Cambiamos de espazo. Esperamos que para mellor. En 10 segundos enlazarás a nova páxina. Se desexas acceder directamente, pulsa no seguinte enlace. Grazas e desculpa as molestias www.amigosdopatrimoniodecastroverde.gal

27 mayo, 2007

Breve historia das mais coñecidas "burradas" urbanísticas feitas na cidade de Lugo: afondando nas desfeitas proxectadas nas costas do Parque Rosalía de Castro
(ver a reportaxe)

Con as actuacións urbanísticas do máis desafortunado, e que fixeron que en poucos anos, Lugo perdese gran parte da súa identidade como consecuencia de pésima xestión política. De este xeito quedan recollidas na reportaxe e mais na páxina da asociación www.parquerosalia.es

* Construcción xunto ás beiras do Miño do centro comercial Continente (actual Carrefour) e posteriormente do Recinto Feiral.
* Derribo do Seminario Menor para a construcción de edificios.
* Derribo do “Mesón de Aguiar” no xardín de San Roque para… a construcción doutro edificio.
* Derribo do Gran Teatro para a construcción no seu lugar… do edificio Gran Teatro, ignorando por completo a opinión de moitísimos lucenses que se manifestaron en contra desta actuación.
* Construcción de edificios en plena mediana da Ronda das Mercedes. A voz da rúa como no caso de Continente e o Recinto Feiral… tampoco acababa de chegarlle ó Concello.
* Na mediana da Ronda de Fingoi tamén se seguiu edificando, rompendo novamente o desafogo que producen as medianas nas rondas de circunvalación das cidades.
* Derribo dos chaléts de Ramón Montenegro para novos edificios.
* Construcción de edificio no acceso a Duquesa de Lugo desde a Ronda de Paradai, co que a entrada a esta nova avenida se viu totalmente estreitada.
* Construcción xunto ao Sanatorio Portela (incluido no catálogo de Patrimonio da Xunta) dun edificio moi próximo que conseguiu deslucir un gran exemplo de arquitectura racionalista na nosa cidade.
* Construcción de edificio sobre o antigo Parque de Bombeiros, que conseguiu poñer “paredes” á unha Muralla… que xa era Patrimonio da Humanidade!!!, e nunha das escasas zonas nas que se contaba con vistas hacia a paisaxe que rodea Lugo.
* As torres do seminario e a praza de cemento, estropeando as vistas da catedral dende a muralla.
* Proxecto do novo auditório: infografías do exemplo de integración entre antigo e moderno...
* PXOM
* Ponte nova si, mais non se pode estragar o Parque Marcos Cela, inagurado po lo Sr Orozco, onde promete conservar e mellorar este parque, en memoria de Marcos Cela.
O paso polo parque de unha ponte que afecta directamente a o 19,5% da sua superficie, perxucicaria o total do mesmo, asi como a sua vexetación, resaltada o dia da inaguración por o Sr. Orozco xa que coincidiu co dia do arbre.
Agora di que estos arbres están vellos , cando todos aspiramos a chegar a vellos sintindonos respetados.

NON QUEREMOS SEGUIR VENDO COMO LUGO PERDE A SÚA BELEZA E A SÚA HISTORIA !!!
NON MÁIS DESFEITAS URBANÍSTICAS !!!
Narciso de Gabriel
Escolantes e escolas de ferrado

Edicións Xerais de Galicia, S.A., Vigo, 2001, 425 páxinas



Xosé Mª Pin Millares
Lic. en Xeografía e Historia e profesor de Secundaria
Vigo, maio de 2002

Hai tempo que coñecía a preocupación e a ocupación do profesor da Universidade da Coruña, Narciso de Gabriel, polo tema que dá título a esta publicación.

Ademais dos lazos de veciñanza e de amizade compartía con Narciso curiosidade pola materia da súa investigación. O autor achégase ó tema tanto como investigador e estudioso da educación en Galicia como por fidelidade e afectividade á nosa terra e, en especial, ás terras luguesas de Baleira das que ambos somos fillos e onde este tipo de mestres foron o principal vehículo escolar deica tempos ben recentes. Narciso non foi alumno destas escolas, pero no meu caso, foi case a única escola á que asistín e nela adquirín os coñecementos básicos que permitían acceder ó exame de ingreso no Seminario ou no Instituto da capital.

Ó longo de dez capítulos analiza e achégase dende abaixo á cultura popular. Hai que ter en conta que durante séculos a inmensa maioría das fontes culturais do mundo rural foron a predicación, os sermóns e estas escolas rexentadas por persoas que posuían unha mínima bagaxe de coñecementos. Nalgunhas partes de Asturias estes mestres eran coñecidos por “adelantados”e a existencia desta modalidade está constatada en toda España, mesmo a Lei Moyano admite que para ser mestre de escolas incompletas e temporais non se requiría ningún título, unicamente certificado de aptitude e moralidade, expedido por unha xunta local.

Nos diversos capítulos da obra , o profesor de Gabriel vai debullando con precisión e claridade os aspectos máis interesantes deste ensino: o pagamento, que consistía nun ferrado de centeo, trigo ou millo por neno ou nena e tempada, de aí o nome. Aínda que o pagamento en especie foi substituído progresivamente por cartos segundo unha cota acordada co escolante. A maioría dos escolantes non tiñan ningunha formación específica, os máis cualificados eran exseminaristas e, en ocasións, os mesmos párrocos realizaban este labor. (1)


Espacio, tempo, materias, son aspectos que describe polo miúdo o profesor Narciso de Gabriel e que coincide cos recordos que conservo daquela escola, en especial dun escolante repetidamente citado na obra, José Rancaño, a quen aproveito a ocasión para renderlle gratitude polo esforzo que facía e polo entusiasmo que era capaz de espertar en nós. Naquela escola todo era moi pobre e limitado: pizarra, encerado, uns mapas (propiedade do mestre), a Enciclopedia, El Manuscrito, “cartilla” do P.Astete,La Infancia, moitas contas, análise gramatical, luz de carburo ou gas, así era a escola a que asistín ata os dez anos alá polos anos 40. Todo moi memorístico, aínda que igual acontecía en centros oficiais e regrados. Lembro que a Gramática de Miranda Podadera dicía do verbo ser que era un “mero enlace”, nunca souben que significaba tal cousa, ou no catecismo que ó falar do exame de conciencia dicía”ocupaciones que uno ha tenido o parajes por donde uno ha andado”. Isto de parajes traíame descolocado, porque o único que coñecía era un lugar próximo a Meira que se chamaba “Parajes” e do que se falaba na casa por mor duns parentes que alí vivían, pero eu nunca alí chegara e devecía por ir.

No capítulo IX tira o autor unha conclusión que soamente por ela os escolantes son merecedores deste interesante e orixinal estudio e tamén de gratitude, afirma Narciso de Gabriel:”daquela Galicia débelle aos seus escolantes o feito de non ocupar os derradeiros banzos nas estatísticas estatais, e mesmo superar sempre a media española da alfabetización masculina".(2)


Segundo afirma o autor, “Lugo era a provincia peor dotada de escolas públicas, circunstancia que se manterá ata 1921”. Malia esta eiva, entre 1860 e 1950, a taxa de alfabetización masculina supera case sempre a media galega e española, feito que en 1924 resalta o inspector, Gerardo Álvarez Limeses, comparando o 80% de analfabetismo da provincia de Jaén co 50% de Lugo. O que non quere dicir que a situación fose satisfactoria. Así en dous partidos xudiciaiais, que poden resultar bastante representativos, Chantada e Becerreá, contaba, o primeiro, con 19 escolas, todas de nenos e soamente dous dos mestres eran titulados e non había ningunha en Antas, Monterroso e Palas; en Becerreá a situación era extremadamente mala, pois a única escola existente lacalizábase en Cervantes e estaba dirixida por un mestre sen titulación.

Pódese concluír que as escolas de ferrado cumpriron un papel moi importante e que foron posible gracias ó interese e ó esforzo das familias que, carecendo de case todo, prescindían do traballo dos rapaces, sacrificaban tempo e aforros para destinalos á educación dos rapaces e rapazas, porque intuían que o camiño liberador por excelencia pasa polo acceso á cultura.

O anexo II recolle un episodio tan tráxico e desgraciado que calquera dos veciños de Baleira dos últimos 70 anos dariamos o posible e o imposible porque non tivera acontecido. O asasinato dun home tan bo que ninguén se explica cómo puido cometerse tamaña barbaridade. O resumo que pode tirarse despois de oír falar de Argimiro Rico é evanxélico:viviu facendo ben. Como veciño, como persoa e como mestre, gozaba do máximo prestixio, tiña verdadeira “autoritas”, pero os demoños tribais da irracionalidade superaron todo o imaxinable.

Como moi ben di o catedrático Narciso de Gabriel “a importancia de Arximiro Rico Trabada non radica na súa morte senón na súa vida...unha vida dedicada ao ensino, á promoción social das persoas, á mellora das condicións de vida da súa xente”.

Obras desta categoría, coma do profesor de Gabriel, contribúen a rescatar o noso pasado, a espertar gratitude e autoestima da nosa historia e do esforzo colectivo dun pobo que sempre quixo ser de seu e dono dos seus destinos.


(1) En Vilachá de Salvadur ( A Proba de Brollón), o párroco, D. Pedro Varela , natural de Marrube- Saviñao (+ 1905) deixou por testamento uns eidos para beneficio dos seus sucesores coa coa condición de impartiren escola durante algúns meses. En Vilamor do Courel, na década dos 50, na casa rectoral, xuntábanse os mozos co crego, e ademais de xogar as cartas, lían novelas históricas, facían contas, exercicios de gramática e mesmo se preparaban para o ingreso na Garda Civil.

(2)No concello de Baleira (Lugo), entre os anos 1860 e 1865, cunha poboación próxima ós 5.000 habitantes e unha extensión de 168,8 km2 existían 4 escolas, tres eran incompletas e unha completa. A isto hai que engadir a dispersión da poboación deste concello da montaña luguesa. O Diccionario de Madoz (1845) di que na Esperela “hay escuela de instrucción primaria bastante concurrida” , en Fonteo e na Fontaneira “hay una escuela de primera educación costeada por los padres” e en Librán “hay una escuela de primera educación, temporal e indotada”.


24 mayo, 2007


Historias Intra da Bisbarra


Aqueles mestres…, con minúscula


Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella


Estamos en días de Letras Galegas. A celebración oficial, como non esquecemos, é o 17 de Maio de cada ano. E sérvenos, en cadanseu, para lembrar e para honrar o nome dun persoeiro das mesmas, un Mestre/a con maiúsculas, alguén que lles deu pulo e se preocupou pola súa conservación.



Pola miña parte, sen saírme desa ortodoxia, senón máis ben inscribíndome nela, quixera, a esta altura da oficialización, descender ás minúsculas, á aqueles mestres do rural, que eses, en colectivo, si, pero foron os alicerces da nosa cultura, tanto en letras como en números, aquilo que chamabamos “aprender as catro reglas”. Sen os “mestres de a ferrado”, sen o tradicionalismo, o conservadurismo, a devoción polo ancestral, do noso rural, ¿onde iría a nosa lingua? Grazas a eles, aos de minúsculas, certo é que pasou polo Purgatorio, pero hoxe témola ás portas do Ceo, ¡mesmo en Europa! Claro que despois viñeron os GRANDES, os literarios, os construtores / perfeccionadores, pero..., ¡xa tiñan materiais a pé de obra!

¿A que vén isto? Pois que, se mo permitides, quixera, de paso, renderlle a miña modesta homenaxe a un Mestre dos de Maiúsculas, hoxe Decano na Facultade de Pedagóxicas da Coruña, Narciso de Gabriel, nado, criado e casado na nosa propia bisbarra, aí mesmo, na Baleira, que foi un dos poucos que se lembrou daqueles mestres, os de Castroverde expresamente incluídos, e incluso loados, neste libro que termina coa contraportada arriba exposta.

¡Un urro polos nosos mestres “de a ferrado”, e de paso, por quen deles se lembrou! ¡Que Deu-lle-lo pague, Amén!


Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

A posible, pero improbable, resurrección do liño

-XVII-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Agora que está tan de moda falar de asuntos que aínda son ciencia- ficción, lúas de mel na lúa, e cousas desas, ¿quen nos priva de teorizar acerca da resurrección do liño nesta bisbarra de Castroverde? De feito xa contamos coa bendición do párroco de Vilabade, o noso ilustre don Manuel, que, con ocasión das recentes conmemoracións da nosa “catedral” e das súas fundacións, ¡entronizou! o liño, as súas artes e mailas súas virtudes, ¡na propia catedral!

Se fósemos estremeños, xa o tiñamos o liño mecanizado, e incluso cobradas aquelas primas do Mercado Común... ¿Lémbranse daquel affaire? Moito me temo que nin recordamos cómo era a planta, así que haberá que reproducila; polo menos, graficamente:

O liño é unha fibra meritísima; no vexetal, despois daquelas follas de parra das que nos fala o Xénese, nada tivemos de maior utilidade para cubri-las nosas vergoñas; e logo que se daba do mellor nas terras desta bisbarra. Lémbrome daqueles anos da fame, na posguerra, que se volveu a sementar no mellor das hortas, ¡de tanto que interesaba obter unha boa colleita! Os meus recorridos de entón non pasaban de Montecubeiro, Pena, Bolaño, Vilabade e mailo alfoz do Villariño de Castroverde, pero víase florear de par de todos aqueles camiños; ¡flores azuis, miúdas pero, bonitiñas! E logo que na feira de Castroverde vendíase, ou encargábase, toda clase de instrumental, empezando pola súa semente, pola liñaza, que a presentaban nunhas taleigas ou fardelos, igualmente de liño, ben cativas por certo, que era a mellor proba da súa estima e da súa ración ou dosificación.

Ao liño, para que sexa rendible, non se pode volver sen estudalo a fondo, sen mecanizar o seu cultivo, así como a técnica, complexa por certo, da súa elaboración. Ora ben, contando cunha saída téxtil, asegurada a súa utilización, o liño pode competir coa la e co algodón. O resto dos tecidos actuais son pura química, e por tanto, desagradables ao tacto, e se me apuran, moitos e deles, nocivos para a saúde dos usuarios.

En canto á valía das nosas terras, coa advertencia de que cansan do liño, sendo preciso alternar con outros cultivos, cada ano, ou mellor, cada dous, aquí dáse a pluviosidade e maila altitude axeitadas, que non deben pasar dos 750 mm ., nin dos mil metros de altitude. Prefire as terras ácidas ás calcarias, etc. ¡Exactamente o noso! Admite o regadío, pero sen excesos que apodrenten as raíces.

Créese que llelo debemos aos romanos, que o utilizaron para todo, desde a vestimenta ás velas dos seus barcos. ¡Non todo foi levar, que algo trouxeron eles!

Os nosos carpinteiros lograron verdadeiras obras de arte creando, fabricando, aqueles instrumentos que requiría o tratamento do liño. Algúns deles:

O ripo, ou ripa, con pugas, que arrincaban a semente da planta, sen estrago nin desperdicio.

O mallo, ou malle, menos bruto có de mallar o centeo, pois tratábase unicamente de iniciar o desfebre da planta.

Mazo, ou maciño, que se utilizaba sobre un banco de madeira, ou pedra lisa. Despois diso, aínda se lle daba un repaso coa gramadeira.

Coa tasca, ou tascón, avanzábase no proceso de deixar a fibra ao ar, máis limpa, exenta de cortizas e doutras impurezas. O complemento da tasca era a espadela.

O rastrel, ou rastrelo, segundo os sitios, proporcionaba, mediante un cardado, a clasificación das febras, xa que as curtas e grosas retíñanse nas pugas de ferro, quedando liberadas, na propia man do cardador, as máis longas e finas.

De seguido, entraba en danza o fuso, co liño suxeito á roca, da que se ía estirando para formar o fío, habilmente terso, ¡á forza de dedos e de xiros!

A partires do novelo, aínda viña un cento de manipulacións, entre elas: a madeixa, a cocción en cinsa para o seu branqueo, as lanzadeiras, o tear, con trama e urdime, o batán, etcétera.

¿Prendas de liño? ¡Todas, desde os xustillos ás mantas!

Aquí damos por concluída esta evocación do liño transcribindo uns cantos refráns que denotan a importancia que tiña, e se lle recoñecía, recollidos por varios autores, en especial por Gil de Bernabé:

A estopa, como é fiada; a moza, como é criada.
A muller é fogo; o home estopa: vén o demo e sopra.
Á mala fiadeira, a roca faille denteira.
Quen teña fillas para casar, merque rocas para fiar.
Muller que non colle o fuso, e home que colle a cama, dádeos de boa gana.
Mentres ande na eira o xugo, que ande na casa o fuso.
Home que fía, muller que asubía, e galiña que canta coma o galo,
arrenego deles coma do diaño.
Muller fiadeira, fai boa casadeira.
A que ten liño e o dá a fiar, é coma a que pare e dáo a criar.
Mentres teña o meu tear, camisa non me ha de faltar.
A muller goberneira, cría o fillo, e de paso, fía e fai a tea.
Capa, saio e calzón, do mesmo liño son.
O bo pano, dura dez anos; pero na muller, a guapura, tanto non dura.

¿Qué, animámonos; volvemos ao liño?
Pensádeo ben, pois, con maquinaria axeitada, vale a pena.
¡Coido que si!


21 mayo, 2007


Amigos do Patrimonio de Castroverde súmase á opinión maioritaria en contra da edificación nas costas do Parque de Rosalía de Castro de Lugo, grave atentado paisaxístico
Reproducimos este artigo da Presidenta de ADEGA e esta reportaxe sobre as presuntas ilegalidades que están a se cometer

O Parque e a paisaxe.

Non deixemos roubar o noso patrimonio

Por
Adela Figueroa Panisse
Presidenta de ADEGA

O Parque de Lugo é algo mais que os metros cuadrados que ocupa o seu emplazamento estricto desde a avenida de Rodriguez Mourelo até as costas en que desce ao encontro do rio cruzando pola Volta da Viña. A grandeza do Parque de Rosalia de Castro non reside apenas na sua riqueza floristica mui valiosa. Tampouco no seu trazado que fornece agradables paseos e recunchos fermosos e equilibrados onde apetece sentarse a ler ou pensar.

A grandeza do Parque é a sua integración na paisaxe. A grande baranda que se debruza sobre o val do Miño está orientada para poder seguir o curso do sol até que se deita tras da liña do horizonte que debuxa o planalto de Orbazai.

Desde a grande baranda vese cando as neves chegan aos Ancares e pódese seguir o serpentear da estrada de Portomarin, primeiro degrao do Horst que coroa o Monte Picato. A grande baranda fainos pensar na solaina dos pazos. É a nosa solaina. De todos os lugueses. Podémola disfrutar tanto se somos fidalgos como xente común do povo.

É unha solaina socializada. Desde ela podemos ver a paisaxe lene e doce dos suaves outeiros que remontan en tres escalons até coroar o cumio do Picato . No baixo a serpe do rio deixanos dous meandros ben debuxados: o da Cheda e o da Tolda. Entre eles a Ponte romana. O primeiro en declive suave formado polos sedimentos aluviais que o Miño foi deitando desde a noite dos tempos. O outro cinxido entre os xistos horizontais que abriron por efecto dunha falla de distensión ou estiramento. Os mesmos xistos que se empregaron para construir a muralla e tantas casas de Lugo deixaron sitio para a estrada da Tolda de Castilla e o parque do Miño. A nosa vista pode encherse de verdes ou pardos en diferentes gamas de cores que forman os campos separados por sebes arborizadas e camiños serpenteantes, e vagar até os múltiples horizontes dun sky-line suxerente e divertido. O Parque foi construido no mandato de Don Ángel López Pérez en épocas de bastante mais penuria económica que a actúal. Mais, hoxe o "poderoso cabaleiro don diñeiro" exerce o seu implacable dominio de maneira dictatorial. Agora vannos privar aos Lugueses/as das fermosas vistas do Parque. Queren construir unha mole cadrada inmensa que bloquee todo o lado de nacente, embaixo da Pérgola. Será por iso que a teñen pechada ao público e non a arranxan? Para que non poidamos apreciar a paisaxe desde ela e perdamos a perspectiva das comparacions?.

A desfeita urbanística que se planea facer nas veiras do Parque é unha afrenta a todos os habitantes de Lugo. É tamén unha afrenta á nosa historia e a un dos mellores alcaldes que tivo esta cidade. Prívannos dun ben común e fai desmerecer un dos nosos valores patrimoniais mais senlleiros. Non debemos de consentilo. A sociedade civil ten que facer oir a sua voz por cima dos intereses urbanísticos que so buscan facer un diñeiro rápido sen pensar nas xeracións futuras nen nas pasadas. Para o Parque ten que haber outra solución, incluso urbanística, que non signifique a perda do noso patrimonio Paisaxístico e Cultural. Cando está anunciada unha Lei da Paisaxe para Galiza non consintamos destruir a mais fermosa que ten esta cidade de Lugo.

19 mayo, 2007


Breve resume do Roteiro da Marronda

(Web da Asociación de Amigos de A Marronda)

No día de hoxe, día das LETRAS GALEGAS, fixemos o roteiro que tiñamos previsto, acompañáronnos nesta ocasión o grupo de montaña”Pena Tallada” da Asociación Francisco Lanza de Ribadeo. Aos que damos as grazas por ternos acompañado neste fermoso día. O roteiro comenzou, en Fonteo, coa visita á casa que vai ser de interpretación da Marronda, acompañounos nesta visita o Sr. Alcalde do Cádavo, a quen lle damos as grazas desde aquí. A seguir visita ao nacemoento do Eo, coa lectura dun poema de María Mariño e outro de Xosé María Chao Ledo. Continuamos para ver unha das aceas do Eo e a piscifactoría Ovapicis, facendo unha visita que foi dirixida por Enrique, a quen lle damos as grazas. A seguir baixamos á fervenza da Ruxidoira, continuando viaxe ata o fermoso lugar da Cortevella, podendo contemplar a fermosura das aldeas e montaña desta zona, salientando a maxestuosidade da Marronda. Volvemos por Martín subindo pola Graña, e voltando a Fonteo.

Pola tarde, algúns, camiñamos polo Camiño Primitivo, desde a Vacariza ata Vilabade, onde puidemos escoitar algunha interpretación das bandas de Chantada e Guitiriz, e aproveitando para ver a igrexa e o pazo de Vilabade. Dámos as grazas desde a aquí a dona Teresa de Arana por ternos facilitado a visita, tendo en conta que nos acompañaban os de “Pena Tallada”.

Lugo, 17 de maio de 2007

Fotos do roteiro da Marronda

15 mayo, 2007

Xornadas en defensa do courel

(12 e 13 de Maio- 2007) A Asociación participou nas Xornadas de ADEGA en defensa do Patrimonio paisaxístico

Resumo de Pepe Yáñez.
Secretario da Asociación dos Amigos do Patrimonio de Castroverde

Día 12:

Despois de recibir a documentación, ás nove h., como estaba previsto no programa de man, Adela, Presidenta de ADEGA, fixo a inauguración das Xornadas, salentando que “No Courel conflúen os valores ambientais de máximo interese e de maior fraxilidade. É unha das bisbarras de maior biodiversidade da Galiza… O Courel, Terra Matria, representa o lombo en que Galiza se deita para mollar os seus pés no Atlántico e xerar toda a riqueza das Rías… Quen non respecta a mai e o pai non se respeta a si mesmo. As nosas serras interiores son o cerne da nosa Terra. Defendéndoas mereceremos o respeito que como pobo deberamos merecer”.
A continuación tiñeron lugar as ponencias de tres mesas:

- Mesa 1: Xeodiversidade, que desenvolveron Xoán Ramón Vidal Romaní e Aurora Grandal d´Anglade.
- Mesa 2: Biodiversidade do Courel, por Pablo Ramil Rego e Manuel Antonio Rodríguez Guitián.
- Mesa 3: Patrimonio, Cultura, Paisaxe, Etnografía. Presentados por Felipe Arias Vilas, José Carlos Carreira Vázquez e Rafael Crecente Maseda. Todos abertos en todo momento ao Coloquio, que se provocaba especialmente ao final de cada intervención.

Pola tarde, a partir das catro, realizáronse os Grupos de Traballo sobre a Problemática xeral do Courel e Alternativas e posibilidades de solución. A última hora, de 18.30 a 19.30 h., celebrouse unha Mesa Redonda: Posicionamento da Administración sobre a problemática do Courel e posibilidades de desenvolvemento na zona. Participaron os representantes das distintas Consellerías da Xunta, desde o Sr. Delegado de Cultura até os Sr. Alcalde de Triacastela e representante do Concello de Samos, pasando por Medio Ambiente, Industria, etc. E o coloquio final. Rematouse coa obrigada “foto de familia”e cea voluntaria…


Día 13:

Todo o día de roteiro polo Courel. Coa ameazante choiva que cesaba intermitente, saímos unhas cuarenta persoas, que fomos até a Poboa de Brollón, onde paramos, algúns para almorzar, e todos para dispornos á subida do monte da Mesa dos catro Cabaleiros, onde se reunían os catro alcaldes dos catro Concellos confinantes no sitio: os de Póboa de Brollón, do Incio, de Samos e do Courel. Coroando o monte deixamos a rota do Carballal para dirixirnos, por Parada dos Montes, ás cercaías de Froxán, onde se celebra a Pisa da Castaña. Dende a pista do Forestal poidemos observar o seu entorno, que chaman os Canons do Lor, así como as casas do Vilar, xunto do famoso castro celta, nun teso rodeado por o mesmo río. Máis adiante podiamos ver o poboado de Vilamor, o mesmo que o da Campa, onde se atopa a famosa Louseira, que, baixo a lei da gravidade, atoa o río da Campa, moi cerquiña do Lor. Saíndo logo de novo á pista do Carballal baixamos en repente cig-zag á ponte do Lor onde se xunta co río Lóuzara. Despois, pasando pola capitalidade do Concello, Folgoso de Caurel, - non Courel, din os do lugar-, seguimos até o mesón de Manuel, O Pontón, en Ferreirós de Abaixo. Alí abrigámonos dun grande torbón, mentras repoñiamos forzas cos nosos “bocatas”, reforzados co bo viño, café, etc., e mesmo co son da gaita e pandeireta dunha improvisada banda do gaiteiro de Pardiñas, o que provocou tamén uns puntos de baile galego.

Volvendo ao autobús, seguimos poloo lado dereito do Lor até a Ferrería Vella, onde collémola a pista de Mercurín e a uns centos de metros paramos para ver e admirar o Val das Mouras, laberinto de rochas mouras en parte cubertas dun musgo sedoso. O noso guía principal Orlando explicábamos que a orixinal paisaxe se debía sen dúbida á ruina de vellas covas de compoñente calizo. Eu – que fun mestre un curso, compartindo nos dous Colexios de Folgoso e Seoane- sentinme abraiado ante semellante espectáculo e ante o feito de non ter nunca ata hoxe oído falar do Val das Mouras.

A continuación iniciámo-lo retorno, pasando por Seoane, a outra vila do Caurel, e collendo a rota de Lóuzara-Samos pasamos por cinco núcleos típicos de población: Meiraos, Vilasivil, Miraz, (onde nos baixamos para admirar ao Norde o Taro Branco, unha ladeira do monte en rocha branca e sen vexetación, e enfrente as Toras), Paderne,

(onde tamén paramos para ver de frente, ao Sur, a Devesa de Paderne, a segunda máis importante da comarca. Seguindo até Pedradita do Caurel, despedímonos coroando a montaña e, xa en Samos, iniciando o descenso a Lóuzara e, sen parar, retornamos a Lugo ás 20.30 h. Algo cansados, pero felices de vivir e revivir tan bonito roteiro…





13 mayo, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

O laboreo do liño

-XVI- Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Teño dúas explicacións para o que ides ler seguidamente: Unha delas é para que vexades, por comparación, a afinidade tan exacta e completa, para os que lembren aqueles tempos, que existía entre o tratamento que lle dabamos en Castroverde ao liño, có practicado no Norte de Portugal, nosos veciños, e sen embargo, amigos; curmáns, máis ben. A outra é que, no meu criterio, non nos vén nada mal practicar, de cando en vez, un pouco de portugués, pois, ademais de parentes, ¡somos socios niso do M.C.! Con estas ideas, acolléndome á vosa comprensión, doulle a palabra a Antônio Lourenço Fontes, páx. 166/170 do seu libro “Etnografía Transmontana!, vol. II:

... As ocupaçoes que o linho proporciona sâo motivo de festas... Aí por Maio semeiase, de prefêrencia, em terras chairas, de regadio. A terra bem cavada e estercada é achairada com um engaço. Estáa pronta a receber a linhaça, que debe ser semeada muito basta, para nâo cair o liño. Ao nascer é preciso mondá-lo e regá-lo amiúde. No dia de S. Joâo espeta-se como em todas as culturas um ramo desabugueiro, ou um S. Joâo para que este santo proteja a cultura. Tem virtude a orvalhada de S. Joâo, por isso recomendam rebolar-se a gente no linho, antes e nascer o Sol, talhar a camisa. Aí por Junho, faz-se a arranca do linho. Chamam-se as moças para o arrancar e moços para o ripar. Os moços juntam os braçados de linho que as mulheres arrancam e colocam-no perto do ripo. Enquanto nâo têm que ripar passam o tempo a meter-se com as moças a treparlhes o linho, para lhes darem mais que fazer.

Para ripar o linho, há o ripo. Um banco de 2,50 metros com enorme pente de madeira, ou de ferro, no sentido vertical. Sentam-se os ripadores, um de cada lado de cachapernas e cada um pega no linho pelo lado da raiz e bate-o alternativamente contra o pente, puxando, para que o baganho se desprenda, caindo para o châo, atarapetado com mantôes de farrapos. Depois de ripado vamos empoça-lo no rio. Carrega-se num carro de vacas ou mais, e vamos para o rio ou regato. É uma festa. Os moços e moças vâo gostosos ao rio onde brincam, fazendo que se agarram e afogam. Alguns é o único dia do ano em que dâo banho, especialmente as velhas. Uma vez no rio, e escolhido o poço para empoçar, o linho coloca-se no leito do rio, com grandes pedras em cima, para a torrente nâo fugir com os molhos. Tem de estar no rio cerca de 40 dias para que coza e apodreça a casa.

Pôe-se a secar na eira, até abrir com o calor e soltar a linhaça. Já seco vai servir para encher travesseiros e colchòes. A linhaça, depois de limpa, uma parte vende-se, outra guarda-se prà semente e outra para remédios caseiros, as célebres papas de linhaça. O linho costumam pô-lo a secar 15 dias, depois de empoçar. Está 8 dias a secar e vai a empoçar mais 8 dias. Findos os quais volta a secar na eira ou no lameiro, perto do rio. Uma vez seco, pode-se maçar. O lugar de maçar sào os maçadoiros comunitários, pedras lisas e compridas que possam servir de assento para a mulher que segura o linho.

Servem de maçadouro em casa as parrogueiras da cozinha, e ao ar livre os assentos ou muros das eiras e dos adros. Há pedras que têm desde sempre o nome de maçadoiroem várias terras. Cada mâo de linho é uma manada, que despois de maçada se coloca aos pares, até fazer doze pares, 24 manadas, que fazem um afusal que é atado com um bancelho de palha. Antes de atar o afusal, deluba-se, para saírem as arestas e facilitar mais o espadar. O acto de debular é difícil, pois é preciso segurar as duas pontas, com as duas mâos, e esfregar o linho até largar a parte lenhosa ou arestas.

Vem o Inverno das noites grandes. Chamam-se umas poucas mulheres para atascar, esbouriçar ou espadar o linho. Cada mulher leva os seus tarabelos, espadela e espadeleiro ou cortiço. Dentro de uma corte ou curral, e cada uma à volta, junto das paredes e a candeia no meio. Os moços entretêm-se, sâo os que dâo as primeiras espadadelas, “amansam as ´strigas”, pois ao princípio estâo duras. Outros cá de fora pôem cheiroças às mulheres, como na pisada do vinho. Depois sâo as moças e mulheres que fazem o resto. O espadeleiro é uma tábua de meio metro de alto, larga na coroa e mais estreita no pé, cravada numa base em sentido perpendicular. A espadela é uma espécie de facalhâo, ou catana, de pau de nogueira, ou carvalho, com uma abertura no extremo, para meter a mâo. Tem uma parte afiada e a outra mais grossa. Com aquela bate-se no linho que cai de lado no espadeleiro ou cortiço, segurado com a mâo esquerda. As mulheres, de joelhos, vâo espadelando as estrigas, até caírem todos os tomentos. Os tomentos que caem sâo ainda aproveitados conforme se vai espadando, juntam-se à estriga. Na segunda volta, ou seja, na limpa, separam-se os tomentos de linho bom.

A 1ª vez que se asseda, tiram-lhe os cabeços, a estopa máis grosa, que servirá para os lençois, para tenais nas eiras. A outra parte da estopa, mais fina, é para saias de mandil, lençois para a cama. O que fica depois da asseda do linho é a fina estriga que servirá para fiar e tecer lençois finos, camisas de homem e mulher, calças para as festas, etc.

¿Que; Portugal quédanos lonxe? ¡Pois, non; nin no tempo nin no espazo! O caso foi que, no segundo terzo do século XX, tan só se daban apertas Franco e Salazar, dous afíns, e á vez receosos, un do outro: ¡Salazar temeroso dunha “invasión”, e Franco utilizándoo con orgullo, case que desprezativo, coa única finalidade de utilizalo como intermediario para recaptar, para propiciar, unhas mellores relacións con Inglaterra!

¡Se viaxásemos algo menos ás Quimbambas, e algo máis á “parroquia” veciña, non só aforraríamos euros senón que gozaríamos de importantes descubrimentos familiares! A propósito disto, ¿quen se anima para ir, un xoves, á feira de Barcelos, que non pilla lonxe, sequera sexa para comparar coa nosa, coa de Castroverde?

11 mayo, 2007

A favor da Ordeación do Territorio Galego.
Testemuño gráfico da manifestación na praza da Quintana en Santiago, na que estivo a Asociación Cultural "Amigos do Patrimonio de Castroverde" de Lugo


07 mayo, 2007

Xornadas en defensa do Courel


"Por un Courel vivo"

12, 13 de maio 2007

Sala de Xuntas

Escola Politécnica Superior de Lugo


Díptico. Folla1
Díptico. Folla2


Mesa redonda sobre a nova ponte do Miño e o parque de Marcos Cela

O próximo martes, día 8, ás 20:30 horas, no salón de Actos do Politécnico a asociación de veciños O Carballo e os veciños de Magoi, co apoio das demáis asociacións de veciños de LUGO, organizan unha MESA REDONDA cos cabezas de lista ás eleccións municipais en LUGO para debatir sobre A PONTE, o PARQUE DE MARCOS CELA e o PROBLEMA DO TRÁFICO EN PINTOR CORREDOIRA E AVENIDA DE RAMON FERREIRO.

Despóis da visita do Secretario de Estado de Infraestructuras a LUGO e das súas declaracións de que a alternativa sobre o parque de Marcos Cela ERA PARA O MINISTERIO DE FOMENTO A MILLOR parece claro que salvar o parque de Marcos Cela vai depender non dos argumentos técnicos que se podan aportar a favor dunha ou doutra senón da forza social con que se poda contar para salvar o parque.

Neste sentido, é sumamente importante que chegue a haber unha importante participación na MESA REDONDA do próximo Martes.

Unha boa participación nesta Mesa Redonda é o millor argumento en defensa do Parque de Marcos Cela.

06 mayo, 2007

Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

Fías e fiandóns ou fiandongos

-XV-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

¿Quen se atrevía a casarse cunha muller que non soubese fiar, e de aí para adiante, ou para arriba? Xa o dicía o refrán: “¡A que non sabe fiar non é de fiar!”. Pero unha cousa era a la, materia que dominaban as nenas, xa antes de pisar unha escola, e outra ben diferente traballa-lo liño. Requiría botarlle peito: ¡cuspirlle, mollalo, abrandalo, retorcelo, domealo! É unha fibra dura, rebelde; pode dicirse que, imperecedoira, xa que se teñen atopado tecidos, restos, de liño, no Algarve, en Almería, etc., de máis de dous mil anos, así que, por moito que se gramase, a doma final non era para nenas nin para vellas.

Para buscarlle a antigüidade ao liño, e por tanto á fía, -que por certo, retorcíase simplemente á man, antes de inventarse o fuso, o fuso cónico, que aínda o podemos atopar nalgunha feira-, hai que darse unha volta pola Biblia. Eu teño á man neste intre a de SEPT, edición de 1.989, na que atopei o seguinte, ¡e máis que haberá, de seguir buscando! Éxodo 9 -31,32: “O liño e a cebada arruináronse, porque esta tiña xa espigas e aquel estaba na flor. Pero non se perderon o trigo e o centeo, por seren máis serodios”. (Páx. 68)

Non había ruadas sen fías, nin fías que de por si non constituísen unha ruada. O traballo de fiar, a título individual, resultaba monocorde, canso, e logo que precisa/precisaba atención/dedicación plena, sendo incompatible con calquera ocupación que non fose meramente contemplativa. O traballo da la permitía, e pedía, darlle á “sen óso”, pero non así o liño, que esixía a presenza da xerra, fose de auga ou de viño. ¡Nunha palabra, que o liño, a diferenza da la, era un traballo, un quefacer de mozas, sempre, ou case sempre, en plural; séxase, en ruada!

Nesta bisbarra de Castroverde, incluído o seu circundo (Baleira, Corgo, Pol...), non teño coñecemento de que chegase a usarse a roda de fiar, fose á man ou a pedal, así que, se a utilizaron, moi xeneralizada non debeu estar. Tanto a roca coma o fuso eran artes de torneiro, preferiblemente en buxo, pois a roca precisaba duns rodetes para suxeitar, para atar, as fibras; e o fuso, outros, na súa base cónica, para facilitar o xiro da torsión.

O ritual era o seguinte: As mozas chegaban á casa da fiadeira despois da parva; quere dicirse, que deixaban as súas casas arranxadas: limpeza, gando e persoas. O liño xa llelo tiñan a punto, ¡tantas fases polas que pasaba, empezando pola semente da liñaza, pero iso daría para escribir un libro!, así que só precisaban levar a roca e mailo fuso; ¡ah, e tamén un mantelo, pois o liño solta fiaños e po, a esgalla! O lume sempre estaba aceso; e por tanto, a calefacción asegurada. Non ocorría outro tanto coa luz, maiormente en cociñas escuras, que case todas o eran; para iso, de ser moitas as fiadoras, colgábanse lucernas onde tal se puidese, e fixese falta; de non haber carburo, candís de petróleo, que o aceite das lámpadas precisábase para a tixola, amén das da igrexa, onde cada casa das podentes tiña a súa ofrenda, a súa “lampadiña” ao Santísimo, ¡polos defuntos da Casa!

Á media mañá, detíñanse os fusos, paraban de danzar, que a esa hora cumpría “remollar a palabra”, que era tanto como dicir, darlle ao corpo unha remoída de queixo e pan, “quentada” cun bo copazo de “país”, augardente esgrevia. O queixo da “facenda”, leite de ovella e/ou de cabra, mesturado co das vacas, daba unha masa exquisita, e a medio curar sabía tan ben ou mellor cás noces. A partir dese momento, o ambiente caldeábase, e o fuso vibraba, ¡tanto, que mesmo cantaba! Polo súa parte, a ama da casa, bulindo por entre aquelas artistas, ía preparando as potas: O caldiño de verzas, con fabas por suposto, e cun bo torresmo, que de non levalo había que acudir ao unto, unto vello, que era o que mellor untaba ás mozas naquel consumo enerxético, febril e fabril. De paralelo, a pota dos cachelos; touciño, chourizos, e un curto, ou largo, etcétera, que iso xa dependía da estación e/ou da largueza e da potencialidade da casa. No tempo das fías aínda quedaban castañas, fose na uceira ou no caínzo, así que, o postre, a sobremesa, estaba asegurada: bullós con leite, ou simplemente asadas; ¡todo recente, quentiño!

Para xantar, unha nova recollida, que había que apartarse para baixar a mesa de levante, e achegar os tallos. Daquela entraban, viñan, os homes, fose de atende-lo gando ou doutros quefaceres específicos, na corte ou na palleira. A conversa remontábase, e o ambiente caldeábase. ¡Que distinto todo iso dos individualismos, fabrís e feroces, daquela incipientes, das cidades! Unha roga, unha fía, unha sega, unha malla..., sempre foron un batido de conversas e de xolda, de esforzos e divertimentos, en auténtica camaradería, en calorosa veciñanza!

Neste país non se volvía ás merendas ata despois da Pascua, así que, na invernía, no tempo das fías, ¡merenda-cea! Tampouco era cousa de retrasala xa que, caída a noite, e diminuída a luz, chegarían as visitas, paulatinamente, fosen do lugar ou alleas, particularmente os mozos, os ruantes, ¡previamente concertados! ¿Ou logo, cómo ía formarse unha fía sen ruada, ou unha ruada sen mozos? Adoitaba cocerse no mesmo día, de toda intención, para así presentar aquelas empanadas, tamañas da roda dun carro. De mexunxe: unhas febras, adobadas con roxóns; e de conservarse mazás, pois iso, ¡pero mellor, espariegas!, ou peras, das pardas, que de ben fritidas con cebola, fan unha empanada de..., ¡ía dicir, de Cardeal, pero como todo por aquí só tivemos ao Cardeal Gil, aquel de Montecubeiro, direi de, Crego, que tamén é unha categoría!

Os “pecados”, a “ruada” propiamente dita, que tantas filípicas leva recibidas dos eclesiásticos, empezaban con novas e con anécdotas, pasando ás cantigas e aos contos, que, se non había “roupa tendida”, sempre acababan en punto “verde”. Para pasar ao baile, se había gaita, ou requinto, caixa, ou pandeiro, ¡o que fose, con tal de sacarlle ritmo!, era preciso dar por rematada a tarefa da fía, pasar do fuso á parafusa, recoller os novelos nunha cesta, daquelas de talas. De chegados a este punto, nin que dicir ten que as mozas atagallaban a última rocada, non faltando algún mozo que lles quitase a roca para extraer as últimas febras, e coa mesma..., ¡ao lume! ¡O liño restante, que non a roca, por suposto! Os mozos, entón, buscaban o xeito de desatarlles o mantelo..., pero se algún se pasaba nesa manipulación, nada impedía que fose correspondido cunha boa xostrada de roca, ¡rocas de buxo, peores que látegos!, nas súas costelas, cousa, broma, sempre aplaudida.

En canto ás cantigas e demais coplas, de lugar en lugar cambiaba a letra, pero non a música, as tonadas ou sons, que a ían adaptando dunhas cantigas para outras. E dos “pecados”, ¿que? ¡Só fai falta acudir aos arquivos da Igrexa para atopar unha gran variedade de amoestacións, fosen do prelado ou do prior. Para mostra, a seguinte filípica, ¡unha de tantas! No ano 1.782 o cardeal Andrés Sobrino Taboada advertiu e ameazou aos veciños de Saiar (Caldas de Reis, Pontevedra), esixíndolle ao seu cura que, exhorte a sus feligreses con la mayor persuasiva y mayormente a los padres de familia o cabezas de casa, para que eviten por todos los medios las congregaciones y juntas de jóvenes de ambos sexos, que son muy comunes en esa parroquia con motivo de hiladas de lino y lana y frecuentes las malas funestas consecuencias, secuela de semejantes juntas y que se mantienen no sólo de día sino hasta la mayor parte de toda la noche, en la que facilitan su decanso las personas mayores, pero lo resisten los jóvenes de ambos sexos, mezclados con la libertad que quieren, en danzas y juegos y en una palabra en lo que se les antoja, como que no tienen freno... Que el cura rector se ponga de acuerdo con el señor juez secular de ese coto, cobren y exijan tres ducados de multa al dueño de la casa en que se haga la hilada, y un ducado a cada persona que la presencie...

Cantigas ou ditos

¡Quen queira sabe-las cousas

vaia á forxa do ferreiro,

de a volta polo forno,

e veña polo fiadeiro!

Cando saen do fiadeiro

os mociños desta terra

botan moitos aturuxos

como é costume galega.

¿Que? Saía caro vestirse, en tódolos aspectos, ademais das multas e da penitencia...; ¿pero era divertido, non si? Se cadra por iso, polo de caro e incómodo, abandonamos a riqueza do noso liño pasándonos ás fibras sintéticas chinas, que así pecan outros, ¡pero quedámonos sen o divertimento daquelas ruadas, tan abondosas que foron neste país ata mediados do século XX! ¡Onte! ¿Non me digan que seus avós non lles teñen falado delas...? ¡En todo caso, aquí nos queda esta lembranza! ¿Verdade que os nosos vellos eran máis traballadores do que pensabamos, e máis divertidos do que testemuñan as súas engurras? ¡O que tal non crea, que mo demostre, mesmo neste blog!

03 mayo, 2007

Cando as barbas do teu veciño vexas ......

Desfeita do Patrimonio Paisaxístico de Castroverde, no castro da torre do noso concello

Non fai falta sair do noso concello, ao pé mesmo da torre de Castroverde, no castro que á acolle, produciuse unha gran desefeita ambiental con a tála de carballos e algún castiñeiro centenarios. Á esquerda da nova estrada de Bolaño á estrada comarcal 530, taláronse 2 has aproximadamente de monte arbolado que supón unha grave perda ambiental no centro senlleiro mesmo do noso concello. A Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde denunciou esta situación diante das autoridades ambientais, agrarias e munipais, das que esperan medidas a adoptar axiña.
A boa fe, que as seguintes fotografías dan testemuño desta mala fada.