Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

04 noviembre, 2007

Miscelánea


As campás de Montecubeiro (I)


Achegas de


Xosé María Gómez Vilabella


Esta información que vos transmito débolla ao señor Gerardo de Cepomundín. ¿Non veño dicindo que é unha obriga dos vellos transmitir, e a dos novos, herdar e asumir? ¡Pois iso!

Estabamos diante do freixo de Reigosa (hoxe casa de Oficios, ou como se diga, do Concello de Castroverde), en San Cibrao, esperando polo espiche dominical do noso Pedáneo, que o era por entón o señor Dositeo da Cernada, un “Camisa vella”, quero dicir, azul, cando dixo o noso Xerardo:

-¿Quen raios tocou hoxe na procesión dos esconxuros? ¡Ese tal non foi Afonso da Cordeira, que o fai moito mellor! ¡Á pequena hai que darlle máis…, máis aire!

Me parece que foi Celestino de San Cibrao o que informou:

-Afonso non está hoxe, que vai ofrecido, no Santo Cristo de Goián, como é o seu costume, de ano en ano!

-¡Xa mo parecía!

Eu, que estaba por alí, atusmándolles aos vellos, que son os que saben as cousas importantes da historia do lugar, de cada lugar, atrevinme a dicirlle:

-Señor Xerardo, ¿Como é que vostede…, sabe tanto destas campás…, se nunca foi campaneiro?

-Rapaz…, ¡louseinas! ¡E meu avó axudou a facelas! Se tes interese niso, cóntocho desde que termine ese Dositrés de largar as súas consignas patrioteiras…, ¡por máis que é largo de referir!

Despois do “Cara al Sol”:

-Mira, rapaz, para ir á feira xa chego tarde…, así que…, sentémonos neste banco, que eu padezo dos xeonllos…, de tanto arrastrarme polos lousados! Pero vou ao gran:

Cóntase que cando se fixo a torre vella deste convento, que aínda era máis alta, caeu do lousado o mellor lousador que había daquela. Tan seguro era aquel fulano que mesmo lousaba enriba dunha parafusa. Na Mouriña quedou o costume de dicir, cando alguén se poñía en perigo, “¡Agárrate ás herbas, Manuel!”. Pois de aí ben, que o louseiro que se matou nas obras do campanario, do vello, tíñase con só unha herbiña que houbese no beirado. Na nosa louseira o único que descoñecemos é o porvir, que do demais non hai caso, que sempre houbo o costume nesta confraría de que os vellos fosen traspasando as historias, tanto as da parroquia coma as dos nosos arredores! Por iso sei esta que che conto… ¿Interésache?

-¡Moitísimo! Se fai o favor, cóntema desde o principio…

-¡Pois, ben! Por culpa daquela desgraza o campanario antigo non quedara ben lousado, ben rematado; así que, como zoan os ventos aquí en San Cibrao, -que iso nunca lles importou aos frades porque neste sitio tan outo parecíalles que estaban mellor situados para cando lles chegase a súa hora, e ademais vixiaban as propiedades-, o caso é que se foron correndo as beiras, ¡e deu en chover no xugo da campá grande!

Xa sabemos, tamén, -remachou Xerardo, que era moi meticuloso, para todo, ademais dun bo pedagogo-, que a nosa campá grande, esa que chamamos grande, era a pequena, no campanario vello…

O xugo da grande acabou podrecendo, ¡por culpa das goteiras, claro!, ata que por fin, un día de ventada, ¡soltouse! Ao soltarse, rompeu, unha por unha, tódalas esqueiras da torre, ¡e iso que eran de castiñeiro! O estrondo foi meirande có dun trebón, que ata pensaron os frades que lles caera un raio na torre, acaso en castigo pola súa cobiza! A campá, cando a deron vista, tiña unha fenda, de parte a parte!

Aquela desgraza non foi cativa pois Montecubeiro sen campás non podía estar, ¡que por algo sempre foron as nosas a envexa dos outros igrexarios! ¿Entón, qué fixemos? ¡O primeiro, mandar un propio a Mondoñedo! Soubérase que aló, na súa catedral, estrearan unha campá que se oía desde o mar, pero aquel campaneiro fíxose de rogar pois o bispo mindoniense prohibíralle seguir facendo campás que se parecesen ás deles… Non sabía aquel bispo que os frades de Montecubeiro estaban máis altos cá el, e que non lles gustaban de calquera maneira as cousas. ¡Pois deles vimos! Quero dicir, da súa escola; ¡non pensedes mal! –Matizou Xerardo para que ningún dos ouvintes se fose pola picardía, e non nos avergoñásemos das nosas avoas. (¡Miñas pobres, que outra cousa podían facer rexendo como rexía por entón aquela ignominia da prima noctis!)

Tal e como se poñían as cousas, -precisou o señor Xerardo-, os nosos frades mandáronlle razón ao campaneiro para que se dese unha volta aquí por San Cibrao, de incógnito, ¡que lle ían ensinar unha cousiña cousa! Aquel artesán de Mondoñedo, que non era tardo nin tiña votos de pobreza, xa se veu cos preparativos da fundición; e de paso, cun fardel de coiro…, para leva-las onzas da súa traizón!

Cando chegou a San Cibrao, non só pediu as onzas prometidas, ¡de ouro!, senón que lles aconsellou aos frades, para supera-la campá de Mondoñedo, que lle deixasen afundi-lo tesouro conventual, ben gardadiño que o tiñan nas huchas dese soto onde esconde o noso crego os bocois do viño… Mais naquel punto houbo fortes discusións porque os nosos frades tiñan a gloria asegurada con aquel tesouro, ¡en prata! ¡Tan cerquiña e ben vixiado, mesmo debaixo do seu refectorio! Quentábanselles os pés con só pasearse por riba do sotarrego…, ¡igual que lles pasa ás mulleres cando levan o seu refaixo pegadiño ao embigo! Discutiron entre eles, ¡foi certo!, pero puido máis a soberbia cá virtude, así que decidiron afundi-lo seu tesouro con tal de que a nova campá soase coma ningunha outra en terra de galegos, ¡que xa é dicir! Os frades puxeron como condicio sine qua non que se tiña que oír desde a catedral de Lugo, en días calmos, para darlle envexa ao seu bispo. ¡Xaora, con cen arrobas de prata…!


(continuará na II Parte)


No hay comentarios: