entre eles os da propia Xunta, pragados actualmente de erros. Relacionar un Guieiro parroquial, coa microtoponimia respectiva, que se lle pode dar saída polo propio "blog" da Asociación, máxime agora que imos camiño de que nos instalen conexións satisfactorias de Internet en tódalas parroquias.

-Marcos, que indiquen nos camiños os confíns dos termos parroquiais e municipais.

-Colaborar cos rapaces do Centro Escolar de Castroverde na localizacíón e sinalización de lugares de interese histórico - turístico, como fornos do cal, louseiras, muíños desaparecidos, batáns, lagas do liño, sitios concretos onde podan acharse restos arqueolóxicos, etc., etc.

-Descubrir, desenterrar, nos camiños a Vía Romana que pasaba por San Martiño de Bolaño, ata dar coa calzada da mesma.

Xosé Yáñez Basanta, secretario de Amigos do Patrimonio de Castroverde no xurado do Premio

Galardóns do primeiro certame literario Terras de Chamoso, promovido pola Asociación Cultural Arumes do Corgo


A asociación cultural Arumes do Corgo fará entrega mañá dos galardóns do primeiro certame literario Terras de Chamoso, financiado pola área de Cultura da Deputación e o Concello do Corgo. O acto terá lugar a partir das 21.30 horas no centro sociocultural da localidade. A continuación haberá unha pequena actuación musical da A. C. Legua Dereita, un recital de poesía e varios trucos de maxia a cargo de Xacobe.

Os membros do xurado reuníronse o pasado 31 de decembro.


Na categoría infantil correspondente á modalidade de poesía os vencedores foron: Isabel Rodríguez Gai (O Páramo) e Patricia Díaz Barreiro (O Páramo). Mentres, en relato resultaron gañadores Cristina Pernas Pereiro (O Corgo) e Nerea Balboa Iglesias (O Corgo).


No apartado xuvenil, Noelia Martínez Rei (Lugo) e Judith Arango Arias (Cervantes) conseguiron os galardóns na modalidade de poesía. O primeiro premio de relatos na categoría xuvenil quedou deserto, mentres que, novamente Noelia Martínez Rei (Lugo) fíxose co segundo posto, pola óbra Memoria de bágoas .

Na Categoría de adultos Marcelino Sisto Deibe (Ferrol) venceu en poesía, ao tempo en que Cruz Martínez Vilas (Vigo) quedou en segunda posición.


Finalmente, en relato gañou Orlando Viveiro Veiga (Outeiro de Rei), mentres que María Xosé Castelo Lestón (Culleredo) quedou segunda.

Formaron parte do xurado do galardón literario Xosé Rodríguez Lozano, Xosé Manuel Castro Castedo, Xosé Yáñez Basanta, Xoan Ramiro Cuba Rodríguez e Antonio Reigosa Carreiras, exercendo de secretario o profesor Mario Otero Iglesias .




PROXECTO de ACTIVIDADES-2008

I.- ROTEIROS POLO CAMIÑO PRIMITIVO

1.- A Vacariza-Vilalle-Tarrío (en Castroverde)-Bolaño. En Bolaño limpar

as lagas de enlagar o liño, xunto coa Asoc. de Veciños do lugar...xaneiro.

2.- Fonfría-Fonsagrada- febreiro

3.- Fonsagrada- Alastra - febreiro

4.- Alastra –Castroverde marzo

5.- León -Oviedo 16- 17-18 – de marzo

6.- Soutomerille-Lugo - xuño

7.- Lugo-Santa Eulalia de Bóveda e outros maio

Realizaranse o segundo sábado de cada mes que non coincidan con festas. Isto

pode variar ou mesmo facer outros roteiros ou actividades.

II.- ROTEIROS POR CASTROVERDE:

1.-Baleira –Vilabade polo Camiño Real. Abril ou maio

2.- Albardeiro- A Pumarega-Uriz-Goi- Adai.

Xunto co outras Asociacións. - Abril

3.- Outros roteiros en diferentes épocas e momentos.

III.- IRMANDAMENTOS:

1. -Facer unha visita, que temos pendente, a Castro Verde de Portugal.

Sería interesante profundizar na idea do Camiño con esta poboación,

Tentaremos indagar na idea durante este ano

2.- En Castroverde de Campos – Xullo ou Agosto

(decidirano os de Castroverde de Campos)

IV.- Protexer zonas a recuperar como as que xa comezamos a facer cos sartegos deRecesende

e Goi e cos Lagas de Bolaño.

Primavera-Verán de 2008.

V.- Continuar coa idea de publicar libros sobre Castroverde:

-Árbores senlleiras do Concello de Castroverde e do Camiño Primitivo.

VI.- Contiunuar colaborando co CPI de Castroverde.

- Conferencias sobre: A violencia de xénero (Febreiro-Marzo 2008)

Agardando que estas Actividades redunden en

benificio do noso Concello

Atentamente,

Asdo.: José Yáñeez Basanta Asdo.: Manuel Muñiz Besteiro

(Secretario) (Presidente)

En Lugo-Castroverde, a 6 de xaneiro de 2008