Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

30 septiembre, 2007

Miscelánea

Avós que pasaron á historia: Landriz do Fato

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella


Esta achega vai dedicada, con todo afecto e respecto, ao cóengo Eladio Vega Landriz, e supón unha admiración, que non unha crítica, para co seu avó Landriz. Casualmente o cóengo Vega Landriz estudou no Seminario de Lugo cunha beca do célebre Cura Valiño, tamén do Fato, curmán de seu avó e autor do libro de poemas, “Surcando el Miño”, ¡que se vendeu a 1 peseta exemplar, coa modesta xustificación en portada de que, “Poco valdrá, pero menos costará”!

Landriz foi unha institución, unha máis das de Castroverde; un personaxe real, de feitos que transcenden a simple anécdota pois acadan a categoría de míticos pola súa xenialidade e/ou pola súa orixinalidade. Persoalmente, -e ben que sinto non ter sequera un retrato seu-, só o vin unha vez, -que daquela xa vivía en Trasín, na casa da súa filla Dolores-, cando me quitou unha moa das de leite por culpa de que torcía a que viña tras dela; hoxe, que teño que ir ao dentista, -odontólogos lles din agora-, para sacar precisamente aquela que me salvou Landriz, non podo pasar sen deixar por escrito catro anacos da súa inmensa biografía: ¡De zoqueiro a dentista!

A primeira aventura/travesura que se conta deste home foi que, por vender seu pai uns ameneiros en vez de darllos para que fixese zocas, colleu un trade, furounos, e meteulle a cada tronco un cartucho de dinamita dos que usaban na louseira da Mouriña. Toda a parroquia de Montecubeiro foi ve-las árbores desfeitas e moito se marabillaron de que unha ¿centella? caída do ceo na última tormenta fixese tantas estelas.

Casou e viviu ao Fato, enviuvando moi cedo, pero aquel “Tenorio”, digno dun Zorrilla, deuse ao viño en substitución do sexo, ata que...

Vouno contar con algún detalle, pois coido que vale a pena dada a magnitude desta aventura. A min referiumo o propio interesado aquel día do dente, que me dixo: “Hai que coidar da boca, que a precisamos para comer, pero non lle deas viño, e menos neste país dos lobos, que o home sobrio pode con eles, pero o borracho, non”. Tempo adiante souben a historia completa, dos beizos da señora Dolores, dos Domínguez de Catatrigo, pero ela, coidando que podía desacreditar ao señor Landriz, relataba o caso como sucedido a un tal “Fidel” de Montecubeiro, así que parto de dúas testemuñas fieis e directas:

...

-¿E logo, muller? ¡Cóntame iso! ¿Que pasou co Fidel?

(Como eu xa estaba en antecedentes, en lugar de “Fidel”, [1]) agora escribirei “Landriz”, que tamén ela o citou polo seu apelido, pero dándolle a volta aos personaxes para encubrir ao verdadeiro protagonista)

-Pois que ese Fulano foi vender zocas á Fonsagrada (que era a onde se levaban as defectuosas, as que non tiñan saída na feira de Castroverde), aló por Aninovo. Despois, á volta, no Cádavo, papou unha enchente do diaño, e veuse de noite, por aquí, por Librán. Ao outro día, sen saber nada daquela chea, fun á Serra, (ela, a relatora, a propia Dolores), para baixa-las bestas, que empezaba a nevarada.

Subín polo camiño que levamos para ir a Castroverde, e andei buscando nas eguas polas camposas, arriba de Vilabade, mesmo onde se cruza o camiño do Miradoiro. ¡Zoaba un vento que cortaba a cara coma se fose unha barbeira! ¡Me cago en Tal, e como se presentaba aquela noite, tal coma a boca do lobo! Eu levaba un brazado de verzas para tenta-las eguas e arramalalas...; ¡pois quedáronseme coma garabullos, coa xeada! Pero tirei para adiante, ¡que é o único que sei facer! As bestas non podían seguir no monte con aquel tempo do nabo, así que me atarapucei co mandil e botei a correr pola serra.

Despois de moito buscar, que a néboa estaba pecha, din coas bestas, arriba da Chousa do Escribán, nunha gabia, mesmo ao pé dunha xesteira. Ao velas, como xa non tiña présa, agacheime a descansar, tamén ao abeiro das xestas, e de paso para coller folgos por se as eguas se espantaban e tiña que seguir detrás, ofrecéndolles as verzas. Cando decidín achegarme, os ramais tamén se puxeran tesos da xeada, ¡igual cás verzas! ¡Léveme nunca o demo, qué fixen, que agora non podo encuallalas! Nisto que vexo unha pociña, así que se me ocorreu darlle unha zocada para rompe-lo vidro, pero como estaba tan dura, ¡tiven que mexarlle primeiro! Así abrandei as cordas naquela auga, pero, ¡maldita sexa, que a fixen boa, que mollei os pés, e ata se me fixeron de vidro as miñas medias de la!

Non me volvín tola de milagre pois, canto facía, canto se volvía do revés; e menos mal que me deu por zorrega-las cordas contra unha xesta gordísima, das do valado de Vilabade, e daquela abrandeinas un pouco. As verzas, para amolentalas, envolvinas no mandil, así que despois tiña as verzas brandas, ¡e o mandil teso! Nisto, que o cabalo da grea deu en rinchar paseándose ao redor das eguas, que é como fan para protexelas. ¡Me cago no de Lugo, o que me faltaba, que seica anda por aquí o lobo, á manada, que estamos en Xaneiro!

Como puiden, funlle dando a cada besta súa verza, e despois trinqueilles os lazos, e fun atando as cordas á xesta gorda, ata que as reunín todas... Pero non eran todas, que se achegou outra, unha descoñecida, ¡con albarda e ben cinchada, mesmo como se a parise aquela néboa! A besta era moura e estaba mal mantida, sen marca algunha; a cabezada era de coiro fresco, cunha corda de pita tan longa que lle arrastraba por entre das patas dianteiras...

¡Para rematar de volverme tola só me faltaba atoparme cun lobishome! Matinei que tiña que ser que o cabaleiro levara a súa besta á Serra para chegar aos cumios, e que tamén el andaría cos lobos, ¡se cadra á loba...! Matinei un bo anaco e mirei ao redor. ¡Trazas do lobishome, ningunha! Así que, por fin, decidinme, e dixen: Sexa cousa de Deus ou do demo, esta egua non parece estar afeita a comer na serra, e non se vai achegar ao fato das outras... Funme apañando, como puiden, con moitos traballos, ata facerme co seu ramal, e desde que llo trabei xuntei tódalas eguas e tirei para adiante, que o cabalo víñase detrás... Pero o conto non acabou aquí, que cando din volto ao noso camiño, ¡saíume outra aparición! Alí mesmo, nas lindes de Castroverde, vinme rodada de seis ou sete bexatos que non paraban de voar, raseiros, por riba de min. As eguas, ao venta-los bexatos, deron en recuar, en rinchar; todas, menos a da albarda.

Entón véuseme á memoria que eu estivera xurando, así que me arrepentín e pasei a encomendarme a Deus, que o diaño estaba visto que non me axudaba. Din de berros: ¡Soumede [2]) bendito, váleme, que xa veu o demo por min, e quere levarme ao inferno, sen confesión! ¡Foi eficaz! A besta da albarda quedouse queda e puiden montar nela; feito iso, dinlles xostradas ás outras para que collesen cara a Catatrigo... Daquela comezamos a baixar polo camiño da Poza do Barro, ¡pero o demo volveu! A dous pasos diante miña estaban tres lobos, quedos, mirando á barreira, e dándome o cu. ¡Como xa me volvera a fala, berreilles, e apartáronse! A propia besta levoume ás beiras da poza: ¡Un cadáver, un home estrapallado, achantado na auga, que só tiña a cabeza e un brazo para arriba!

Deixalo alí era darllo a comer aos lobos, así que o atei coas cordas que lles quitara ás bestas, e paseinas polos lobetes da albarda. O cadáver estaba feito unha pedra, pero a egua, á forza de darlle xostradas, logrou arrincalo e arrastralo para encima dun altiño. Facendo de tripas corazón conseguín subilo e atravesalo na albarda, atándoo coma se fose un saco da fornada. Nestes esforzos da subida, noteille un palpexiño do seu corazón: ¡Soumede bendito, estache vivo!

Pouco a pouco fomos baixando a Catatrigo, e eu, de par da besta moura, de cando en vez dáballe labazadas ao cadáver, na cara, para ver se por fin resucitaba... Algo de color colleu, así que, de chegada á palleira de Pachín entrei nela, desateino, e tirándolle dunha pata fíxeno caer por riba dun feixe de herba. Desde alí, sen dicirlle nada a ninguén, ¡non fosen pensar que o matara eu!, fun correndo á miña casa e arramplei cun cobertor dos das eguas, e tamén quitei un balde de auga quente do caldeiro de ceba-los porcos. Outra vez na palleira de Pachín, arrinqueille a roupa, todiña, que medio lla esganifei, e funlle botando a auga quente, pouco a pouco, a vez que o fregaba cunhas pallas, ¡coma quen lle quita o sarrio a unha pota vella!

Por fin veulle a fala, e dixo:

-¿Quen son eu, onde estou? ¿No Ceo ou no inferno?

Respondinlle:

-¿Onde coño vas estar? ¡No inferno, non, que no inferno non hai virxes!

Ata entón non se decatara de que estaba en coiros, diante dunha muller, así que o primeiro que fixo foi poñer as mans tapando o seu vergallo!

En vista de que resucitara, chamei a berros en Cas Pachín:

-¡Vide, axiña, que hai un home en coiros na vosa palleira!

Trouxeron roupa do Pachín vello e vestírono; etc., etc.

...

Despois daquel escarmento, nunca Landriz volveu ao viño, pero si ás mulleres. Entre outras anécdotas e incidentes:

Unha das que pretendeu foi á señora Bibiana, filla de Mariano do Escouredo, pero o pai, ¡que non! Así que, para falar con ela, valeuse desta estrataxema:

Levou consigo ao Escouredo ao rapaz que andaba zoqueando con el, de aprendiz, e instruíuno para que se subise á figueira que tiña Mariano de par da casa... No entrementres, Landriz petou á porta e díxolles:

-Señor Mariano, de casualidade pasaba por aquí, que vou para Berlán..., e vin que está un mozo, aí, na súa figueira, roubándolle os figos...

Perseguido polo Mariano, o rapaz tirouse da figueira, e foi facendo que corría diante del, pero en zigzag, ata o lugar das Cavozas, onde se lle escondeu, tal e como o instruíra o propio Landriz, tempo que aproveitou aquel Don Juan para declararse á rapaza, que por certo non o aceptou.

En vista dese fracaso, pasoulle a proposta matrimonial a unha filla de García de Cobula, que tamén o refusou. Un día, que volvía de zoquear da parroquia de Pena, planeou vingarse dos de García, así que fixo o seguinte: Era noite pecha, sen lúa, e atou un novelo de liño, de moitos metros, ao petador dos García; co outro estremo na man, subiuse a un carballo que tiñan diante da porta, e de ben alto, escondido na folla das ramas, deu en tirar da lea. O petador, petaba, e os de García saían, que o fixeron varias veces, e incluso con velas de cera, pero, ¡nada, que non atinaban a ver a tanza do petador! Chamaron polos veciños, ¡e igualmente, nada, por máis que buscaron nos arredores con velas e fachuzos! Cansos da peripecia, e para quitarlles o medo aos García, os veciños íanse con eles para a cociña, e aos poucos, “¡Tom, tom!”.

Despois de varias horas, e xa coas portas dos García trancadas por dentro, Landriz baixouse do carballo e retirou o fío. ¡Foise!

Os veciños correron a voz de que a casa de García tiña o meigallo, así que, no sucesivo, ¿quen se atrevía a visitalos, e menos de noite? ¡Ninguén! Aquela moza quedou célibe…, ¡por culpa dunha vinganza!

Outras aventuras e propostas houbo, pero en vista dos seus fracasos donjuanescos optou por namorarse dunha veciña do lugar, moi liberal ela, á que chamaban Virginia, Virginia Meilán. (Véxase a páxina 14, do día 22-4-2007, de “Galicia Hoxe”, -Investigación-, “Virginia Meilán, o mal de amar a quen non debía”, por Ruth Fernández) Era costureira, pero tamén predicaba liberdades nos mitins da República. Fusilárona no 1.937, ¡por roja! Iso si, despois de maltratala e de violala coma salvaxes, chamándolle “Puta” porque se entendía co señor Landriz.

...

A vida e as fazañas deste Landriz darían para unha novela longa, pero rematarei dicindo tan só que arrincaba os dentes danados dándolle ao paciente, ¡ao sufrinte!, unha boa labazada, e para cando o interesado quixese reaccionar, ¡a peza dentaria xa estaba na horta do xenro, arrebolada por riba dos couceiros! Iso da eficacia das labazadas, que tanto podían ser anestésicas como estimulantes, aprendérao en Catatrigo, ¡á súa costa!, pero salvaban vidas.

¡Xa é pena, xa, que se fagan películas de asuntos banais, cando tanta intrahistoria existe nesta Galiza dos nosos pecados!



[1] Este episodio, por extenso, está recollido no meu libro “Historias Intra da Bisbarra”, editado polo S.P. da Deputación P. de Lugo, ano 1.992.

[2] Soumede = San Mamede, que ten unha capela xunto da actual estrada do Cádavo.


Visita da Asociación Friolana


O sábado, dia 29 de setembro tivemos de visita en Castroverde a Asociación Fonte da Xonza de Friol. A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, fixo de guia.

Nesta ocasión tiveron a oportunidade de visitar a igrexa de Soutomerille, a Torre de Homenaxe do Castelo de Castroverde, o Campo e os pendellos da feira, o Mirador e logo baixamos pola capela de Vilabade, visitando a súa igrexa, poñendo remate á visita.


21 septiembre, 2007

A DEVASTACIÓN DO PATRIMONIO DE GALICIA

Por

Miguel A. Freire


Arredor de mediados de setembro do 2005 a empresa Cementos Cosmos S.A. presentóu na Consellería de Innovación e Industria a solicitude de reclasificación de recursos para a ampliación da explotación mineira adicada a extracción de áridos calizos que esta empresa posúe no Monte Penedo, entre as poboacións de Cancelo e Vilavella, no termo municipal de Triacastela.

Esta reclasificación propón estender os límites da explotación mineira abranguendo a unha enorme superficie na que se verían seriamente afectados núcleos rurais como Cancelo, Vilavella, Vilar, Teixo, Lagoa e indirectamente a uns cantos máis, así coma unha parte da Rede Natura.

Os veciños, unha vez informados a través do DOGA e dos oportunos anuncios, alarmados pola ameaza inminente presentánronse Delegación da Consellería onde de mala gana lles deixaron ve-lo expediente.

Chegándo o periodo de exposición no Concello, na que tanto os veciños coma a empresa mineira presentaron alegacións, a reunión que tiveron co mesmo Alcalde e mais co Delegado de Industria, e Persoal de Minas da Consellería foi, a pesar da boa vontade do primeiro, infructuosa, xa que as autoridades autonómicas manifestaron a vontade de non facer absolutamente nada ante a presente situación recriminándolles as súas alegacións contrarias ó proxecto. Só o alcalde de Triacastela manifestóu certo apoio ós séus veciños, polo que ,como afectados, víronse desprotexidos por parte da Administración, e baixo o pé dunha poderosa empresa con intereses depredadores destes recursos naturais. Á que pouco lle pode importar os dereitos nin a calidade de vida das persoas.

Máis adiante, o 28 de xuño do pasado ano, cando o Persoal deMinas se presentou na explotación mineira para facer operacións de confrontación, os veciños reuníronse alí de novo para manifestar a súa oposición e a preocupación polos prexuizos que pode traer esta reclasificación de recursos, e recibiron como resposta as iras do representante da empresa concesionaria, e aparente responsable da canteira. Dende aquela están a sufrir o tétrico e angurioso silencio administrativo, á espera de que unha nova castástrofe ecolóxica se lles veña encima e arruine os seus recursos propios , entre os que están a agricultura, a gandería e o turismo rural.

Pero ademais, non só están en xogo os intereses destes cidadáns, senón que o patrimonio natural, paleontolóxico e arqueolóxico fica ameazado.

Por mor da natureza caliza do Monte Penedo, ubicado na Serra do Oribio, o fenómeno cárstico deu lugar a numerosas cavidades (covas naturais); espalladas unhas poucas na ladeira norte deste monte, entre as cales temos a Cova de Eirós que é un dos poucos xacementos paleontolóxicos e arqueolóxicos que xunto co de Valdabraira no Courel, son prácticamente os únicos que quedan en Galicia. Trátase do xacemento, segundo os expertos, máis interesante en canto a recuperación de numerosos restos óseos de Ursus spelaeus (oso das cavernas, xa extinguido), chegando a reconstruírse un cráneo completo, e facer unha grande provisión de restos pertencentes a un número mínimo de 34 individuos. Aparecendo tamén restos testimoniais de cabalo e cervo.

As escavacións na cova foron promovidas a finais dos 80 polo Laboratorio Xeolóxico de Laxe en colaboración con paleontólogos, e serviron de base para unha Tese Doctoral da Universidade da Coruña (Aurora Grandal). Asimesmo, en agosto de 1993, arqueólogos do Departamento de Prehistoria da Universidade de Santiago de Compostela, efectúan escavacións na zona de entrada da Cova de Eirós para determinar niveis de ocupación antigos. Os resultados foron a aparición de restos cerámicos, de fauna, carbóns, útiles coma burís e raspadores, tanto da idade do bronce coma do paleolítico superior, que actualmente se están a estudar, e que denotan unha grande ocupación da cova por parte de poboacións humanas.

Dada a importancia dos achádegos, esta cova está baixo a protección da Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental, dependente da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, polo que lle foi colocada unha porta de rexa co fin de protexela; rexa que hoxe está aberta e en situación de abandono total.

No inverno do 2006 foi informada a Consellería da situación do avance da canteira sobre da Cova de Eirós, que está situada na vertente norte do Monte Penedo cunha gran pendente de ladeira a uns 25 m sobre o Regato de Bezcas, onde comeza o val de Cancelo, polo tanto fica dentro das cuadrículas de reclasificación de recursos correndo o risco de desaparición por voadura.

A Dirección Xeral de Patrimonio, como parece habitual nas nosas Administracións, garda silencio, o que denota unha desidia e falta de interese polo que eles teñen a obriga de protexer, que é o patrimonio de todos.

Agora todos estamos a espera do que poida suceder, coa angustia de que unha paraxe natural, un patrimonio cultural, e unhas economías veciñais fiquen afundidas nunha lagoa morta de lodos de lavado, po, cascallos de pedra e infernais ruxidos de voaduras e maquinaria pesada que resoarán por todo o val converténdoo nunha paisaxe lunar, que xa se aprecia impactante a carón do Camiño de Santiago na súa chegada a Triacastela.

Está cedendo a nosa administración, vendendo os dereitos dos cidadáns e o patrimonio cultural e natural de todos a unha poderosa empresa? Cederán polo tanto ante a presión do poder económico?

Isto é unha situación moi grave na que están implicadas dúas Consellerías, ás cales parece que non lles importa nada o que poida suceder nunha comarca que sempre foi esquecida, permitindo arruinar o noso patrimonio e asoballar unha vez máis ós mais débiles.

Temos en Galicia o precedente dun caso, que ainda que non pareza semellante, por non ser provocado por unha industria extractiva de recursos, ten bastante que ver cos recursos naturais. A polémica situación das Covas do Rei Cintolo en Mondoñedo é unha consecuencia da irresponsabilidade do goberno municipal, en parte provocada pola ignorancia sobre a xestión concreta duns recursos naturais que se queren implicar na dinamización turística, que cun proxecto totalmente aberrante de urbanización da cova e o seu entorno, e cunhas intencións económico-financeiras non moi claras, estiveron a piques de degradar irreversiblemente, coa sobreexplotación irracional do recurso, outro patrimonio natural en pouco tempo que é unha fonte potencial de riqueza para os veciños de Mondoñedo se se explota dun xeito racional e sostible, como é o caso de moitas covas no resto do Estado, nas que a xestión das mesmas está debidamente regulada e asesorada por expertos. E quizáis a solución para Rei Cintolo poidera ser o turismo activo.

Parece ser que os nosos políticos só queren beneficios a curto prazo, que lles proporcionen unha maior captación de votos, sen pensar nas consecuencias posteriores, porque unha vez que deixen o cargo, quedarán os refugallos para que os que veñan despois os teñan que limpar sen posibilidade de poder recuperar algo da desfeita por ser situacións irreversibles . E coma sempre, os mais prexudicados serán os cidadáns de a pé e veciños mais próximos que non poderán disfrutar da riqueza do seu entorno, nin sacarlle renda ningunha.


Toponimia

O castro verde de Pondal

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Co ánimo, ¡coa alma!, aínda impregnada pola efeméride da Irmandade dos Castroverdes da Ibérica, ata non sei se será pecado descender ao lector aos castros simples, por verdes ou verdecentes que sexan, ou parezan, pero, tratándose de Pondal…, ¡igual me indultades!

(Eduardo González-Pondal Abente naceu en Ponteceso o 8 de abril do ano 1.835, e foise a do moran as Musas, séxase, ao Olimpo, desde esta Coruña, o 8 de marzo de 1.917)

Estase referindo aos seus pinos, que niso gañámoslle pois as árbores do noso Castro Verde son carballos e castiñeiros, amén dalgún que outro bidueiro. O seu labrego, que tratándose da Ponteceso, na mesma desembocadura do río Anllóns, sería máis ben un labrego - mariñeiro, marabillábase:

Pol-o baixo cantando,
O bóo bergantiñan,
Co´aguillada o lombo,
E garboso ademán;
Q´a Ponte-Ceso leva,
En noite de luar,
Grave o carro de táboas,
Anteposto quezáis;
Por cousas que n´esprica,
D´un fondo e vago afan;
Mil escuras suidades,
Ceibando ós ecos vai;
E da pátria a pungente servidume,
Parece recordar.

Ó pé do castro verde,
Ben´os mira ó pasar;
Q´en masa escura e informe,
Ajuntados están,
E na nativa costa,
Os escuita fungar;
Parécelle que soan,
Intrépido compás,
Cuida que do combate,
Murmuran o siñal;
En escuadron formados,
Cal gente de Breogán,
En falange de ferro ben tecida,
Que s´aprest´a luitar.

…/…

(Fragmento do seu poema Queixumes dos pinos)

Se así se emocionaba Pondal contemplando a súa “costa”, a súa chousa, de piñeiros, ¿que faría, qué diría, de posto na nosa Lomba, ao contemplar o verde, o verde auténtico, absoluto, saturado de brillos e de matices, do noso Castroverde?
Para recoñecer a bondade do que temos, a grandeza natural do noso paraíso, é mester viaxar, viaxar e coñecer…, ¡para despois comparar!

Os amigos de Bosques sin Fronteras invítannos aos roteiros para ver árbores senlleiras arredor de Madrid

Buenos días
Os escribimos para comunicaros que desde La Casa Encendida-Caja Madrid (Ronda de Valencia, 2 28012-Madrid) se vuelven a realizar una serie de salidas para visitar árboles singulares. Este año se ha introducido una nueva novedad, programándose un viaje de fin de semana a los Bosques de Urbión en Soria. Todavía hay plazas libres por lo que tenéis ocasión de apuntaros a las mismas. Toda la información y los documentos necesarios para realizar la inscripción los podéis encontrar en la página web de La Casa Encendida a través de este vínculo http://www.lacasaencendida.es/LCE/lceCruce/0,0,73552_1577166_73543$P1%3D16,00.html

Esperamos que toda esta información sea de vuestro interés.
Gracias y un saludo

Silvia Corchero de la Torre
Bosques Sin Fronteras
leyendasvivas@leyendasvivas.com

Conoce los árboles singulares de los alrededores de Madrid

Las salidas proponen un paseo alrededor de Madrid en busca de estos monumentos vegetales con el objetivo de conocerlos y adentrarnos en su mundo de historias y leyendas.

Objetivos
Las salidas estarán coordinadas y dirigidas por educadores ambientales, buenos conocedores del medio ambiente de los alrededores de Madrid y de los árboles singulares, y consistirán en la realización de pequeñas rutas de senderismo guiadas, accesibles a todo tipo de personas. Con ellas se pretende dar a conocer estos monumentos vegetales y sensibilizar a la población sobre la necesidad de su protección y conservación. El punto de partida de cada una de las salidas será La Casa Encendida, desde donde el desplazamiento a los lugares de destino se hará en autobús. Desde aquí, se realizarán dos grupos, con un guía cada uno, de aproximadamente diez personas. El acceso a cada uno de los árboles se realizará a pie, variando la distancia recorrida en función del árbol a visitar, indicándose el nivel de dificultad de cada una de las salidas.

Coordina
Susana Domínguez, ingeniera forestal y fotógrafa de naturaleza, con más de diez años en investigación y restauración forestal; Ezequiel Martínez, fotógrafo, escritor y dibujante de naturaleza, estudioso de las aves y en especial de la cigüeña blanca. Son autores del libro Árboles, leyendas vivas de Obra Social Caja Madrid.

Fecha: sábados de los meses de septiembre y noviembre.

Horario
Entre las 9.00 a 21.00 h, dependiendo de cada salida.

22 de septiembre
Castaño de El Tiemblo (Ávila) y Pino Gordo de Iruelas (Madrid).

29 de septiembre
Visita al Fresno de la Reguera en Braojos (Madrid) y el Abedular-Acebal de Somosierra.

17 y 18 de noviembre
Excursión a los Pinares y Montes de la Sierra de Urbión (Burgos-Soria).

24 de noviembre
Visita al Alcornoque del Bandolero y los Tejos de la Pedriza en Manzanares el Real (Madrid).

Número de plazas: 20 personas por salida de campo.

Más información

Inscripción:
Curso de reserva directa. Los menores de 18 años deberán ir acompañados por un adulto y la autorización de su padre madre o tutor.
Duración:
22.09.07 - 24.11.07
Tematica:
-
Público:
Cualquier tipo de persona interesada en los árboles y la naturaleza con ganas de disfrutar de un día de campo.
Precio:
15 euros por salida de un día / 60 euros el fin de semana

Roteiro do día 15 de Setembro do 2007

RESUME
DA VIAXE: REDES-ARES
-MUGARDOS

No día de onte, sábado 15 de setembro, estivemos na comarca de Ferrolterra, onde asistimos ás seguintes actividades.

Visita á fermosa praza e porto do lugar de Redes da parroquia de Caamouco, no Concello de Ares. Logo subimos ao edificio que posúe á Agrupación/Asociación Caamouco, onde Ernesto López Navieras, presidente desta Agrupación, e a quen lle dámos as grazas desde aquí; nos explicou como xurdiu esta Agrupación. En primeiro lugar cun pequeno documental, explicounos o nome do lugar de Redes, probablemente, proceda do xeito como os pescadores poñían a secar as redes nas cabrias (paos chantados, espetados na beiramar, xunto con outro traveseiro onde os mariñeiros poñían a secar as redes, daí o seu nome). A seguir noutro documental, que abrengue desde (1912-1958), onde Ernesto López Navieras, a base de recollida de fotografías, xornais etc. amosounos a importancia da emigración a Cuba, e como os emigrados, montaron, crearon esta “Agrupación Instructiva de Redes y Caamouco” , creada a principios do século XX, que en palabras del tivo máis importancia que a “Institución Libre de Enseñanza”. Unha simple observación, mentres que a comenzos de século se crearon no resto de España, polo propio Estado, arredor dunhas 250 escolas, agrupacións; só en Galicia, creáronse, por parte dos emigrados, máis de 300 agrupacións, que en realidade era para a formación dos mozos e mozas galegos, que botaban de menos a súa formación. Poderíamos comentar moitas máis cousas, mais imos deixalo aquí. Logo da explicación, baixamos novamente, rematar de ver este lugar de Redes. Máis tarde seguimos camiño de Ares, para visitar; en primeiro lugar a enseada do Baño, para logo achegarnos ao Castelo da Palma, xa na boca da Ría de Ferrol, podendo ver ao outro lado, o Castelo de San Felipe. Despois subimos ao Mosteiro medieval de Santa Catalina, da orde de San Francisco, onde podemos ver a importancia na imaxinería do retábulo da súa igrexa. Xa case co solpor subimos ao cumio de Pena Bailadora, no Montefaro, desde onde se ve toda a Ría de Ferrol-Mugardos. Finalmente, visitamos brevemente a vila de Mugardos.

Saúdos. Manolo Muñiz

NOTA: PRÓXIMO ROTEIRO, SE NON HAI CAMBIOS, 27 DE OUTUBRO
















16 septiembre, 2007

Miscelánea

A Neta de Scheherazade,

ou,

O prezo dunha lección, que iso de estudar por libre é carísimo.

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Pode, pode parecer un conto, que non digo que non, pois aos de Castroverde pasáronos tantas, tantas e tan variadas, de tanto mundo que levamos percorrido, e logo que a xuventude de hoxe en día é tan descrida, que calquera os convence de que a presente é tan só unha delas, ¡unha de tantas aventuras que nos pasaron, particularmente aos desertores do arado, afeitos como estabamos ás rutinas, sinxelas e tranquilas, das nosas labranzas! A presente refírese a unha viaxe que fixen a Baiona, a onde me mandaron para pulsa-lo ambiente e facer un estudio económico a ver se sería oportuno establecer alí unha Sucursal Bancaria, naqueles tempos en que a competencia parecía aconsellar expandirse, e máxime polas vilas costeiras, entón en plena efervescencia, que hoxe, nelas, saturadas como están, de todo, o único efervescente son as mexadas dos bañistas que as visitan.

Como a cousa do Banco foi meramente rutineira, e despacheina con catro entrevistas, que xa as levaba concertadas, aquí falarei da outra incidencia, séxase, dun incidente colateral subseguinte que me pasou daquela, que se isto non é digno de contarse, nada o é. Entón, pasade e vede..., ¡se facelo ousades! Pero non vos escandalicedes, e tede piedade de min, que aventuras destas, neste país das bruxas, pódenlle ocorrer ao máis precavido, que a vida está chea de contratempos e de sorpresas.

.......

(dada a longa extensión do relato soamente incluimos a introducción do mesmo. O texto enteiro pódese atopar puxando riba daquí)


15 septiembre, 2007

Obras en Castroverde afectan ao patrimonio natural do concello

A Voz de Galicia
Data de publicación 4/9/2007


A Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde reclama, por parte da Administración autonómica, extremo coidado en relación ás obras que se están realizando en diversos lugares do concello.

Os membros da asociación piden particular control para os traballos que afectan ao río Chamoso, a seu paso pola parroquia de Bolaño, debido ao perigo de inundacións para as casas do outro lado do rí­o, en épocas de crecida.

Tamén solicitan o coidado extremo nos traballos de canalización que afectan a un tramo do Camiñoo Primitivo, no regacho do Tarrí­o, e nos diferentes regos que conforman as fontes do río Tórdea.


14 septiembre, 2007

ESPECIAL "AMIGOS DO PATRIMONIO DE CASTROVERDE" SOBRE O IRMANDAMENTO ENTRE OS CASTROVERDES CELEBRADO OS DÍAS 24, 25, E 26 DE AGOSTO PASADO


Carta dos Irmandamentos entre os Castroverdes de España e Portugal.

O Concello de Castroverde de Lugo e a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, promotora dos Irmandamentos, agradecen a os Concellos de Castroverde de Campos de Zamora, Castroverde de Cerrato de Valladolid e Castroverde de Beja en Portugal a súa presenza entre nós, e a aceptación destes irmandamentos. Os Amigos do Patrimonio de Castroverde desexamos saúde a tódolos veciños dos catro concellos e un fructuoso irmandamento. Grazas.
Textos das conferenzas sobre "A desagrarización do Concello de Castroverde" de Manuel Marey, profesor da Escola de Enxeñería Forestal do Campus de Lugo da Universidade de Santiago.

O día 24 de Agosto, Manuel Marey disertou no CPI de Castroverde sobre o tema nomeado, dentro dos actos solemnes do Irmandamento dos Concellos Ibéricos -tres na España e outro mais no distrito de Beja en Portugal-. Ao longo da súa disertación fixo un percorrido polas condicións socioeconómicas que tivo que afrontar o noso país, pasando polas duas ondas da emigración, transoceánica primeiro, e europea nos anos 60 e 70 que tiveron gran repercusión nos cambios dunha economía agraria de subsistenza a unha economía gandeira a partir dos primeiros anos 70, para, recesivo o modelo demográfico que xa non garatiza as taxas de reposición de poboación, rematar nunha economía de baseamento forestal. O Concello de Castroverde posiciónase coma un espazo paradigmático dos procesos descritos. As disertacións tiveron gran expectación de xente e interés pólo seu contido.
Os cinco capítulos da exposición -para baixálos- son os seguintes: Cap1, Cap2, Cap3, Cap4 e Cap5

13 septiembre, 2007

Lugo. Do 26 ao 28 de Setembro, 2007













XI Congreso Internacional de Enxeñaría de Proxectos.

O Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Asociación Española de Ingeniería de Proyectos (AEIPRO) teñen o pracer de comunicarlles a convocatoria do XI Congreso Internacional de Enxeñaría de Proxectos.

O Comité Organizador do XI Congreso, recollendo a experiencia de congresos precedentes, desexa estruturalo de modo que integre todas as sensibilidades existentes entre os profesionais e investigadores do ámbito proxectual.

Por iso, invítase a todos os especialistas que traballan na Industria, a Administración, as Empresas de Enxeñaría e Consultoría, as Universidades, os Colexios Profesionais e os Centros Tecnolóxicos e de Investigación a presentar comunicacións e asistir aos debates co fin de intercambiar coñecementos e enriquecer o mundo dos proxectos.

Así encetaron os actos dos irmandamentos

FACENDO A EUROPA DOS POBOS

Por
Xaime Félix López Arias

De Irmandade Sárria-Guerlèdan
Cronista Oficial de Sarria

Participo na celebración desta xuntanza dos Castroverdes da Península Ibérica, sen maior autoridade , e só dende a experiencia que dan os dez anos de intercambios entre a vila de Sárria e a Comunidade de Comunas de Guerlèdan , na Bretaña francesa, que ininterrumpidamente se veñen celebrando ano a ano , de maneira que un bon número de familias de Galicia e de Bretaña, abrimos as nosas portas e os nosos afectos na recíproca acentuación dos mellores sentimentos individuais e colectivos.

¿ Por que os irmandamentos entre cidades e pequenas comunidades encontran tan bon suceso na Europa actual ?.

Sen dúbida porque despois de tantos séculos de enfrontamentos, de reservas, de temosías , de alzar barreiras e fronteiras, de demonizar actitudes , de persecucións relixiosas e ideolòxicas, de vivirmos de costas uns aos outros, de sufrir masacres e holocaustos , imperios , secesións, destruccións ... os pobos, a xente sinxela, aqueles que desexan a paz e a concordia , dixeron que xa estaba ben de baños de sangue, de aferroallamentos e de diplomacias de luva branca, e apostaron por ver no viciño as virtudes , tamén os defectos, como reflexo das virtudes e dos defectos propios.

Houbo que deixar atrás alianzas revanchistas, ententes desestabilizadoras , políticas de equilibrio, politicas de castigo e de ignorancia activa , e as secuelas do militarismo e os totalitarismos, para , recobrando a esencia da liberdade abrirse á colaboración sincera, aínda que dificultosa, e esquecendo as vellas fendas e feridas, empezar o labor de descubrir ao viciño, compartir co viciño, camiñar co viciño....

Non é labor doado , porque os moitos séculos de constantes confrontacións , daban unha imaxe distorsionada e estereotipada das diferencias, cando ningunha de esas diferencias era por sí mesma obstáculo para o camiñar xuntos.

Pasada a II Guerra Mundial moitas cidades e comunidades europeas , cando aínda moitos campos de labor tiñan fresco o sangue das loitas fratricidas, abriron xenerosamente as súas portas, derrubando as murallas do receo e da incomprensión, asinando cartas de Irmandamento nas que apostaban pola concordia, pola colaboración, pola amizade, polo mutuo coñecemento.

Moitas e variadas foran as motivacións que levaron a establecer estes intercambios nos que ademáis dos membros electos dos corpos de goberno se implicaron as asociacións cidadás, as familias e moitas persoas a título individual, dando lugar a un fluxo de visitas, de aprendizaxe en común, de apertura a outras formas de vida,... e así grandes e pequenas comunidades locais foron tecendo un tapis de milflores que fai que nesta Europa de soños e accións comúns , os cidadáns non sexamos suxeitos pasivos , senón actores principais á hora de fortalecer a conciencia común europea.

Europa é un conxunto de comunidades e de cidadáns libres, que deixando atrás o vello tapis das Penélopes que na escuridade da intransixencia destecían o que os pobos ilusionados facían á luz do día, encaran o século XXI con retos e desafíos de paz, convivencia e tolerancia.

¿ Como e por que unha comunidade escolle a aquelas coas que pretende facer labor común de mutuo coñecemento ?.

Son moitas as razóns, unhas históricas, outras económicas , outras de vocación , mais entre elas , quero agora destacar que unha motivación frecuente é a de unir en accións abertas a comunidades que teñan a mesma ou semellante denominación ou topònimo, tal é o caso dos Castroverde de Castela-León e Galicia e o Castro Verde de Portugal.

Semella que unha cuestión meramente fonética , filolòxica ou de tradición histórica isolada non é un grande motivo, mais a curiosidade humana non ten lìmites, e o mesmo que cando alguén presenta o mesmo nome e apelidos ca nós xa o miramos con certa simpatía como un “eu” diferente, pero que ten algo en común con nós, resulta interesante que despois dun labor de consulta para o “descubrimento “ dos Castroverde e o Castro Verde luso , xurdise a curiosidade por saber máis encol deses “alter ego” , entes e comunidades vivas, en escenarios xeográficos ben diferentes, con diferentes concepcións poboacionais, con diferentes medios de vida, con línguas diferenciadas... e unha vez coñecido todo iso, xurde a seguinte cuestión :

¿ E por qué non establecer vínculos de irmandade ?

¿ Por qué non recuperar o espìrito daquelas cartas de hospitalidade que na antigüidade levaban aos habitadores dos castros a ofrecer recíproca axuda entre eles asinando e reafirmando , en placas de bronce , ese espìrito de colaboración e de amizade ?.

Certamente ese propósito abre moitas posibilidades, tanto a título colectivo como individual.


Ademáis do mero coñecemento das realidades xeográficas, a colaboración entre entidades públicas, colexios , asociacións, etc. permite ao longo dos anos entrar nunha dinámica altamente enriquecedora.

A participación en eventos deportivos, lúdicos, recreativos e formativos permitirá ás novas xeracións de unhas e outras comunidades o descubrimento de outras culturas e xeitos de vidas , a posta en contraste dos valores propios, a ilusionante tarefa de saber que por riba da lonxanía se poden tender liñas de experiencia compartida e comunicación, altamente enriquecedoras.

Desde a propia experiecia, como un dos responsables da Irmandade entre Sárria e Guerlèdan, podo dicir que ademáis da colaboración entre os Concellos de Sárria e a Comunidade de Comunas de Guerlèdan, na actualidade están consolidadas liñas de irmandade entre colexios, institutos e liceos das dúas localidades , que seguimos uns e outros o quefacer cultural das respectivas comunidades, que as asociacións culturais colaboran entre elas, e que cada ano familias de unha e outra rexión acollen nas súas casas a persoas , ao tempo que rapaces e rapazas se desprazan para o estudo dos respectivos idiomas, ou que unha Biblioteca Galicia, enriquecida ano a ano, abre as súas portas en Mûr-de-Bretagne para apoio dos moitos guerlediáns que seguen cursos de lingua castellana ou asisten a sesións onde coñecen as producións cinematográficas galegas.

As estancias de traballo para xoves , a colaboración con sindicatos e outras institucións fan posible que o irmandamento , a traveso do mutuo coñecemento, potenciando o orgullo diante dos propios valores, permita coñecer outras realidades .


¿ E todo isto que ten que ver coa construcciòn de Europa ?

... A vella Europa , fronte ao panorama de confrontación belicosa e de prepotencia , sempre cultivou o xesto da acollida.

Somos froito dos camiños percorridos por xentes de todas as linguas, froito do comerzo e do traballo, froito da acollida de exiliados, froito da expansión das ideas... todo iso , máis gozoso e productivo ca os actos da diplomacia de luva branca, o militarismo de cruces negras, ou o totalitarismo negador dos dereitos humáns, fai que a Europa las comunidades locais, a Europa dos pobos, reclame o seu lugar fronte á Europa dos Estados...

E é aquí onde un labor tan sinxelo e tan complicado á vez como é o de irmandar pobos, nun mundo no que as distancias non son obstáculo para o coñecemto, un mundo no que as linguas serven para comunicar e non para aillar, no que os movementos de poboación e o turismo botan por terra toda actitude de endeusamento ou soberba, os cidadáns libres, as comunidades de homes libres, estén a facer a nova Europa , camiñando sempre por diante dos que dende os altos cumes das decisiòns políticas ou economicistas, queren sinalar as follas de ruta , que, en definitiva, acaban escapàndoselles das mans, porque os cidadáns, os pobos sempre teñen motivacións máis sinxelas e menos alambicadas.

Tede a seguridade de que o irmandamento dos Castroverde españois e o Castro Verde portugués é importante á hora de facer a nova Europa, esa Europa na que , sen renunciar a todo o máis íntimo e conformador das respectivas esencias, bota por terra as fronteiras mentais , as fronteiras do enfrontamento e a intransixencia.

Cando se fai o xesto da hospitalidade e a acollida, cando se abren as portas das casas para compartirmos o pan e o sal da amizade, cando os electos das comunidades intercambian experiencias, cando os nenos e nenas descubren outras linguas e outros xeitos de vida... estamos a facer o novo tapis da tolerancia, da comprensión, da colaboración, estamos erguendo a branca e limpa bandeira do traballo e do quefacer común.

Aprendemos que as diferencias non son bandeira arredante senón a expresión de camiños semellantes para tecer o diálogo e non a confrontación.

Os miles de pequenas comunidades e de grandes cidades europeas que van asinando cartas de Irmandamento andan con paso decidido no camiño de facer a nova Europa, na que comunidades ben diferentes, con historia e orixe dispar e con linguas , usos e costumes diferentes, son capaces de botar cada día abaixo as vellas teimas ,e ir facendo todos xuntos os camiños novos , riba de terras que durante moitos séculos foron campos de confrontación e de mutua ignorancia e desprezo.

Nestes días os Castroverde de Castela e León, e de Galicia, e o Castro Verde de Portugal, por riba dos formalismos, facedes destacar o sentimento de amizade, a sinxeleza do xesto de acollida, e poñedes así unha pedra máis no labor de facer una Europa unida, un espazo común para todos os europeos.

Castro é sinónimo de fortaleza, e o Verde é cor de gozosa esperanza.

Este irmandamento nace, sen dúbida, baixo o signo da Fortaleza e a Esperanza.

Un paso máis na construcción da nova Europa.

Castroverde, agosto de 2007.

Texto sobre os irmandamentos dos pobos

Texto do Congreso celebrado enRODAS,
en maio de 2007

O Consello de Municipios de Europa nacido en 1951 en Xenebra, actualmente o Consello de Municipios e Rexións de Europa, é hoxe a organización que goza de máis ampla representación municipal a nivel europeo.
Os seus membros somos as asociacións de gobernos locais e rexionais existentes en 35 países. Todas elas así agrupadas representamos ao redor de 100.000 autoridades locais e rexionais.
A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) é a sección española.
Á cabeza da súa estrutura política atópase o seu Presidente, actualmente o Alcalde e Gobernador de Viena Dr. Michael Häupl. O CMRE ten unha secretaria de 20 persoas e o seu Secretario Xeral é o Sr. Jeremy Smith.
O CMRE traballa para promover unha Europa unida baseada na autonomía local e os principios democráticos. Para logralo manifesta as posicións sobre o futuro desde a perspectiva local, influencia as políticas e normas, favorece o intercambio de boas prácticas e coopera con socios de todas as rexións do mundo.
Campos como a política rexional, o transporte, o medioambiente, a igualdade de oportunidades, a gobernanza. Os seus Comités e grupos de traballo buscan influír a lexislación comunitaria nas súas fases previas asegurando que os intereses e preocupacións das autoridades locais sexan tidos en conta no proceso lexislativo comunitario.
A rede de irmandamentos do CMRE é única en Europa. Na actualidade están en marcha máis de 26.000 lazos de irmandade entre cidades e pobos na totalidade do territorio da Unión. Para iso o CMRE traballa en estreita colaboración coa Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea.
A Conferencia celebrada en Rodas foi un dos puntos sobresalientes do programa de traballo desta rede para o 2007, pero tamén significaba un paso adiante na consolidación daquela como evento de gran dimensión en interese. O apoio da Comisión Europa, da Sección Grega (KEDKE) e da cidade de Rodas foron relevantes para a súa celebración.
foi parte do lanzamento formal por parte da Comisión Europea (Dirección Xeral de Educación e Cultura) do novo programa ?Europa para os cidadáns? que inclúe as accións de irmandamento e aqueloutras vinculadas durante o período 2007-2013.
A Declaración Final aprobada polos 600 delegados asistentes enuncia no seu acordo que os irmandamentos son instrumentos para a inclusión de todos os cidadáns e as súas culturas. As daqueles xa integrados na Unión pero tamén para os países veciños, para a reconciliación e a paz, para o desenvolvemento de políticas de cooperación e a alcanzar obxectivos declarados comúns.
O seu valor como axuda á profundización no debate e diálogo comunitario como paso á fixación nun tratado dos principios básicos da Unión Europea e das súas institucións e, sobre todo, dos dereitos fundamentais dos cidadáns e da cidadanía europea.


DECLARACIÓN FINAL

Con o Tratado de Roma, hai cincuenta anos, os Xefes de Estado e de Goberno, sentaron as bases para construír unha Europa de paz, de democracia e de prosperidade.
As devanditas bases estiveron precedidas por Alcaldes quen, negándose a aceptar a fatalidade da guerra, decidiron actuar na súa propia contorna, emprendendo a reconciliación da familia europea. Os irmandamentos xa que logo permitirían aos cidadáns a mutua comprensión e contribuír á creación do espírito europeo.
Os irmandamentos xogaron un papel esencial en todas as etapas de desenvolvemento e crecemento de Europa. Nós, xunto co Consello de Municipios e Rexións de Europa, sentímonos orgullosos de participar activamente neste proceso.
Con máis de trinta mil irmandamentos unindo a autoridades locais e comunidades, este movemento é actualmente a maior rede cidadá do continente.
O Parlamento Europeo e a Comisión Europea recoñeceron este movemento de bo grado e contribuído ao seu desenvolvemento a través de axuda comunitaria aos irmandamentos, e na actualidade co programa Europa dos cidadáns. Desexamos destacar esta incalculable contribución.
Europa e o mundo atravesan actualmente unha profunda crise; unha crise marcada polas dificultades nas relacións entre os Gobernos e os cidadáns, unha crise de identidade que está causada en parte polos aspectos negativos da globalización a cal ten o risco de provocar o rexurdimento de nacionalismos e fundamentalismos.
Estes últimos deben combaterse enerxicamente. A Unión Europea debe contribuír a facilitar os progresos cara á paz e os encontros entre pobos e civilizacións.
Nós desexamos xa que logo que a Unión Europea teña un papel e unha identidade internacional, claramente visibles e compartidas polos cidadáns europeos.
Nós, representantes electos locais e rexionais, activistas do movemento dos irmandamentos, reunidos en Rodas os días 10 ao 12 de maio de 2007 con ocasión da conferencia sobre Os irmandamentos no mundo do mañá:
.- Reafirmamos a nosa convicción sobre a forza e vitalidade do movemento de irmandamentos, por canto permite a implicación dos cidadáns nos intercambios directos, dotando á Europa cotiá dunha dimensión humana;
.- Reiteramos o noso compromiso ao asegurar que os irmandamentos son instrumentos de inclusión para todos os nosos cidadáns, reflectindo a súa diversidade e as súas culturas;
.- Insistimos en que os irmandamentos poden xogar un papel específico nas relacións cos países potencialmente candidatos á incorporación a U. E., en particular o sueste europeo, así como con todos os países veciños da Unión;
.- Estamos convencidos de que os irmandamentos poden e deben axudar a crear pontes entre cidades e comunidades en torno ao Mediterráneo, servir como instrumentos para a reconciliación e base para alcanzar a paz na rexión e, así mesmo, fomentar a participación activa dos cidadáns cuxa orixe atopa neses países e que agora viven nas nosas cidades e rexións;
.- Subliñamos, ademais, que os irmandamentos poden contribuír ás políticas de cooperación para o desenvolvemento e axudar a alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio; desde unha perspectiva mais ampla, tamén poden axudar, na era da globalización, a unir aos cidadáns dos diferentes continentes e culturas diversas;
.- Reafirmamos a importancia da dimensión política dos irmandamentos tal como proclamaron os Congresos de Cidades Irmandadas de Bordeus (1987), Ferrara (1999), Anveres (2002), así como o noso compromiso cunha Unión Europea forte de acordo co noso mandato estatutario- que sexa transparente e próxima aos cidadáns.
Os irmandamentos permiten aos cidadáns reunirse e coñecerse, a enriquecerse na súa diversidade. Estes contactos contribúen igualmente a tomar conciencia da súa identidade común e do sentido de pertenza, fomentan a capacidade de ser abertos e creativos e desenvolven unha cidadanía europea baseada nos valores democráticos, de tolerancia e apertura ao diálogo.
Por estas razóns reafirmamos ante a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa, o noso compromiso de traballo en equipo, asumido durante moitos anos, para o fomento e apoio dos irmandamentos e destacamos a importancia dun compromiso programático e financeiro da Unión que teña en conta a necesaria implicación de todas as autoridades locais quen impulsan a través dos seus irmandamentos os obxectivos do programa Europa dos cidadáns.
Para este fin, apelamos ao Consello de Municipios e Rexións de Europa a que xogue un papel proactivo como punto de contacto e coordinador entre os nosos gobernos locais e as institucións europeas, que desenvolva ferramentas prácticas en apoio ao movemento de irmandamentos e que coopere con todas as redes de municipios e rexións que traballan para promover o fomento da paz.
Sobre todo, comprometémonos a traballar para que os irmandamentos continúen desenvolvéndose como espazos de diálogo e debate entre os cidadáns europeos, a través de todas as fronteiras xeográficas e culturais, sobre os asuntos e retos da Unión que nos conciernen a todos nós, e para os que necesitamos solucións comúns e positivas.
Especialmente, os irmandamentos poden axudar a profundar no diálogo e o debate concerniente á adopción, antes das eleccións ao Parlamento Europeo do 2009, do Tratado relativo aos principios fundamentais sobre os cales debe basearse a Unión, ás súas institucións, e máis importante aos dereitos fundamentais dos cidadáns e a cidadanía europea.
Reafirmando novamente o noso compromiso co concepto de irmandamento, unido á nosa vontade de adaptar os irmandamentos á realidade do século XXI, cremos que permanecemos fieis aos nosos valores fundacionais: construír para os nosos cidadáns unha Europa máis forte e un mundo mellor, baseados nos nosos valores comúns.

Texto lido por Manolo Muñiz, o día 24-08-07, no CPI de Castrovrede con motivo da primeira Conferencia dos Irmandamentos.