Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

30 octubre, 2007

Breve resume do

Roteiro polo Courel


Novamente, disfrutamos, hoxe 27 de outubro, dun día dos bos, e iso que xa estamos a finais de outubro. Como estaba previsto, saimos de Castroverde, camiño de Sárria onde nos agardaban os da Asoc. Arcas de Sárria, a quen dámos as grazas desde aquí.

Comezamos camiño de Samos, Aira-Padrón, para contemplar desde aquí as terras de Samos-Incio e Sarria, e por outro lado as terras de Lóuzara. Seguimos camiño do Courel ata preto de Meiraos onde comezamos a enxergar a paisaxe Courelá. O primeiro lugar de observación tivémolo frente ao Taro Branco, logo baixamos ata a igrexa de Meiraos, para seguidamente baixar a Seoane, e seguirmos para ir ao Roteiro da Devesa da Rogueira desde a Fonte (preto da estrada que leva a Visuña), ata o Miradoiro, pasando pola Fonte do Cervo. Que dicir da súa vexatación e vistas?, só dicimos, visíteno e enxérgueno, e sobre todo se hai a sorte dun bo día, difrúteno.

Logo de xantar, seguimos camiño de Folgoso do Courel, na subida puidemos voltar a ver as impresionantes vistas e paisaxe, lamentar o estrago que fan as aberturas de estradas, e a salvase explotación das canteiras, especialmente a que se vén de legalizar recentemente, logo de estar traballando ilegalmente despois de 28 anos. Seguimos camiño do Alto do Boi para baixar a Quiroga, e voltar a Sárria e Castroverde.
Saúdos.
Manolo Muñiz Lugo-Castroverde finais de outubro de 2007

FOTOGRAFÍAS do roteiro

Sábado,10 de Novembro de 2007

ROTEIRO e limpeza de sartegos

Aproveitando que en novembro se cumpren os dous anos da constitución da Asoc. Amigos do Patrimonio de Castroverde propoñemos o seguinte:

Pola mañá: 10:00 h.
Saída de Castroverde e ir camiñando polo Camiño Primitivo e subir a Recesende para a limpeza dos sartegos. Mentras limpamos (algúns), os demais poden seguir camiñando ata Goi, onde procederemos á limpeza dos outros sartegos. (Haberá autobús para os que non queiran andar tanto)

Ás 14:00 h. Xantar

Pola tarde Ás 18: 00 h. Asemblea

A partir das 20:00 h. (Aproximadamente) Magosto ( Dirase o mesmo día ou uns días antes o lugar)

Para facilitar a organización: Avisar antes do xoves, día 8 de novembro, de 2007; no teléfono e correo habituais.
Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo.

Asdo.:
Manuel Muñiz
Presidente
Castroverde -Lugo-, a 25 outubro de 2007


CONVOCATORIA Á ASEMBLEA DA
XUNTA XERAL ORDINARIA
DA ASOCIACIÓN
“AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE

Convócanse ás socias e aos socios, á Asemblea que terá lugar o vindeiro día 10 de novembro de 2007, ás 17:30 horas, e ás 18:00 horas en primeira e segunda convocatoria, na Casa do Concello Vello de Castroverde, en Travesía de Montecubeiro, nº 38

Coa seguinte orde do día

I.- Lectura e aprobación, se procede, da acta da sesión anterior.

II.- Renovación total ou parcial da Xunta Directiva, segundo rezan os Estatutos da Asociación, Capítulo III, artigo 12º.

III.- Actividades desenvolvidas, e informe económico (provisional), no que vai do ano 2007.

IV.- Propostas de Actividades para o ano 2008.

V.- Asuntos varios.

VI.- Rogos e preguntas.

Nota: Animamos a todas as socias e todos os socios a que presente a súa candidatura.


Asdo.: José Yáñez Basanta. Secretario

Asdo.: Manuel Muñiz Besteiro. Presidente

En Lugo-Castroverde, a 25 de outubro de 2007


28 octubre, 2007

Miscelánea


Os lusiadas


Achegas de


Xosé María Gómez Vilabella

Falando da Memoria Histórica: Sempre tiven para min que merecen máis atención os antiheroes cós heroes. Os heroes xa están estudados, exaltados, polos vencedores de tódolos tempos; nos libros, nos periódicos, no cine…; ¡e incluso nos mausoleos! Dos “anti”, ¡vaia vostede a saber cal foi a causa da súa derrota, do seu esquecemento, e ata da súa difamación! A historia dos ananos ou é un traballo mal feito, ou está sen facer.

Falando destas cousas cun amigo da parroquia, concretamente cun ferreiro, co señor Vicente da Ponte, do que xa me teño referido neste “blog”, fóisenos a conversa ao Blanco de Cobula, (José Blanco García, fusilado en Montecubeiro no verán do ano 1.937), un santo incógnito, que nunca irá aos altares pois nin era Cura nin das dereitas. Nestas, díxome o señor:

-Se volvo hoxe por aquel campiño, aí entre Pena e San Cibrao, estou seguro de identifica-lo punto onde teu padriño, e con el outros feirantes, atoparon ao Blanco de Cobula e mais ao Muiñeiro da Laxe, ámbolos dous, xuntos, caídos en cruz, un por derriba do outro. ¡Aquela encrucillada era un bo sitio para situar un cruceiro…, agora que os poñen ata nos xardíns!

-¡Cruz a deles, xa que caeron, ou os tiraron, encrucillados! –Foi o que lle respondín, engadindo esta pregunta: -Por certo, ¿Como era aquilo que me ten contado dos mitins do señor Blanco? ¡Quixera lembralo…, por se fago algunha referencia diso, que a min gústame respecta-la historia, e con máis motivo a do noso Castroverde!

-¿Refíreste ao asunto dos lusos?

-¡Si, si; iso!

-Pois…, o Blanco de Cobula era famoso, aquí e mais na Habana, pola súa forma de falar; ¡un mestre manexando as verbas de dobre sentido!

-Anfiboloxía, se chama. –Metinlle este inciso petulante, pero ao señor tíñano sen coidado as matizacións da semántica.

-Parecía tan pícaro, -proseguiu-, e despois, por dentro, era un bendito, un católico sentimental, pura ortodoxia, ¡que por algo lle tiñan envexa máis de catro! ¡Envexa e avaricia, que os do cuartel de San Cibrao pasaron…, meses…, comendo das súas ovellas e dos seus cabritos! Á saída da Misa, aquí no adro, poñíanse a imita-los mitineiros de entón, de tal xeito, que tódolos veciños o provocaban polas súas habelencias niso da parodia. Lémbrome que sempre empezaba as súas peroradas dicindo, “Queridos amigos, galegos i lusos…”

-¡Si, si; a iso me refiro; conte!

-Pois…, ¡que non houbo cristián que conseguise entender se o Blanco dicía, “galegos ilusos” ou “galegos i lusos”. Ao Cura Lugilde, só lle contestou: “Señor Cura, o que dixen, dito está, que así falou Pilatos; mais, se quere estar seguro das miñas ideas, voulle insistir que eu sempre digo as dúas cousas, ¡e as dúas a un tempo! Agora vostede escolla o sermón segundo se lle axeite, que sempre fai así: ¡Que pensa que os galegos van de par dos lusos…, pois por min está ben; e se coida que os galegos somos uns ilusos, tamén é certo, que á Historia me remito!”. Lugilde enfadouse, e marchou para a igrexa, ¡se cadra rezando en latín, por vinganza, que era algo que non lle entendía o…, ¿Cómo dixeches que se di? ¿Anfibolóxico, non si?

Naquela temática acabei referíndolle unha da Fonsagrada, ¡das antigas, claro, que as recentes aínda estaban verdes! Non a coñecía o señor Vicente, e iso que se sabe estes Municipios de memoria. Trátase disto, contado en poucas palabras:

-Aquel muñidor de don Manuel Portela chamábase Cándido, Cándido Fernández, pero vostede non o confunda co enxeñeiro “Montoutiño”, ese que lles empedrou a estrada desde o Cádavo, ¡que aínda hai clases, como vostede di!

Segundo meu padriño, foi aló polo Dez, daquela que Portela saíu Deputado polo Distrito electoral da Fonsagrada. Xa sabe que lle tiraron unha copla que dicía “Por aquí pasou Portela, pagando os votos con pan e viño; pero detrás, con auga, veu o seu xenro, Montoutiño…” O propio don Manuel, nun agradecemento rutinario, mesmo segundo montaba na besta do Cándido para baixar ao Cádavo, invitouno a Madrid, que o visitase alí nas Cortes, ¡pero non lle dixo como nin cando! Todo isto seica se soubo por un veciño da Lastra, censado en Madrid, que daquela traballaba un dos primeiros taxis que se viran na Estación do Norte, esperando polos galegos a cada tren que chegaba:

-¿Pero ti, alma cándida, que fas aquí, en zocas? –Preguntoulle aquel paisano, aquel taxista.

-¡Díxome don Manuel, xa sabes, o Portela, que quere verme nas súas cortes; non sei se é que vai estercar, agora no outono; e mais todo por aquí non vexo leiras, que tódolos arredores están de arboredo!

-¡Claro, home, claro, que este de aquí enfronte é o Paseo de la Chopera? ¡A ver, Cándido, agarra ese petate e métete no taxi, que primeiro imos á miña casa, para que te poñas presentable, que vés máis afumado do tren que se andases un mes nos terróns, tal que no Campo da Matanza!

-Tamén teño dúas sacas…, estas!

-Oes, que vultos fan, que mancan no lombo… Logo parecen xamóns; ou non?

¡E sonos, que mos deron os amigos de don Manuel…, a ver se lles consigo cousas! Tanto que nos prometeu daquela, e mais os rapaces seguen indo para África, ao Servizo Militar, coma sempre, que mesmo antonte viñeron os gardas, alí á Fontaneira, por un fillo da Remedios… ¡Cómame nunca o demo, que esta situación vouna arranxar eu!

-¡Cándido; máis que cándido! ¡Pero qué listo foi teu padriño, un home cabal!

O paisano notoulle algo de chanza ao taxista, así que lle aplicou a mellor dialéctica, que non debía ser tan mala xa que tantos votos lle conseguira ao señor Portela:

-Don Manuel é un home de palabra, e a min estame obrigado, que daquela metinlle moitísimos votos na ola, ¡ás dúas mans! ¡Xa verás como cumpre coa palabra que nos deu!

-¡Pero mira que es animal; eu refírome ao teu padriño de pías, ao que che deu ese nome!

-¿Ai, ese? ¡Éche do Queirogal, duna casa moi boa pero está indo a menos porque vai vello, e os fillos seguen en Cuba, ámbolos dous, que ata o morgado faltou aos seus deberes…, diso, de morgado! Seica teñen un negocio de hoteis, que din que é o que se acostuma facer na Habana, pero eles aínda non viñeron, ¡nin ricos nin pobres! –Respondeulle Cándido, cándido coma sempre, pero orgulloso de tal padriño e de tal nome.

O taxi arrincou por aquela costa arriba, e Cándido, escarranchado naqueles asentos de gutapercha do coche, sentiuse dono de Madrid. ¡Tan feliz se sentía naquela Corte tan limpa, que se durmiu, ao momento!

-¡Hala, Cándido, esperta e carga cunha destas sacas, que imos subir ao meu piso…, para que te metas na bañeira, que despois falamos do que queiras!

-¿Chacho, e ti vives aquí? ¡Non te facía desta categoría!

-¿E logo, por qué o dis?

-¡Moi alto te ves, que xa contei cincuenta chanzos! ¡Casas destas…, nin en Lugo!

-¡Isto é para que vexas a categoría que ten en Madrid un taxista; eu, polo menos!

Chegaron ao pisiño, que era un ático de pouco máis de media altura, pero podía ser peor tal e como vivían os nosos paisanos, daquela, en Madrid. Abriulles a porta a señora Xosefa, unha muller toda esbrancuxada e anémica, que parira seis fillos, e aleitara, de paso, a seis señuritos madrileños.

-Á miña muller xa a coñeces, ¿non si?, que veu de aló de Quintá, abaixo do Cádavo. ¡Foiche criada de dona Ramona Lombardero, a muller dese tal Salmerón!

-Tanto gusto, señora! Pois eu sonlle o Cándido da Paradavella, pero casei na Lastra… ¿Lémbrase de min?

-¡E non hei! Das feiras do Cádavo, que vostede era tratante en porcos…!

Daquela deron en falar da súa terriña, que sempre foi o tema de cabeceira dos nosos emigrantes. O taxista contoulle ao Cándido que el, cando foi a Madrid, para servi-lo Rei, ¡o Rei e o que cadrase!, alí en Caballerizas, todos lle preguntaron que de onde era.

-¡Pois eu…, de Neira do Rei, despois do Cádavo!, lle dixen ao Sarxento, todo farruco, pero como aquel tío era andaluz, non me entendeu ao xeito, e daquela foise coa chunga ao Xefe, “Mi Capitán, que ezte gallego ez una neneira del Rey, y quiere zer Cabo, o lo que venga dezpuez de Cabo! ¡Mira ti que terá que ver un Cabo co Cádavo, pero esta xente de por aquí só escoita o que quere oír! Así que daquela mesmo me fixeron Cabo, ¡sen estudar nadiña! Coido que foi unha quintada deles, para rirse de min, pero, ¡o nabo de Lugo!, que de seguida aprendín de todo, incluso as leis penais, ¡e aquí me tes, feito un chaufer! Calquera destes días vouvos ver ao Cádavo, co meu Ford, que seica deron en chegar por aló os autos, grazas á estrada… ¡Éche un Ford “T”, ou que te cres! Destes coido que aínda non os teñen en Lugo…

Despois de comer fixérono levantarse da mesa, que mentres xantaron quentouse a auga, que aquela mugre outro remedio non tiña.

-¡Ai, ho, Deu-volo pague, que vou ben limpiño, pero terei que irme, a ver se atopo a don Manuel, antes de que se deite, que daquela que foi á Fonsagrada sempre se deitaba con día, pero, iso si, despois espertaba aos galos! ¿E ti, Ramonciño, poderías levarme, no auto, á súa casa? ¡Xa sabes, por culpa dos saquetes!

-Mira, Cándido, -lle dixo entón a muller do taxista, que algo de protocolo dese dos señores aprendera na casa dos Salmerón-Lombardero-, terás que poñer uns zapatos do meu Ramón, que coas zocas…, aquí en Madrid…, ¡vante levar preso! E despois diso, é mellor que o Ramón fale co chaufer do señor Portela, e que lle pregunte cando pode recibirte… Ti, mentres, esperas abaixo, no Ford… As cousas hai que facelas ben feitas…, ¡como lles gustan aos señores!

-¿A min? ¿Recibirme, a min? ¡A calquera das horas, que xa mo dixo daquela, cando foi o das eleccións! ¡Faltaría menos!

Seica custou traballo calmalo, pero máis aínda facerlle deixar un daqueles xamóns…, ¡para axuda dos gastos!, pois todo se lle volvía dicir que todos tiñan dono, e que cada xamón era para a súa cousa, proporcionados, que así don Manuel levaría ben as contas dos favores que tiña pendentes de cumprir con aqueles electores seus, ¡tan necesitados da súa lembranza!

Entrevista persoal non chegou a conseguila, pero Memorandum de peticións si que houbo, que o redactaron os dous chauferes, ¡ao ditado do Cándido, por suposto! Cos xamóns, de momento, con todos menos co da señora Xosefa, quedouse aquel intermediario, o chofer de Portela Valladares; se cadra con intención de repartir de novo…, ¡desde que tivesen ao Cándido de volta, no tren Correo de Galicia!

Alta geraçao, ínclitos infantes… ¡Si, iso dicía Camoens dos seus, que tamén, meus pobres, as súas pasáronas! De postos a emigrar, tanto tiña ser de Tras os Montes coma dos Montes da Fonsagrada; tanto daba ir á India como ás Indias, ou a Madrid, que parecidas aventuras e desventuras tiveron uns e outros, galegos e lusos, ¡que todos eran, foron, en definitiva, ilusos, pobres ilusos, restrebados polo mundo adiante, e servindo para canto servizo houbese! Esta é a conclusión á que chegamos o señor Vicente da Ponte, un ferreiro experimentado, e eu un simple aprendiz do vivir, do vivir cotián.

¡Que tempos! Dá vergoña, incluso contalo, ¡e menos mal se non temos recaída, que polas trazas…!


Case coincidindo coa película de Al Gore

"TERRA", algo mais que unha película.

Amigos do Patrimonio de Castroverde recomenda a visión deste film, que por riba de aspectos comerciais, é unha chamada á conservación do patrimonio de natureza do noso planeta ao que os humáns non deixamos de esmagar. Moi recomenbable para os nenos e xovenes, para os que temos a obligación de traspasar, ao menos, nas mesmas condicións en que nos chegou. As fotografías, impresionantes. Entra na web.


27 octubre, 2007

ASOCIACIÓN POLA DEFENSA DO PARQUE ROSALÍA

CONTENCIOSO POLA EDIFICACION NAS COSTAS DO PARQUE

Con data 10 de setembro de 2007, a Asociación para a Defensa do Parque
Rosalía de Castro e o seu entorno presentou un recurso Contencioso-administrativo no que se impugna a aprobación definitiva doProxecto de Urbanización de 14 de febreiro de 2007, a través dunha impugnación do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) da Unidade de Actuación CS5 (Costas do Parque), tal e como se veu anunciando en varias ocasións ao longo destes máis de dous anos de loita contra o maior exemplo de especulación urbanística realizado en Lugo.

No devandito recurso denúncianse unha serie de supostas irregularidades levadas a cabo polo Concello coa única finalidade de proporcionar na leira dun particular e dun xeito, aparentemente legal, a máxima edificabilidade no sitio máis rendible, obviar o ben social, os intereses da cidadanía á que representa, as leis de protección patrimonial e os trámites legais para a tramitación dun PERI. Entre outras se enumeran e xustifican as seguintes:

1/ Falta de informes sectoriais preceptivos doutras Administracións
(Cultura, Medio Ambiente e Industria) previstos na lexislación vixente.

2/ Falta de notificación á COTOP.

3/ Ausencia de notificacións a terceiros de carácter preceptivo.

4/ Permutación de terreo público, de forma supostamente irregular, adxacente na súa totalidade ás Costas do Parque (no que había nogueiras centenarias e outras especies arbóreas de interese e no que pretendían construír un edificio de 9 plantas) por espazos residuais de dubidoso aproveitamento na pendente que dá a República Argentina.

5/ Indefinición do sistema viario que non conta nin co detalle nin xustificación necesarios en orde á súa capacidade prevista (acceso aos ocupantes de 200 vivendas) de acordo coas esixencias técnicas de edificación.

6/ Incumprimento do artigo 104 da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (de aplicación directa), cuxa filosofía está recollida en leis anteriores, e que protexe expresamente lugares paisaxísticos como é o noso Parque Rosalía e as súas Costas cos seus respectivos Miradoiros, cuxa beleza e interese está recollida en todas as Guías Turísticas de Galicia, desde a de Otero Pedrayo de 1945, ata a páxina web de Mundo-R, pasando polo Plano-Guía da cidade editado polo Concello, entre outras.

A Asociación non pode entender que o Concello, tendo o apoio legal suficiente para protexer o Patrimonio Paisaxístico da cidade á que representa, o obviara e ata cuestionara, só co fin de salvagardar os intereses, que non dereitos (como se demostra no recurso presentado) dun particular, e que sexan os cidadáns os que teñan que defender o grave atentado ao patrimonio de todos das actuacións dos seus representantes.

Así o Concello utiliza argumentos rebatidos no recurso:

1/ Non existe diferenzas entre bens protexidos en chan urbano e rural.

2/ Na entorno da unidade na que se quere construír existen bens inequívocamente protexidos (Termas Romanas, Sanatorio García Portela e Parque Rosalía de Castro) e é preceptivo, sen ningún xénero de dúbidas, o informe da Consellería de Cultura para calquera tipo de actuación.

3/ A inexistencia duns supostos dereitos de edificabilidade “á medida”, nunha leira privada que vulneran os dereitos de todos.

Desde a Asociación esiximos ao Concello explicacións por utilizar todos os recursos “supostamente legais”, para defender os intereses dun particular no lugar das medidas de protección que lle proporciona a lei para conservar e preservar os bens patrimoniais e paisaxísticos de todos os lucenses. E aos Grupos da Oposición no Concello que pidan responsabilidades políticas pola inxustificada permutación de terreos públicos (ilegal segundo a nosa denuncia) para que se poidan construír nos mesmos un edificio de nove plantas) e pola desidia e desobediencia a un organismo con competencias superiores ao Concello en materia de Patrimonio (Consellería de Cultura) que ordenou paralizar as obras. Estamos ás beiras do río Miño de Otero Pedrayo ou do río Congo de Joseph Conrad ?

ASOCIACIÓN POLA DEFENSA DO PARQUE ROSALÍA

+ de 10.000 firmas




23 octubre, 2007

CARBALLOS. (Remitido por ADEGA)

Nunha actuación reprobable, o Alcalde do Concello de Pol debe dar conta da tala de carballos para a ampliación da estrada LU- 750
A Xunta está a ampliar a estrada de Meira a Baralla (LU-750). Quen viva ou pase por alí pode darse conta
do impacto que está a causar a estrada. Non só polo terreo agrícola que ocupa senón tamén polos efectos colaterais. Os movementos de terra para rechear terreos de veciños nas mesmas beiras do río ou regatos é simplemente escandaloso. A necesidade dunha obra non pode xustificar o de “todo vale” e verter toneladas de terra ao longo e ancho das inmediacións das obras.

Hai quen opina que o que sobran son carballos. Quizais habería que dar unha volta por moitos concellos da Mariña ou da costa da Coruña e Pontevedra para decatarnos do falso desta afirmación (xa hai datos de concellos que contan con só unhas poucas hectáreas de arborado autóctono). Pola contra o que si son escasas son as carballeiras de propiedade pública coas que contamos tanto na provincia de Lugo coma no resto de Galiza. É o caso da parroquia de Rioxoán, no concello de POL, onde se conservaba unha carballeira de exemplares centenarios na que, ata non hai moito tempo, se celebraba unha importante romería, aorredor da capela adicada a Santa Petronila e na que se conserva un valioso retablo barroco de mediados do século XVII, incluído, xunto coa capela, no inventario de bens catalogados. Na carballeira celebrababase tamén, -ata o 1947-, unha importante feira quincenal, da que aínda ata non hai moito tempo se conservaban na carballeira alguns peitoriles de pedra usados como expositores. Trátase, pois, dun entorno que, -a maiores de constituir unha área de lecer natural para todos os veciños de Rioxoán e a maiores dos servizos ambientais que, como regulador do microclima e como paisaxe de singular interese, sempre ofrece unha carballeira-, constitúe un elemento inequívoco do noso patrimonio etnográfico e cultural.

En base ao dito dende ADEGA solicitou á Consellería de Política Territorial a modificación do proxecto da estrada de Meira a Baleira que, ao pasar por Rioxoán, propoñía talar, de forma innecesaria, toda unha fila de carballos para camiño de servizo nas marxes da estrada. A través da Delegación propuxemos deixar o trazado actual da estrada como vía de servizo e se deseñase, no seu lugar, unha circunvalación por fora do núcleo rural de Rioxoán e, no caso de non considerarse no momento actual, que, cando menos, se modificase o proxecto reducindo ao ancho da calzada e construíndo beirarrúas (co seu alcantarillado e alumeado público) en lugar das beiravías e gabias que se propoñían no proxecto. Non se solicitaba, pois, máis que unha modificación do proxecto para mellorar a calidade e os servizos que o proxecto anterior podía ofrecer.

E, efectivamente, así o entendeu a Delegación Provincial da Consellería de Política Territorial que confirmaba que o proxecto tiña sido modificado e que xa non afectaba á carballeira.

Ata aquí viría o proceso normal na mellora de calquera proxecto. Pero apareceu Lino Rodríguez Ónega, alcalde do PSOE en Pol en minoría que considerou que “o seu proceder non tiña nada de estraño”, que “non cometín ningún delito”, que “a tala non suporá un problema na contorna nin carrexará animadversión”, que “coa tala dos carballos desaparecerían problemas de humidade que agora afectaban a casas próximas” e que “a medida contaba co apoio da maior parte dos veciños”.

Estamos convencidos de que, para calquer persona cun mínimo de sensibilidade polo patrimonio natural e cultural do seu pobo, un alcalde debera non só de protexer e conservar esta carballeira, senón tamén de poñela en valor como valioso patrimonio natural de tamén importante sinificado histórico e cultural. Debera ter sido el e o seu equipo de goberno os que deberan de interceder ante a Xunta para conservar o patrimonio do concello

Dende o noso punto de vista, a tala desta carballeira non só demostra unha absoluta falta de sensibilidade por parte do Alcalde que ordena a súa tala, senón un auténtico escándalo que, dende logo, non pode quedar impune porque se trata dunha tala innecesaria, porque se ordena unha tala duns carballos centenarios que non están xa afectados polo proxecto constructivo da estrada e porque, ademáis, se fai sen autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (autorización imprescendible xa que se trata dunha carballeira que ten iniciado os trámites para a súa inclusión no catálogo de árbores senlleiras).

Un Alcalde que se di progresista, que goberna ademais con votos prestados doutros partidos políticos que lle teñen feito reclamacións similares ás que nós prantexamos, debera demostrar outra sensibilidade. Esperamos que a Consellería de Medio Ambiente si demostre a sensibilidade que lle corresponde exercer sancionando exemplarmente esta escandalosa actuación do Sr. Alcalde de Pol.

20 octubre, 2007

Miscelánea


OTELO

Achegas de


Xosé María Gómez Vilabella



Non, non era Otelo senón Bértalo, que non se lle parecía en nada, pero a min sempre se me representou vestido de mouro, cunha especie de xilaba, con aquela blusa moura de arrear nos xatos, alí na explanada da Estación, polos anos 40. Na alma non se parecían, en efecto, que o Bértalo tíñaa moura, e sen remorsos, ¡moito máis cá do Otelo shakespearino! Pero a Desdémona…; ¡niso, meus pobres, todo, que para o caso que pasou, daquela pouco máis dá chamarse Filomena que Desdémona. O que vou omitir é o nome da súa parroquia porque, en definitiva, Castroverde non é tan grande, e se chamo á xente polo seu nome igual se alborota algún dos seus parentes.

Xa que non saíron coplas, eu direino en prosa:

Casaran en Albeiros, polo San Froilán, fai agora anos, por detrás dun valado, e como consecuencia diso o patrucio tivo que facerlle unha venda á filla, ¡para que o Bértalo recoñecese a criatura! Con ese capitaliño fóronse para Lugo, e o “Otelo” da nosa historia ascendeu inmediatamente de arreador dos de Marcos a xateiro exportador, maiormente para Barcelona, o mellor negocio da posguerra pois aqueles cataláns chegaron a cambiar alfaias por condumio.

Nun daqueles arreos o Bértalo díxolle á súa Filomena:

-¡Volvo en sete días! E ti non te movas da casa, sempre aquí, coa porta fechada, que quen foi fácil comigo tamén o pode ser co próximo. ¡Aquí por Lugo abundan os xateiros…, e a carne non sobra!

-¡O que ti digas, meu Bértalo! Pero terei que saír algo…, ¡sequera sexa para que lle dea aire á nena!

-¡Para iso están as ventás! E cando volva de Barcelona, co peto cheo de cartos e de alfaias, daquela levareite ás augas, ao Incio…, para que se che quite ese esbrancuxamento!

-¡E non hei ter, sempre metida neste cortello, nesta casa…!

-¡Vai parando, que a miña muller é propiedade miña, e daquela fago de ti o que quero. ¿Entendiches?

A Filomena non entendera cousa, aínda que se lembraba de que o Cura lles dixera: “Compañera te doy y no sierva…; ámala como Cristo amó a sú Iglesia” ¡Pero o Cura estaba en Castroverde, e o Bértalo en Lugo; en Lugo ou na feira, e por tanto, máis cerca!


Nisto, ¡a casualidade!, que chegou da Arxentina un irmán dela, sen previo aviso, e daquela, na Quiroguesa, mesmo diante da estación, un vello coñecido deulle referencias de súa irmá, que casara cun xateiro e que vivían no mesmo Lugo, alí detrás, pola escalinata. O arxentino daquela viuse no Ceo: ¡Súa irmá en Lugo, e rica! Por suposto que non era cousa de saír a escape para a aldeíña, e menos coa pouca prata que traía; os da taberna da parroquia podían esperar… Súa irmá ben que entendeu todo isto, ¡e franqueoulle a fonda!

-¡Ai, ho, foi boa pena que non chegases onte, que daquela ías co Bértalo a Barcelona, que incluso che ía dar propina, como fai cos mozos que lle axudan a leva-los xatos!

-¿Xatos? ¡Xa arreei abondo na Pampa! Mira, irmá, sexamos ocorrentes, que agora que veño de bo ver, e ben presentado, con esta gravata de seda, vou ir a Castroverde, un domingo de feira, para esculcar unha morgada…, ¡que así non me apampo outra vez!

-Iso non está mal pensado, pero mellor será que te quedes comigo, dúas ou tres semanas, ben lavado, ben comido e ben planchado, que con todo vir de man branca, se te coido podes mellorar de aspecto; e logo que na casa, aos nosos pais moito non lles sobra, que me tiveron que facer unha venda por causa de que caín en estado, e con iso o Bértalo non quería casar! Espero que me perdoes, que eu tíñate por rico…, tanto tempo sen escribir!

-¡Muller, fixeches ben, que muller sen dote, aínda que teña bigote…! ¿E logo, que tal co Bértalo? Daquela, na nosa crianza, era un animal, ¡ou máis aínda!

-Agora éche rico…, ¡coa miña dote e mailos xatos! A xente quítalle a pucha, coma aos señores, ¡e dinlle de don!

O Arxentino, no seu plan, despois de ir á compra para súa irmá, dedicouse a frecuentar os coches dos Veigas…, ¡para que se espallase a nova do seu regreso, un indiano moi aseñorado! Todo se lle volvía dicirlles aos paisanos

-¿Vos, por aquí, con isto de la guerra, estades ricos, ou seguides traballando en la tierra? ¡Ai, si! ¿Sen porvir? ¡Pos, chinito, se eu atopase unha moza de bo caserío, coa miña experiencia das Pampas…, en tres anos, la mejor hacienda del contorno!

Con aquelas sementes, tódalas morgadas de Castroverde veña adobiarse dos días santos, Maderas de Oriente ás presadas, a cotío, esperando pola Línea, ¡pero o arxentino facíase de rogar! Ata que un día, nestes medios, deuse o casual de que a Filomena, coa Filomeniña da man, saíu un momento para ir á praza, a Santo Domingo, que non era cousa de que visen ao arxentino por Lugo, a cotío, coa bolsa da compra. Así que daquela o diaño, que de vez en cando fai das súas trasnadas, levou da man, á súa propia casa, ao Bértalo, de volta de Barcelona. Como de costume, entrou directo ao baño, ¡que boa falta lle faría co aquel dos xatos…! Para conta-lo seguinte, nin verbas hai:

¡Un home, un perfecto descoñecido, coa cara enzoubada de xabón e coa barbeira na man, na súa propia casa! O “fulano” quedouse tan tranquilo:

-¡Pero, che, no te esperaba tan pronto!

Ao Bértalo anubróuselle o entendemento coa sorpresa e coa carraxe:

-¿Quen es ti, fillo de puta? ¿Que fas aquí? ¿Onde está esa vaina?

O Arxentino nin pestanexou, confiado, suponse, no seu esclarecemento:

-¡Pos te soy el Sabino, el hermano de la Filomena..!

Bértalo nin con esas, que nin escoitaba:

-¡A nai que te pariu, tramposo do nabo!

O Bértalo, coa caiada de arrear nos xatos, que aínda non a pousara; e seu cuñado, aquel descoñecido, coa barbeira. A refrega seica durou un intre, pois nunha daquelas acometidas o xateiro conseguiu guindarlle unha perna ao Arxentino, coa cachaba, e desde que o tivo no chan, coa barbeira que se lle soltara ao Sabino, afeitouno pola gorxa, ¡ao traspaso!

Feita aquela degolada, o primeiro que se lle ocorreu ao Bértalo foi identifica-lo intruso, así que furgoulle no peto da americana: ¡Seu cuñado, en efecto!

Nin pola Filomena esperou, que Vigo estaba lonxe, ¡e había que embarcar a tempo!, para a propia Arxentina, ¡co nome e cos papeis do Sabino! Seica apampeou na Pampa, ou polo menos iso dixo o seu testamenteiro, que lle escribiu á Filomena, tempo adiante, despois de morto o Bértalo, dándolle conta do seu testamento e explicándolle as circunstancias daquela morte de Lugo, ¿accidental? Ao Sabino enterrárano en Lugo, dicíndolle á policía que tivera que ser un atraco daqueles fuxidos da guerra, para roubarlle a documentación, e coa documentación a súa fortuna de indiano. Certo é que a guerra tivo moitas culpas, ¡pero máis lle botaron, en particular para xustificar o inxustificable!

Un día no que me deu por refollar o “Otelo” de Shakespeare, acordeime do Bértalo de Lugo, por asociación de ideas, naturalmente, ¡pero aos poucos parei de ler pois algunhas realidades do noso propio entorno deixan de lado calquera ficción literaria, así sexa dos mellores dramaturgos!

________________________________________________________________________________


Escríbennos os amigos de "BOSQUES SIN FRONTERAS"

VIAJE GUIADO PARA CONOCER LOS ÁRBOLES SINGULARES

DEL BIERZO (LEÓN)

10-11 de Noviembre de 2007

Buenos días,

Os escribimos para informaros que desde Bosques Sin Fronteras estamos preparando un viaje para que, todos aquellos que estéis interesados, podáis conocer los árboles más singulares de El Bierzo (León). En el viaje se visitarán los árboles más singulares de la zona, sobre todo sus impresionantes castaños, pero también ejemplares de otras especies, asociándolos siempre con su vinculación a las gentes, tradiciones y cultura de esta interesante zona castellana. El viaje está previsto para los próximos días 9, 10 y 11 de noviembre. En principio estarán organizados todos los temas relativos al alojamiento, la comida y el transporte una vez en la zona, pero los asistentes se deberán desplazar hasta El Bierzo durante el viernes 9 por sus propios medios.

Para poder planificar la salida nos gustaría tener una estimación de cuántas personas estarían interesadas en acudir al mismo, por lo que os rogamos no lo hagáis saber a través de este correo electrónico o en el teléfono 915102605. Una vez estimado el número de personas interesadas os mandaríamos más información sobre el viaje y su precio.

Esperamos contar con vuestra participación en esta nueva actividad Para cualquier duda o sugerencia no dudéis en poneros en contacto con nosotros

Bosques Sin Fronteras
Proyecto “Árboles, Leyendas Vivas”
Tfno: 91 510 26 05
leyendasvivas@leyendasvivas.com


14 octubre, 2007

O tempo, en Amigos do Patrimonio de Castroverde


Se queres consultalo tempo tes a METEOGALICIA nesta páxina. Podes consultar o tempo que fará no Camiño Primitivo desde A Fonsagrada ata Santiago. Ao remate da columna esquerda onde pón O tempo no Camiño Primitivo.
¡ E .... Qué chova a gusto de todos!

Sábado, 27 de outubro, de 2007


Roteiro polas Terras do Courel
Coa participación da Asociación Arcas de Sárria(que farán de guias) e Amigos do Patrimonio de Castroverde

Saída da Praza do Concello de Castroverde ás 8:25 h., pasando polo Camiño Ancho ás 8:30 h. (Prégase puntualidade)

Ás 9:00 h. no Hotel Alfonso IX de Sárria.
Desde aquí sairemos cara o Courel pasando por Samos , Aira Padrón, Gundriz e Meiraos. Intentando ver a igrexa de Meiraos. Despois por Seoane , Castelo de Carvedo iremos á parte alta da Devesa da Rogueira. Tamén podemos facer unha parada no Camping. Como se trata de estrada de montaña, a velocidade non vai ser moita, e podemos ademais facer paradas naqueles puntos ou miradoiros naturais que merezan un alto, coma na Ferreiría e no Val das Mouras en Ferreiría Vella, inicio de pista de Mercurín .

.- O recorrido na Devesa da Rogueira sería ata a Fonte das augas calías e ferrosas, indo desde o Colexio ou desde Moreda, onde está a Aula da Naturaza, ( os que cansen , con pegar volta antes teñen o problema solucionado ). Pode voltarse en bus desde a Área recreativa, na estrada de Visuña, á altura da fonte citada, chamada Fonte do Cervo. O percorrido é dun mínimo de dúas horas e media.

.- O xantar en Seoane, e despois sairemos cara Folgoso do Courel, onde pararemos, e polo Alto do Boi , baixaremos ata Quiroga , facendo visita á vila, e desde alí volta para Sárria, parando antes en Ambasmestas. Para facilitar a organización: Avisar antes do día 25 de outubro, xoves, de 2007, no teléfono ou no correo habituais.

Agardando a túa asistencia, recibe un cordial saúdo.
Asdo.: Manolo Muñiz
Presidente
Castroverde -Lugo-, a 15 de outubro de 2007

EL PROGRESO REDACCIÓN - LUGO
Cultura saca a
concurso a
restauración de dous
retábulos de Vilabade,
en Castroverde


A Consellería de Cultura sacou a concurso recentemente a restauración de dous dos retablos que conserva a igrexa de Santa María de Vilabade, no municipio de Castroverde. As obras beneficiadas serán o retablo do Crucificado, que recolle unha escena do Calvario, e o da Visitación.O proxecto de mellora e conservación conta cun orzamento de licitación de 44.300 euros.Os retablos que serán obxecto de restauración son de estilo barroco e están situados nas laterais do retablo maior, que data do século XVII e constitúe un dos atractivos que garda o edificio relixioso no seu interior.De estilo barroco e autoría de Francisco de Moure, esta obra foi xa rehabilitada con anterioridade. A igrexa de Santa María de Vilabade cumpriu este ano o 550 aniversario da súa fundación. Foi construída no ano 1457 por Fernando de Castro e está catalogada como Monumento Nacional a partir do ano 1979.

Cada punto é unha localidade que nos visitou












Amigos do Patrimonio de Castroverde é visitado ao longo do mundo
Segundo as estadísticas a nosa páxina dixital visítase polo mundo adiante. Case o 80% das visitas proveñen de Galicia e maioritariamente das provincias da Coruña, a primeira, e Lugo. Logo de Galicia, figura o resto de España. Temos a destacar a presenza en toda América, incluida USA e Europa. Deixando fora os pequenos pobos, a páxina foi vista nos derradeiros once meses en mais de 500 cidades espalladas polo mundo adiante.

13 octubre, 2007

Miscelánea


¿Por qué nos visitou Santiago?


Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella


Por veces as árbores non nos deixan ve-lo bosque, que iso me temo nos pase en Castroverde aos de Castroverde, de tanto dedicarnos ao estudo do noso Camiño Primitivo, pero, ¿a causa prima deste afán? Camiño adiante, estámoslle devolvendo a visita ao Sr. Santiago, pero, ¿por qué nos visitou el, de primeiras? Isto é o que me preguntou en certa ocasión, na miña/vosa casa, un neno galaico-madrileño, recén retornado coa familia, ao verme a Biblia de Sept na mesa do meu despacho; evidentemente por unha simple asociación de ideas, que os nenos nacen cun sexto sentido, por máis que os maiores fagamos tódolos posibles por erradica-lo sentido común.[1])

-Díxonos un Profesor que o señor Santiago, de degolado no que hoxe é Israel, veuse para Galicia nunha lancha de pedra...; ¿non será moi gorda? -¿E teu pai, aquí presente, qué opina? -Este..., este galego..., aínda non me contestou! O pai, ¡máis galego cá min!, fíxome o aceno de trasladarme aquela enquisa, aquel embolado do seu neno. ¡Trágame terra! Desde que o meu propio fillo me preguntara aquilo de, -¿Papá, po que se tiran eses pacaidistas?, eu non me vira noutra semellante, pero un galego ten a obriga de descubrir América, aínda que despois lle pisen o invento, ¡ou deixa de ser galego!, así que tirei por onde Deus me deu a entender. -Mira, rapaz, a clave, se cadra, témola aquí, máis ou menos neste punto, no Mateo, 2, 19. “En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé, en Exipto, e díxolle: -Érguete, colle o neno e maila súa nai e volve para a terra de Israel, que morreron aqueles que querían acabar con El”.

O caso é que aínda reinaba Arquelao en Xudea, así que lles pareceu máis prudente irse directamente para Galilea, pero, ¿como, e por onde?, que o anxo nada diso lles dixera. Se ían polo Sinaí, era forzoso atravesar Xudea, e despois Samaría... Nisto, Xosé, que estivera traballando de carpinteiro en Alexandría para uns navieiros fenicios, pediulles que os levasen nun daqueles lanchóns... -¿Para onde? -¡Pois, dadas as circunstancias, mesmo para Galilea, directamente!

Aos fenicios saíralles un porte de pedras preciosas, ¡rosadas, granito de Porriño! Para a tumba do Faraón, obviamente. Os fenicios, que eran máis dados aos cartos que ao latín, ¡por Galilea entenderon Gallaecia!, que así foi como, singradura vai e singradura vén, acabaron recalando na nosa Galiza. Á Sagrada Familia nada lles custaba face-lo milagre de desface-lo seu camiño, tal que voando, mais como eran respectuosos coa vontade de Deus..., ¡por aquí se quedaron, agardando polo retorno daquelas naos fenicias! No ínterim, ignorante de que xa os avisara un anxo, o vello Zebedeo díxolle ao seu fillo Xacob: -Date un garbeo por Alexandría para avisar aos parentes de que ao tal Herodes xa o papou o diabo... ¡Dilles que volvan tranquilos, que aquí, coas obras do Templo, hai traballo de sobra para un carpinteiro da habilidade do meu parente!

Chegado que foi o Xacobe á Alexandría, ao estaleiro daqueles fenicios, dixéronlle que ía tarde co aviso, que os parentes acababan de saír, e precisamente nunha gabarra daquelas de importa-las pedras galaicas..., “Nunha coma esa que está aí embaixo, nese peirao; ¡esa, esa que está levando as áncoras...!” Aquel rapaz do Zebedeo, aquel valente, que era tal un fillo do trono, sen pensalo dúas veces embarcouse para a Gallaecia, ¡en busca dos parentes!, para cumpri-la misión encomendada. Así foi como retornaron, desde a Gallaecia, todos xuntos, de volta para Alexandría, e desde alí, costeando polo Mediterráneo, fóronse noutro barquiño dos mesmos fenicios, nun que ía a por cedros ao Líbano, tamén para a tumba daquel Faraón.

Desta vez, desandado o Camiño, o náutico se entende, desembarcaron na Ptolemaida, que de alí, por travesío, a Caná, ¡dúas semanas! Xusto a tempo para asistir ás vodas dunha parenta de María... ¡Pero iso é outra historia! Tanto a Sagrada Familia coma o Xacobe quedaron moi agradecidos polas atencións recibidas daqueles fisterráns, daqueles gallaicoes, así que, tempo adiante, despois do Pentecoste, por suposto, daquela que os apóstolos, homes e mulleres, se repartiron as romanidades para anunciarlles a Boa Nova aos latinos, foi a propia Virxe quen lle encomendou ao seu parente, ao Xacobe (Santiago), que se dese un voltio pola súa querida Gallaecia... O malo do caso foi que os galegos, coa nosa retranca habitual, entolecemos no Fillo do Trono: -Por unha banda, ¡vostede xa ve! E pola outra, ¿que quere que lle diga...?

Que si, don Xacobe, que ben o sei, que iso que nos predica leva xeito, afellas que si, pero..., mire, para non andar con voltas, xa o verei, engorde, pasiño a paso; se cadra mañá mesmo, segundo faga o día, que se fai bo, teño que ir á feira. Tamén o teño que consultar co cabezal, e por suposto que coa miña ama, que nestas cousas importantes, eu..., servidor! O Xacobe, impaciente que era, colleu un cabreo de aquí te espero, e como tardaban en volver coas naos aqueles fenicios, rouboulles un cabalo, branco, aos propios gallaicoes, ¡que llelo tiña ben merecido!

Upouse na Pedra Fita do Cebreiro e foise pola meseta adiante, feito un lóstrego, para Tarraco, disposto a embarcar, Vía Roma, nun daqueles trirremes da ruta Salou-Mallorca-Ostia, que é ese porto que hai ás aforas de Roma. A Virxe, que para daquela xa a ascenderan os anxos, baixou do Ceo feita un remuíño, e tívolle o Camiño ao Xacobe, na Vía Romana da propia Caesare Augusta, séxase, en Zaragoza.

Alí aterrou nunha columna ou piar que estaban erixindo aqueles romanos, que de aí vén iso da “Pilarica”, e botoulle unha rifada ao seu parente: -Santiaguiño, cómo é que lle fas iso ao noso Xesús, co ben que o coidaron eses gallaicoes, que ata lle ensinaron a pescar sen anzol? –Señora, é que eses galegos, eses galegos do Finisterrae, estanlle verdes, ¡aínda máis cós seus prados, que xa é dicir! A Virxe axudoulle, mediou, intercedeu, porfiou..., tanto, e con tanto interese, que de alí en diante non houbo problemas cos nativos.

O malo foi que se tivesen que reunir os Apóstolos para celebrar unha reunión, unha xuntanza preconciliar, preparatoria do I de Xerusalén, concretamente pola Pascua do ano 44, concorrencia que aproveitaron os xudeus, seus propios irmáns e veciños, ¡outros desagradecidos!, para afeitarlle o gañote. De morto, aqueles fenicios, aqueles traficantes da pedra, ¡da pedra e de cantos minerais de valor atopasen!, recolleron o seu corpo, cabeza incluída, nun fudre, e así trouxéronos, devolvéronos, o noso Xacobe, o noso Iago, que para daquela xa era Santo, ¡ou máis que Santo, Mártir!, precisamente nun lanchón daqueles da pedra..., ¡ que non foi nunha lancha de pedra, como din algúns despistados, tal que ese Profesor...! O neno quedou convencido, coido que si, e o seu pai agradeceume esta colaboración cativeira. ¿Maxistral? Non, coido que non, en absoluto, pero, a falta de inscricións, a falta de escrituras..., ¡o único que nos queda é a lóxica, maiormente para saír dos por qués infantís!

Vindo ao presente: O mínimo que nos cómpre aos de Castroverde, como aos doutros lugares do Camiño, é ter clariña a idea de que imos, de que pasan por aquí, os santiagueiros, non para facer unha visita, senón para devolvela, cousa que é de obrigado cumprimento, ¡así sexa por mera cortesía! Daquela, tratándose de xente cortés, hai que tratalos con exquisitez, con reciprocidade, obriga que lles incumbe, dun xeito moi especial, os hostaleiros da ruta, ¡salvo que queiran paparse dunha tacada esa galiña turística dos ovos de ouro! Que ninguén se dea por aludido, que non vai por ninguén en concreto, pero algún síntoma desa enfermidade contaxiosa si que empeza a notarse...
[1]

Isto mesmo, este sucedo, publiqueino no núm. 545 da revista Irimia.

07 octubre, 2007

Mais de duascentas persoas homenaxearon a A. Moreda no acto organizado pola asociación Ollomao

Homenaxe ao galeguista Antón Moreda

Antón Moreda Rodríguez naceu en San Miguel de Reinante no ano 1934. Desde a adolescencia mantén un compromiso nidio coa realidade nacional galega. Con dezasete anos emigra cos pais para América do Sul, e ubícase en Buenos Aires. Alá será cofundador e activista das Mocedades Galeguistas. Volta a Galiza cara 1960, onde profisionalmente traballará nun comezo na editorial Galaxia. No 1963 será cofundador e presidente do Consello da Mocidade. Nos anos novente fundou a Asociación Gaiola.



06 octubre, 2007

Miscelánea

Conxuros

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

____

Os conxuros forman parte do noso patrimonio, do noso acervo cultural, porque, o que é meigas, bruxas e diaños, ¡haber hainos! As meigas tamén son fillas de Eva, pero non das súas conxungas co Adán, senón daquel axuntamento da avoa coa serpe, ¡que se meteu onde non debía!, que aí estivo o pecado, a infidelidade, e nada de mazás, que as mazás son a mellor froita do mundo. Daquela cómpre esconxuralas, e máxime cando se trata de papar unha boa augardente. A queimada faise para derrete-las meigas, para mandalas ao inferno, e non ao estómago!

Invítovos a copiar este conxuro que reproduzo aquí, que é un dos más eficaces, segundo lle teño oído referir a meu avó, que por algo era albeite:

____

MOUCHOS, CURUXAS, SAPOS E BRUXAS; DEMOS, TRASNOS E DIAÑOS, ESPÍRITUS DAS NEVADAS VEIGAS, CORVOS, PÍNTEGAS E MEIGAS, FEITIZOS DAS MENCIÑEIRAS, PODRES CARNOTAS FURADAS, FOGAR DE VERMES E ALIMAÑAS, LUME DAS SANTAS COMPAÑAS, MAL DE OLLO, NEGROS MEIGALLOS, CHEIRO DOS MORTOS, TRONOS E RAIOS, OUBEO DO CAN DOENTE, PREGÓN DA MORTE, FUCIÑO DO SÁTIRO E PÉ DO COELLO, PECADORA LINGUA DA MALA MULLER CASADA CUN HOME VELLO, AVERNO DE SATÁN E DE BELCEBÚ, LUME DOS CADÁVERES ARDENTES, CORPOS MUTILADOS DOS INDECENTES, PEIDOS DOS INFERNAIS CÚS, MUXIDO DA MAR EMBRAVECIDA, BARRIGA INÚTIL DA MULLER SOLTEIRA, FALAR DOS GATOS QUE ANDAN Á XANEIRA, GUEDELLA PORCA DA CABRA MAL PARIDA,

QUE CON ESTE CONXURO LEVANTAREI AS CHAMAS DESTE LUME QUE ASEMELLA VIR DO INFERNO, E CON ISTO FUXIRÁN AS BRUXAS DACABALO DAS SÚAS ESCOBAS, ÍNDOSE A BAÑAR Á PRAIA DAS AREAS GORDAS.

¡OÍDE, OÍDE OS RUXIDOS DAS QUE NON PODEN DEIXAR DE QUEIMARSE NESTA AUGARDENTE, QUEDANDO ASÍ PURIFICADAS!

CANDO ESTA BREVAXE BAIXE POLAS NOSAS GORXAS, DAQUELA QUEDAREMOS LIBRES DOS MALES DA NOSA IALMA E DE TODO ENCANTAMENT0.

FORZAS DO AR, DA TERRA, DA MAR E DO LUME, A VOS FAGO ESTA CHAMADA:

¡EIQUÍ E AGORA FACEDE QUE OS ESPÍRITUS DOS NOSOS AMIGOS, PARTICULARMENTE ESES QUE ERRAN NA SEMPINTERNA EMIGRACIÓN GALAICA, PARTICIPEN CONNOSCO DE ESTA QUEIMADA, PURIFICADORA DOS CORPOS, PERO TAMÉN DAS IALMAS!

¡Amén!