Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

29 julio, 2007

Miscelánea

De mouros e cristiáns.

Sinatura, materia ou disciplina pendente.

-I-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Escribo isto precisamente no Día de Santiago Matamouros, e por dúas razóns: Unha, que non quero abusar do noso blog incorporando, achegando, series interminables, monográficas, se cadra pouco interesantes ou aburridas para unha parte dos nosos lectores habituais, así que, se a Dirección desta”Revista” mo admite, decidín intercalar temas variados, alternos, abrindo esta nova serie de “miscelánea”. A outra é que o tema de hoxe coido que pode ser, incluso, didáctico, posto e suposto que nos pasamos a vida falando dos mouros, nosos veciños, ¡sen case coñecelos! Concretamente no noso Castroverde ata lles atribuímos a construción do castelo, ¡que xa é o colmo dos mitos! Así que,

Bismillah al rahman al rahim. (No nome do Deus que dá misericordia, o misericordioso)

Empezarei dicindo, como credencial, que me doutorei en mourería no propio Magreb. ¡Levoume dez anos a carreira, e iso que a tomei con vocación activa, participativa, sedento de coñecer, pois, sen coñecer, mal se pode saber, mal se pode comprender, e á viceversa! Debo engadir, e conste que estou falando máis en serio do que poda parecer, que, despois diso, pasei corenta anos cocendo o que alí aprendín, porque esta sinatura é de dixestión lenta, recoñézoo. Teño, iso si, o consolo de non ter sido mal estudante, en termos relativos, pois ben sabedes que aquí na Península convivimos oito séculos con eses veciños, ¡que esa si que é carreira grande, de oito séculos!, e aínda así temos dos musulmáns a máis supina das ignorancias.

En certo modo, como os “noticiarios” de todo tipo están xerados na cultura actualmente dominante, séxase, anglo americana, as novas que nos chegan dos musulmáns parecen saídas do odre de Pandora. Un árabe e un americano só poden ter de común a afección, ou a propiedade, de cabalos dunha certa raza; no resto, son dous polos opostos, antípodas no pensar e no facer; por conseguinte, ¡guerras!; frías ou quentes, pero guerras.

Falando de guerras e da pseudopacificacións de países musulmáns: Tivemos, e aínda temos, aos nosos soldadiños, por aló adiante, diseminados en zonas perigosas, sen unha preparación cultural ad hoc; nalgún caso, nin os seus xefes saben dos seus... pacificados? máis que aquilo de que o noso Santiago foi un Matamouros, ou iso nos dicían naqueles libros de F.E.N., á vez que os propios mouros lle facían a garda de honor, no Pardo, ao propio Caudillo, ao “Sentinela de Occidente”. Mesmo aquí en Castroverde, co polifacéticos que sempre fomos, só teño noticias de que, desde o mítico Covadonga, o único arabista que tivemos foi o Profesor Fórneas, de Sampaio, falecido hai anos.

Un dos poucos que chegaron a entende-la arabía, a fondo, foi aquel sobriño do Tío Sam, Lawrence de Arabia. Algo así como a excepción que confirma unha regra; e para iso non lle fixeron caso, montando unhas fronteiras tan artificiais, e supostamente tan astutas, que non rebentaron de milagre cincuenta veces nos últimos cincuenta anos, pero algún, ¡moitos!, dos conflitos actuais proceden dos erros da descolonización europea, marcando fronteiras que non coinciden coas afinidades étnico-relixiosas.

Para entender a un musulmán, -e nunca digades “mouros” que iso é unha denominación pexorativa, unha referencia á coloración epidérmica, e por tanto, racista, que os molesta, que lles dá cen patadas no traseiro-, sempre hai que empezar por aprenderse o Corán, ou Al Qurán; e ter presente que iso do Islam quere dicir, nada máis pero tampouco nada menos que, entrega á vontade de Deus. Tampouco estaría ben chamarlles árabes aos que non o son, pois sería tanto como chamar galegos a tódolos hispanos de Bos Aires, poño por caso. Cultura árabe, si, e máis profunda do que cremos e recoñecemos!

Por aqueles tempos, principios do VII, o gran Muhammad, o meu admirado Mohamed, a quen chamamos familiarmente Mahoma, viunas vir, que niso si que foi un profeta. ¡Viunas a través dos tempos futuros, cousa, tempo, que só saben conxugar os grandes políticos! Dixen “político”, e iso sosteño. ¿Que é un político? ¡Sabémolo todos! Un malabarista que trenza actividades, comenencias e convivencias, case sempre con ideas alleas; un director de orquestra que pon música ás letras populares, ás alleas; así que os tales, eses artistas, fannos bailar ao son que lles peta. Pois iso foi Mahoma; ¡iso, e só iso! Un gran político que copiou o programa electoral do pobo hebreo; un político que non se equivocou en nada pois nada escribiu, que ata lle gravaron a súa voz profética nos pergamiños das cabras arábigas, con tinta arábiga, por escribas arábigos, naturalmente; e agora que ninguén diga que se equivocou nunha til, pois os acentos do Profeta foron, todos, absolutamente todos, orais! Un político que inventou a guerra santa e mailo ceo das hurís para leva-los quintos á guerra, e incluso ao suicidio, sen pagarlles soldada, nin darlles cruces. Un astrólogo infalible que colleu media lúa polos cornos e plantouna na terra; os americanos, en cambio, para vela de cerca tiveron que perfeccionar aqueles foguetes de Von Braun. Como vedes, ou mellor dito, como sabedes, Maquiavelo, xunto a Mahoma, foi un simple ladrón de bicicletas. Mirade se era listo, que ata deu un braguetazo millonario casándose cunha viúva rica, ¡a petición dela!

Neste punto hai que facer unha matización importante de algo tan sabido como habitualmente omitido: Dexenerada Roma coas drogas daqueles tempos, que cada tempo ten a súa drogadicción, -vicios do corpo, e tamén do espírito, pero, sobre todo, pola vagancia na que entran ciclicamente as familias máis prósperas e cultas-, os saberes greco-latinos amontoáronse naquel faiado eurásico que foi o Imperio Romano de Oriente; en definitiva, Bizancio. Así que, daquela, no primeiro século da súa imparable expansión, e da súa sedenta osmoses, os árabes copiaron deles, todo e de todo, menos iso de coller turcas e de fabricar camas turcas, pois seguiron coas alfombras persas!

As desgrazas dos árabes para competir no mundo actual, son dúas: que son filósofos; e que se ben son capaces de sacar petróleo das areas dos seus desertos, en cuestión de motores non pasaron do desaparafusador; nembargante, son uns fanáticos do acelerador. Un musulmán, por encima de todo, pensa. Rodin, se os coñecese a fondo, houbese posto un turbante na cabeza do seu “pensador”. Ninguén lles avantaxa en pensar, en reflexionar; pero, iso si, pensan para dentro, re-flexionan; e por tanto non teñen unha mecánica propia, volvéndose tolos a comprar material e a pagar mecánicos mercenarios, que en definitiva non lles funcionan con lealdade. O seu é a gumía e mailo alfanxe; en definitiva, o coitelo curvo. E tamén corre-la pólvora, pero no alto dos cabalos, ou dos camelos; ¡nada de mando informático a distancia!

O musulmán está máis cerca de Deus que nosoutros; ¡por iso das curvas! Non sei se acaso algo na cristalografía, pero no demais Deus fixo una natureza curva, de liñas curvas; o que pasa é que a civilización occidental é cousa do demo, en gran parte, e por iso inventamos a recta rilando nos dentes, a estilo Lucifer. Un musulmán nin ten espadas rectas nin di unha cousa en estilo, en sentido, directo, senón con metáforas, con circunloquios, con perífrases. Moito levo matinado nas estrañas coincidencias que se dan entre galegos e árabes, pero desoriéntame que sexamos máis rubios cá eles, aínda que tamén teño visto árabes roibos, pese a que lles chamen mouros a todos, sen excepción. Se cadra, alá nas chairas de Babel separáronse dous curmáns, o pai da Agar e mais o pai dos suevos. Os agarenos mourearon co sol milenario dos seus desertos; e por contra, os suevos volvéronse suaves coas humidades e cos verdes norteños, nas ribeiras do Rhin.

Quero volver á biografía de Mahoma, pero antes direi que nada repugna tanto a un musulmán, ¡pero que nada!, como a soberbia e a fatuidade dos cristiáns. Soberbia, en crernos salvos de antemán, gratuitamente, presupoñendo a condena dos musulmáns como ignorantes do verdadeiro Deus; soberbia de terratenentes porque nós témo-los prados e mailos fondais, mentres a eles lles tocou o deserto, o areal. E tamén a fatuidade, por ignorancia de canto lles debe o mundo occidental, que sen eles, particularmente España, estaríamos asubiando aos ventos dos cerros de Úbeda.

Por todo isto coido que merece un minuto do noso tempo lembrar que nas mesmas alforxas de Tarik e de Mussa viñeron, recibimos e compartimos, entre outros subministres e/ou participacións:

. A tolerancia, a convivencia, relixiosa; aí temos os templos e maila súa pervivencia; os ritos, mozárabes.
. A cultura greco-latina, trasladada, resucitada, no Al ándalus.

. A filosofía aristotélica.

. Estudios de medicina, que aínda hoxe nos producen réditos.

. Coñecementos xeográficos, que lles viñeron moi ben aos portugueses, e moi concretamente ao noso Colón.

. Matemáticas, das que tiramos os termos e mailos conceptos da álxebra, algoritmo, algarismo (de Al-huwarizmî), trigonometría, etcétera.

. Astronomía e alquimia, a cachón.

. En arquitectura toda unha síntese das fermosas concepcións coptas, persas, indias, bizantinas; etcétera.

. Na literatura, toda esa gama de exquisitez e de sensibilidade que chegou ata Antonio Gala, o último mouro cristianizado do noso Al ándalus.

. Transmitíronos o coñecemento da pólvora, do papel, do compás, do astrolabio, dos números, das aceas, dos muíños de vento, dos cultivos hortícolas...; e aquí outro longo etcétera. Na agricultura non esquezamos o seu cultivo do algodón, e do arroz; acequias e demais sistemas de regadío.

En definitiva, que non sei por qué os aborrecemos tanto, por qué non conseguimos fusionarnos con eles; daquela, quero dicir; ou, en todo caso, convertelos, naqueles oito séculos de fronteiras, pero para iso había que darlles bo exemplo; ¡mellora-lo presente, como adoita dicirse!

Que despois daquel esplendor, que na súa caída, ou parálise, en parámetros socio económicos, dos últimos séculos, comparativamente co despegue da cultura occidental, teñan ou tivesen que aceptar se-la carne de canón dos Xenerais europeos, non presupón nin define indignidade racial ou cultural, senón unha simple crise histórica.

-Continuará-

28 julio, 2007

Roteiro o 4/8/2007



As praias de Barreiros e Ribadeo, na baixamar

A Agrupación Cultural Francisco Lanza de Ribadeo, presenta outro dos moitos paseos que se poden realizar á beira do mar, utilizando a FEVE como medio de transporte, e collendo Ribadeo como punto de referencia para os horarios. O paseo ten varias opcións resultando así apto para todo tipo de camiñantes. Pode ser un percorrido de 10 km, sen ningún desnivel, por un camiño especialmente deseñado para ese fin: pasear, ou pode ser unha experiencia mais intensa, camiñando pola area, nadando se a marea obriga e o mar permite, avanzando por covas en total escuridade, ...

Comeza na estación de San Cosme de Barreiros ás 11:30, camiñando en dirección á praia de Remior, son 2km escasos por unha estrada comarcal de pouco tránsito. Coa marea baixando pódese ir pola area practicamente os 5,5 km de costa, cara a Ribadeo. En dous cabos haberá que subir ao camiño pero en poucos metros pódese baixar de novo ao areal.

Atravesada a praia de Reinante, vai sendo hora de comer, lixeiro, porque nada mais cambiar de concello haberá que nadar para chegar ás Augas Santas, sempre con opción de ir por a pasarela, que ten unha baixada a esta praia. Pasar as Catedrais e chegar a Esteiro son outros dous quilómetros, para os que resulta complicado calcular o tempo.

Unha vez na praia de Esteiro hai onde descansar e axustar o tempo para coller o tren que pasa a 700m da praia, ás 18:08 de regreso cara a Ribadeo.

Como tiñamos previsto, o día 4 , primeiro sábado do mes de Agosto, Roteiro por Ribadeo e Barreiros. A explicación é a que me enviou Teresa de Ribadeo, do grupo Pena Tallada, da Asociación Francisco Lanza de Ribadeo. Saúdos e ata o 4 de agosto para os que queirades participar. Puntualidade, pois o tren non agarda por ninguén. Manolo Muñiz

22 julio, 2007

Historias Intra da Bisbarra

-VII-

As xemelgas da Meda

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Dona Soledad e dona Luzdivina eran dúas chispas xemelgas, fillas do Ferreiro da Meda; ou polo menos así consta nas súas partidas de bautismo. Tan idénticas eran, que o pai chamáballes, ás veces, Luz á Sol, e Sol á Luz. ¡A nai nunca ese problema tivo!

O Ferreiro da Meda, que antes o fora de Castroverde, cansado de forxar cadeas alí no castelo do Osorio, pediulle permiso a don Lope, ¡ou don Lope llo deu sen pedirllo!, para casar cunha filla do Fidalgo de Vilafrío, que a coñecía de tanto que ela visitaba o castelo. Don Lope Osorio de Moscoso concedeulle aquela venia de contado, e con tantas facilidades, terras na Meda incluídas, que o Ferreiro ben se mosqueou daquel Moscoso, ¡pero non era cousa de poñerse a mal co Señor! E tampouco se puxo seis meses despois, cando a fidalga pariu, ¡dúas xemelgas!, que un tempero así, se cadra, non había ferreiro en Castroverde que o conseguise.

Tan xeneroso foi o castelán de Castroverde que incluso lle apadriñou as fillas ao Ferreiro da Meda, dándolles os susoditos de dona Luzdivina e dona Soledad, nomes piadosos pero moi largos para un ferreiro acostumado ao simple pim-pam-pum do seu martelo.

Criadas que foron aos peitos da peituda dona Aldora, aquela fidalga do susodito Vilafrío, aquelas cativas aprenderon latín no mosteiriño de Soutomerille, que daquela era a mellor escola, desde o Burón ata Lugo, para fidalgas, bastardías e demais ricas femias.

Faláranlle da fermosura, do latín, e da donosura, daquelas xemelgas, que como eran dúas aínda sumaban máis méritos, ao señor de Mondriz, un nobre descendente dos Luaces, e por tanto, sangue de primeira. Enviuvara por aqueles tempos o Mondriz, casado en primeiras nupcias con dona Leonor de Rois, así que lle fixo caso á esculca, ponderando, xunto coa beleza das xemelgas, a promesa que lle fixera seu amigo e compadre, aquel don Lope de Castroverde, de dotar en ouro, e gracialmente, a calquera das xemelgas que co Mondriz casase. E aí me tedes ao Mondriz, tan dubitativo, e tan interesado á vez, que pasou todo un inverno quentando as mans na lareira do convento de Soutomerille, que aló fóra gran nevarada había.

-¡Lémbrolle que xa leva un mes, aquí, no mosteiro, matinando, e a xente vai pensar mal de todos nós! ¿Por cal delas, meu señor, vostede se decidiría?

-Polas dúas, Madre Abadesa, polas dúas; ¡a poder ser, a un tempo!

-O Cabaleiro é tan xentil, que eu sei que de broma o di; outra cousa, se en serio falase, sería vilanía!

Non falaba en broma o cabaleiro, non; e así deu en durmir cada noite en cadansúa cela, ¡para mellor coñecelas, para mellor elixir, por suposto! Ata que unha delas, non se sabe se dona Luz ou dona Sol, que tan só súa nai as distinguía, non tivo máis remedio que confesarlle á Abadesa que ela deixara de cumprir as regras.

-Aquí, neste mosteiro, pódese facer de todo, xaxuar e rezar, rezar e xaxuar, rir e chorar, ¡pero, diso de salta-las regras, nin me fales! ¿Daquela, qué diría o noso Capelán?

De contado foise a Abadesa en procura do Señor de Mondriz, pero non o atopou, pois, casualmente, saíra de caza. ¿A onde? ¡Váicheme nas lebres!, dixo unha leiga que se chamaba Virtudes.

Días despois chegou un arrieiro, coas anguías do Miño, e deu novas de que o Mondriz seguía nas lebres, aló pola Granda da Amurín. Daquela a Madre Abadesa, temerosa de Deus, colleu ás xemelgas e levounas diante do Sagrario, que alí non se pode mentir:

-Xa coñecedes abondo ao señor de Mondriz, así que chegou a hora de con el casar. ¿Cal de vosoutras é a virxe?

-As dúas, Madre Abadesa, de por metades, pois só coñezo medio home, que o outro medio é de miña irmá, aquí presente.- Contestaron as dúas, ao unísono, ¡e dicían a verdade, toda, enteira, que verdades a medias non existen.

-¡Deixémonos de lerios, eh, que me vou enfadar! Sodes fidalgas, ámbalas dúas, e por tanto sinceras e verdadeiras tedes que ser. Preguntareino doutro xeito: ¿cal das dúas incumpre as regras?

-As dúas, Madre Abadesa; ¡as dúas!

-¡Ai, logo, estamos ben; Deus nos colla confesadas! ¡Que dirá o Capelán...!

-O Capelán dirá.., ¡que a igrexa non admite bigamia! –Tamén responderon as dúas.

A Abadesa toleaba:

-¡Se aínda fose ao revés..., como naquel caso do sabio Salomón..., un para dúas!

Pero unha das xemelgas xa o tiña pensado, pensado e resolto:

-Non se debelutra, Madre Abadesa, que este caso ten arranxo: Que se vaia para Mondriz a que primeiro lle toque parir, que así o Señor terá morgado... A outra quédase aquí, criando, que un neno, con tantas monxas ao redor, pode saír ben educado.

Tiveron que quedarse as dúas en Soutomerille, cada unha co seu neno, que resultaron varóns, para máis complicación; co tempo aqueles rapaces fundaron un convento duplex, un de homes e outro de mulleres, porque o Mondriz desgustouse coa Abadesa..., ¡porque non lle deixou leva-las dúas para seguir escollendo!

O problema da abundancia sempre foi o mesmo: ¡Ter que escoller! E por non saber escoller, o señorío de Mondriz non pasou a ninguén.



DL Aniversario da Historia de Vilabade


Puxando aquí pódese ver unha selección de fotos da exposición que conmemora o quinientos cincoenta aniversario da Vila do Abade, exposición chea de interese local, humán e antropolóxico.
Desde aquí a nosa felicitación a os organizadores a todo-los veciños desta vila do concello.

21 julio, 2007

Firma invitada

SIMBOLISMO DA PENA BRANCA DE BARREDO
PARA O TERRITORIO HISTÓRICO DO CAMIÑO PRIMITIVO DE SANTIAGO

Por
Ricardo Polín
Doutor en Filoloxía Medieval
Fundador da Asociación de Amigos do Camiño Primitivo


Razóns xeográficas e xeoestratéxicas explican a existencia desta vía histórica moi anterior ao culto xacobeo, que aínda así conta xa doce séculos de vida. Non se trata só da súa coincidencia coa calzada romana de Lucus Augusti a Lucus Asturum , senón do xeito en que aquela se solapa co ancestral camiño prerromano, seguindo o costume de dispoñer as necrópoles neolíticas e calcolíticas (ss. III e II antes da nosa Era) a carón das zonas de paso destas primeiras sendas, unha caste de viais naturais que dominan visualmente o territorio, destacando no horizonte da paisaxe mesmo polo seu simbolismo. De aí o aproveitamento evidente dos grandes promontorios, das elevadas cotas e monumentos xeolóxicos que agora balizan estes antigos viais de tránsito adaptados ás necesidades do territorio, adoito poboados de túmulos megalíticos que acompañan a rota primitiva no Noroeste ibérico e do que é boa proba a súa confluencia no entorno territorial de Barredo, sobre unha área de gran valor arqueolóxico que é prolongación do sistema montañoso constituído polas Penas de Barredo e que se substancia no conxunto de Soutomerille ou nos xacementos concentrados na importante encrucillada camiñeira entre Bascuas e Romeán, sobre o alto do Cruceiro na Costa Francesa.

Zona de paso antigo, de extrema sensibilidade canto ás vistas panorámicas laterais no tecido viario ao longo da historia, maiormente no que atinxe ás Penas de Barredo e aos vértices xeodésicos que circundan o desfiladeiro aberto sobre o estreito val fluvial que permite o avance da verea primitiva cara Fisterra, cumes castrexos e grandes baluartes rochosos de gran pintoresquismo visíbeis desde os máis diversos puntos da rota.

No lento proceso de ocupación territorial, son os asentamentos de castros quen inzan o itinerario deste primeiro camiño a Compostela, ben sexan prerromanos ou galaico-romanos, maiormente os vinculados ás explotacións auríferas das beiras do río Navia no tramo central desta calzada durante a última etapa citada. Explotacións mineiras que articulan ao seu arredor poboamentos e vías de paso e de transporte. Porén, abonde como paradigma desta enorme riqueza patrimonial a monumental Croa de Soutomerille que olla como cae o sol nas Penas de Barredo, un promontorio castrexo erguido sobre o Camiño Primitivo e consagrado como exemplo insigne do xeito en que estas vellas acrópoles dominan o territorio e controlan as antigas vereas.

O pulo adquirido polos camiños de Santiago vén de oriente a occidente, como o movemento do orbe, para integrar as diversas identidades na comunidade cultural europea, unha vella tendencia universalista que comprende numerosos aspectos da vida artística, urbanística, migratoria e poboacional, litúrxica ou lexislativa. Os puntos de entroncamento destes eixos de antes propician o asentamento de núcleos con moita raizame, facendo o tránsito máis seguro e protexido. Tal é a "vía calciata" procedente das terras buronesas, que irrompe polas serras orientais a unha altura media de entre 700 e 800 metros rumbo ás chairas do interior lucense, un eixo primitivo que forma a mediana desa franxa de territorio histórico delimitado polas antigas urbes de Oviedo, Lugo e Compostela, encaixado en estreitas cuncas fluviais que salvan unha complexa orografía disposta en sentido transversal no avance do camiño cara a posta do sol e do que os vales e os montes de Barredo son a mellor constatación d este primitivo sistema de comunicación.

Así, a rota xacobea máis antiga do mundo constitúe unha longa plataforma sucada de profundos pregamentos que a contextualizan e lle dan sentido, descendendo en frecuencia e intensidade a medida que se aproxima ás costas fisterráns. Esta singular vía de penetración galaico-asturiana foi agrazada coa presenza dunha breve altiplanicie central que actúa como espiñazo do seu corpo turxente e da súa accidentada topografía, adoito custodiada por altos tesos e formacións rochosas que debuxan no espazo o territorio histórico desta prestixiosa rota, balizándoa e configurando a súa imaxe paisaxística no camiño á fin do mundo: cotas verticais ao itinerario primixenio e iniciático, estremeiras, sexa a 1200 metros nos picos de Pedras Apañadas que saltan sobre o canón do río Navia, Muradal arriba na divisoria entre as terras de Burón e de Baleira, na serra ciclópea da Lastra, na Pena Vieira de onde verten as augas do Neira, no Mirador do monte Pradairo que actúa como bastión contra as néboa s do Cantábrico que percorren o val do Eo e que por veces rebordan de Tras da Serra, a Lomba que se derrama polo Monte do Camiño no señorío de Castroverde, o castro de Recesende que ofrenda sartegos no intre en que o camiño bica as augas do Chamoso e -ao cabo- a Pena Branca enseñoriando as Penas de Barredo, pechando o horizonte que avista o verxel no que aniña o conxunto natural e monumental de Soutomerille, na encrucillada do Camiño Primitivo das peregrinacións co vieiro da Terra Chá e os pobos do Norte.

Esa angosta meseta central que transita de leste a oeste seguindo o trazado direccional da rede de vías romanas é quen permitiu a apertura dun corredor antigo para a comunicación ao longo do macizo astur-galaico, con picos que como o do Acevo, do Cerredo ou do Hospital, e serras como a do Invernal, do Follabal, Legua Seca ou Lomba da Pergua, foron imbricando esta rota co seu medio físico, proporcionándolle un avance sostido malia as dificultades do terreo, mediante pequenas gargantas, valgas, canóns e desfiladeiros ocultos entre accidentados portos que marcan o rumbo cara Compostela, perdendo altura a modiño nese camiñar incesante en liña recta ao punto no que o sol cae definitivamente no medio do mar.
Esta galería aberta entre altos fitos xeográficos botará man de humildes pasos ou viais de tránsito escavados na confluencia coa cimeira dos montes, segundo acontece no Penedo Apertado, entre a Pena Vieira e o Monte das Penas, no Alto da Fontaneira (a 930 metros de altitude), no Monte da Matanza ou no Alto da Vacariza. Tamén no entorno da Pena Branca, para vencer o sistema montañoso no que se integra, sobre O Cruceiro ao que accede a Costa Francesa que vén do hospital de peregrinos de Santa María de Gondar. Cumes imprescindíbeis para o Camiño ao lle proporcionar abeiro, referentes para a orientación na cultura camiñeira e boas vistas.

Esta vía medieval de Barredo á Terra Chá tiña a propiedade de fillar no camiño dos peregrinos tanto á saída de Santiago de Vilariño –capital municipal de Castroverde- por San Miguel do Camiño, como sobre o río de Romeán ás portas de Barredo e de Santiago da Meda. No primeiro caso, atopamos a encrucillada do camiño real nas Penas de San Lázaro, onde se situaba a capela do antigo lazareto situado no Camiño Primitivo que vén de Asturias, tratándose dun cruzamento histórico que aproveitaba o abeiro dos montes de Xivil e da serra de Monciro en dirección á Chaira por San Xoán de Barredo, e logo Vilalba e as mariñas de Ferrol, delimitando esa cuña administrativa da diócese mindoniense sobre as terras castroviridenses, camiño da feira moi frecuentado até mediados do século XX por veciños e tratantes asentados na valgada da aba de poñente de Monciro.

O embaixador de Alí ben Yúsuf soubo intuír axiña a condición última deste ancestral itinerario como camiño do occidente: "É tan grande a multitude dos que van e volven (a Compostela) que a penas deixa libre a calzada de Occidente...". Un sentido da orientación fondamente marcado polo propio itinerario solar sobre a cúpula celeste e impregnado na filosofía de vida das primeiras comunidades cristiás que entenden a importancia simbólica de que entre o sol de poñente pola porta dos seus templos, como así sucede na vella igrexa da casa de Soutomerille, de xeito tal que o Sol Divino que se oculta na Pena Branca penetra nave arriba sobre as sepulturas dos seus valedores, incidindo a intervalos dun día solar sobre o retábulo pétreo consagrado ao Salvador: é o fulgor solar que desde a noite dos tempos comunica sen obstáculos as Penas de Barredo co centro eucarístico do santuario visigótico agochado naquel paradisíaco lugar. O Sol Invicto das deidades romanas; o Salvador que aluma o camiño dos fieis cristiáns. A razón que explica a orientación deste edificio de culto máis que milenario, na rota solar de leste a oeste, a razón última que o arqueólogo don Jaime Delgado remonta aos doctos teólogos da escola alexandrina.
Arriba, sobre o alto da Croa de Soutomerille, outro centro de culto olla á Pena Branca e aos Picos de Barredo: son as Pedras das Pozas, esas aras que alguén comparou coas rochas andinas que a 4.000 metros se erguen na Peña de los Siete Morteros identificada coa peruana cultura chaví. É este un dos máis sobranceiros santuarios que o home primitivo posuía ás portas de Lugo, altares de sacrificio aos catro ventos, nos que se ofrenda ollando de fronte á Pena Branca, implorando aos deuses do solpor. O máis fermoso conxunto de morteiros sobre a vía primitiva dos peregrinos –con "asentos" circulares formados nas mesmas rochas de Barredo- que nalgunha ocasión os teñen asemellado á representación das sete cabriolas da constelación, abertos a ese inmenso arco astral que domina estas coroas castrexas –onde Plinio separaba Ceo e Terra- , miradores profanados en 1991 por unha escavadora que arrincou das entrañas da acrópole diversos materiais líticos compostos de múltiples moas de muíño m anual, prismas, cerámicas de mesa e outros tesouros da cultura castrexa.

Por aquí, saltando de castro en castro, terían recuado as afoutas tribos galaicas que nalgunha romántica tese afrontaron o paso por estes tesos camiño do seu tráxico destino, das fortalezas do Azúmara aos promontorios rochosos de Santiago da Meda e de Barredo.

A Croa de Soutomerille, as Penas de Barredo, os castros da Pallota e o de Gondar debuxan, delimitan e pintan o horizonte do territorio histórico que define e explica a configuración física do Camiño Primitivo de Santiago, a traza da súa calzada e o espazo no que asentan os últimos vestixios das comunidades antigas. Territorio asociado a un camiño histórico con continuidade no hábitat e nas comunicacións malia as dificultades orográficas, desde a época megalítica á actualidade, logo do seu brillante papel na fase dourada das peregrinacións medievais á fin do mundo.

O camiño dos peregrinos sempre olla a occidente, é o camiño transfronteirizo que por aquí se dirixe a Fisterra, con toda a carga mitolóxica dos finis terrae. Máis que en ningures, aquí, entre os cumios da Croa de Soutomerille e da Pena Branca de Barredo, resúmese e escríbese a topografía do paganismo e dos lugares santos vencellados a accidentes xeográficos moi notábeis, maiormente as montañas. Son as manifestacións sagradas da natureza. A mensaxe dos grandes promontorios, formas de culto baseadas na expresión das forzas naturais, como o sol que para os camiñantes que veñen do alén se afunde sempre nas Penas de Barredo e presta luz e horizonte da tarde ao santuario de Soutomerille, o máis emblemático do Camiño Primitivo a Compostela, a antiga construción visigótica do mosteiro de Santo Maireli .

Estrabón sabía da prevalencia entre os galaicos dunha caste de relixiosidade baseada nas formas naturais. Un significado cosmolóxico do Camiño que non se entende sen a proximidade da montaña, e por ende, do culto ao sol que vai de oriente a occidente, o sentido mítico da fin do mundo, os confíns que contrapoñen o Leste co Oeste, a concreción dun símbolo nun lugar, a noticia da predicación de Santiago o Zebedeo nas terras occidentais da cristiandade. Pois ben, ao paso por Soutomerille -un dos fitos históricos e patrimoniais máis relevantes do Camiño Primitivo a Compostela-, o occidente é a Pena Branca de Barredo, a ollada dos peregrinos cara o horizonte da Fisterra atlántica. Un territorio cruzado polo Camiño que delata unha ocupación humana desde a transición do Paleolítico Medio ao Superior.

Un Camiño caracterizado pola presenza de túmulos megalíticos á súa beira, de necrópoles neolíticas que marcan unha continuidade no uso dos pasos que o medio natural facilita a xentes e animais, dominando e visualizando o entorno, de xeito tal que miradoiros como a Croa e a Pena Branca, dunha a outra banda do camiño dos peregrinos, cumpren a función de ver e seren vistos no horizonte, instituíndose nun símbolo e nun referente indispensábel da cultura camiñeira e nomeadamente da camiñeiría histórica. Grandes formacións xeolóxicas e asentamentos humanos que confirman a preferenza da cultura megalítica polas terras elevadas e as penichairas a salvo desas estreitas vagantas polas que adoito avanzan os camiños de antes, confirmando o criterio romano decantado polas vías a media ladeira, con escasa pendente e sen forzar a traza, adaptadas ás súas necesidades na procura da liña máis curta entre dous puntos. Paradigma, pois, do simbolismo dos altos cumios e penedos canto ao dominio do territorio e das vereas antigas, referente paisaxístico e ambiental, linde, demarcación e orientación, rito e horizonte na procura eterna do destino dos camiñantes no Occidente atlántico, como a Pena Branca o é para o camiño xacobeo máis antigo do mundo ás portas da capital romana do convento xurídico lucense.

19 julio, 2007

Historias Intra da Bisbarra

-VI-

As costuras da cabeza do Carballeira de Serés

Achegas de
Xosé María Gómez Vilabella

A primeira noticia que tiven da xesta heroica do Medullius débolla a meu avó:

-Non levedes hoxe a besta á chousa, que tan pronto chegue meu sobriño, o Carballeira de Serés, saímos para Caraño...

-¿E logo, a que van a Caraño?

-Meu neno, seguramente a polas últimas rendas forais, que aqueles homes espertaron, e vánnolas redimir a cartos.

O termo “redimir” xa llo oíra eu ao señor Cura de Montecubeiro, falando do sacrificio de Cristo na cruz, así que estoutra “redención” tíñame desconcertado, pero daquela non lle puiden seguir preguntando ao avó porque naquel intre chegou o tal Carballeira.

-Pois agora tés que probar deste queixo; non é da facenda miúda coma o voso de Serés, pero non está nada mal, que as nosas teixas ben manteigosas son!

O Carballeira, máis educado do que parecía a simple vista, quitouse a pucha e..., ¡oh, Ceos, aquel home tiña na súa cabeza aínda máis costuras que o meu calzón nos mendos da cueira! ¡Vaia derregos!

-Padriño, -pregunteille mentres lle sostiña o ramal da besta para que cinchase ben a albarda-, ¿que lle pasou a ese home?

-¡Cousas de romanos, que aínda non se foron! ¡Só a el se lle ocorre andar coas cabras, desarmado, polo Mons Ciro arriba, e precisamente por xunto da lagoa grande...!

Daquela non houbo tempo para preguntar, que de seguida se foron a polos sacos da renda foral, que nos viñan da herdanza dun tátara meu, un tal Gómez da Olga... Ben, pois agora que me deu por falar dos devanceiros, volvo ao Medullius:

-Madriña, ¡canto se mancou o primo Carballeira neses toxais do Monciro! ¡Débenche ser ben altos para racharlle a cabeza desa maneira...!

-¡Non sexas neno, que ti cres canto che di teu padriño! Pero a min pásame igual, que sempre está con historias..., ¡de tan imaxinativo que é!, e non é doado saber cando fala en serio..., ¡a pesares do serio que é! Daqueles romanos do Medulio, que seica andaron de greña cos nosos entregos, coa xente dos castros, Mons Ciro arriba e Mons Ciro abaixo, xa non queda nada, nin ósos nin fantasmas. Iso das costuras que ten o Carballeira na súa cabeza non foi dos toxos, e dos romanos, menos. A verdade é esta:

Polo San Froilán, daquela que había cabras no Café Mercantil, por non chamarlles doutro xeito...

-Madriña, -interrompina-, ¿que é iso das “cabras” do Mercantil? ¿Tíñanas para muxilas e así botarlle o leite ao café...?

-¡Xesús, Xesús, qué cativo este, que preguntón saíches! ¡Se lle deses un repasiño ao Catecismo do Padre Astete, mellor che sería, que dos pecados de Lugo tempo tes a saber!

-¿Logo, iso do Carballeira, saíulle polos seus pecados? ¡Pois menos mal que non lle saíron cornos!

-¡Pero mira que es enfexo! Non cho debera dicir, que iso foi un pecado secreto, pero..., ¡xa que empecei! O Carballeira foi ao Mercantil, daquela que traballaban alí aquelas cabras, ¡como pouco, para vérlle-las pernas! Nisto, que unha delas, ao son da música, e facendo que bailaba, deu en subirse a fanguela, berrándolles aos homes, pois, canto máis a subía, máis a comían cos ollos: “¡Ei carballeira, árdeche o eixo..., ou aínda non?”. Entón o Carballeira, e iso que xa estaba casado coa María Manuel de Sarceda, deuse por invitado, e saltou ao escenario, caéndoselle a baba, ¡e xa non fosen os calzóns!, á vez que berraba: “¡Pronto me viches, condenada!”. Pero aínda ben non empezara a danzar con aquela lurpia do cabaré, cando tamén subiron os camareiros, ¡para defendela! ¡Cadeira vai, e cadeira vén, ata que o deixaron nas táboas, sangrando coma un carneiro. Levárono ao Hospital de Santa María, ¡e menos mal que o coseron, ben cosido! O Carballeira tiña a cabeza dura, ¡pero as selas eran de buxo!

-¿Madriña, e non serían os romanos, eses que fixeron a muralla, a lategazos na cachola do Carballeira...? ¡Por bailar cunha moza, moito castigo me parece!

-¡Xa está ben, xa está ben! E agora colle o Catecismo, e valo lendo en penitencia, por este pecado noso: ¡eu, por contarcho, e ti, por escoitalo! ¡Que cousa de pequeno...; preguntas máis cá Garda Civil!

Tempo adiante, e sempre impresionado por aquelas historias da derradeira resistencia dos oestrimnios fronte aos romanos, alí polas abas do Mons Ciro, fun coñece-la Meda, que é a floración medulliense, o Lugo antigo. Eu buscaba xente loura, e máis ben atopei morenos, particularmente unha rapaza, unha moreniña, con trazos de deusa mediterránea, obviamente descendente de romanos, que non me deu lategazos, pero si unhas impresionantes e definitivas cabazas. Da Meda noiva non saquei, pero alí moito aprendín, maiormente lendas, que mas referiu o Mestre Torres Sarceda, que me honrou coa súa amizade.

Neste intre lémbrome da daquelas monxas que preferiron encerrarse no mosteiro de Soutomerille antes que gozar do tálamo nupcial que lles brindaba o señor feudal de Mondriz. Aseguroume Torres Sarceda que desa historia tamén chegou a escribir Benito Vicetto, pero nunca me deu atopado o libro onde o lera. Pero como estamos no verán, tempo de vacar, esoutra historia deixareina para o seguinte capítulo.

15 julio, 2007

Historias intra da bisbarra

-V-

A trafulca do Rei Silo

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Moito me deu que pensar aquel descubrimento que veño de referir no capítulo anterior, pero coido que lle atopei, que lle collín, a punta: ¡Galegos e asturianos non somos primos, senón irmáns; mellor ou peor avidos, pero, irmáns!

O malo do caso foi que aquel señor do Souto das Torres falaba, e falaba, pero non escribía, que me dixo, cando lle preguei que me puxese por escrito aquelas historias oídas, e lembradas, dos seus avós, que no de escribir andaba mal, que daquela outras escolas cás de “a ferrado” por Castroverde non se coñecían. O que tivo foi boa memoria, moita retentiva, así que se lle pegaran ao cerebro aqueles relatos da lareira familiar. Eu tampouco anotei, pois daquela xa tiña esquecida a taquigrafía, ¡e as gravadoras aínda estaban no Xapón! Pensándoo hoxe, mellor que non fose á escola, pois así castrapizaba menos, e non perdera aqueles termos ástur - galaicos, que foron os que me deron esta confirmación histórica.

Cun esforzo de memoria, vou tentar reconstruír aquela conversa, ou polo menos, a súa parte esencial:

-Como nestis casos, -empezou dicíndome-, sempre hai algún veciño que avise do lume, seica veu a Castroverde un veciño da Fonsagrada, que levara a muller de por aquí, ¡que ata rebentou un cabalo!, para avisar ao Conde que tiñamos daquela, que aló en Burón quedaba un tal Silo, con xente de armas, dándolles aos bollus preñaus e afiando nas espadas. Polo que lles oíra, viñan contra o parente de Chamoso porque lles negaba a súa axuda para ir contra os mouros...

-E facía ben, porque, segundo teño lido, precisamente en Asturias, ao tal Silo nomeouno a xente, os seus amiguetes, de Oviedo, sen contar para iso co noso Conde, nin cos outros dez da Gallaecia, que daquela a coroa era electiva...

O señor comprendeuno:

-Pois ata terás razón, que o Fulano esi o que pretendía, ao parecer, era un pretexto para esmagarnos, e así facer herdo daquel reino, tal e como seica fora en tempos o mando visigodo... Volvendo ao caso: Os de aquí xuntaron cantas eguas e cantas armas atoparon, desde Gomeán a Luaces, e afiáronas, en particular as fouces e mailas gadañas, que daquela xa as tiñan aceiradas... Botáronse polo Camiño vello adiante, escondéndose nese monte que hai do outro lado da serra, ao parecer coa intención de que cando asomasen os ástures, deixarlles baixar ao chan, ao val, e caer sobre eles, pero..., ¡os outros tampouco eran mancos, e logo que viñan adestrados de loitar cos mouros, aló pola parte de León!

Os do Silo, de noite, mandaran exploradores, diante, para tentear o terreo, e como os nosos, os desta parte de Castroverde, sempre fomos barulleiros, pois, ¡nada!, que os oíron. O tal Silo, nin curto nin preguizoso, deu a orde de pegarlle lume ao monte, que así morreron esturruxados a meirande parte dos nosos.

-¡Si, si, o Campo da Matanza, da parte de arriba de onde teñen agora o seu cemiterio eses do Cádavo...!

-¡Oes, e ti logo coñeces tanto coma min daquela guerra! ¿Sabes porque lle quedou iso do Cádavo?

-Un cádavo é un tizón, un toxo ou unha xesta queimados...

-¡Quili-quá, rapaz! Dicía meu avó que os dese Cádavo tiñan pouca memoria porque se emperraban en contar que nese Campo houbera unha matanza de mouros... ¡De brancos, burros! O que pasou é que os do país, cando asomaron por alí só viron cadáveres, cadáveres mouros... ¡Mouros, non, negros, chamuscados do lume, queimados! ¡Os nosos, que pasaran do verde ao mouro! Sendo eu un guage, levoume meu pai, para que coñecese o sitio, pero daquela xa nin ósos quedaban!

-Teño entendido que todos, o que se di todos, alí non morreron...

-¡Non, ho, que algún escapou, fuxindo polo que é hoxe a Pradeda! Pero bo peixe era o tal Silo, pois, como dos de aquí xa quedaban poucos, e os de Silo vivían case que todos, lanzáronse tras dos fuxitivos, e deron con eles aí nese lugar que chaman o Cepo do Mundo, Cepomundín... Pilláronos bebendo nunha fonte, de cansos e sedentos que viñan, e alí mesmo remataron con eles; con todos, menos co Conde, que ese, por ir diante, deulle tempo para baixar ao seu Castro, á Fortaleza, onde lle quedara algún criado, cos que non puido Silo porque tiñan comida de reserva, e tamén unha boa cisterna, con auga en abundancia.

-Cando vostede queira, lévoo no meu coche para ensinarlle o Rego dos Ósos, que precisamente iníciase nesa fonte de Matahomes, en Cepomundín...

-Hoxe, non, que teño que irme para gadañar un carru de yerba, pero..., ¡outro día! Cando queiras, vesme buscar, que agora xa sabes da miña casa, mais terá que ser un día no que les guages teñan punto..., ¡para levalos connosco, á fonte e tamén ao rego, que estas cousas non llelas ensinan na escola...! ¡Será porque os mestres veñen de fóra, como foi o caso daquela mestra do Pombal, aquela que non quería ensinar a prontitud!

O polbo estaba bo, pero aquel retallo da nosa Historia aínda me soubo mellor. ¡E qué razón tivo aquel señor do Souto das Torres en que os mestres vidos de fóra debían empezar por coñecer o noso país, polo menos desde a Cova da Valiña ata a Fonte de Matahomes..., sequera fose pola dignidade dos nenos, para que lle collan ao noso país o aprecio que se merece, que eles pensan que veñen da nada, e que o seu, o noso, é un simple curral de vacas!

¡Entre aquela queima dos papeis do Concello, e que xa non hai relatos nas lareiras, estamos criando nenos orfos, que ata pensarán que veñen dunha probeta, e que les inxectamos un feixe de diferenciais e de integrais, cando o certo é que aquí por Castroverde tivemos un pasado historicamente grandioso, humano e humanizante, que nos dá unha certa personalidade!

¿Si, ou non si, que xa me estou cansando de que ninguén contradiga as miñas historias, e iso que aínda vivo neste mundo tan contraditorio?

Xosé María

14 julio, 2007

Árbores senlleiras do Concello de Castroverde

Se puxas por riba da imaxe da Asociación terás-lo acceso ao álbume de fotos de algunhas árbores senlleiras censadas hasta de agora pola Asociación

08 julio, 2007

Unha proposta para a Fonte de Penalonga

Xesús Redondo Candal, en representación da Asociación de VIANDANTES DO CAMIÑO PRIMITIVO que tiveron a sorte de pasar fai pouco vindo de Oviedo e Fonsagrada, quere propoñer ante a alcaldía de Castroverde que a Fonte de Penalonga -que pensa é de dominio público- tivese unha millor acollida e para iso facía falta que un letreiriño no fondo do Camiño indicara donde está esa preciosa fonte, que é donde a Asociación para sempre para comer de mediodía vindo do Cádavo. Se lle botaran unha mauiña en limpeza tampouco lle sobraba, tanto orredor coma o propio estanque.

Graciñas e unha aperta,

O Vicepresidente da Asociación


01 julio, 2007

Adianto dos actos previstos para os meses de xullo e agosto

XULLO

Día 14, sábado

Participar cos organizadores dos actos dos 550 anos da historia de Vilabade

Os actos que se van realizar son os seguintes:

Ás 12:00 h.: Misa Solemne

A continuación.

Presentación do libro SOBRE A PARROQUIA DE VILABADE e EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA

Seguidamente. Comida

Nota: os que queiran participar na comida, poden retirar a invitación, na Librería Paradela, antes do día 9 de xullo.

AGOSTO

Día 4 de agosto

Roteiro por Ribadeo. (Teredes máis información ao longo do mes de xullo)

Días 23,24,25 e 26 de agosto

Agardamos que teña lugar o Irmandamento. Teredes máis información ao longo destes meses.